domingo, 27 de febrero de 2011

A masonería tudense: Triángulo "El Ibérico" en 1907


A historia tudense dos últimos séculos aínda agarda por quen a rescate da indefinición ou da nebulosa onde habita. Contamos certamente con numerosas achegas sobre aspectos diversos dos século XIX e XX pero carecemos dunha visión global que nos permita identificar os movementos sociais e políticos tudenses nestas centurias. Nin sequera posuímos unha visión dos partidos políticos na vida municipal.

Achegamos hoxe un novo aspecto de interese para o discorrer das dinámicas políticas tudenses daqueles anos: a fundación no ano 1907 dunha agrupación masónica na nosa cidade: o Triángulo “El Ibérico”. Unha escasa documentación, catros breves folios, custodiada no Centro Documental da Memoria Histórica, en Salamanca, nos informa sobre a constitución deste agrupación da francmasonería na episcopal cidade tudense.

Na masonería universal denomínase “triángulo” á mais reducida expresión orgánica, e que está integrada por un mestre masón e dous aprendices, en dependencia sempre dunha loxia nai que tutela esta agrupación ata a súa futura conversión, se fose o caso, en loxia.

Cómpre contextualizar a aparición deste grupo masónico no espazo e no tempo. Nos últimos anos do século XX a cidade tudense, que vivía nunha xa alongada crise pois as circunstancias socio-económicas e políticas daquel tempo impedían o seu desenvolvemento, pero era escenario dunha intensa vida social e política, especialmente en oposición ao poderío electoral da familia Ordoñez que controlaba politicamente o distrito tudense. Será a prensa o principal medio de expresión destas correntes políticas, tamén en Tui nas últimas décadas do século XIX e primeiras do XX, saen do prelo diversas publicacións, algunhas de caracter crítico: “El Eco del Miño” (1879-1883), “El Miñoto” (1886), “El Vencejo” (1905-1906), “El Aloya” (1907-1912), “La Opinión” (1908-1910), “La Tetera” (1913-1914), etc.

Desactivado, arredor de 1895, o grupo integrista tudense, que xiraba arredor do xornal tudense “La Integridad” (1888-1925) polo novo bispo Valeriano Menéndez Conde, aparecen tamén os primeiros xermolos do sindicalismo e anóvanse os grupos republicanos, pero que pouco poden fronte o dominio case omnímodo do partido conservador representado por Ezequiel Ordoñez e o seu fillo, que ocupan a representación tudense nas cortes dende 1879 ata 1923.

Neste contexto social e político constitúese nos inicios de 1907 un triángulo masónico denominado “Ibérico”. O documento conservado é a carta desta agrupación tudense pola que solicita ao Gran Oriente Español autorización para o seu funcionamento. Este grupo esta presidido polo avogado, recentemente asentado en Tui, Jesús Rivas Solla, que posuía un alto grado dentro da masonería, o grao 24 (dos 33 que posúe o Rito Escocés) acadado amais nunha das loxias con máis historia da Península, a “Logia Ibérica nº 7” de Madrid. Esta loxia fora fundada co nome de “Luz de Mantua” en 1870 e fusionándose no ano 1889 coa loxia “Hijos del Progreso” toma o nome de “Ibérica”. Acompañan a Rivas Solla na fundación desta agrupación Alfredo Alcaide, como tesoureiro, e Arturo Prieto coma secretario.

Jesús Rivas adopta o nome masónico de “Robespierre”, ilustrativo do seu carácter e tendencia, e polo seu alto grado indica que estamos diante dunha persona cunha alongada experiencia masónica e un importante nivel de compromiso con esta. Arturo Prieto adopta o nome simbólico de “Mito” e Alfredo Alcaide o de “Libertad” e ambos son iniciados por “comunicación”, de seguro que polo seu compañeiro Jesús Rivas Solla que os introduce nos principios masónicos. E conforman un “triángulo” que na masonería é a denominación que regulamentariamente posúe a mínima expresión orgánica, integrada por un mestre masón e dous aprendices, dependendo sempre dunha loxia nai que tutela o proceseo ata a súa futura conversión nunha nova loxia. Proceso que no caso tudense, segundo os datos que coñecemos, nunca chegou a completarse. O nome adoptado polo “Triángulo” tudense “El Ibérico” apunta a unha continuidade coa loxia da que proviña Rivas Solla e apunta, quizais, a unha inquietude iberista, propia dalgúns sectores politicos daquel tempo que preconizaban unha unión dos pobos da Península Iberica.

Segundo nos informa o amigo e historiador, José Ramón Fernández –a quen expresamos a nosa gratitude- “Chucho” Rivas casara en Tui, en segundas nupcias, cunha irmá do coengo tudense M. Uriz, e tiveron unha familia numerosa. Montou unha axencia de aduanas que logo foi mercada polos Estéllez e finalmente ocupou, con xa moitos anos, a vacante de profesor de debuxo no Instituto tudense tras o cese de Benito Prieto Coussent no curso 1936-1937. Foi unha persona moi coñecida na nosa cidade na que participou activamente en numerosas actividades de caracter asociativo, formando parte da Falange logo do golpe militar de Franco. Entre os escasos datos que atopamos arredor da súa traxectoria, é a súa condición de membro correspondente da Real Academia Galega, na nosa cidade no ano 1905 o que lle outorga a condición de fundador desta entidade.

Sen embargo, cómpre investigar mais arredor da súa traxectoria, que pode semellar sorprendente (de masón a falanxista) pero que lembra ás seguidas por outros elementos vencellados ao Partido Radical de Alejandro Lerroux. Segundo os datos da Real Academía Galega morre en Tui en 1911, dato que contrasta coas outras fontes consultadas que sinalan o seu pasamento na década de 1940. Sen embargo existe un amplo expediente personal nos arquivos sobre a masonería, que agardamos consultar e que nos ilustren sobre este personaxe.

Arturo Prieto Pérez, que neste documento se denomina perito mercantil, é o pai do poeta e músico tudense radicado en Buenos Aires, Manuel Prieto Marcos, de quen xa falamos en Tudensia. Residia na rúa Martínez Padín. Sen embargo os datos aportados polo seu fillo nos informan que en 1904 tiña fundado unha escola para nenos e que completaba os seus ingresos levando a contabilidade de varias casas comerciais. Sen embargo unha infección pulmonar acabou coa vida de Arturo Prieto Marcos no 1918 e aos poucos meses coa da súa esposa Tomasa Marcos Romo, natural de Hinojosa del Duero (Salamanca) ingresando os seus tres fillos no orfanato de Pontevedra.

Finalmente, Alfredo Alcaide Burillo, dentista, tiña a súa consulta no Paseo da Corredoira, onda o calexón de San Domingos.

Carecemos doutros datos sobre esta agrupación masónica tudense, mesmo se tivo continuidade chegando a formar unha loxia, aínda que o máis probable é que non tivese continuidade algunha, pois carecemos doutras referencia á masonería na nosa cidade, evidenciando a febleza da francmasoneria na vida tudense contemporánea. Mesmo os integrantes deste “Triangulo” non desenvolven actividade política algunha, pois non os temos localizado nin coma concelleiros. Tampouco podemos desbotarse o importante peso que a Igrexa posúe na nosa cidade, a súa condición episcopal –ocupada daquel por Valeriano Menéndez Conde, un bispo de ideas posibilistas na política pero que acadará importante sona pola súas opinións críticas, especialmente no tema do matrimonio civil, converténdose nun dos máis significados bispos españois- supón un importante factor de presión social sobre movementos como a masonería, rexeitada enerxicamente pola Igrexa Católica.

Máis significativo é este feito ao comprobar como noutras vilas e cidades pontevedresas si houbo loxias masónicas cunha actividade alongada no tempo: Vilagarcia de Arousa, Redondela, Caldas de Reis, A Estrada ou O Rosal, co triángulo Miguel Servet e Caridad nº 99 e a loxia Siete Hermanos nº 187. Con todo, podemos sinalar que a primeira loxia constituída en Galicia foi na cidade da Coruña no 1814, a "Logia Constitucional de la Reunión Española", constituída por francmasones militares galegos, dándolle continuidade á constituída anteriormente en Brest na estadía da armada naquela cidade francesa. En Vigo haberá que agardar a 1870 1870 para que se conforme a primeira loxia, "Hiram Nº 51", impulsada polo Grande Oriente Lusitano. Dita loxia fusionase en 1871 coa recén creada "Oliva" pasando a denominarse "Oliva e Hijos de Hiram Nº 12" dependente do Gran Oriente de España. Os avatares políticos promoverán a prohibición das actividades da masonería en diversos períodos.

Non é intención deste post adentrarse na historia e análise do movemento masónico, tanto polos escasos estudos que existen ao respecto verbo de Galicia, e moito menos nunha valoración ética ou política desta sociedade que se podemos caracterizar por algo é polo seu laicismo militante e polo seu secretismo; promoven a creación dun “humanismo secular”, baseado nas ideoloxías do racionalismo e naturalismo invocando unha utopía dunha nova orde baseada na “liberdade, igualdade e fraternidade”. Son os que denominaban no seu momento como “librepensadores” e que tiveron unha capital importancia na vida social e política dende o século XIX.

De todos os xeitos, seguiremos pescudando nos arquivos e hemerotecas para completar, nun futuro, esta pequena achega sobre a presenza da masonería na nosa cidade. Pasamos pois á ofrecer a transcrición dos documentos xa mencionados:

TRIANGULO “EL IBÉRICO”

Al Gr. Consejo de la Orden

Ilustr. GR. Maestro y Ven. HH. Consejeros

Los masones que suscriben, deseosos de la prosperidad de la Francmasonería y de contribuir a bien de la Humanidad, hemos resuelto organizar una Triangulo en estos Valles de Tuy, provincia de Pontevedra, con el titulo distintivo de “El Ibérico” y adoptamos para nuestros trabajos el Rito Escocés Antiguo y Aceptado, declarando y prometiendo obedecer la Constitución del Grande Oriente Español, sus Estatutos y Reglamentos generales, leyes, decretos y demás disposiciones.

Solo nos falta, Ilustr. Gr. Maestros y Ven. HH., la autorización del Gr. Consejo para constituir el triangulo en forma legal y para obtener dicha autorización os rogamos que os dignéis otorgárnosla.

Recibid Ilustr. Gr. Maestro y Ven. HH. Consejeros, la respetuosa expresión de nuestros fraternales sentimientos.

Trazado en los Valles de Tuy a los diez y seis dias del mes de enero del año 1907

El presidente, Jesús Rivas Solla

El Tesorero, Alfonso Alcaide

El Secretario, Artº Prieto

Lista duplicada de los hermanos el Triangulo “El ibérico”

Jesús Rivas Solla, simb. Robespierre, natural de Redondela, nacido el 16 de marzo de 1854, casado, abogado, vecino de Tuy. Miembro activo de la Logia Iberica nº 7 en los valles de Madrid, posee el grado 24, con titulo expedido el 7 de mayo de 1905 y registrado en el número 376, folio 18. Es presidente del Triangulo

Arturo Prieto Pérez, simb. Mito, natural de Orense, nació el 2 de febrero de 1856, casado, perito mercantil, vecino de Tuy. Iniciado por comunicación con autorización del Gr. Consejo de la orden. Es grado 1º con certificado expedido en fecha. Es secretario del Triangulo

Alfredo Alcaide Burrillo, simb. Libertad, natural de Madrid, nació el 3 de septiembre de 1880, soltero, cirujano dentista, vecino de Tuy, iniciado en la misma forma que el anterior. Es grado 1º con certificado expedido en ----. Es tesorero del Triangulo.

(Documento do Centro Documental de la Memoria Histórica, signatura SE-MASONERIA, A 728.8)

domingo, 20 de febrero de 2011

Centenario das RR. Doroteas en Tui, carta ao director de Mª D. Martínez Gamallo

Conmemoramos nestes días o centenario da chegada á cidade de Tui de dúas congreción relixiosas que fuxindo da persecución relixiosa existente en Portugal logo da proclamación da República –en outubro de 1910- que supuxo, entre ourras medidas, a disolución de todas as ordenes relixiosas e a súa expulsión do país.

Consecuentemente a situación fronteiriza e episcopal de Tui converterón a nosa localidade en lugar de acollida para varias destas congregacións que estableceron en Tui un lugar de reunión para os seus relixiosos portugueses agardando á beira da fronteira o retorno ao seu país.

O 1 de xaneiro de 1911 chegaron a Tui as Monxas Franciscanas “Hospitaleiras” e viente días despois as relixiosas de Santa Dorotea. Ambas continuan aínda establecidas en Tui e integradas na vida da nosa cidade.

María Dolores Martinez Gamallo, compañeira no arquivo municipl de Tui, publica onte sábado 19 de febreiro nas “Cartas ao director” de "Faro de Vigo" unhas liñas en lembranza da presenza das Doroteas en Tui que polo seu interese reproducimos, sumándonos ao recoñecento ao labor exercido por esta congregación entre as xentes de Tui. Axiña publicaremos en “Tudensia” un post dedicado á presenza das “Hospitaleiras” na nosa cidade, tamén de especial significado.

Hace un siglo que llegaron a Tui las RR. de Santa Dorotea

M.ª Dolores Martínez Gamallo

19 de febrero de 2011

Con la revolución de 1910, el gobierno portugués decretó la expulsión de las Órdenes Religiosas. Las M.M. Doroteas, tras la dispersión se asentaron en Tui.
El 21 de enero de 1911 llegaron a nuestra ciudad las 4 primeras religiosas que se hospedaron durante 8 días en el Hotel Moderno, mientras buscaban casa para vivir en comunidad. Esta primera casa estuvo en la Porta da Pía, que pronto les resultó pequeña y pasaron a la calle Ordóñez n.º 21, fundando el Colegio de la S. Familia, de clases de primaria, el 1 de marzo de 1911.
El 9 de junio de 1911 se abre otra en la calle Cuenca nº 79. Como todavía siguen quedando madres en Portugal, establecen una nueva comunidad en la calle Colón nº 8.
El 15 de agosto de 1912 se funda un externado para niñas españolas en la calle Seijas nº 21.
Al mismo tiempo, un número de 80 novicias se establecían en lo que hoy es el cuartel de la guardia civil.
En 1925 compraron un terreno sobre el que se construyó el gran convento que hoy tenemos en la calle Martínez Padín nº 10. Las obras comenzaron el 2 de octubre de 1926 y finalizaron el 3 de abril de 1928, celebrándose con una gran fiesta.
En 1943 se pone en funcionamiento un colegio denominado S. Familia de las RR. de Santa Dorotea (Las Doroteas)
En este colegio de Enseñanza Primaria y Bachillerato se formaron varias generaciones de niñas y jóvenes, de las que tuve el honor de formar parte.
Al final el colegio no se pudo sostener por falta de personal y en 1990 cerró, como colegio, pero no como convento de religiosas.
Desde aquí, les doy las gracias por la labor tan extraordinaria que han hecho en este siglo de existencia en nuestra ciudad que, ahora, también es de ellas.

Como complemento á documentada achega de Maria Dolores Martínez Gamallo lembrar como o convento das Doroteas tudenses posúe unha especial relevancia e proxección pola residencia no mesmo entre 1926 e 1946 de Sor Lucía, a vidente de Fátima, que cando decide ingresar na vida relixiosa acode ao noviciado que as Doroteas procedentes de Portugal mantiñan en Tui, entrando no mesmo o 24 de outubro de 1925. En Tui continuará ata maio de 1946 cando retorna a Portugal, agás dúas estadias no Convento das Doroteas en Pontevedra en 1925/26 e 1934/37. No convento tudense Sor Lucía ten unha visión da “Santísima Trinidade” que completas as revelacións de Cova de Iria. A presenza da vidente neste lugar suscita grande interese entre os devotos de Fátima que concorren en importante número a visitar esta casa relixiosa tudense, inxerindo a Tui nun dos principais circuítos de turismo relixioso existentes na actualidade no noso ámbito xeográfico.

sábado, 12 de febrero de 2011

Na presentación do Boletín da RAG dedicado a Xosé María Álvarez Blázquez

O pasado martes 1 de febreiro a Sala "Felix Rodríguez" acolleu a presentación en Tui do Boletín da Real Academia Galega, nº 369, que recolle os relatorios e comunicación presentados no congreso celebrado arredor da figura de Xosé María Álvarez Blázquez entre o 11 e 0 13 de decembro de 2008 neste mesmo lugar, como clausura dos actos celebrados naquel ano en torno á figura do polígrafo tudense a quen estivera dedicado o Día das Letras Galegas. Unha esplendida publicación con moi interesantes aportacións arredor da figura e a poliédica traxectoria do noso escritor e investigador.
A Real Academia Galega tivo a deferencia de convidarme a participar nesta presentación e dado que varios seguidores de "Tudensia" así mo solicitaron vai de seguido a miña intervención naquel acto.





No ano 2008 esta vella cidade tudense acolleu diversos actos conmemorativos arredor da figura de D. Xosé María Álvarez Blázquez, a quen estaba dedicada a celebración do Día das Letras. Penso que as diversas actividades programadas naquel ano arredor da figura de D. Xosé María, por diversas institucións públicas, culturais e de todo tipo, contribuíron eficazmente non xa á difusión de inmensa aportación que Álvarez Blázquez fixo á cultura de Galicia coa súa vida e traxectoria senón, como a él gustaríalle, a consolidar á nosa cultura e a nosa lingua, aquel “ ¡Rico tesouro salvado das furnas do esquecemento”.

Pero todas aquelas actividades contribuíron tamén a recuperar para esta cidade de Tui dun xeito máis ricaz e intenso a figura da familia Álvarez, como tudenses de singular relevancia, pois é un orgullo para todos nós que os descendentes daquel matrimonio entre Darío Álvarez Limeses e María Blázquez Ballester casados nesta cidade o 15 de xuño de 1907 teñan realizado á cultura galega unha achega tan colosal.

Unha vida familiar que foi marcada pola traxedia do fusilamento do pai, de Darío Álvarez Limeses, o 30 de outubro de 1936, e pola persecución á que foron sometidos os seus parentes polo novo réxime franquista. Acoso continuo e abafante que levou á familia a emigrar á cidade de Vigo na procura de novos aires e novos camiños na vida. Certamente estes feitos dramáticos, non xa no político senón no máis intimo do ser, marcaron a súa relación con Tui á que nunca renunciaron.

Todo comezou cando o 20 de decembro de 1905 o médico pontevedrés Darío Álvarez Limeses acada a praza de médico hixienista do Concello de Tui, retribuída daquela con cincocentas pesetas ao ano. Unha dedicación médica que exercerá ata a súa morte violenta no ano 1936. En Tui, como dixemos, casa en 1907 e en Tui nacerán os seus seis fillos, conformando na vella casa do Rollo un fogar burgués onde estes rapaces coñeceran o cariño da familia e o agarimo polas letras, onde xoga un papel destacado a súa nai:

Dirá Emilio Álvarez Blázquez no epílogo que escrebe para o libro “Poesía completa” do seu irmá Xosé María:

“Tivemos tódolos irmáns un aire propicio na casa familiar para endereita-la vida cara ó ameno campo da lectura, cara ó amor dos libros, porque de tradición nos viña ese abano da alma, esa inclinación marcada, sen severidade, senón con gracia e alegría.”

Pero tamén aprenderan do seu pai o compromiso social, a súa implicación na vida colectiva. Pois Darío Álvarez Limeses foi un activo animador da vida tudense durante décadas: xornalista, redactor xefe do diario católico “La Integridad” que abandona para participar na creación e vida do semanario “La Opinión”, xurdido en oposición ao semanario ordoñista “El Aloya”, colaborador en moitas outras publicación periódicas. Membro de Izquierda Republicana e directivo do Centro Republicano local, promotor do Orfeón da Sociedade Artística, fundador da sociedade de caza “La Venatoria”, directivo do equipo de fútbol “Racing Club”, animador de innumerables actos, como, por exemplo, os conmemorativos do milenario do martirio do neno mártir San Paio, impulsor da chegada do teléfono a Tui... e dun sinfin de actividades sociais, culturais e humanitarias.

Compromiso social e vocación literaria velaí dous eixes da traxectoria do Álvarez Blázquez. Nas súas traxectorias vitais todos eles mantiveron acesa a súa relación con Tui e aportáronnos á vida tudense singulares achegas do máximo interese.

Así Darío, o maior dos irmáns, impulsor en Tui do Partido Galeguista, foi chamado o “ médico dos pobres” e mantivo a súa consulta en Tui ata 1942 axudando, máis aló de todo criterio mesurado, a tantos perseguidos naquela longa noite de pedra –como recolle nalgún dos seus escritos-. D. Darío, que vimos de celebrar o centenario do seu nacemento hai uns meses, legounos ao tudenses amais desta testemuña humana, e so por citar un exemplo, os seus estudos sobre o médico e filósofo Francisco Sánchez a quen dedicoulle a súa tese de doutoramento reivindicando especialmente o seu nacemento tudense fronte ás pretensións bracarenses.

Pola súa banda, Emilio que comezou a súa andaina no mundo das letras como responsable, xunto a Ferro Couselo, da revista “Tude” editada polos estudiantes do Instituto de Segunza Enseñanza implantado en Tui no ano 1934 polo goberno republicano, amosando xa naquelas follas a súa sensibilidade poética que patentizou en tantos versos e traballos xornalísticos onde a temática tudense era unha evidente constante.

Tamén Álvaro, o menor dos irmáns, comezou naquel Instituto os seus traballos artísticos, na clase de modelado de Benito Prieto Coussent, e que culminaron coa súa magna obra na Serigrafía Galega, o principal proxecto de difusión da arte galega do pasado século.

E finalmente Xosé María de quen gracias á celebración do ano dedicado a súa memoria, dende Tui, podemos afirmar que temos recuperado un vello tesouro –coma aqueles dos que fala o Libro de San Ciprián que el editou na colección “O Moucho”- que soáballes a moitos tudenses pero que era unicamente un pequeno rumor, unha lonxana voz que ten agrandando de tal xeito neste tempo que podemos afirmar estamos diante dun dos grandes referente da cultura tudense.

Os seus traballos como arqueólogo, xunto ao seu mestre Manuel Fernández Valdés Costas e o grupo de mozos ultreyas, en Cabeza de Francos, ou na procura de material paleolítico polas terrazas fluviais do Baixo Miño, culminaron coa creación do Museo de Tui, instalado nas dependencias do Instituto tudense no antigo convento de San Domingos e malogrado polo estoupido da guerra civil.

Pero Tui tampouco foi allea ás súas pescudas históricas (a edición das memorias Pedro Sánchez o menestrel curioso a cabalo entre os séculos XVIII e XIX) ou ás súas investigacións literarias, tamén sobre autores tudenses, como o bispo D. Fernando Arias ou Camilo Bargiela, sobre a etnografía da comarca, investigando os xogos populares ou as verbas características da nosa bisbarra.

Conservase o que se ten como o seu primeiro poema, “Queixas”, datado en Tui o 24 de decembro de 1927, cando Xosé María contaba con só doce anos de idade e que abre unha obra poética ampla. Tamén algunha das súas novelas teñen a Tui como lugar de referencia singularmente “Las estatuas non hablan” (1955), cuxa acción transcurre en Valmiñán pero que calquera lector pode identificar doadamente con Tui: a paisaxe, das vellas rúas, mesmo das personaxes, dunha poboación que, en boa parte, vivía do contrabando... unha referencia constante, chea de ironía, á cidade episcopal.

Esta apresurada achega ás aportacións dos Álvarez nos permite calibrar a medida da súa querencia por Tui, o seu corazón xeneroso que todos tiñan cara esta cidade e as súas xentes... un corazón aberto na casa familiar do Rollo e que irradiaba a diversos ámbitos da nosa sociedade. Pero un corazón que en outubro do 1936 é rachado, aberto, polos disparos do pelotón de fusilamento do seu pai e os seus compañeiros na alameda tudense. Aquel corazón agora aberto pola violencia fratricida manará sangue, sufrimento e sinrazón... que non será abondo para que, no futuro, continue ofrecendo froitos de sensibilidade poética, de investigación, de ilusión colectiva pola construcción da nosa cultura e do noso pais. Esta dupla realidade acompañará dende aquel infausto 1936 a relación dos Alvarez con Tui, que con actos como este tentamos recuperar e dignificar para a memoria colectiva desta cidade, pois a súa achega conforma unha das páxinas máis esplendorosas da vida cutural tudense.