Relación de diversos lugares de interese patrimonial para visitar no noso municipio. Lugares menos coñecidos, e sobre todo menos visitados, pola maioría dos nosos conveciños Non é unha lista exhaustiva nin o pretende, senón unha serie de lugares nas parroquias tudenses que xustifican unha camiñada. Tampouco ofrecerei unha análise dos valores de cada lugar senón unhas liñas que xustifiquen a visita.
Non
hai outra pretensión que convidar aos seguidores de Tudensia a achegarse a este
lugares e coñecer o amplo patrimonio que se acumula no noso territorio e que
tantas veces é moi escasamente valorado polos que estamos ao seu carón.
Esta
relación a iremos incrementando progresivamente, aceptando gustosamente
as suxestións que os nosos lectores nos queiran facer chegar.
2021.02.14
Petróglifo de As Carneiras – Baldráns
Estación de gravados rupestres con representación de ofidios (serpes) pero que ten a singularidade, única en Galicia, de estar situados á ribeira do Miño na parroquia de Baldráns. Accedese a través da senda Tui – Caldelas (PRG19).
Viveiro
Forestal de Areas
Este recinto data de
1906 cando Rafael Areses Vidal promoveu este lugar destinado a fornecer arbores
para a repoboación dos nosos montes e en especial do Aloia en 1908 edificouse a
casa, onde estivo un Museo Forestas nas primeiras décadas do século, e as
dependencias de traballo deste lugar na parroquia de Areas
Balneario
de Caldelas
Aínda que o manancial é
coñecido de sempre será no século XVIII cando comeza o seu uso para baños polos
veciños e tudenses. Antonio Oliver Rubio será o gran creador e promotor do
Balneario, cuxa construción comezou en 1885 e aos catro anos iniciou a obra do
“Gran Hotel”, instalacións que aínda hoxe conservan o sabor da época, na que
gracias ao ferrocarril esta localidade termal contaba con sala de cine e de
festas e varios hoteis para acoller aos visitantes que chegaban de toda a
Península.
Muíños
do Regueiro - Paramos
Este fermoso lugar no
barrio do mesmo nome na parroquia de Paramos agrupa a un conxunto de catro
muíños hidráulicos, coas súas correspondentes canles e levadas coas augas do
río Pantel que o conforman coma un enclave de gran valor etnográfico. Iglesias Almeida documenta
os muíños de Bazoca ou de Abaixo, o Familial ou da Ponte, o da Devesa nos
século XVII e XVIII.
Igrexa
de San Miguel de Pexegueiro
Esta igrexa formaba
parte dun mosteiro documentado xa dende o século X. A igrexa conserva a súa
fábrica románica está construída en estilo románico, conservando as tres
portadas. Ni tímpano da portada principal se representa unha loita entre dous
leóns, conserva a pía bautismal románica e un interesante relevo dun león. A
capela maior foi reconstruída no século XVIII polo bispo Juan M. Rodríguez
Castañón, en 1765, que deixou as súas armas heráldicas no exterior da ábsida.
Conta a tradición que nesta igrexa tivo lugar a última predicación de San
Telmo, antes da súa morte en 1246.
Ponte
Mosteiro - Pexegueiro
Nun vello camiño que
conducía ao antigo mosteiro e sobre as augas do río Furnía está a ponte
medieval coñecida como “Mosteiro” recentemente restaurada polo concello
tudense. A actual fábrica, como en tantas outras pontes, corresponde a épocas
máis recentes, así en 1783 foi reconstruída polo mestre de cantería de Pazos de
Reis, Juan Francisco Novás Gayoso, e Andrés de Orxe Corbacho, de Pontecaldelas
pero aveciñado en Guillarei.
Penedo
da Malladoura - Baldráns
Monumental penedo
granítico aproveitado, durante séculos, para o traballo comunitario da malla do
cereal, de onde provén o seu nome de “Malladoura”. Se completa esta enclave
etnográfico cun muíño do mesmo nome.
Monumento
aos mártires de Sobredo – Guillarei
Este monumento marca un
lugar de memorial en lembranza do tráxico suceso acontecido o 28 de novembro de
1922 na loita antiforal. No decurso dunha manifestación contra un embargo, a
Garda Civil abriu fogo contra a multitude alí concentrada provocando numerosos
feridos e tres mortos: Cándida Rodríguez, de Pazos de Reis, Joaquín Estévez, de
Soutelo, e Venancio González, dirixente agrario de San Estevo de Budiño. O
monumento realizado por subscrición popular é obra de Camilo Nogueira e foi
inaugurado en 1932. En xullo de 1936 foi destruído con dinamita e reconstruído,
por iniciativa de entidades sociais e culturais, coas pezas orixinais
conservadas, en 1988.
Lagoa
de Caldelas
Este lugar localizado
nas inmediacións da ribeira do Miño en Caldelas destaca por conservar unha das
escasas poboacións da Península Ibérica de Nymphoides peltata que semella un
delicado nenúfar dourado. A maior parte das outras poboacións que estiveron
presentes no sistema Miño-Sil teñen desaparecido.
Panteón
da familia Alejos no cemiterio parroquial - Paramos
No barrio da
Carrasqueira de Paramos localízase o cemiterio desta parroquia que conserva un
monumental panteón funerario, da familia Alejos. Este singular enterramento, de
gran porte, foi edificado no cemiterio de Tui, pero cando este pechou e foi
desmantelado, no anos setenta do pasado século, foi traslado ata este lugar
onde hoxe podemos seguir contemplando a súa magnifica estrutura coroada por
unha copa, todo realizado en pedra.
Pasais
- Ribadelouro
Se facemos o Camiño
Portugués se logo de chegar ao barrio de Orbenlle, xa na parroquia de Budiño,
se tomamos o itinerario alternativo que evita o paso polo polígono industrial
das Gándaras, no seu itinerario volveremos a entrar en terras de Ribadelouro e
nos atoparemos con estes pasais, unha obra de enxeñaría popular para salvar as
correntes de auga que resultan de gran atractivo.
Ponte
da Madalena (ou de Orbenlle) - Ribadelouro
Ponte existente sobre o
río Louro, no límite do municipio de Tui, no trazado do Camiño Portugués e que
corresponde cunha ponte de época medieval no camiño real que partía de Tui.
Moito menos coñecida que a Ponte das Febres, na mesma parroquia de Ribadeluro,
atópase tamén nun fermoso enclave integrado nas ribeiras do Louro e na paisaxe
das Gándaras de Budiño que forma parte da Red Natura 2000.
Pazo
de Bouzavalada e capela das Maravillas – Areas
Un dos escasos exemplos
de arquitectura pacega en Tui, na parroquia de Areas nos límites con Sobrada.
Foi edificado polo cóengo Juan Piñeiro Falcón en 1726. Na fachada do pazo
figura unha inscrición de 1790 asi como un escudo oval coas armas dos Falcón. O
pazo posúe unha estrutura en “U” e unha pequena torre formada por un reloxo de
sol e unha campá de ferro. Ao seu carón está a capela dedicada a Nosa Señora
das Maravillas e que forma conxunto co pazo.
Acueduto
da Porteliña – Pazos de Reis
Estrutura en pedra para
o transporte de auga entre un manancial nas abas do Aloia ata a casa da
Lagarteira (ou de Oliveira, polo seu último propietario). Formado por una serie
de piares que forman unha estrutura adintelada con 22 tramos ao longo de
aproximadamente 70 metros. Hoxe un dos extremos, o máis próximo ao final, está
mutilado pola ampliación da pista asfaltada perdendo alo menos dous dos seus
tramos. Segue en funcionamento.
Muíños
rupestres e gravados no Alto do Coello - Randufe
Nas laxes existentes no
Alto do Coello, en Randufe, podemos atopar ate 5 muíños naviculares, coviñas
e gravados rupestres de serpentiformes,
que configuran un interesante xacemento arqueolóxico localizado nun enclave
privilexiado cunha ampla panorámica do val do Miño. A visita se complementa cos
petroglifos de Rozacús situados nas inmediacións.
Petróglifos
de Rozacús / As Fontiñas - Randufe
Gravados rupestres
descubertos polo Equipo Arqueolóxico do Baixo Miño en torno a 1972, son un
amplo conxunto de laxes con diversos tipoloxías de gravados: cazoletas,
círculos e representacións de animais cuadrúpeos, con diversos estados de
conservación. Sinalizados para a visita polo Concello de Tui e a Comunidade de
Montes de Randufe. Asociados ao dos Alto do Coello nas inmediacións.
Muralla
ciclópea do Monte Aloia

A muralla ciclópea que
rodea o seu cume do Aloia, cunha extensión de máis de 3 quilómetros e 30 Ha. de
superficie. Os traballos arqueolóxicos realizados neste monumento pétreo
permiten determinar que este recinto non foi un lugar de residencia, pois se
carece de restos de utensilios domésticos, nin hai sinais de accións bélicas,
sendo imposible, polo de agora, definir a súa funcionalidade aínda que polas
súas características habería que datala entre os séculos V e IX; pese a súa
monumentalidade a súa factura non é de calidade. Trátase dun recinto
fortificado dun tamaño extraordinario e pouco común no noroeste peninsular.
O Parque Natural do
Monte Aloia posúe numerosos recursos e rutas de interese patrimonial moito máis
coñecidos e visitados: Muíños do Tripes (que superan o seu territorio), Muíños
de Paredes en Rebordáns, Castro Alto dos Cubos ou Cabeza de Francos, Ermida e e
entorno de San Xian, Cama do Santo, etc,
Como exemplo dos
múltiples recursos do noso Parque Natural faremos referencia a un dos seus
principais monumentos naturais
A faia
do monte Aloia
No Parque Natural do Monte Aloia existen dúas faias de gran porte. A que figura na imaxe localizada xunto á fonte do santo e posiblemente traída por Rafael Areses dende o Viveiro de Areas en torno a 1912. Destaca pola extraordinaria volumetría arquitectónica e a configuración do seu porte, de silueta aovado-redondeada, que o converten nun exemplar realmente singular. A outra faia, cun porte alto e estreito, está localizada nas escaleiras do entorno da capela de San Xiao.
19.07.2021
Cama do Santo
Rocha
localizada no cumio do Aloia, denominada Cama de San Xiao, pois a tradición afirma
que sobre esta pedra durmía o santo e foi onde repousou o corpo deste santo logo
do seu martirio, e vincula esta “cama” coa fertilidade. As parellas que non
lograban ter fillos acudían a este lugar e, tras xacer no mesmo, acadaban a ansiada
descendencia.
A
pedra inmediata a esta “cama” é identificada tradicionalmente como a almofada
de San Xiao. En consecuencia, se vincula este lugar coa protección dos males da
cabeza (migrañas, etc.). Os devotos pois tras rezar ao carón da “Cama de San
Xiao” e antes de marchar dan tres corques coa testa para protexerse destes males.
Na web de “Galicia encantada” figura testemuña de Roberto
Gómez González: dinos que a súa avoa contáballe que antigamente os romeiros
que padecían de dores de cabeza ían a pé ata a Cama de San Xulián no Aloia
cunha tella do país na cabeza durante todo o camiño. Unha vez chegados alí
deixaban a tella no tellado da capela e ían á Cama de San Xulián, sentábanse de
costas ao burato e daban tres veces coa parte de atrás da cabeza contra a pedra
e así milagrosamente aliviaba San Xulián estas dores. Di que lembra
facer isto ao chegar á Cama de San Xulián. https://galiciaencantada.com/lenda.asp?cat=18&id=2413
Pedra do acordo
Marco
de pedra situado no Aloia, ao carón da estrada a Prado. Posúe unha forma
pentagonal e sinala os límites de término de tres concellos: Tui, O Porriño e
Gondomar, e de cinco parroquias: Malvas, Pazos de Reis, Rebordáns, Morgadáns e
Chenlo.
Cabe
engadir que este lugar marca o límite de Tui e a súa xurisdición dende a concesión
polos condes de Galicia, Don Reimundo e Dona Urraca, do couto de Tui ao bispo
da cidade no ano 1095. Unhas lindes que como comprobamos neste lugar de
referencia histórica mantivéronse dende aquela ata a actualidade.
Os
interesados atoparan máis información no blog Ferruxadas: http://ferruxo.blogspot.com/2013/11/a-pedra-do-acordo-no-monte-aloia.html
Monumento a Rafael Areses
Localizado
tamén no cumio do Aloia pero que pasa inadvertido para a maioría dos visitantes,
pese a situarse a carón dos lugares mais transitados.
Este
monumento esta rodeado de arbores e accedese a través de dezanove banzos. Foi
realizado por iniciativa do Club Montañeros Celtas en setembro do ano 1956.
É
obra do mestre canteiro tudense Francisco Gómez González, coñecido por Manteigada.
É unha sinxela estrutura cun dintel en forma triangular onde figura a
dedicatoria: “Testimonio de admiración y gratitud al ingenierio D. Rafael
Areses”.
Igrexa de Santiago de Malvas
Na
antiga vila medieval de Maloes de Jusaos, denominada Malvas dende
inicios do século XVI. A súa igrexa parroquial pertenceu ao morgado da Picoña,
por elo figuran as armas dos Troncoso de Lira no exterior da súa ábsida. É unha
igrexa barroca do século XVIII, reaproveitando material da anterior igrexa
románica. Na fachada conta cun nicho onde figura unha escultura pétrea de
Santiago a cabalo.
Muíños de Paredes ou do río Deique
Conxunto
de oito muíños no rio Deique neste barrio de Rebordáns e que forman parte do
territorio do Parque Natural do Monte Aloia.
Son
case todos de cubo rectangular e cuberta dunha auga, a maioría restaurados hai
anos pero hoxe con evidentes sinais de grave deterioro por non existir unha
conservación axeitada dos mesmos.
Non
son únicos existentes neste río Deique, afluente do Louro, pois Ernesto
Iglesias Alemida no seu documentado estudo sobre “Os muíños do Concello de Tui”
recolle ata dezasete destas edificacións, con referencias documentais que
podemos datar, nalgún caso, ata o século XVII. Un dos muíños, o muíño da Ponte
Pequena, ten gravada na porta a data de 1791.
Fonte e lavadoiro da Matanza
Na
parroquia de Ribadeouro, preto da súa igrexa parroquial, atopamos esta fonte que
conserva na súa denominación a lembranza dun feito histórico na Guerra da
Independencia.
O
27 de marzo de 1809 o xeneral Lamartinière, que ocupaba a cidade e Tui, dende o
3 de febreiro, ordena a saída dun forte continxente de tropas, ao mando do
comandante Chapuzetl, para auxiliar as tropas francesas que ocupaban a cidade
de Viqo e que estaban sitiadas e son derrotadas ao día seguinte. Por tanto,
este grupo enviado dende Tui non chega a entrar en combate e no seu retorno son
atacadas en Ribadelouro ocasionándolle numerosas baixas.
Manuel Osuna Rey no seu libro sobre “Los franceses en Galicia” recolle o testemuño do párroco de Ribadelouro, Rvdo. Faustino Vázquez, no seu libro de defuntos no que relata o seguinte: En veintiocho de marzo de mil ochocientos nueve subieron por esta parroquia como unos cuatrocientos hombres de infanteria francesa en socorro de los que estaban posesionados de la villa de Vigo y mataron impunemente a Juan Besada, marido de Josefa Romero; Juan Ignacio Rodríguez; Juan González, marido de Antonia Fernández, mis feligreses; y a un militar español disperso y enfermo de tercianas, sin que se sepa su oriundez; a todos con la mayor crueldad, como que al Rodríguez lo pasaron a cuchilladas despues de haberle tirado cuatro balazos; al González haberle pasado la frente con un balazo y le cortaron la mano derecha, y al disperso le dieron hasta cinco balazos solo porque le encontraron comiendo un poco de pan; bien lo vengaron nuestros tiradores la vuelta de Vigo, que de los cuatrocientos franceses solo entraron de vuelta a Tuy, de catorce a quince sanos; quedaron en esta parroquia seis muertos, uno de los cuales auxilié del modo posible y está enterrado en el atrio de esta iglesia, tres prisioneros, dos heridos, uno con la pierna tronzada de un balazo, el otro con un muslo...
Agradezo a Christian Lago a cesión da fotografía.
Pazo e Capela do Pilar
Localizados
na actualidade na zona urbana tudense, na confluencia entre as rúas Casal Aboy
e Irmás Maristas.
A
orixe do pazo non é coñecida, pero apunta ao século XVIII polo escudo que
conserva na fachada lateral coas armas dos Lira, Castro, Aldao e Quiroga.
Quizás fose o seu propietario Juan de Castro e Lira, rexedor de Tui en 1715.
Segundo recolle Suso Vila en 1833 era propietario do mesmo D. José de Castro y
Taboada.
No
ano 1936 o pazo e os seus amplos terreos foron comprados polo industrial portugués
radicado en Tui, Juan Alberto de Oliveira, que rehabilita a edificación cun
proxecto do prestixioso arquitecto vigués Manuel Gómez Román que imprime o seu
característico estilo neo-pacego que podemos apreciar especialmente na solaina
e soportal que caracterizan a fachada deste pazo, e cuxo deseño achegamos.
O
escudo da fachada é contemporáneo coas armas dos Vieitez de Puga, familia oriúnda
de Sela, á que pertencía a esposa de Juan Oliveira.
Pola
súa parte, a capeliña do Pilar foi fundada a mediados do século XVIII polo cóengo
da catedral tudense, Domingo Antonio de Castro e Lira, da familia fundadora da
casa. Destacan a imaxe de Nosa Señora do Pilar no exterior e o retablo barroco
do interior, onde se conserva o balcón sobre ménsulas para que os propietarios
da casa asistisen aos oficios relixiosos sen saír da casa.
Estación de ferrocarril de Tui
Esta
estación xorde coa apertura la liña Guillarei – fronteira portuguesa, que tiña
como misión unir as redes ferroviarias de España e Portugal a través da ponte
internacional inaugurada en 1886.
Esta
pequena liña foi proxectada no ano 1880 e será a empresa MZOV (Compañía del
Ferrocarril de Medina a Zamora y de Orense a Vigo abreviada por Medina a Zamora
y de Orense a Vigo como MZOV) a encargada de construír esta liña e a estación
tudense, inauguradas ambas o 1 de xaneiro de 1884. Naquela altura era unha
estación provisional.
A
actual estación de ferrocarril tudense foi proxectada por MZOV en 1890 como
unha estación de 4ª categoría cun orzamento de 101.228 pesetas. Foi realizada
polo contratista Victor Bibaltúa Olaveaga, oriúndo de Logroño e casado en
Redondela. Será o seu fillo Apolinar quen remate a obra tras a morte do pai, e
asine a liquidación da mesma en xaneiro de 1896.
Na
actualidade o edificio, que sofriu diversas reformas e adaptacións ao longo dos
anos, é testemuño das liñas de comunicación ferroviarias entre España e
Portugal e carece practicamente de actividade o que non lle resta valor.
Xunto á estación se conserva un pequeno espazo axardinado con interesantes especies arbóreas, que reclama un acondicionamento.
06.05.2022
Petroglifos da
Macoca – Camiño do Raposo, Pazos de Reis
Imaxe tomada de http://megaliticia.blogspot.com/2019/04/petroglifos-camino-do-raposo-macoca.html |
Nas abas do Alto dos Cubos atopamos este xacemento de gravados rupestres realizados sobre laxes de granito ao aire libre. Na actualidade presentan unha abondosa erosión natural pero tamén están afectados por antigos traballos de cantería no lugar e, posiblemente, pola pista agora asfaltada que vai dende A Macoca ata Circos. Os motivos destes gravados son liñas e cazoletas de diversos tamaños. Este tipo de xacementos corresponden á Idade do Bronce, aínda que non é doado atribuírlle unha cronoloxía concreta.
A actual
provincia de Pontevedra é unha zona moi rica en xacementos de gravados
rupestres, pero curiosamente no territorio tudense son escadas as estacións de
petroglifos que temos documentadas, entre elas este pequeno conxunto de
gravados.
Ponte da Veiga,
Rebordáns - Guillarei
Localizada sobre
o rio Louro, na Veiga homónima, nos límites entre as parroquias de Rebordáns e
Guillarei, é popularmente coñecida como “ponte romana” aludindo a súa
pretendida antigüidade que é retrotraída ata tempos da romanización. Esta
denominación está amplamente estendida por numerosos lugares de Galicia e, na
practica totalidade dos casos, a estrutura actual que podemos contemplar
corresponde coa época medieval.
Esta ponte posúe
unha estrutura con arcos apuntados, de factura medieval con múltiples
reconstrucións posteriores derivadas das enchentes do río Louro e Miño. Esta
obra medieval queda testemuñada nas marcas de canteiro que podemos ollar na
parte interior dos arcos, especialmente no que están na parte de Rebordáns que
Ernesto Iglesias Almeida data no século XII namentres que os outros arcos, xa
apuntados, corresponden ao século XIV e que tamén conservan signos lapidarios.
Unhas
reconstrucións documentadas desta ponte foi realizada no ano 1792 reconstruíndo
os seus peitorís, nos que foi colocado un escudo da cidade, trasladado de lugar
no pasado século.
Esta ponte formaba
parte do camiño real que dende Tui conducía cara Salvaterra e o Condado.
O cruceiro e peto
de ánimas de San Bartolomeu
Este é
posiblemente o cruceiro máis monumental dos que se conservan no noso concello.
A súa
localización orixinal era nunha das entradas á cidade, onda a chamada Porta de
San Francisco da muralla dos século XVII e XVIII nas proximidade do actual
Liceo Casino ou o monumento a José Calvo Sotelo para Ernesto Iglesias. Pola súa
banda, Suso Vila mantén que este cruceiro estaba fronte ao convento franciscano
e foi trasladado de lugar en torno a 1840 cando se realizaron as obras da nova
estrada a Vigo e Castela que afectan á propia organización do espazo da
Corredoira.
No pedestal
cuadrangular atopamos unha inscricións que informa sobre a orixe deste
cruceiro: AÑO 1770. CON LICENCIA DE M(uy) N(oble) I L(eal) CIVDAD MANDARON AZER
I PINTAR ESTA OBRA PIO COSTEARON I PAGARON POR DEBOXION A DIOS EL PROCURADOR DN
PEDRO BARROS I SV MUGER DA QUITERIA ROSALIA DURAN IÑIGO I ARZE. Este Pedro
Barros foi procurador da cidade, o único cargo de elección popular no goberno
municipal tudense, pois os rexedores eran nomeados polo bispo e Cabido, como
corresponde a unha cidade de férreo señorío episcopal.
No fuste están
representadas as imaxes de Santa Quiteria e San Pedro, en lembranza dos
doantes, xunto a diversos símbolos da paixón de Cristo; a cruz asentada sobre
un capitel composto posúe un Cristo crucificado no fronte e no dorso a
representación de Nosa Señora das Angustías, nunha talla que testemuña a súa
calidade.
Finalmente
resaltar que na inscrición figura que o cruceiro estaba pintado, como era a
norma xeral en todas estas construcións, que hoxe o gusto contemporáneo
transfórmaas, cunha falsa pretensión de orixinalidade, suprimindo a pintura e
deixando a pedra á vista, o que nunca pretenderon os artífices dos cruceiros
que sempre estaban pintados.
Inmediato ao
cruceiro está un peto de ánimas, que estaba vinculado ao cruceiro na súa
localización orixinaria e que foi trasladado ao mesmo tempo. Conserva os
elementos tradicionais deste tipo de construcións, promovidos polas confrarías
de ánimas ou pola devoción popular. Presenta un nicho con arco que protexe a un
pequeno retablo, con tres imaxes de penitentes no Purgatorio (entre un bispo
tocado coa mitra) sinalando a igualdade de trato no Xuízo Final, e sobre eles o
Espírito Santo na tradicional forma de pomba. No piar conserva o peto para as
esmolas, unha rexa de protección no retablo e un espigón para recoller as
ofrendas, especialmente as mazarocas de millo.
Capela de Nosa
Señora do Camiño – Rebordáns
Esta capeliña,
situado á beira do Camiño de Santiago, é unha obra reedificada no século XVII
sobre os restos dunha ermida anterior. Suso Vila relaciona esta capela cun
hospital medieval, Santa María de Bongoi, promovido polo arcediago tudense
Fernan Eans en 1246.
A imaxe de Nosa
Señora é unha talla pétrea de época medieval, século XV, que corresponde á
representación da Virxe do leite, que alimenta ao seu filliño.
Xulio Sigüenza
recolle que segundo unha antiga tradición, esta talla foi escondida polos
aldeáns ante o avance dos mouros; reencontrada tempo despois decidiuse
construír un templo para custodiala. A fama curandeira da Virxe do Camiño,
tamén denominada da Terra, pola súa estraña reaparición, era moi común entre as
mulleres. Moitas chegaban dende aldeas afastadas de Portugal, xa paridas coas
súas criaturas nos brazos para bendicir a imaxe, portando ofrendas e esmolas
por dar a luz descendentes sans. Unha tradición moi habitual ata tempos
recentes, vinculada á presentación dos neniños á Nosa Señora.
Capela de San
Nomedio en Malvas
A actual ermida
ou capeliña dedicada a San Nomedio en Malvas é unha obra contemporánea. Dende
1976 procedeuse a recuperación do lugar, substituíndo os eucaliptos por
carballos e de seguido erguese a actual capela e a zona contigua de
esparexemento, que, sobre todo no verán, resulta un agradable lugar.
San Nomedio posúe unha longa historia. Xulio Sigüenza
documenta que hai noticias sobre a súa existencia que se remontan ó ano 1529, a
pesar de que nesas datas, segundo documentos, xa se atopaba practicamente derribada.
En 1789 deben ser suprimidas as misas no seu interior por atoparse nun estado
deplorable. Será en 1854 cando se deixe de utilizar a ermida definitivamente,
empregándose a continuación, xa moi danada a súa estructura, para aloxar gando.
As súas pedras, como ten ocorrido
noutros moitos monumentos, acabarían arrincadas e transportadas para casas e
muros próximos cara a 1945.
Neste lugar se
celebraba unha romaría, o segundo domingo de agosto, dedicada a San Vitoria e
San Nomedio, “amigos en amores”, que era das mais concorridas da contorna. Se
subía ata este lugar nos tempos de seca para implorar a chuvia. Existía a
tradición de mollar ao santo, tocándoo coas mans molladas en auga, para que o
santo soubese que querían os romeiros. Agora xa non se lle bota auga enriba
senón que se lle toca o rostro cun pano húmido, mantendo a tradición secular.
Castro Alto do
Cubos – Cabeza de Francos, Pazos de Reis
Este castro,
situado nas abas do Monte Aloia é un dos exemplos máis destacados da cultura
castreña en Tui.
Este castro do
“Alto dos Cubos” esta estruturado en tres niveis ou recintos, un superior e
mais elevado que está defendido por una muralla pétrea que delimita o seu
perímetro, e outros dous recintos situados en dúas terrazas en pendente cara ao
noroeste, magnificamente defendidos polas condicións naturais do terreo.
Estamos diante dun exemplo dos chamados, castros de ladeira de monte. Hoxe
podemos contemplar diversas estruturas habitacionais deste castro, en concreto
no cume existe un sector consolidado de 190 m2 con tres vivendas circulares,
dúas delas con vestíbulo, e parte da muralla defensiva deste castro.
Na Idade do
bronce este lugar foi ocupado por unha comunidade humán do que hoxe coñecemos
como cultura castreña. Diversas escavacións foron realizadas neste lugar: nos
anos 1933-1935 polo grupo “Ultreya” tudense, dirixido por Manuel
Fernández-Valdés Costas, coa colaboración de Xosé María Álvarez Blázquez, logo
continuadas no ano 1954 baixo a dirección do Comisario Provincial de
Excavacións, José Filgueira Valverde, e finalmente no ano 1997 unha nova
intervención pola Escola Obradoiro de Restauración tudense coa dirección do
arqueólogo tudense Juan José Perles Fontao, recuperando e consolidando os
restos anteriormente descubertos.
A adscrición
cronolóxica é ampla; dende o século VII a.C. ata os primeiros tempos da nosa
era, pero podemos valorar como o momento temporal de maior ocupación deste
castro o situado entre os séculos II a C. ata o III d. C. pois o material arqueolóxico atopado posúe
ampla influencia romana: tegullas, sigillata…
O enclave
castrexo do Alto dos Cubos parece ter cobrado un certo protagonismo a partir do
século II a.C. coa ampliación do seu espazo habitacional que estaría en
correspondencia coa existencia, na nosa demarcación, dunha estrutura social
prerromana, un “populus”. Este xacemento do Alto dos Cubos asumiría, segundo
Perles Fontao, ata a chegada dos romanos, un papel de cabeceira de comarca
concentrando á poboación en detrimento doutros enclaves, como o situado no
outeiro tudense.
No decurso da
invasión napoleónica, durante o cerco de Tui neste outeiro estaba unha posición
avanzada do campamento localizado no Marco de Freande que dirixía o procurador
do xeral da cidade, Juan Ramón de la Barcia.
Máis aló do seu
interese patrimonial o Alto dos Cubos é un excepcional miradoiro sobre a cidade
de Tui e o val do río Miño.
Biblioteca do
Seminario Menor
Logo da fundación
do Seminario Concilar, no ano 1850, no antigo convento franciscano de San
Antonio, polo bispo Francisco Casarrubios Melgas xa existe unha biblioteca, que
amplía o seu sucesor o tudense Telmo Maceira Pazo, acordando para elo o
traslado da escola publica ata daquela neste lugar á un inmoble na actual rúa
Sanz. Os libros do bispo Maceira e os fondos do mosteiro de Oia enriquecen a
colección bibliográfica.
En 1945 o bispo
Fr. José López Ortiz amplía o Seminario sendo desmontada a biblioteca e
trasladada a súa actual localización. En 1959 co traslado da sede episcopal a
Vigo ficaron en Tui, logo da oposición do concello ao traslado da biblioteca, o
fondo histórico e de humanidades.
Hoxe é un espazo
cheo de sabor, testemuño da intensa acción educativa e cultural desenvolvida
dende o Seminario ao longo destes 172 anos de presenza na nosa cidade.
Pazo de San Xosé
de Vista Alegre, Randufe
Posiblemente a
residencia pacega máis recoñecida de Tui, xunto á Pousa das Sobreiras ou do
Bispo. Segundo Suso Vila a súa orixe está a comezos do século XVIII e un vello
escudo coas armas dos Padilla o relaciona posiblemente o cóengo Martín Padilla
ou o licenciado Gerónimo de Padilla, provisor e vigado xeral de Tui.
A mediados do
século XVIII é mercado polo fidalgo D. Fernando Pérez Escudero, rexedor da
cidade en 1755. No século XIX pasa a máns da familia Maceira, que instalan no
lugar una factoría industrial, na que traballa como xerente Jose Benito Lago
Maceira, que acaba mercando o propio pazo. Casado con Carlota González,
son os pais de Manuel Lago González, o egrexio eclesiástico tudense. Será a súa sobriña, Carlota Lago, que
acabe sendo propietaria do pazo e xunto ao seu esposo, o construtor Rodolfo
Lama, realizaron unha rehabilitación integral deste inmoble.
Conserva aínda
dúas coxías ou corredores de liñas austeras da súa estrutura orixinal,
enriquecida logo con dúas solainas con amplas balaustradas e finalmente coa
torre realizada na reforma do século XX que tamén afecta a súa capela. Posúe
un amplo xardín de carácter romántico.
Comentarios
Publicar un comentario