lunes, 21 de diciembre de 2009

Ricardo Blanco Cicerón


O pasado martes 15 de decembro foi inaugurada no Museo do Pobo Galego, en Santiago de Compostela, unha exposicion que co titulo de “Olladas dunha época” recolle unha escolma das fotografias do chamado “Fondo Blanco-Cicerón” que se custodia no devandito Museo.
Como podemos comprobar na portada do catálogo que acompaña a este “post” a cidade de Tui é unha das protagonistas desta mostra que amosa unha selección das fotografías que conformaban a colección de Ricardo Blanco-Cicerón (Tui 1844 – Santiago 1926). Son na súa meiranda parte instantáneas da época do cambio de século, entre 1890-1910, e que respostan ao interese coleccionista de D. Ricardo que conformou ao longo da súa vida a, posiblemente, a máis ampla colección de caracter cultural que teña existido en Galicia: obxectos prehistóricos, artísticos, etc. que nutren hoxe en boa medida os museos da nosa terra.
Esta mostra organizada conxuntamente polo Museo do Pobo Galego e o Centro Galego de Artes da Imaxe poderá ser visitada na nosa cidade a partires do 20 de febreiro na Sala Municipal de Exposicións do Concello de Tui.
Aproveitamos esta oportunidade dende “Tudensia” para recuperar a memoria deste egrexio tudense, hoxe case esquecido na nosa cidade. Pertencía a unha familia con prosapia e que tiña o seu solar na, antigamente, chamada rúa dos Afolies (en referencia a que neste lugar atopábanse os alfolíes ou almacens de sal), hoxe coñecida como rúa Tide, na popularmente denominada “Casa Negra”, onde aínda se conservan as armas dos Cicerón e Centeno na súa maxestuosa fachada.
Neste lugar naceu un 27 de outubro de 1844 Ricardo Blanco Núñez, aínda que posteriormente adoptaría o uso dos apelidos parternos, Realizaou estudos de Dereito en Compostela e retornando a cidade miñota foi Primeiro Tenente de Alcalde, entre 1877 e 1879 e forma parte de divcrsos colectivos relixiosos e sociais de Tuie bisbarra. Citaremos, por exemplo, a Confaria do Doce Nome de Xesús e Santa Casa de Misericordia tudense ou da Sociedade “Pro-monte de Santa Tecla” na vila da Guarda. A sua profunda relixiosidade levouno a colaborar en numerosas iniciativas deste caracter, como, por exemplo, a súa doazón de 500 reais para a construcción da Cruz Xubilar no monte Aloia como homenaxe a Cristo Redentor, inaugurada o 27 de maio de 1901.
En Tui foi especialmente devoto de San Telmo a cuxa confraria pertencia, devoción que mantivo ao longo da sua vida, como queda acreditado pola importante doazón que fixo en 1895 á Confraria de San Telmo, que vivía especiais dificultades naquel tempo segundo estudou Suso Vila. Esta achega estaba conformada por diversos obxectos para a Capela do patrón: un “Vía Crucis” completo, a imaxes do Sagrados Corazóns de Xesús e María, duas arañas de crsital, unha pequena lampada de prata para o altar maior, des libras de cera para o Monumento de Xoves Santo e unha importante achega económica para sufragar a nova imaxe procesional de San Telmo, que sería entrega en 1897. Amáis, en 1900, Ricardo Blanco Cicerón financia e doa o estandarte da confraria de San Telmo, realizado en Lyon en seda con fio de ouro.
En 1880 trasládase a Santiago onde casa con Herminia Garcia de la Riba exercendo como avogado acadando grande sona e prestixio. Tamén en Compostela forma parte de numerosas sociedades: da Sociedade Económica de Amigos del Pais, dende 1884; membro non numerario da Real Academia Galega; confrade da selecta confraria do Rosario compostelá. Tamén participou en importantes negocios e proxectos de caracter económico: socio do Banco Simeón, entre 1918 e 1921, tesoureiro da Xunta da Caja de Ahorros-Monte de Piedad de Santiago.
O historiador tudense, Manuel Fernández-Vades conta no seu libro “Familias antiguas de Tuy” que Ricardo Blanco Cicerón tiña casado cunha curmá do empresario Simeón Garcia Olalla de la Riva e que conformou un holding empresarial que ten chegado ata o ano 1983. “Cuenta una anécdota que D. Ricardo fue muy gastador en su juventud, liquidando en poco años, por especulaciones no siempre afortunadas y sobre todo por su aficción a las antigüedades, el saneado capital heredado de sus mayores. Don Simeón García, deseando enmendarle y a la vez aprovechar las grandes dotes de que estaba adornado, le nombró apoderado de la importante casa comercial de su nombre, encomendándole la administración de los cuantiosos capitales que representaba. Don Ricardo, abrumado por esta prueba de confianza, hizo honor a la misma y bajo su administración la Casa Simeón llegó al grado de prosperidad que todos conocemos.”
Blanco Cicerón caracterizouse pola súa ideoloxia carlista, aínda que no seu sector máis moderado, era sensible á problemática dos labregos e especialmente á nacente crase obreira, e promoveu e apoiou iniciativas como a “Sociedad Unión Obrera Benéfica e Instructiva Regional de Santiago” que promovia un seguro medico para os traballadores asi como a súa instrucción educativa e relixiosa.
Como tantos outros carlistas moderados da súa época –sirva o caso do bispo tudense Manuel Lago González- tiña unha importante conciencia de caracter galeguista que reflictese amplamente na súa faceta de coleccionista. Sin dubida que este labor de Blanco Cicerón foi a sua grandísima contribución á cultura de Galicia pola que merece ser lembrado e valorado. Como sinalan Belén Sánchez Chás e Fernando Acuña Castroviejo “Ricardo Blanco Cicerón non estaba movido únicamente pola intención de acumular obxectos antigos e valiosos senón que, reunindo eses obxectos, pretendía contribuir á difusión, conservación e posta en valor do patrimonio cultural galego”.
Aínda fica por facer a relación completa da súa colección que, agás un mosaico román procedente de Panxón que foi vendido nunha poxa pública, está actualmente en diversos museos de Galicia. Sinalar amáis que o propio Blanco Cicerón fixo doazón de pezas concretas ao museos catedralicio e arqueolóxico de Ourense ou ao Museo de Santa Trega. A sua impresionante colección de ourivaría, especialmente castrexa, foi mercada por Álvaro Gil Varela, e hoxe forma parte do Museo Provincial de Lugo. O Museo de Belas Artes da Coruña conserva as súas pezas de mobiliario e o Museo Arqueolóxico e Histórico do Castelo de San Antón a súa colección de glíptica. Pola súa banda, o seu fondo numismático e medallístico, con máis de cinco mil pezas, está gardado no Museo de Pontevedra. No Museo das Peregrinacións de Santiago está a súa colección de acibeches e outras pezas de temática xacobea. No Museo da Catedral compostelá diversas pezas petreas, que estaban no seu xardín, e que formaban parte do conxunto catedralicio. O seu arquivo documental, incluido o material fotográfico, áchase no Museo do Pobo Galego, coa excepción da documentación referida ao carlismo depositada no Arquivo Histórico Universitario de Santiago de Compostela.
Xa con esta breve enumeración acertamos a intuir a riqueza e amplitude do seu labor coleccionista. Deste interese pola nosa cultura xorde o imparte papel que desempeña na organización da Exposición Regional de 1909, celebrada en Santiago. Blanco Cicerón era integrante da súa Comisión Xestora, vice-presidente da sub-comisión de obras e da sección de arqueoloxia., salientano o seu traballo na escolma de obxectos expostos neste certame do que cumprimos o seu centenario.
Ricardo Blanco-Ciceron morre en Santiago o primeiro de agosto de 1926, sendo soterrado no cemiterio de Bonaval da capital de Galicia.

No hay comentarios:

Publicar un comentario