Ir al contenido principal

San Telmo: unha reflexión e unha noticia sobre o seu compañeiro Frei Miguel González

Celebramos onte, 14 de abril, o aniversario da morte de Frei Pedro Gonçalves, San Telmo, na nosa cidade posiblemente no ano 1246. O vindeiro luns celebraremos a súa festividade litúrxica, no luns da infraoitava de Pascua. Resulta certamente sorprendente como tras case oito séculos os tudenses seguen conservando acesa a devoción a súa figura, marcando unha continuidade que nos corresponde manter e transmitir.



San Telmo, da antiga capela do Corpo Santo de Aveiro

A figura daquel frade dominico pode ser abordada dende varias perspectivas, máis aló do meramente devocional, pois acoller a súa figura exclusivamente dende este punto de vista resulta empobrecedor. Xa neste blog nos temos ocupado do contexto histórico e espiritual no que vive Frei Pedro González (http://tudensia.blogspot.com/2018/05/unha-contextualizacion-historica-de-san_14.html) e como a súa presenza en Tui enlaza á nosa cidade coas dinámicas daquel século XIII no que vive. San Telmo participa nunha situación social novidosa co desenvolvemento das cidades e do comercio, que impulsan os burgueses convertidos na clase social innovadora. Unha situación que reclama da Igrexa unha resposta, que non son capaces de ofrecer os mosteiros beneditinos (nas súas diferentes modalidades) sobre os que pivotara, en boa medida, a vida eclesial ata aquela.

Xorden pois na Igrexa novas experiencias e expresións de vivencia da fe que conectan e responden ás expectativas daquela nova sociedade que agroma, por toda Europa, na plena Idade Media. E xunto a numerosos intentos de reforma que derivan en movementos cualificados como heréticos, agroman dúas personaxes como son Francisco de Asís e Domingo de Guzmán, fundadores respectivamente de franciscanos e dominicos, que coas súas ordes mendicantes e urbanas conectan coas novas realidades do seu tempo. San Telmo é un dominico desta primeira xeración.

Detalle do retablo central da Capela de San Telmo - Tui

A abordaxe da figura de San Telmo pode ser dende numerosas perspectivas:
-        A súa ampla formación na recen creada Universidade de Palencia, avala a súa preparación para o diálogo entre cultura e fe.
-        A súa visión da vida e dos acontecementos, como unha expresión da vontade de Deus; así interpreta a vergonzosa caída do cabalo, cando se estreaba como Deán de Palencia, como unha chamada de Deus.
-        A súa vocación como frade dominico e a súa conseguinte experiencia da radicalidade evanxélica, de vida mendicante fiado en exclusiva da Providencia divina, ofrece un modo de vida alternativo á sociedade do século XIII preocupada especialmente polo seu desenvolvemento económico.

Imposición do hábito dominico a San Telmo - Francisco de Zurbarán

-        Un home preocupado polas necesidades da xente e que non dubida en implicarse con elas, e que a tradición o expresa cando nolo presenta como impulsor na construción dunha ponte en Castrelo na comarca do Ribeiro.
-        Preocupado especialmente pola vivencia da fe das xentes, pois a súa dedicación será a predicación itinerante e os sacramentos (especialmente penitencia e eucaristía).
-        Integrado na vida da xente, pois vive nas casas populares onde é acollido, dada súa condición de apóstolo itinerante que percorre vilas e cidades realizando o anuncio do Evanxeo, pois cabe lembrar que o único convento dominico en Galicia estaba daquela en Santiago de Compostela.

Un frade que encaixa naquela fermosa expresión do Papa Francisco e que repite con asiduidade, a necesidade da Igrexa de ter pastores “con olor a ovella”, próximos á xente, que vive mesturado co pobo ofrecendo un modo de vida distinto.


Estas mensaxes da vida de Frei Pedro González, San Telmo, seguen sendo de actualidade e mais nun momento en que a pandemia do Covid19 ten alterado a nosa existencia e nos abre interrogantes sobre a precariedade da mesma; unha dimensión da que prescindimos pero que un simple virus nola lembra con estrépito.

Achegarse á figura de San Telmo, sen prescindir dos aspectos de devoción e culto nos que se ten incidido especialmente ata agora, reflexionar sobre ás mensaxes que transmite a súa propia biografía, outórgalle á súa figura unha actualidade ou unha perennidade de grande interese. A celebración no vindeiro ano do 775 aniversario da súa morte na cidade de Tui é unha oportunidade para afondar na figura poliédrica de San Telmo e a súa actualidade.

San Telmo, portada da súa cripta en Tui, 
representado como apóstolo e evanxelizador

Sirva esta ampla introdución para achegarmos nest post de Tudensia a un episodio escasamente coñecido da vida de San Telmo por moitos tudenses e devotos e que nos ofrece unha mostra da súa misión como frade mendicante polas terras da antiga Gallaecia.

A biografía de San Telmo, tomando como referencia o estudio do P. Galmés, nos informa que a presenza de San Telmo en terras galaicas corresponde á súa derradeira etapa como frade dominico. Como xa comentamos os dominicos eran auténticos predicadores profesionais, que vivían de xeito itinerante, residindo alí onde fosen acollidos. Caracterizábanse pola súa austeridade de vida, sustentándose das esmolas que recibían, para amosar unha vida segundo o modelo evanxélico de Cristo. E realizaban esta misión sempre de dous en dous cumprindo a “regula socii” tan característica da vida regular.

Velaí como desenvolvería Frei Pedro González, logo denominado San Telmo, a súa misión pastoral polas terras de Galicia e o Norte de Portugal nos últimos anos da súa vida.

Nos percorridos evanxelizadores de Frei Pedro González estivo acompañado, segundo a tradición, por outros dos frades dominicos: Frei Pedro das Mariñas, soterrado no convento de San Domingos de Ribadavia, que contan fundou xunto con San Telmo. Orixinario tamén das terras de Betanzos é outro dos frades que o acompañan: Frei Miguel González. A misión destes frades é fortalecer a vida cristián entre as xentes de Galicia, pois entón, como agora, cómpre unha nova evanxelización, redescubrir o profundo significado da nosa fe.
Narran as crónicas que “pasando los tres compañeros (San Telmo, Fr. Miguel e Fr. Pedro) por las tierras de Taboada y llegando al lugar de Zepo, a dos leguas distante de la feligresía de Santa Cruz de Viana, acosado del sol, entró en la tierra el báculo, que era de peral, y puso en él la capa para descansar un rato, y luego al punto que ejecutó lo referido, se vio el báculo coronado de flores y de hojas hecho un fresco y ameno peral; y de esta suerte se conservó hasta 1670 y con el nombre que de su principio hasta hoy permanece, palo de romero (…) De aquí vinieron a la costa de Matanza (…), media legua distante de Santa Cruz de Viana y en ella profetizó su muerte el V. Padre con estas palabras: “Hermanos míos, sabed que ha llegado la hora de mi muerte y así os ruego que deis sepultura a mi cuerpo en la primera iglesia cuya campana se tocará de suyo”. Luego que dijo el siervo de Dios las palabras referidas prosiguieron el camino y llegando a una fuente, a dos tiros de mosquete de la iglesia de Santa Cruz, bebieron de sus aguas todos tres compañeros y desde entonces se llama Fuente del Santo. En este sitio entregó el siervo de Dios el alma a su Criador (…) Y estando los dos Padres tan cerca de la iglesia de Santa Cruz de Viana, cuya campana ya se tocaba por sí, luego que llegó a su noticia este prodigio que verificaba la profecía de su compañero, fueron allá y oyendo decir que hacía tres días que se tocaba por sí la campana, cuyo sonido oían sin que impulso humano la moviese, vieron también que en la campana estaba una paloma, cuyo retrato permanece hoy en el frontispicio del altar mayor; conocieron que por disposición de Dios en aquella iglesia de Santa Cruz de Viana había de ser sepultado su santo compañero”.

Igrexa de Santa Cruz de Viana (Chantada), en primeiro plano Capela do Corpo Santo (Fr. Miguel González)

Dende que San Telmo e Frei Pedro soterraron naquela igrexa das terras de Chantada ao seu compañeiro de evanxelización Frei Miguel González, comezaron naquel templo a obrarse numerosas milagres pola súa intercesión. Nun informe realizado, en torno a 1720, polo párroco de Santa Uxía de Asma e o seu anexo Santa Cruz de Viana (a petición de Frei José Rivera, do convento dominico de Tui, nomeado polo bispo e Cabido tudense para que realizase un informe sobre o culto a San Telmo, a requirimento da Santa Sede) sinalaba que na capela dedicada a Frei Miguel González había depositadas numerosas “muletas que los cojos y tullidos dejaron en la capilla del Venerable Padre y las bolsitas de tierra que sacaron de su sepulcro sin conocerse la falta. La cuales bolsitas, volviendo los enfermos a dar gracias al Siervo de Dios por la salud recuperada por su intercesión, dejan colgadas en la misma capilla”.

Pero a relación con San Telmo non rematou naquel día do pasamento de Frei Miguel González; curiosidades da historia ou da devoción popular nos levan a comprobar que aos dous frades dominicos o pobo os coñece como “O Corpo Santo”, polas propiedades taumatúrxicas do seus enterramentos. Esta fama de santidade, acreditada por numerosas milagres ao longo dos séculos, levou a que ambos frades dominicos foran canonizados pola devoción do pobo, sen agardar ao proceso eclesiástico establecido. E finalmente a festa de Frei Miguel González e a festa do noso San Telmo celébranse anualmente no luns da infraoitava de Pascua. Paralelismos na súa vida, paralelismos no seu culto… compañeiros de anuncio do Evanxeo pola terras de Galicia, compañeiros na devoción popular.

Para todos os tudenses e os diocesanos de Tui-Vigo que temos como patrono e protector a Frei Pedro González, a quen invocamos neste tempo de pandemia, feliz día de San Telmo!

Comentarios

  1. Observación sobre el primer párrafo: No creo que se pueda transmitir continuidad alguna. Otra cosa es transmitir el deseo de que algo tenga continuidad. La continuidad, en este caso, es el cumplimiento del deseo, y como acción futura y de incierto futuro, no se puede transmitir en cuanto que no se puede poseer, ni garantizar.

    ResponderEliminar

Publicar un comentario

Entradas populares de este blog

Un poema en galego de D. Basilio do ano 1957

A figura de D. Basilio, cóengo maxistral na catedral tudense e profesor durante varias décadas no Instituto San Paio, continua a ser lembrada por moitos tudenses pola súa erudición, especialmente no que atinxía á historia da nosa cidade como pola súa singular personalidade. Neste blog conmemoramos hai algúns anos o centenario do seu nacemento, o 14 de abril de 1911, ( https://tudensia.blogspot.com/2011/04/hoxe-centenario-do-nacemento-de-don.html ) reproducindo un breve artigo publicado no libro das festas de San Telmo dese mesmo ano  2011. Sinalabamos daquela que era unha persoa sumamente austera, todos o lembramos coa “teja” cubrindo a súa cabeza, a súa faciana morena, sempre vestindo unha raída sotana, fumando os “bisonte” sen boquilla que ofrecía a cantos a él se achegaban, a súa conversa sempre mesturada con referencias teolóxicas. Case todas as tardes, primeiro pedaleando na súa bicicleta, e anos máis tarde sobre a súa vella mobilette (algún día tivo de ser nova pero a miña le

A fábrica de galletas "La Peninsular"

Temos sinalado neste blog en diversas oportunidades o descoñecemento que posuimos da historia contemporánea de Tui fronte a outros períodos históricos moito mais investigados que a nosa historia mais recente. Aspectos como a vida política tudense na primeira metade do século XX seguen esperando un achegamento como tamén os procesos e dinámicas socias desenvolvidos no noso territorio. Hoxe ofrecemos en Tudensia un post sobre a fábrica de galletas “La Penínsular” que abrangue case medio século da vida económica tudense. Achegamos a información ofrecida polo profesor de historia económica da Universidade de Santiago de Compostela, Angel Ignacio Fernández González, no seu blog “Galicia Agraria” nun documentado post sobre a industria de galletas en Galicia nos principios do século XX. Aportamos a rica e moi completa información que achega profesor Fernández algunha pequena referencia da nosa autoria colocadas como notas. http://galiciaagraria.blogspot.com.es/2012/03/gall

Unha visión de Tui e as fortalezas da fronteira en 1764 por José Cornide

Un dos aspectos normalmente esquecidos na conformación da nosa cidade é a súa condición de praza forte, de emprazamento militar, de cabeceira dun sistema fortificado organizado ao longo do río Miño. Carecemos de noticias documentais ou arqueolóxicas sobre a posible existencia dun muro defensivo no outeiro tudense antes de 1170, cando Fernando II ordena a súa construción ao abeiro da reconfiguración urbanística da cidade que promove este monarca. De seguro que algún tipo de defensas tivo a vella Tude en época sueva e visigoda e especialmente nos primeiros tempos medievais pero o estado actual do noso coñecemento non nos permite superar o ámbito das hipóteses. Neste blog nos temos ocupado no seu día sobre o sistema amurallado tudense en tres post aos que remitimos a quen desexe achegarse a este aspecto do noso patrimonio e historia [1] Reproducimos hoxe un texto do erudito coruñés José Cornide que forma parte do seu libro: Descripción circunstanciada de la costa de Galicia, y raya