viernes, 15 de agosto de 2014

O humanista tudense Álvaro de Cadaval

Escultura de A. de Cadaval na fachada da Facultade de Xeografía
e Historia da Universidade de Santiago de Compostela

O tudense Álvaro de Cadal segue sendo un gran descoñecido na súa cidade natal, aínda cando para autores como Ramón Otero Pedrayo constitúe o mais egrexio representante do Renacemento en Galicia.
Álvaro de Cadaval, nace en Tui, e así o afirma nalgunha oportunidade, cara o ano 1505. Na nosa cidade vivían os seus pais Juan de Cadaval Valladares, escudeiro e señor da Casa de Arcos, e María Alvarez Barbosa, señora da Casa de Matamá que residían na rúa da Zapatería (un tramo da actual Rúa Lourenzo Cuenca ou de Abaixo). Era o menor de cinco irmáns: Francisca, que casou con D. Antonio Pereira de Caldas e Castro, cortesán portugués que tiña a súa casa nobre en Arcos – Randufe (un dos fillos deste matrimonio será outro destacado escritor Francisco de Caldas Pereira e Castro), Isabel que foi monxa, Eitor ou Hector, que finou moi novo e Pedro que cos seus tres matrimonios logrou acadar a casa de Cadaval de Nigrán e o morgado de Matamá.

Está en discusión a condición fidalga deste Cadaval, pois de feito Álvaro de Cadaval solicitará posteriormente a Filipe II o recoñecemento deste privilexio. Con todo a posición familiar non sería modesta, pois os seus pais serán soterrados na capela de San Andrés na Catedral tudense. Isto explicaría que, sen ser eclesiástico, realizase estudios universitarios e acadase un excepcional coñecemento e dominio da lingua latina.

Cadaval Gravio Calydonio Tydense” é o nome co que asina as súas obras e no que fai referencia a súa terra natal: Gravio, polos grovios que tiñan a Tui por capital, Calydonio, pois Calydon era o reino de Tydeo fundador de Tui, e Tydense pola súa cidade.

Cadaval e a Universidade de Santiago de Compostela

Poucos investigadores teñen estudado a figura de Álvaro de Cadaval: foi, como case sempre, Florez o primeiro de apuntar o seu nome, continuado polo historiador tudense Francisco Avila y Lacueva. Na actualidade salientan os traballos de Julio Francisco Ogando Vázquez, Manuel C. Díaz y Díaz (un dos mellores traballos deste autor sobre Cadaval pódese consultar en  http://estudiosgallegos.revistas.csic.es/index.php/estudiosgallegos/article/viewFile/239/240), José García Oro ou máis recentemente X. M. Velez.  Desta escaseza derivan numerosas dúbidas na súa biografía.
Estudou, de seguro, en Salamanca, e acadou a condición Bachaler para exercer a docencia en Gramática. Parece confirmado que pasou pola cátedra capitular de Gramática en Ourense. O certo é que foi docente en Santiago de Compostela, un dos primeiros mestres de Gramática no novo Colexio de Santiago Alfeo, Xa no 1542 asina o seu primeiro contrato para “ler por todo un año entero tres liçiones (…) la una de Arte y las dos de Poesía o de Oratoria”, continuando ata antes de 1565 con diversos avatares, contratos e oposicións como “maestro de medianos”. Cómpre lembrar que estes postos non eran vitalicios, senón que a continuidade dependía da súa eficacia e da opinión dos persoeiros que rexían a Universidade. Tras unha estadía en Portugal retorna a Santiago en 1569; unha das súas últimas actuacións foi no outono de 1571, cando recibiu da Universidade o encargo de pronunciar a oración da festa de San Lucas. Un acto que foi a despedida da súa relación intensa, e ás veces, dificultosa coa Universidade galega.

A súa inscrición no claustro de Fonseca


No claustro do Colexio de Fonseca, sede histórica da Universidade de Compostela, existe unha longa inscrición conmemorativa da creación deste centro universitario polo arcebispo Compostela Alonso de Fonseca, labor que foi rematada polo arcediano Lope Sánchez de Ulloa. Unha inscrición que curiosamente aparece asinada polo seu autor: “Cadaval hec”. No texto deste gravado figura a frase que foi o lema do quinto centenario da universidade de Santiago: “Gallaecia fulget”, Galicia brila. Durante moitos anos esta era a única obra coñecida de Cadaval, na que deixaba patente o seu dominio das lingua e os seus recursos.

Carolo Caesare cum matre regnantibus Alfonsus Fonseca illustris antea Compostelanus demum vero Toletanus archipraesul ad decorem patriae et ut studiosi absque sumptu discere possent gimnasium hoc in avi materni aedibus extruere curavit. Morte vero praeventus Lupo Santio de Ulloa archidiacono rectori perficiendum ex b. testamento reliquit. Qui obiit pridie Nonas Februarii anno Domini millesimo quigentesimo trigesimo quarto, aetatis quidem suae sexagesimo.
Nunc magis atque magis Gallaecia fulget alumno
qui dedit hunc patriae tantum generosus honorem.
Sanctius ipse Lupus propia de stirpe creatus
ut Musis gratum faceret tenebrasque fugaret
omnibus hoc breviter complevit amabile munus
quo populus merito, proceres et concio tota
innumeras tanto grates pro lumine reddunt. [1544]
Cadaval hec

No reinado do Cesar Carlos (Carlos I) e a súa nai (Xoana a Louca) o ilustre Afonso Fonseca, antes arcebispo Compostela e finalmente toledán, para adorno da patria e para que os estudiosos pudieran aprender de balde coidou de construír este colexio no solar do seu abo materno. Pero impedido pola súa morte, deixou en testamento a Lope Sánchez de Ulloa, rector arcediano o encargo de acabalo. Finou o 26 de febreiro de 1534, con sesenta anos.
Agora máis e mais Galicia brila co seu alumno
Que deulle esta xenerosa honra a súa patria
Este Lope Sánchez da súa estirpe
Para facer un don grato ás Musas e por en fuxida ás tebras
Para todos cumpriu en breve tempo o amable encargo
Con que o pobo polo méritos, os próceres e toda a
Corporación dan innumeras grazas por tan grande luz. 1544
Esto é de Cadaval.

Cadaval e Portugal

Álvaro de Cadaval tivo unha intensa relación con Portugal. Foron moitas as súas estadías en terras lusitanas. Entre os anos 1565-1566 vive baixo o amparo do Cardeal Infante D. Henrique, e tenta ser aio e mestre do infante D Antonio, fillo do rei de Portugal. Neste tempo foi acusado de herexía pola Inquisición lisboeta pasando un breve tempo no cárcere. Consegue publicar os seus poemas e composicións co editor lisboeta Francisco Correa, tipógrafo do Cardeal. Continúa en Portugal e en 1568, con outro editor da capital lusa, Antonio González, saca do prelo novas obras. Neste ano vive con quen será un dos seus protectores, o bispo de Porto Don Rodrigo Pinheiro, á que xa coñecía de antes. Agora por mor dun grave accidente co seu cabalo, o bispo recíbeo na su finca de Santa Cruz, e Cadaval corresponde a súa xenerosidade dedicándolle a súa composición mitolóxica “Pythiographia”. Exerceu tamén a docencia, probablemente como preceptor en Ourense, Braga e Viana do Castelo.

Os seus últimos días

Logo da súa xubilación na Universidade de Compostela, caeu enfermo, cunha especie de demencia senil que o seu sobriño Caldas Pereira denomina “phrenessi”, ata a súa morte no barrio de Mazarelos de Compostela o 10 de marzo de 1575, deixando sinalado no seu testamento a súa intención de ser soterrado na Catedral de Tui, desexo que non lle foi cumprido por quen o asistiu nos últimos anos da súa vida e a quen nomeou o seu herdeiro, o cóengo compostelán Diego Suárez de Tangil. Morreu moi humildemente, como acredita o inventario dos bens deixados á súa morte: Catorze cucharas de palo y una escobilla vieja. Un pedaço de una red de pescar. Iten una espada. Unos çapatos de nino, xunto a máis de oitenta libros, entre os que había textos de Ovidio, Platón, Tito Livio, Homero e outros en latín e grego. Aínda que non casou tivo varios fillos con Lucía Pose de Castroverde; un deles, ao que recoñeceu, Juan de Cadaval e Soutomaior, foi capitán real en San Xoán de Caaveiro.

A súa obra
Pese a que a súa produción literaria, basicamente poética, é mais ampla fóronlle publicadas nove obras todas en Lisboa. As súas obras pois acadan unha importante, aínda que limitada, difusión sobre todo en territorio portugués. Álvaro de Cadaval cultivou a prosa e o verso en castelán e latín, demostrando ser un experto coñecedor desta ultima lingua.
As súas obras principais son:
  • De magno atque universalle cathaclismo, ou Ichthyotyrannis (1563-1565), poema en hexámetros sobre o Diluvio Universal, que mistura o relato do Xénesis coas Metamorphoseon de Ovidio (episodio de Deucalión).
  • Pythiographia, epyllion alongado sobre a metamorfose de Pitis en piñeiro, imitandola de Dafne nas Metamorphoseon de Ovidio.
  • Comentario al Arte de Elio Antonio de Nebrija.
  • Apotheosis (1565), miscelánea de prosa e verso
No ano1568 publicou en Lisboa un tomo en catro cadernos con diversos poemas dedicados a personalidades da súa época: “Triumphalis tumulus” na honra de Carlos V e dedicado a Filipe II; “Epitaphium” na honra de Dona María de Portugal, primeira esposa de Filipe II; unha “Carmen” na honra de Rodrigo Gómez de Silva; o “Ecomisaticom carmen” e “De platarno extempore carmen” dedicado ao arcebispo compostelán Gaspar de Zúñiga e Avellaneda; o “Monocolor encomiasticonque carmen”, para o poeta Pedro de Andrade, camareiro de Don Duarte; o “Distrophon carmen” ao poeta Diego del Arroyo Valcárcel e outras composicións dedicadas ao prior do Crato lisboeta.

Un dos seus proxectos de maior interese, para o que presentou un completo memorial ao Concello de Santiago e a Filipe II, foi a elaboración dun estudio titulado “Descripción e xeografía de Galicia”, inspirada no traballo do licenciado Molina. A súa intención era elaborar unha obra con información recollida de primeira man no decurso dunha viaxe que tiña proxectado emprender por toda a xeografía galega na compaña de ilustradores, especialistas en xilografía. O proxecto finalmente non foi aprobado.

A súa transcendencia

Álvaro de Cadaval estaba dotado dunha elevada capacidade intelectual, dun gran dominio da lingua latina, dunha elocuente oratoria… pero tamén por unha certa presunción, habitual entre tantos humanistas da súa época, asi nunha información por el promovida no ano 1569 pregunta ás testemuñas que aporta: “si saben y es verdad que el dicho maestro Álvaro de Cadaval es uno de los elegantes oradores y poetas latinos que hubo y hay en toda España, muy elocuente y resoluto en todas las historias y antiguallas que son menester para su facultad y profesión, y que escribe tan bien en prosa como en verso latino, lo cual se halla muy pocas veces y es cosa rara”.
Velaí algunha das características da personalidade e da produción literaria de Álvaro de Cadaval, que xunto á súa achega aos inicios da Universidade de Santiago de Compostela (lembrado nunha escultura situada na fronte da actual Facultade de Xeografía e Historia que foi antes sede central da universidade compostelá) salienta polas súas vinculacións coa cultura de Portugal, en correspondencia coa súa condición de tudense.


Estamos diante dunhas das personalidades de singular transcendencia no século XVI de Galicia que é merecente dun recoñecemento a súa fonda cultura humanista, e que inxire á nosa cidade e a Galicia nas correntes culturais do seu tempo.




domingo, 27 de abril de 2014

A primeira cita do “Fogo de San Telmo” no libro “Embajada a Tamorlán” de 1406?





O coñecido fenómeno do “Fogo de San Telmo” son iluminacións eléctricas ou brilos fosforescentes que nas tormentas aparecen nos mastros e aparellos dos barcos. No antigüidade clásica eran identificadas con Castor e Póllux e nos primeiros tempos cristián recibiron o nome de fogo de San Elmo, na honra de San Erasmo de Formia, santo patrono dos mariñeiros. Durante as persecucións do emperador Dioclesano (244-311), Erasmo sufriu unha serie de terribles torturas, ata que ao final, segundo recolle "La legenda aurea" de Jacobo de Voragine (c.1230 - 1298) "o seu estómago foi partido en dous e os seus intestinos foron enrolados nun cabrestante".

A asociación de San Erasmo aos mariñeiros pode deberse a que nunha ocasión continuou predicando aínda cando un raio caeu onda el. Por este motivo, ao rezar a San Erasmo, os mariñeiros podían buscar protección contra o perigo dos raios na mar.

Pero nos tempos dos grandes descubrimentos, os mariñeiros galegos e portugueses identificaron a San Elmo co dominico Fr. Pedro González Telmo (c. 1180 - 1246). Na iconografía figura representado protexendo aos pescadores e mariños, en hábito dominicano e portando un cirio na mano, en clara representación do fogo de San Elmo.

Estes fenómenos atmosféricos eran chamados polos antigos mariñeiros galeses como "canwyll yr ysbryd", “spirit-candles" ou como "canwyll yr ysbryd glân" (velas do espírito santo) ou velas de San David, e ás veces eran coñecidos co nome de "comasants", unha corrupción de "corpo sants".

A transformación do nome destes fenómenos lumínicos e a incorporación da denominación “Telmo” á figura de Frei Pedro González ou Gonçalves, o chamado “Corpo Santo” é un proceso escuro que documentamos no último século da Idade Media cando comezamos a comprobar a aparición da denominación de San Pedro González Telmo ou sinxelamente San Telmo para referirse ao frade dominico soterrado na Catedral de Tui dende 1246 e cuxa zona se estendía polas costas do Atlántico gracias á devoción que lle profesaban os mariñeiros do Atlántico peninsular.


Vista parcial do gravado ao augaforte realizado en 1770 por Manuel Rivera de Costoya (1709-1791)

Posiblemente a primeira cita literaria que atopamos do “Fogo de San Telmo” data dos primeiros anos do século XV no libro “Embajada a Tamorlán”. O 21 de maio de 1403 unha carraca comezaba no Porto de Santa María unha grande travesía. Encabezados polo madrileño Ruy González de Clavijo, formaban unha embaixada coa que o rei Henrique III de Castela quería presentar os seus respectos ao gran Khan Timur, alcumado Lenk (o coxo), señor dos mongoles e emperador de Samarcanda, coñecido en Occidente como Tamorlán. Respondía así o monarca castelán á visita anterior dun embaixador do Khan, chamado Mohamad Alcaxi, portador dunha carta na que se describía a vitoria dos mongoles sobre o sultán Bayaceto preto de Ankara o 28 de xullo de 1402, pois do que se trataba era de illar aos otomanos.

González de Clavijo cruzou todo o Mediterráneo até a Constantinopla bizantina, custeou a beira sur do Mar Negro até Trebisonda, sorteando os dominios do sultán turco, penetrou en Persia, entón baixo a éxida mongola, e atravesando o Indukush chegou á mítica capital do Imperio Timúrida, Samarcanda. 

O oito de setembro de 1404, case 16 meses despois da súa partida, entraban en Samarcanda para ser recibidos por Tamerlán na súa fastuosa corte. Fixeron entrega ao soberano dunha carta de Henrique III e dos numerosos agasallos de que eran portadores nunha cerimonia de carácter diplomático, onde se presentou tamén o embaixador da China. Durante os 75 días que permaneceron na capital asistiron a numerosas festas, unhas organizadas na súa honra, outras por motivos diferentes, e puideron comprobar a grandeza da corte timúrida, así como coñecer de primeira man algúns dos asuntos da política asiática do momento. 

O relato constitúe, nesta parte, unha rica fonte de datos sobre as relacións entre os estados asiáticos no século XV e sobre a política exterior de Tamorlán, a piques de establecer unha guerra co Imperio Chinés. Mentres os mongoles facían os preparativos para invadir China a comitiva castelá foi convidada a marcharse da cidade, quizá porque xa non eran do interese de Tamorlán, envorcado na nova empresa militar, ou porque poderían constituír un estorbo ante os preparativos da mesma. Sexa como for, o grupo de casteláns abandonou Samarcanda o 21 de novembro de 1404 emprendendo o camiño de retorno á Península Ibérica. Timur Lenk morrería antes que Gonzalez de Clavijo concluíse a súa viaxe, en concreto o 24 de marzo de 1406 chegan de novo ao reino de Castela, a Alcalá de Henares onde estaba o monarca. Á súa volta Clavijo serviu ao rei como chambelán e logo retirouse á súa cidade natal, onde morreu en 1412. Está soterrado na igrexa de San Francisco o Grande, en Madrid.

Aínda que a misión dos casteláns, desde o punto de vista diplomático, non foi un éxito, debido á premura con que tiveron que regresar, o feito de chegar a Samarcanda e volver a Castela, sans e salvos, formando parte dunha embaixada tan ambiciosa, é un éxito a destacar para un reino tan pequeno e tan distante como Castela. Fican en Samarcanda diversas testemuñas sobre a presenza desta embaixada ibérica.

A crónica desta viaxe, titulada “Embajada a Tamorlán”, escrita no ano 1406, é atribuída ao propio Ruy González de Clavijo e inaugura o xénero de relatos de viaxes na literatura castelá, sendo un libro comparable nese sentido ao escrito polo veneciano Marco Polo. No relato puido intervir (se non escribir o libro enteiro) o seu compañeiro de expedición o frade dominico, Alfonso Páez de Santamaría, Mestre en Teoloxía e coñecía o latín e probablemente o árabe. Ademais tería dominio do italiano e seica o grego ou o persa. 

Pero o que nos interesa agora é recoller o relato dunha forte tempestade que padece esta expedición, en concreto no mes de xullo de 1403, cando viaxaban polo mar Mediterráneo preto da illa de Sicilia e onde atopamos a primeira cita que identifica o fenómeno atmosférico co noso patrono San Pedro González e que testemuña o proceso de asimilación entre o “Corpo Santo” tudense cunha alongada tradición que ligaba este fenómeno con personaxes da Antigüidade e dos primeiros tempos do cristianismo. Terá que ver a presenza de Frei Alfonso Páez de Santamaría, tamén dominico como Frei Pedro González, nesta identificación que ten chegado ata nos, de San Pedro González Telmo como avogado dos mariñeiros? Agardaremos novas investigación que afonden neste interesante proceso histórico arredor de San Telmo.

O relato contido na “Embajada a Tamorlán” di o seguinte:



Y martes siguiente, que fueron diez y siete días del dicho mes de Julio, anduvieron entre estas dichas dos islas que no podían salir de ellas por calma que hacía. Y en la noche estando entre ellas, a tres horas de la noche hizo gran tormenta, y tuvieron un gran viento contrario que les duró hasta la mañana.

Y miércoles todo el día a hora de medio día rompió las velas de la carraca, y anduvieron a árbol seco de una parte a otra, de manera que se vieron en gran peligro. Y duró la dicha tormenta martes y miércoles hasta dos horas de la noche, y las dichas bocas, señaladamente la de Strangol y Bolcante, con el gran viento lanzaba grandes llamas de fuego y humo con gran ruido, y durante la tormenta hizo el patrón cantar las letanías, y que todos pidiesen misericordia a Dios. Y acabada la oración andando en la tormenta apareció una lumbre de candela en la gavia encima del mástil de la carraca, y otra lumbre en el madero que llaman bauprés, que está en el castillo de avante: y otra lumbre como candela en una vara de espinelo que está en la popa, y estas lumbres vieron cuantos estaban en la carraca, que fueron llamados que las viniesen a ver, y duraron una pieza, de si desaparecieron, y no cesaba en todo esto la tormenta, y a poca de hora fueron dormir, salvo el nauchel (piloto) y ciertos marineros que habían de guardar. Y estando el nauchel y dos marineros que velaban despiertos, oyeron a par de la carraca un poco arredrado voces como de hombres, y el nauchel preguntó a los dos marineros, si oyeran aquel ruido, ellos dijeron que sí, y en todo esto la tormenta no cesaba. Y a esta hora vieron otra vez las dichas lumbres tornadas donde primero estaban, y entonces despertaron a la gente de la carraca, y vieron las lumbres, y contóles el nauchel lo que oyera, y duraron estas lumbres cuanto dura una Misa, y luego cesó la tormenta. Y estas lumbres que así vieron decían que era Fray Pero González de Tuy, que se habían encomendado a él, y otro día amanecieron cerca de estas dichas islas, y a ojo de la isla de Sicilia, con buen tiempo seguro.


Bibliografía:




miércoles, 12 de marzo de 2014

Reflexión sobre Rosendo Salvado, un bispo nas "antípodas"



Conmemoramos o pasado 1 de marzo o bicentenario do nacemento na rúa de Riomuíños do bispo Salvado. Nestas xornadas temos rememorado alongadamente a súa traxectoria vital, a creación da abadía de Nova Nursia, a exemplar obra desenvolvida por Salvado naquelas terras a prol dos seus nativos, dos aborixes. Pero cómpre abordar unha mínima contextualización histórica daquela época na que o noso frade beneditino arriba a aquelas terras nas nosas antípodas. 

A revolución industrial, xurdida en Inglaterra nas últimas décadas do século XVIII, se estende progresivamente por Europa e conleva, entre outras medidas, unha revolución dos transportes e un crecemento económico que impulsa a numerosos países á procura de materias primas para as súas industrias e mercados para os seus produtos. É o que chamamos colonialismo, que daba un novo pulo á antiga expansión colonial de época moderna que lideraran España e Portugal. Pero agora son as novas potencias industriais e económicas (Inglaterra, Francia, axiña Alemania) as que realizan esta anovada expansión considerable pola súa amplitude, polo seu carácter sistemático e polo seu universalismo.

Ao tempo xunto a estas necesidades da propia dinámica económica capitalista, os diversos gobernos utilizan esta expansión colonial como un elemento político de prestixio; as nacións que tiñan a capacidade e a vontade de expandirse se sentían xustificadas para exercer o dominio sobre estes territorios, ocupados por pobos considerados inferiores, non desenvolvidos social e economicamente, por tanto subsidiarios das respectivas metrópoles. 

Xorden pensadores que falan da “conciencia da misión” destas metrópoles que teñen a obriga de “civilizar” aos outros pobos inferiores, cambiando o seu sistema social, político, económico, desenvolvendo novas estruturas de acordo cos seus “superiores” intereses, propagando os seus costumes, concepcións filosóficas, crenzas relixiosas, costumes, moda, etc. para tentar conducir estes pobos, no mellor dos casos, a un novo nivel de vida e civilización. A mentalidade mais estendida entre os colonizadores basease na súa superioridade racial; a inmensa maioría dos científicos e antropólogos da época consideraban as outras razas inferiores e mesmo se afanaban e demostralo cientificamente.

Neste contexto, nesta mentalidade colectiva, propia dos europeos, viaxa Rosendo Salvado cara a Australia. Para algúns da súa época estes habitantes do bush australiano non eran nin homes, para outros non eran europeos e por coseguinte non merecentes doutra expectativa que renderse á nova civilización ou converterse en elementos marxinais da nova sociedade implantada nas colonias.

Asi o recolle o propio Rosenso Salvado: “Ellos se limitan a la toma de posesión del territorio, a situar cierto número de individuos, con frecuencia el escollo de la sociedad, y a dotarlos de la protección y de los medios precisos para una racional explotación de la tierra y de sus habitantes indefensos, con vistas a la comodidad de la metrópolis. Para estos colonos, la población indígena es cantidad despreciable; es como una execrencia en los proyectos de expansión; es una contingencia incómoda y eliminable, sobre todo si los indígenas resultan de una altivez inasimilable como los Pieles Rojas, o cuando, por su constitución psicofísica, carecen de interés para el mercado

Rosendo Salvado aposta, dende o primeiro momento, pola súa dedicación aos aborixes pero cunha visión certamente extraordinaria naquela altura. Sen renunciar en ningún momento á súa finalidade evanxelizadora, único e irrenunciable guieiro de toda a súa actividade, aposta por unha vía “non colonizadora” senón rexeitando a implantación dunha transculturización hexemónica e mesmo sen procurar unha aculturación dos pobos aborixes promove unha inculturización do Evanxeo na cultura dos pobos australianos, inxerindo a fe na vida dos nativos australianos.

Pero esta obra que promove Salvado inxirese tamén nas propias dinámicas da Igrexa Católica pois xa no século XVIII a Congregación Proganda Fide, creada en 1622, publicaba no ano 1659 unha Instrucción, coñecida como a Carta Maga de Propaganda, que establecía unhas verdadeiras regras de inculturación: “Non poñades celo algún nin presentedes argumento algún para convencer a eses pobos de que muden os seus ritos, os seus costumes e formas de vivir, a non ser que vaian claramente en contra da relixión e da moral. ¿Qué mais absurdo que transportar aos chinos a Francia, España, Italia ou algun outro país de Europa? Non introduzcades a eles aos nosos países senon a fe, esa fe que non rexeita nin lesiona os ritos e os costumes de ningún pobo, con tal quen sexan detestables senón que, pola contra, quere que se lles garden e protexan”. Por mágoa en moitos casos os misioneiros europeos, tanto católicos como doutras confesións cristiáns, asumiron mais directamente o papel de colonizadores que de evanxelizadores na liña destas Instrucións da Congregación pontificia, ou como máximo a súa preocupación era atender espiritualmente aos europeos que estaban lonxe da súa metrópole desbotando de plano a súa dedicación ás comunidsades indíxenas.

Ao lembrar a vida de Salvado agroma aquel pasaxe da Carta a Diogneto, unha exposición apoloxética da vida dos primeiros cristiáns, dirixida a certo Diogneto—nome puramente honorífico, segundo a opinión máis difundida—e redactada en Atenas, no século II e que investigacións recentes identifican coa Apoloxía de Cuadrato ao emperador Adriano: Os cristiáns non se distinguen dos demais homes, nin polo lugar en que viven, nin pola súa linguaxe, nin polos seus costumes. Eles, en efecto, non teñen cidades propias, nin utilizan un falar insólito, nin levan un modo de vida distinto (…) Viven en cidades gregas ou bárbaras, segundo cúpolles en sorte, seguen os costumes dos habitantes do país, tanto no vestir como en todo o seu estilo de vida e, sen embargo, dan mostras dun tenor de vida admirable e, a xuizo de todos, incrible (…) Obedecen as leis establecidas, e co seu modo de vivir superan estas leis…

Salvado nun momento de expansión colonial e de impulso das misións asume a herdanza dunha tradición alongada no tempo, nunha liña de fidelidade evanxélica, posúe unha sensibilidade, da que nestes meses nos fala o Papa Francisco, pois asume que cómpre primeiro sandar as feridas para construír posteriormente unha vida cristiá. Velaí o programa da su actividade misioneira. Como sinala Gulio Cipollone no seu impresionante estudio sobre o noso bispo: “Salvado faise aborixe cos aborixes, nómade cos nómades. Un modo de facer en total acordo cunha regra de absoluta seguranza que é a de participar e compartir facéndose iguais e no lugar deles (…) a discreción dunha delicada aculturación: caminar xuntos, para vivir xuntos, para presentar outro modelo de sociedade".

Segue apuntando Cipollone: O mundo hoxe móvese na percepción de ser unha soa raza humana e espreme esta percepción na saudable tensión de ser e/ou intentar ser unha soa familia humana. Os textos de Rosendo Salvado, no século XIX sobre a Australia, amosan, anticipándose nun século e medio unha “profética” dimensión, pois Salvado se achega a unha certidume: a existencia dunha soa raza humana, coa concesión aos principios da xustiza e da estima polo que non é como os europeos. Non fala de razas humanas, non fala de brancos e negros… fala de nativos na Australia ou na Europa (…) Ao longo da historia da humanidade cada avance que logramos acadar leva aparellada unha dicotomía; este progreso contribúe a crear “espazos para a inclusión ou para a marxinación”.

Nova Nursia, cos seus éxitos e fracasos, é un testemuño desta vocación, dunha experiencia inclusiva do que era “outro”, totalmente “outro”, como era o lonxano aborixe do bush australiano. “Pedín, escribirá Salvado, que se me recoñecese como salvaxe daquel país e, así, feito débil cos débiles, puidese conquistalos mellor para Deus e defender os seus dereitos”. Certamente Rosendo Salvado estaba nas antípodas xeograficamente pero tamén nas antípodas do pensamento predominante no seu tempo, abrindo novas canles para achegarse aos marxinalizados naquela sociedade australiana. 

Para acadar este obxectivo evanxelizador Rosendo Salvado ofrece xenerosamente todas as súas capacidades, toda a súa existencia. “Ademais das nosas labores de labranza, relata o bispo tudense, que mirabamos como cousa secundaria, ocupabamonos con todo o ardor no estudio da lingua, leis, costumes e crenzas dos salvaxes, co fin de podelos instruír pouco a pouco nos principios da nosa relixión, asistilos nas súas enfermidades e pacificar os seus conflitos”. Con esta finalidade constrúe a abadía de Nova Nursia, cunha intuición autenticamente herdeira de San Bieito, unindo o mosteiro, co seu “ora et labora”, cunha comunidade de familias de aborixes como semente entre aqueles pobos.

Un home, un eclesiástico do século XIX coas súas dimensións culturais, sociais e eclesiolóxicas, non certamente as mesmas que na actualidade, foi quen de abrir un novo xeito de relación entre a fe e a cultura, entre o cristianismo e a cultura local, nun diálogo enriquecedor que abriu e continua abrindo novas perspectivas. Velaí a transcendencia da figura de Salvado máis aló das xestas épicas que desenvolveu no bush australiano, da súa tenacidade por levar adiante o seu proxecto, da súa capacidade artística, do seu valor como emprendedor de novos vieiros, e da súa permanente morriña por Tui, a súa terra e as súas xentes.