miércoles, 3 de octubre de 2012

A documentación histórica da cidade retorna ao Arquivo Municipal logo de 69 anos


Vista parcial da documentación histórica do Concello de Tui
no depósito provisorio para o seu tratamento técnico

O Concello de Tui aparece como un órgano de goberno da cidade dende que Fernando II de concedeulle á cidade o seu “Foro”. Esta institución tivo sempre unha dependencia directa do bispo e señor da cidade, que controlaba o seu funcionamento e os nomeamentos, orixinando diversos conflictos ao longo da Idade Media. Será o bispo Diego de Muros quen, en 1484, promova unha nova ordenanza que regulan o funcionamento do Concello tudense onde a preeminencia episcopal continúa sendo absoluta. Na mesma liña están as Constitucións sinodais do bispo Diego de Avellaneda de 1528.
O goberno municipal tudense estaba encabezado por un alcalde maior, un xuíz anual e catro xurados de nomeamento episcopal xunto a un procurador elixido polos veciños e confirmado polo bispo. Andando o tempo se incorpora a figura do rexedor, imposta pola monarquía, cargo público que, cando as dificultades económicas do reino no século XVII, será enaxenado. Na Idade Moderna existe tamén unha patrimonialización destes cargos por parte de familias fidalgas ou da nobreza. Nesta época o Concello tudense asume a representación da provincia de Tui nas Xuntas do Reino de Galicia ata que a nova configuración administrativa do Estado que xorde no século XIX remata con esta realidade de tradiciñon medieval.
O funcionamento do Concello é a orixe da documentación histórica que  agora retorna á nosa cidade: documentos administrativos, acordos e actas capitulares na que reflíctese a relación co bispo e señor da cidade, a actividade municipal nos diversos ámbitos da súa competencia. Esta documentación conservouse no arquivo municipal, na propia Casa do Concello de Tui, ata que en 1943 por mor das dificultades polas que atravesaba a vida municipal e paralelamente pola política cultural das novas autoridades españolas que impulsan un centralismo que terá a súa transposición no ámbito provincial, con medidas como o traslado á capital da provincia da documentación histórica dos diversos arquivos municipais, entre eles o tudense.Así o 25 de febreiro de 1943 o director do Arquivo Histórico Provincial de Pontevedra, Enrique Fernández Villamil, asina o correspondente recibí del Ayuntamiento de Tuy la documentación antigua de su archivo, para ser depositada en este archivo.
A recuperación da vida democrática nos Concellos a partir da Constitución de 1978 levou aparelladas novas dinámicas na vida local. Neste aspecto, a cultura agroma como un dos principais eixes da vida municipal, tamén na cidade fronteiriza. Nesta liña a Xunta de Goberno Local, a proposta do alcalde Antonio F. Fernández Rocha,  na súa sesión  de 13 de abril de 2005 acorda “solicitar a transferencia ó Arquivo Histórico Provincial de Pontevedra da documentación municipal tudense pertencente ó Arquivo Municipal de Tui”. Comezou así un proceso legal no que o Concello tudense houbo de acreditar os medios materiais, técnicos e humanos que garantan a custodia e tratamento deste patrimonio documental. E logo dos preceptivos informes técnicos da Consellería de Cultura da Xunta de Galicia enviados ao Ministerio de Cultura, como organismo titular do Arquivo Histórico Provincial –cuxa xestión compete á Comunidade Autónoma-, resolveuse definitivamente, con data de 21 de decembro de 2011, a devolución deste legado documental á cidade de Tui e que agora dende o pasado luns 1 de outubro está xa definitivamente no seu lugar, no arquivo municipal da nosa cidade.
Esta documentación consta de 145 libros, de entre os anos 1597 e 1834, en soporte papel e encadernados en pergameo. Deles, 115 corresponden aos acordos e catas ordes de 1597 – 1775; 5 libros co documentación varia de 1705-1771; 16 libros de copias das actas da Xunta do Reino de Galicia entre os anos 1608 e 1834 e 3 libros Reais do Catastro do Marqués da Ensenada da cidade de Tui e da freguesía de San Xurxo de Saiáns.
Esta documentación será custodiada no arquivo municipal tudense e conforma un conxunto documental de grande interese pois posibilitará que os investigadores poidan achegarse ao coñecemento da historia da nosa cidade ao longo dos século XVI ao XVIII, un período ata agora escasamente coñecido. Con esta recuperación vemos enriquecido o patrimonio tudense que está integrado no só polos nosos monumentos, mobles e inmobles, senón tamén pola documentación que testemuña a nosa historia e a nosa vida colectiva.
Coa documentación eclesiástica conservada no Arquivo da Catedral e con este arquivo histórico municipal, Tui aumenta o seu caracter de referencia para o coñecemento da historia de Galicia e enriquece o seu patrimonio cultural.

Publicado parcialmente en "La Voz de Galicia" (edición Vigo)  do 18 de abril de 2012,