Escultura de A. de Cadaval na fachada da Facultade de Xeografía
e Historia da Universidade de Santiago de Compostela
O tudense Álvaro de Cadal segue sendo un gran descoñecido na súa cidade
natal, aínda cando para autores como Ramón Otero Pedrayo constitúe o mais
egrexio representante do Renacemento en Galicia.
Álvaro de Cadaval,
nace en Tui, e así o afirma nalgunha oportunidade, cara o ano 1505. Na nosa
cidade vivían os seus pais Juan de Cadaval
Valladares, escudeiro e señor da Casa de Arcos, e María Alvarez Barbosa,
señora da Casa de Matamá que residían na rúa da Zapatería (un tramo da actual
Rúa Lourenzo Cuenca ou de Abaixo). Era o menor de cinco irmáns: Francisca, que casou con D. Antonio Pereira de Caldas e Castro, cortesán portugués que tiña a súa casa
nobre en Arcos – Randufe (un dos fillos deste matrimonio será outro destacado
escritor Francisco de Caldas Pereira e Castro), Isabel
que foi monxa, Eitor ou Hector, que finou moi novo e Pedro que cos seus tres
matrimonios logrou acadar a casa de Cadaval
de Nigrán e o morgado de Matamá.
Está en discusión a condición fidalga deste Cadaval, pois de feito Álvaro de Cadaval solicitará posteriormente a Filipe II o recoñecemento deste privilexio. Con todo a posición familiar non sería modesta, pois os seus pais serán soterrados na capela de San Andrés na Catedral tudense. Isto explicaría que, sen ser eclesiástico, realizase estudios universitarios e acadase un excepcional coñecemento e dominio da lingua latina.
“Cadaval Gravio Calydonio Tydense” é o nome co que
asina as súas obras e no que fai referencia a súa terra natal: Gravio, polos
grovios que tiñan a Tui por capital, Calydonio, pois Calydon era o reino de Tydeo fundador de Tui, e Tydense pola
súa cidade.
Cadaval e a Universidade de
Santiago de Compostela
Poucos investigadores teñen estudado a figura de Álvaro de Cadaval:
foi, como case sempre, Florez o primeiro de apuntar o seu
nome, continuado polo historiador tudense Francisco Avila y Lacueva. Na
actualidade salientan os traballos de Julio Francisco
Ogando Vázquez, Manuel C. Díaz y Díaz (un dos mellores traballos deste autor
sobre Cadaval pódese consultar en http://estudiosgallegos.revistas.csic.es/index.php/estudiosgallegos/article/viewFile/239/240), José García Oro ou máis recentemente X. M. Velez. Desta escaseza derivan numerosas dúbidas na
súa biografía.
Estudou, de seguro, en Salamanca, e acadou a condición Bachaler para exercer
a docencia en Gramática. Parece confirmado que pasou pola cátedra capitular de
Gramática en Ourense. O certo é que foi docente en Santiago de Compostela, un
dos primeiros mestres de Gramática no novo Colexio de Santiago Alfeo, Xa no
1542 asina o seu primeiro contrato para “ler
por todo un año entero tres liçiones (…) la una de Arte y las dos de Poesía o
de Oratoria”, continuando ata antes de 1565 con diversos avatares,
contratos e oposicións como “maestro de medianos”. Cómpre lembrar que estes
postos non eran vitalicios, senón que a continuidade dependía da súa eficacia e
da opinión dos persoeiros que rexían a Universidade. Tras unha estadía en Portugal
retorna a Santiago en 1569; unha das súas últimas actuacións foi no outono de 1571, cando recibiu da Universidade o encargo de pronunciar a oración da festa de San
Lucas. Un acto que foi a despedida da súa relación intensa, e ás veces,
dificultosa coa Universidade galega.
A súa inscrición no claustro
de Fonseca
No claustro do Colexio de Fonseca, sede histórica da
Universidade de Compostela, existe unha longa inscrición
conmemorativa da creación deste centro universitario polo arcebispo Compostela Alonso
de Fonseca, labor que foi rematada polo arcediano Lope
Sánchez de Ulloa. Unha inscrición que curiosamente
aparece asinada polo seu autor: “Cadaval hec”. No texto
deste gravado figura a frase que foi o lema do quinto centenario da
universidade de Santiago: “Gallaecia fulget”, Galicia
brila. Durante moitos anos esta era a única obra coñecida de Cadaval, na que
deixaba patente o seu dominio das lingua e os seus recursos.
Carolo Caesare cum matre
regnantibus Alfonsus Fonseca illustris antea Compostelanus demum vero Toletanus
archipraesul ad decorem patriae et ut studiosi absque sumptu discere possent
gimnasium hoc in avi materni aedibus extruere curavit. Morte vero praeventus
Lupo Santio de Ulloa archidiacono rectori perficiendum ex b. testamento reliquit.
Qui obiit pridie Nonas Februarii anno Domini millesimo quigentesimo trigesimo
quarto, aetatis quidem suae sexagesimo.
Nunc
magis atque magis Gallaecia fulget alumno
qui
dedit hunc patriae tantum generosus honorem.
Sanctius
ipse Lupus propia de stirpe creatus
ut
Musis gratum faceret tenebrasque fugaret
omnibus
hoc breviter complevit amabile munus
quo
populus merito, proceres et concio tota
innumeras
tanto grates pro lumine reddunt. [1544]
Cadaval
hec
No reinado do Cesar Carlos
(Carlos I) e a súa nai (Xoana a Louca) o ilustre Afonso Fonseca, antes
arcebispo Compostela e finalmente toledán, para adorno da patria e para que os
estudiosos pudieran aprender de balde coidou de construír este colexio no solar
do seu abo materno. Pero impedido pola súa morte, deixou en testamento a Lope
Sánchez de Ulloa, rector arcediano o encargo de acabalo. Finou o 26 de febreiro
de 1534, con sesenta anos.
Agora máis e mais Galicia
brila co seu alumno
Que deulle esta xenerosa
honra a súa patria
Este Lope Sánchez da súa
estirpe
Para facer un don grato ás
Musas e por en fuxida ás tebras
Para todos cumpriu en breve
tempo o amable encargo
Con que o pobo polo méritos,
os próceres e toda a
Corporación dan innumeras
grazas por tan grande luz. 1544
Esto é de Cadaval.
Cadaval e Portugal
Álvaro de Cadaval
tivo unha intensa relación con Portugal. Foron moitas as súas estadías en
terras lusitanas. Entre os anos 1565-1566 vive baixo o amparo do Cardeal
Infante D. Henrique, e tenta ser aio e mestre do infante D Antonio, fillo do
rei de Portugal. Neste tempo foi acusado de herexía pola Inquisición lisboeta
pasando un breve tempo no cárcere. Consegue publicar os seus poemas e
composicións co editor lisboeta Francisco Correa, tipógrafo do Cardeal. Continúa
en Portugal e en 1568, con outro editor da capital lusa, Antonio González, saca
do prelo novas obras. Neste ano vive con quen será un dos seus protectores, o
bispo de Porto Don Rodrigo Pinheiro, á que xa coñecía de antes. Agora por mor
dun grave accidente co seu cabalo, o bispo recíbeo na su finca de Santa Cruz, e
Cadaval corresponde a súa xenerosidade dedicándolle a súa composición
mitolóxica “Pythiographia”. Exerceu tamén a docencia, probablemente como
preceptor en Ourense, Braga e Viana do Castelo.
Os seus últimos días
Logo da súa xubilación na Universidade de Compostela, caeu enfermo, cunha
especie de demencia senil que o seu sobriño Caldas Pereira denomina “phrenessi”,
ata a súa morte no barrio de Mazarelos de
Compostela o 10 de marzo de 1575,
deixando sinalado no seu testamento a súa intención de
ser soterrado na Catedral de Tui, desexo que non lle foi cumprido
por quen o asistiu nos últimos anos da súa vida e a quen nomeou o seu herdeiro,
o cóengo compostelán Diego Suárez de Tangil. Morreu moi humildemente, como
acredita o inventario dos bens deixados á súa morte: Catorze cucharas
de palo y una escobilla vieja. Un pedaço de una red de pescar. Iten una espada.
Unos çapatos de nino, xunto a máis de oitenta libros, entre os que había
textos de Ovidio, Platón, Tito Livio, Homero e outros en latín e grego. Aínda que non casou tivo varios fillos
con Lucía Pose de Castroverde; un deles, ao que
recoñeceu, Juan de Cadaval e
Soutomaior, foi capitán real en San Xoán de Caaveiro.
A súa obra
Pese a que a súa produción literaria, basicamente poética, é mais ampla
fóronlle publicadas nove obras todas en Lisboa. As súas obras pois acadan unha
importante, aínda que limitada, difusión sobre todo en territorio portugués. Álvaro
de Cadaval cultivou a prosa e o verso en castelán e latín, demostrando ser un experto
coñecedor desta ultima lingua.
As súas obras principais son:
- De magno atque universalle cathaclismo, ou Ichthyotyrannis (1563-1565), poema en hexámetros sobre o Diluvio Universal, que mistura o relato do Xénesis coas Metamorphoseon de Ovidio (episodio de Deucalión).
- Pythiographia, epyllion alongado sobre a metamorfose de Pitis en piñeiro, imitandola de Dafne nas Metamorphoseon de Ovidio.
- Comentario al Arte de Elio Antonio de Nebrija.
- Apotheosis (1565), miscelánea de prosa e verso
No ano1568 publicou en Lisboa un tomo en catro cadernos con diversos poemas
dedicados a personalidades da súa época: “Triumphalis tumulus” na honra de
Carlos V e dedicado a Filipe II; “Epitaphium” na honra de Dona María de
Portugal, primeira esposa de Filipe II; unha “Carmen” na honra de Rodrigo Gómez
de Silva; o “Ecomisaticom carmen” e “De platarno extempore carmen” dedicado ao
arcebispo compostelán Gaspar de Zúñiga e Avellaneda; o “Monocolor
encomiasticonque carmen”, para o poeta Pedro de Andrade, camareiro de Don
Duarte; o “Distrophon carmen” ao poeta Diego del Arroyo Valcárcel e outras
composicións dedicadas ao prior do Crato lisboeta.
Un dos seus proxectos de maior interese, para o que
presentou un completo memorial ao Concello de Santiago e a Filipe II, foi a
elaboración dun estudio titulado “Descripción e xeografía de
Galicia”, inspirada no traballo do licenciado Molina. A súa intención era
elaborar unha obra con información recollida de primeira man no decurso dunha
viaxe que tiña proxectado emprender por toda a xeografía galega na compaña de
ilustradores, especialistas en xilografía. O proxecto finalmente non foi
aprobado.
A súa transcendencia
Álvaro de Cadaval estaba dotado dunha elevada capacidade intelectual, dun
gran dominio da lingua latina, dunha elocuente oratoria… pero tamén por unha
certa presunción, habitual entre tantos humanistas da súa época, asi nunha
información por el promovida no ano 1569 pregunta ás testemuñas que aporta: “si saben y es verdad que el dicho maestro
Álvaro de Cadaval es uno de los elegantes oradores y poetas latinos que hubo y
hay en toda España, muy elocuente y resoluto en todas las historias y
antiguallas que son menester para su facultad y profesión, y que escribe tan
bien en prosa como en verso latino, lo cual se halla muy pocas veces y es cosa
rara”.
Velaí algunha das características da personalidade e da produción literaria
de Álvaro de Cadaval, que xunto á súa achega aos inicios da Universidade de
Santiago de Compostela (lembrado nunha escultura situada na fronte da actual
Facultade de Xeografía e Historia que foi antes sede central da universidade
compostelá) salienta polas súas vinculacións coa cultura de Portugal, en
correspondencia coa súa condición de tudense.
Estamos diante dunhas das personalidades de singular transcendencia no século XVI de Galicia que é merecente dun recoñecemento a súa fonda cultura humanista, e que inxire á nosa cidade e a Galicia nas correntes culturais do seu tempo.
Comentarios
Publicar un comentario