Ir al contenido principal

Cantares tudenses para o Día das Letras Galegas 2025

Resulta feliz a iniciativa da Real Academia Galega de dedicar neste ano 2025 a celebración do Día das Letras Galegas á poesía popular oral, ás cantareiras, reivindicando, en palabras da propia Academia, dous esteos fundamentais da lingua e da cultura de noso: o legado de tantas mulleres do pobo que, coma as que protagonizan estas Letras colectivas, foron principais creadoras e transmisoras da poesía popular oral  mais a súa continuidade en novas voces, que abren á tradición e á lingua novos e exitosos vieiros creativos.

En “Tudensia” temos reivindicado en numerosas oportunidades a potencialidade da nosa cultura tradicional ao ser un elemento vital na construción da identidade e o desenvolvemento dun pobo. A través dela, transmítense valores, tradicións, costumes e coñecementos de xeración en xeración, o que permite consolidar unha identidade propia e única.

Músicos en Tui na rúa Pracer, ano 1925. Fotografía de Gonzalo Gutiérrez. 

Esta cultura tradicional é un acervo que resulta da creatividade, a imaxinación e a experiencia dos nosos ancestros que se reflicte nas súas manifestacións artísticas, relixiosas, lingüísticas, culinarias e en calquera outra expresión que lle dea sentido á súa existencia. Por tanto, a cultura popular é un patrimonio inmaterial que debe ser valorado e preservado.

Un valor engadido da cultura popular na actualidade estriba en ser unha forma de resistencia fronte a homoxeneización cultural e o proceso de globalización que esvaece as diferenzas culturais. A través dela, pódense atopar as raíces dun pobo e a súa conexión coa súa contorna, a súa historia e a súa identidade. Ademais, a cultura popular é un elemento de cohesión social e de integración comunitaria, un tesouro que temos a responsabilidade de coidar e transmitir.

Velaí a oportunidade desta celebración que pon o foco na poesía popular, nos cantares tradicionais da nosa terra que expresan a riqueza da cultura galega, da cultura das nosas xentes. No caso de Tui, a condición “vilega” dos seus cidadáns provocou unha diglosia que aínda chega aos nosos días e, consecuentemente, unha perda progresivamente acelerada do uso da nosa lingua entre moitos dos nosos conveciños que implica tamén unha redución substancial do seu caudal léxico, dos seus coñecementos da nosa tradición cultural.

Hoxe co gallo desta celebración recollemos algunhas destas expresións da poesía popular recollidas nas terras de Tui, ao tempo, que expresamos a urxente premura en abordar unha recompilación destas expresións culturais pois a súa conservación vai ligada inevitablemente á existencia dalgunhas persoas, especialmente mulleres, que son auténticos tesouros vivos pois lembran numerosos destes cantares, poemas, refráns, ditos, etc, seráns e fiadeiros, muiñadas, labradas, vendimas e romarías...  

Ao amplo tecido asociativo existente especialmente nas diversas parroquias do noso territorio cábelle especialmente a responsabilidade fundamental na recollida destes inxente acervo cultural que no enriquece e identifica como comunidade promovendo o sentido e orgullo de pertenza.

Nos sumamos pois a este “cantar que nunca acaba”, esta creatividade popular que se expresa neste cantos e que recupera o papel das mulleres na transmisión desta formas culturais e do uso la lingua ao longo do séculos.

Feliz Día das Letras con esta escolma mínima de cantares das terras de Tui:

 

Xa que non cantas nin bailas,

que ves facer o serán,

a oir canto lampadas,

para podelas contar mañán.

 

O noso amo de hoxe,

é un amo de alegría,

pois prometeunos con dar auga,

e deunos viño todo o día.

 

Ladran os cans ahí fora,

non se sabe quen será.

Os que onte non viñeron,

esta noite si vendrán.

 

Copla de Randufe recollida en Anécdotas e vivencias de Tui e comarca. Tui, Asociación Provincial de Amas de Casa e Consumidores “Rías Baixas”, 1998.

 

Señor mio Jesucristo,

Don Eladio anda no pisco.

Dios e hombre verdadeiro,

na compañía do Ligero,

e lle di o Xesusiño

o sair da sacristia,

si eu lle fago falta

eu tamén vou de espía.

E lle dice o sancristán.

¡Si o sabe o capitán!

 

Se cantaban estas coplas entre as mulleres lavando no río recollida en Anécdotas e vivencias de Tui e comarca. Tui, Asociación Provincial de Amas de Casa e Consumidores “Rías Baixas”, 1998.

O Gaiteiro de Guillarei. Fotografía de Francisco Zagala, c. 1900. Do arquivo do Museo de Pontevedra.


As de Pazos de Reis, boas mozas,

as das Bornetas, xubiletas,

as de Areas, chacarelas,

as de Randufe, a flor delas.

 

Miña nai por me casar,

prometeume boi e vaca,

despois de me ver casada,

deume unha taza de papas.

 

As señoritas de Tui,

dicen que non beben viño,

e de baixo da cama,

teñen o xarro escondido.

Recollida esta cantiga en Anécdotas e vivencias de Tui e comarca. Tui, Asociación Provincial de Amas de Casa e Consumidores “Rías Baixas”, 1998.

 

Alberto Romero recolle esta cantiga relacionada coa capela de San Fins, en Rebordáns nas abas do Monte Aloia no seu libro Dende o monte Aloia:

San Fins queridiño

es moi milagreiro

leváronte para Portugal

e quedou este recanto baleiro.

 

Imos a Portugal

o día da túa romaría,

estaremos ó teu carón

ata que se acabe o día.

 

O San Fins que temos eiqui

é tan bo como o de Portugal

este está feito de pedra

e o deles doutro material.

 

San Fins da nosa terra

sempre te agardaremos

esta é a túa casa

e non te esqueceremos.


Rondalla de Malvas, 1969. Tomada do libro "Memorias dun pobo Santiago de Malvas
e as súas xentes" de Raimundo Martínez
 
Unha das celebracións anuais que conserva numerosas coplas e cantigas son as festas de Nadal, coas panxoliñas e os tradicionais aguinaldos, cos que se recorrían as casas da parroquia para felicitar as festas e na procura dalgún pequeno agasallo. Desde ciclo festivo destacan especialmente os cantos de reis interpretados polos populares ranchos:

Vide santos Reis

e veredes e mellor xoia un Meniño

como un brinquiño

tan bonitiño

que é nacer nubrou o sol.

 

Camiñade santos Reis

por camiños desviados

que por camiños reais

Herodes mandou soldados.

 

Taédelle cousas

de Oriente para El,

que eu levo axiña boliños no pote

e leite con mel.

 

Outra das datas que concentraba numerosas expresións desta poesía popular nas terras tudense era a celebración dos “Maios” que chegou ata o ano 1964.

No ano 1961 resultou gañador o maio presentado polo grupo “D’os Coreanos” do Fogar Padre Salvado, esta mesma agrupación cantaba as súas coplas tituladas “Criticando, criticando”, moi propias do espírito crítico da festa, con letras como as seguintes:

 

Este noso maio

e mui bonitiño

pois temolo feito

con moito cariño

 

Feito pra animar

a esta boa xente

que solten perriña

e Dios a conserve.

 

Se tiramos do novelo

moito podemos falar

c’as cousas do Municipio

que sacamos a airerar.

 

Falaremos suave

pra non molestar

daremos unha d’area

de despois outra de cal

 

Estamos muy contentiños

cos proyeutos d’este Alcalde

imos ver si será un feito

ou será falar de balde.

 

A os que o rodean

sacúdeos ben

teñen qu’andar dereitiños

e depresa como un tren

 

Nosas comunicacións

funcionan como lle cadra

o teléfono e correos

e os coches que son tartanas

 

Si queres viaxar

hasta Pontevedra

tes que facer máis trasbordos

que para ir a Venezuela.

 


O máis importante investigador da cultura popular tudense foi Manuel Fernández Valdés  que no seu traballo “Juegos infantiles en la comarca de Tuy” publicado na Revista de Dialectología y Tradiciones Populares no ano 1952, publica estas cancións de berce recollidas nas parroquias tudenses:

Durme neniño

que ven o cocón

a levar os nenos

que non durmen non.

 

Durme, meu ruliño durme,

que si non doute no cu,

que morran os vellos todos

e quedamos eu mais tu.

 

Ora, meu neniño, ora,

si non queres calar chora,

teu pai vai no muíño

túa nai na herba seca,

ora, meu neniño, ora,

non hai que che dea a teta.

 

Pedro Chosco meu amigo

que me ven a visitar.

cando Pedro Chosco ven

horas son de me deitar.

 

O meu neniño ten sono,

e ten ganas de durmir.

Ten un olliño fechado

i-o outro non-o pode abrir.

 

Este neniño que teño no colo

chámase Amaro, Manuel, Antonio.

Dios que m-o deu que m-o crie logo

pra non andar co-este neno no colo.[1]

 

Na mesma publicación Fernández Valdés recolle estoutra cantiga:

Touporroutou, ¿pra donde vas vella?

Touporroutou, para Redondela.

Touporroutou, ¿que vas buscar?

Touporroutou, unha area de sal.

Touporroutou, ¿pra que é o sal?

Touporroutou, pra votarlle ao caldo

Touporroutou, ¿pra que é o caldo?

Touporroutou, par darlle a galiña

Touporroutou, ¿pra que é a galiña?

Touporroutou, pra poñer o güevo.

Touporroutou, ¿pra que é o güevo?

Touporroutou, pra darlle ó cura.

Touporroutou, ¿pra que é o cura?

Touporroutou, pra decir a Misa.

Touporroutou, ¿pra que é a Misa?

Touporroutou, pra ir todos o cielo.

 

Poderiamos ampliar a escolla de novas expresións poéticas populares a través, por exemplo, dos cantos de taberna hoxe en proceso de recuperación en numerosos lugares, ou das regueifas, os seráns e tantos outros lugares e acontecementos que atopan no canto a súa manifestación principal.

Esta mínima escolma recollida apresuradamente expresa a potencialidade desta cultura tradicional que, reiteramos, cómpre recoller con urxencia. Lamentamos, con todo, non dispor de fotografias antigas das auténticas protagonistas desta xornada e deste acervo patrimonial, as cantareiras.

Que este cantar nunca acabe!

 

Comentarios

Publicación populares

A fábrica de galletas "La Peninsular"

Temos sinalado neste blog en diversas oportunidades o descoñecemento que posuimos da historia contemporánea de Tui fronte a outros períodos históricos moito mais investigados que a nosa historia mais recente. Aspectos como a vida política tudense na primeira metade do século XX seguen esperando un achegamento como tamén os procesos e dinámicas socias desenvolvidos no noso territorio. Hoxe ofrecemos en Tudensia un post sobre a fábrica de galletas “La Penínsular” que abrangue case medio século da vida económica tudense. Achegamos a información ofrecida polo profesor de historia económica da Universidade de Santiago de Compostela, Angel Ignacio Fernández González, no seu blog “Galicia Agraria” nun documentado post sobre a industria de galletas en Galicia nos principios do século XX. Aportamos a rica e moi completa información que achega profesor Fernández algunha pequena referencia da nosa autoria colocadas como notas. http://galiciaagraria.blogspot.com.es/2012/03/gall...

A lenda do túnel baixo o MIño

As lendas ou narracións populares, transmitidas oralmente, relatan xeralmente acontecementos ficticios que se teñen por reais, en moitas ocasións mesturados con feitos históricos. Pola súa capacidade de evocación, pola súa transmisión xeracional as lendas conforman un acervo do que chamamos patrimonio inmaterial que cómpre recoller e preservar. Na nosa cidade conservamos varias lendas vencelladas ao caracter histórico da nosa localidade, ao seu caracter fronteirizo e consecuentemente a súa fortificación fronte aos posibles invasores. A máis asentada no imaxinario colectivo tudense é a relativa ao “túnel” que comunica Tui coa outra beira do Miño, coas terras de Valença. Resulta moi significativa esta lenda pois testemuña como na mentalidade dos tudenses a fronteira e a súa condición de limite, de aillamento fronte ao estranxeiro era superada polas nosas xentes que a través do túnel escapaban destas “imposicións” e mantiñan a comunicación coas terras irmáns que as estructuras políticas ...

Agrarios tudenses en "El Agrario" de Buenos Aires de 1923

Fundadores da "Sociedad Agraria" de Paramos (en pose para El Agrario) De esquerza a dereita b(en pé), cidadáns Hermenegildo Gándara Estévez e Manuel Alem; sentados Simplicio Fernández Rivas, Hermenegildo Alem Rocha e Jesús Fernández Rivas Temos comentado en numerosas oportunidades neste blog o escaso coñecemento que posuímos sobre a historia mais recente do noso concello. Entre os episodios que conforman este período histórico máis recente está o movemento agrarista que na última década do século XIX e nas primeiras do pasado século mobilizou aos labregos de Galicia na procura do acceso á propiedade da terra (ata daquela os nosos campesiños eras foreiros, tiñan o usufructo inmemorial dunhas leiras que non eran súas) e consecuentemente a mellora das condicións de vida destas masas populares. Será o movemento agrarista o que adquira neste anos un progresivo protagonismo fronte ao caciquismo conservador que dominaba a vida política da comarca de Tui coa figura ...

A Semana Santa tudense e as súas posibilidades

Xa na noite do Venres Santo xorde de novo unha reflexión sobre a Semana Santa tudense, pois quizais na nosa cidade non chegamos albiscar as súas potencialidades como elemento que forma parte do noso acervo patrimonial que temos a responsabilidade de conservar, sen privala da súa dimensión relixiosa, e dende esta valorización é tamén un posible recurso turístico para Tui, pois poucos lugares de Galicia teñen unha riqueza similar nestas xornadas. Neste mesmo blogue temos sinalado que inmediata celebración das festas patronais de San Telmo distorsiona a visión destas xornadas de celebración do misterio pascual de Xesús, configuradas como un preludio das festas e, consecuentemente, infravaloradas non xa na súa dimensión espiritual senón na súa significación cultural. Cómpre valorizar as actividades litúrxicas ou para-litúrxicas destas datas, pois, independentemente da súa significación relixiosa ou espiritual, conservan requintadas expresións da nosa historia colectiva da que somos...

"A Trapa" a segunda cova granítica máis grande de Europa descoberta en Ribadelouro

O pasado sábado 9 de abril nunha conferencia pronunciada en Tui Clube Espeleolóxico “Maúxo” presentou un descubrimento certamente importante: “A Trapa” a segunda cova granítica máis grande de Europa, que se atopa na parroquia de Ribadelouro nas abas do Monte Aloia. Un descubrimento de especial relevancia para a xeoloxia e para a arqueoloxia da nosa terra, e que incrementa o valor que sa posuía esta zona inmediata ao Parque Natural do Monte Aloia. Cómpre agora impulsar o proxecto de ampliación territorial deste Parque abranguendo a Serra do Galiñeiro –por certo, ameazada na actualidade pola prevista instalación dun parque eólico-. Felicitamos ao Clube Espeleolóxico “Maúxo” polo seu labor e por aportarnos este relevante descobrimento. Achegamos un artigo publicado no día de onte na edición Galicia de “El País” como información sobre este achado. Una trampa de 1.200 metros Expertos descubren la segunda cueva más grande de Europa en O Galiñeiro SARA VILA - Santiago - 21/04/2011...

Ricardo Blanco Cicerón

O pasado martes 15 de decembro foi inaugurada no Museo do Pobo Galego, en Santiago de Compostela, unha exposicion que co titulo de “Olladas dunha época” recolle unha escolma das fotografias do chamado “Fondo Blanco-Cicerón” que se custodia no devandito Museo. Como podemos comprobar na portada do catálogo que acompaña a este “post” a cidade de Tui é unha das protagonistas desta mostra que amosa unha selección das fotografías que conformaban a colección de Ricardo Blanco-Cicerón (Tui 1844 – Santiago 1926). Son na súa meiranda parte instantáneas da época do cambio de século, entre 1890-1910, e que respostan ao interese coleccionista de D. Ricardo que conformou ao longo da súa vida a, posiblemente, a máis ampla colección de caracter cultural que teña existido en Galicia: obxectos prehistóricos, artísticos, etc. que nutren hoxe en boa medida os museos da nosa terra. Esta mostra organizada conxuntamente polo Museo do Pobo Galego e o Centro Galego de Artes da Imaxe poderá ser visitada ...

Yzquierdo Durán, ilustrador tudense. Breve noticia.

Jose Yzquierdo Durán foi un popular ilustrador que radicado en Madrid realizou, nas primeiras décadas do século XX unha prolífica producción en todo tipo de publicacións, tanto periódicas como en libros. Son moi escasas as noticias sobre a súa traxectoria que poidemos acadar non así imaxes da súas obras, que ocupan as portadas de numerosas edicións das segunda e terceira décadas do pasado século. O erudito Manuel Fernández-Valdés no seu excepcional libro “Familias antiguas de Tuy” nos informa que Jose Izquierdo Durán era fillo do avogado tudense José Izquierdo Sarmiento, que foi secretario do Concello tudense, e de Concepción Durán Mera, dunha familia de longa tradición na cidade. Tiveron tres fillos, Celso, que foi crego ocupando, entre outras, a parroquia de Piñeiro, Pilar, que foi directora moitos anos do “Hogar Rosendo Salvado” dependente do Auxilio Social nos anos da ditadura, e José, de quen hoxe nos ocupamos. José Izquierdo Durán naceu en Tui no anos 1890 e desenvolveu en Madrid...