Ir al contenido principal

Un poema en galego de D. Basilio do ano 1957

A figura de D. Basilio, cóengo maxistral na catedral tudense e profesor durante varias décadas no Instituto San Paio, continua a ser lembrada por moitos tudenses pola súa erudición, especialmente no que atinxía á historia da nosa cidade como pola súa singular personalidade.

Neste blog conmemoramos hai algúns anos o centenario do seu nacemento, o 14 de abril de 1911, (https://tudensia.blogspot.com/2011/04/hoxe-centenario-do-nacemento-de-don.html) reproducindo un breve artigo publicado no libro das festas de San Telmo dese mesmo ano 2011.

Sinalabamos daquela que era unha persoa sumamente austera, todos o lembramos coa “teja” cubrindo a súa cabeza, a súa faciana morena, sempre vestindo unha raída sotana, fumando os “bisonte” sen boquilla que ofrecía a cantos a él se achegaban, a súa conversa sempre mesturada con referencias teolóxicas. Case todas as tardes, primeiro pedaleando na súa bicicleta, e anos máis tarde sobre a súa vella mobilette (algún día tivo de ser nova pero a miña lembranza non acada tanto), cun crucifixo pendurado no “manillar” e detrás a súa cana de pesca, encamiñábase cara a Ribadelouro, tomándose unha parada nas ribeiras do Louro –cando aínda era posible- ou do San Simón para tentar sorte na pesca.

D. Basilio González Domínguez, que chegou a cóengo maxistral do cabido da catedral tudense, posuía amplos coñecementos non xa teolóxicos -como corresponde a súa función canónica- senón sobre historia e cultura -especialmente de Galicia e de Tui- pero nomeadamente da nosa cultura popular ou tradicional. Resulta paradoxal o reducidísimo número das súas publicacións. Hai referencias a que publicou unha obra titulada “Quince lecciones de geografía e historia diocesana” pero, ata o momento, carecemos de noticia algunha desta obra que non temos localizado. No ano 1984 a Confraría tudense de San Telmo edita unha sinxela “Biografía ascética de San Pedro González Telmo”, dedicado ao patrón de Tui a quen D. Basilio tíñalle particular querencia; obra reimpresa posteriormente en 2002.

Os seus escrito coñecidos se completan con algún pregón das festas santelmianas, por exemplo en 1956, 1962 e no ano 1975. Se conservan diversos escritos seus na revista escolar “Tuy, publicación del Instituto Laboral” editada neste centro docente cuxo primeiro número data de 15 de maio de 1952. Este centro de ensino medio e profesional na modalidade agrícola e gandeira, creado por Decreto de 19 de marzo de 1950, recupera o ensinanza media en Tui logo da clausura no ano 1939 do Instituto de Segunda Enseñanza tudense. D. Basilio formará parte do claustro deste centro como profesor de formación relixiosa dende outubro de 1956.

Nesta publicación D. Basilio realiza varias colaboracións escritas:

-        “El Instituto Laboral visto por un sacerdote de la comarca” (nº1, maio 1952, p. 5)

-        “Consejos ante la fiesta del monte de San Julián” (nº3, xullo 1953, p. 1)

-        “San Pedro González Telmo, pregón: oid...oid...oid...” (nº8, abril 1956, p.1)

-        “Las aldeas de Tuy y su semana santa”(nº 9 e 10, abril 1957, p. 19).

Neste último artigo, que D. Basilio asina como profesor de relixión, xunto a un texto sinxelo e redundante con escaso contido, figura un poema que adoitamos titular “cruceiro” que posúe moito máis interese. En primeiro lugar por estar escrito en galego no ano 1957 e por recoller nos seus versos a tradición popular e expresar un alto grado de coñecemento, e mesmo identificación, coa tradición que conservan as nosas xentes. Velaí como neste poema D. Basilio González Domínguez amosa as súas orixes, as súas raíces, nas terras de Ribadelouro -que eran a súa principal referencia vital- e o seu coñecemento sobre as cantigas populares que toma como modelo para estes versos.

Avelino Bouzón, no seu blog tras unha conversa con Mercedes Domíngez, irmá de D. Basilio, sinala que este poema está dedicado ao cruceiro de San Simón, que data no século XVI, localizado na parroquia natal de Ribadelouro[1].

Na expresada publicación o poema vai acompañado dunha fermosa ilustración realizada Gonzalo Álvarez Besada, tudense, profesor de debuxo e daquela director deste Instituto Laboral “San Paio” (denominación adoptada no ano 1952) e alcalde da cidade entre xullo e outubro dese ano 1957[2].

Teño o convencemento que se conservan, en arquivos persoais e familiares de moitos tudense, notas manuscritas de D. Basilio González que paga a pena recuperar e divulgar, pois a súa erudición e coñecementos outórganlle un apreciable valor[3]; tamén é de supoñer na súa biblioteca e arquivo persoal hoxe en destino ignoto.

¡Cruceiro d’a miña Terra,

Todo él polido de pedra!

¡Cruceiriño d’o lugar!

¡Emparo d’os nosos campos!

¡Cariño d’o carreteiro!

¡Alegría d’o meu eido!

¡Arrulo d’o meu cantar!

¡Meu cruceiro! ¡así erguido!

¡N-os valados e carreiros,

Pra non torcer o camiño!

¡Sempre acenando co’a man!

 

C’o teu murgo verdecente,

C’os teus brazos extendidos

¡Todos somos uns valentes!

Nin hay horta nin enxido

Sin a tua bendición.

¡Cómo medran nosos millos!

¡Qué ben moen os moiños!

¡Qué frescor sobe d’o río!

¡Cómo aquenta o noso sol!

 

Cando de noite, n’o escuro,

Te vexo n-este camiño,

Perdo medo ¡cruceiriño!

E rompo n-um “alalá”,

Fago a venia, me presino,

Y-o meu cantar vagariño

Paréceme un paxariño

De pola en pola, que brinca

N-o arboreda d’o lugar.

 

Y-aquela moza garrida

Qu’espertou n-ontronte à noite

Co-a cantiga máis bonita

Qu’eu xamais oin cantar.

 

Aquela boa mociña

Que paralou à noitiña

(¡Solo hasta as Avemarías!)

N-o cruceiro c’o galán,

Non ten malos pensamentos

(Que ha de tel-os…!),

¡Nin precisa xuramentos!

Que as palabras n-un cruceiro

Ten o mismo valimento

Que si foran n’un altar…!

 

¡Miña santa crus de pedra!

Criàmonos de pequenos,

Brincamos aquí de nenos,

Aquí mesmo xunta ti.

De mozo fun ô servicio,

Y-o meu adiós derradeiro

(¡Ti sírvesme de testigo!),

Foy alá n-aquel outeiro

C’as bagoadas n-os ollos,

Hasta que te xa non vin…!

 

¡Ay, estes cruceiros nosos!

Entre silvas e loureiros,

Que fan d’o lugar igrexa,

E d’os campos fan mosteiros,

¡Son a bendición de Dios!

Danme noxo as carreteras,

Muy direitas, ¡ay! que lisiñas,

¡Mais… sin frores nin herbiñas!,

¡Sin estas cruces de Dios!

¡Ven a min, camiño vello!

Con lamas e pedregullos,

Arrimado ôn estadullo,

¡Que a gusto rezo al Señor!

 

Xunta a ti rezou mi padre,

Fixo promesas mi madre,

Namoraron meus abôs,

Xunta ti brinquei de neno,

Aquí aprendín a “Salve”

E chorey, cando de mozo,

Tiven que dicirche ¡Adios!

¡Cruceiro! ¡Santo cruceiro!

Sempre che tiven cariño

Pero… dind’aquela tarde,

Que n-as pedras d’o carreiro

Baixaron, moi amodiño

A Caixa d’o noso pay,

Eu non sey que tês, cruceiro,

Que aunque veña n’unha festa

Ou de beillar n’o torreiro,

Ô verte… ¡rompo a chorar!

 

¡Benia a este cruceiro erguido!

C’un brazo cubrindo os berces

E co outro bendicindo

O camposanto querido

D’a nossa Terra Cristián.

 

¡Cruceiro! ¡Noso cruceiro!

Sempre así os dous xuntiños!

¡Como dous bos compañeiros!

¡Pol-a vida n’os camiños

Abrazados sempre os dous!

E cando s’achegue a morte,

Que nos colla apretadiños.

¡Dinde eses brazos de pedra,

Que gusto, meu cruceiriño!

¡que gusto voar a Dios…!

 

Basilio González Dominguez

 



[2] Gonzalo Álvarez Besada ben merece unha lembranza neste blog pola súa traxectoria profesional, pero especialmente pola súa calidade como debuxante, ao igual que o seu irmá Jaime..

[3] Neste mesmo blog nun post sobre o traxe tradicional publicamos unhas notas manuscritas cedidas por Emilia Alonso González de grande interese: https://tudensia.blogspot.com/2021/03/o-traxe-das-terras-de-tui.html


Comentarios

  1. Moitos recordos, e Bos, de don Basilio, como meu profesor de relixión nos anos de Bacharelato no instituto San Paio (hoxe Área Panorámica). E recordó como nos daba "corrente", cun experimentado toque infalible, tocándonos o codo. E aínda que algúns o practicabamos, non conseguíamos resultados.

    ResponderEliminar
  2. Yo pasé 6 años de mi vida en el Instituto Laboral "San Pelayo" (1965-1971) y jamás leí o escuché que se llamara "San Paio" en aquel entonces. Seamos rigurosos, lo de San Paio vino después.

    ResponderEliminar

Publicar un comentario

Entradas populares de este blog

A fábrica de galletas "La Peninsular"

Temos sinalado neste blog en diversas oportunidades o descoñecemento que posuimos da historia contemporánea de Tui fronte a outros períodos históricos moito mais investigados que a nosa historia mais recente. Aspectos como a vida política tudense na primeira metade do século XX seguen esperando un achegamento como tamén os procesos e dinámicas socias desenvolvidos no noso territorio. Hoxe ofrecemos en Tudensia un post sobre a fábrica de galletas “La Penínsular” que abrangue case medio século da vida económica tudense. Achegamos a información ofrecida polo profesor de historia económica da Universidade de Santiago de Compostela, Angel Ignacio Fernández González, no seu blog “Galicia Agraria” nun documentado post sobre a industria de galletas en Galicia nos principios do século XX. Aportamos a rica e moi completa información que achega profesor Fernández algunha pequena referencia da nosa autoria colocadas como notas. http://galiciaagraria.blogspot.com.es/2012/03/gall

Emma Álvarez Besada a primeira tudense doutora en medicina

O legado dunha comunidade está conformado por un conxunto de bens materiais, que adoitamos denominar patrimonio, xunto cun amplo abano de elementos inmateriais que definen o seu carácter e a súa pervivencia no tempo. Entre estes bens intanxibles ou inmateriais ocupan un lugar non menor aquelas personalidades que ao longo do tempo teñen deixado unha pegada perdurable na memoria colectiva ou aquelas outras que, ás veces esquecidas ou non recoñecidas, expresan na súa traxectoria fitos senlleiros para a vida colectiva. Hoxe queremos recuperar dende Tudensia unha desas figuras olvidadas pero que no seu momento histórico tiveron unha pegada significativa na vida social e colectiva da nosa cidade e de alén dos seus termos xeográficos. As novas demandas sociais se expresan tamén na historiografía que investiga aos grupos sociais discriminados ou marxinados nos diferentes momentos do pasado. Retrato de Emma Álvarez Besada, foto da orla da Facultade de Medicina de Madrid, 1931 Unha revis