jueves, 24 de octubre de 2013

Historia da eurocidade (IV)

Dende comezos do século XV a vida tudense estará protagonizada pola liñaxe dos Soutomaior, grupo nobiliar asentado no sur de Galicia, que xogan habilmente as súas bazas no xogo de fidelidades entre a monarquía castelá e portuguesa (en 1398 Joao I de Portugal conquista Tui permanecendo no seu poder máis de catro anos), e aproveitando a debilidade episcopal ocupan como “encomendeiros” a cidade de Tui.

Joao I de Portugal

Será Paio Sorreda de Soutomaior, cara a finais do XIV, quen inicie o control da cidade sucedéndolle o seu sobriño Fernando Eans de Soutomaior e a este Álvaro Paes de Soutomaior, que como sinala o cronista Vasco de Aponte “tiña no seu poder a cidade de Tuy, como a tiña o seu pai, e da renda do bispo tomaba o que quería”. A mellor expresión deste poderío é cando non permite que o novo bispo Luís de Pimentel, dunha das grandes casas do reino como era a de Benavente, non tome posesión da sede, impedíndollo mesmo polas armas.


Este clima de abuso por parte dos nobres unido á crise política e social xunto ás periódicas “fames negras” provoca o estalido da revolución “irmandiña”. O Cabido e o Concello tudense son dos primeiros en adherirse o 14 de marzo de 1467 á Santa Irmandade; aínda que non sabemos a data, as crónicas recollen que máis de 5000 irmandiños ocuparon a cidade de Tui, respectando as súas fortalezas, e morrendo naquel lance Álvaro Paes de Soutomaior.

A reacción señorial encabézaa o medio irmán de Álvaro, Pedro Álvarez de Soutomaior “Pedro Madruga”, aínda que Tui resiste até 1471; desde entón Pedro Álvarez domina practicamente o territorio do bispado tudense e comeza un prolongado enfrontamento co bispo Diego de Muros que ocupa as últimas décadas do XV, que suporá o seu encarceramento e escarnio público, por dúas ocasións, do propio bispo, nunha delas pechado nunha gaiola de ferro en Valença.

Escrito e sinatura de Pedro Álvarez de Soutomaior (1479)

Tras a morte de Enrique IV e a consecuente disputa sucesoria entre os partidarios de Isabel de Castela e de Juana “a Beltraneja”, apoiada por Portugal, Pedro Madruga cesa o seu xogo alternativo de alianzas entre ambos os reinos, para converterse no gran valedor da causa de Juana. E será Tui o gran baluarte das forzas pro-portuguesas, aínda despois da vitoria e subida ao trono de Isabel, casada con Fernando de Aragón (os Reis Católicos), ao continuar en mans dos partidarios de Soutomaior que tiranizan á poboación, cabido e até o propio bispo.

Os novos monarcas inician un labor de pacificación, ampliando en 1478 as funcións do correxidor de Baiona a todo o bispado tudense. Aínda que Pedro “Madruga” tentará varios golpes de estratexia, acaba sendo derrotado, e pese ao apoio do monarca portugués evidenciado no acordo de paz cos reis de Castelo, morre en Alba de Tormes buscando o perdón real.

Retrato de Fernando de Aragón e Isabel de Castela
Convento de Santa María de Gracia - Madrigal de las Altas Torres
Autor anónimo

Desta forma recupera o bispo Diego de Muros o señorío da cidade -que seguirá en mans episcopais até o século XIX-, e xunto ao seu sucesor reorganizan a vida diocesana, convocando sínodos, e a vida municipal cunhas novas ordenanzas de ríxido control episcopal. Pero tamén é momento de facer obras na Catedral, mellorar o equipamento público (camiños, pontes, etc.) e instituír a cátedra de gramática e de canto na cidade tudense. Pero a Coroa resérvase o control aduaneiro e o alfolí (ou almacén) do sal, de gran importancia no ámbito galego.

Neste período de final da Idade Media a monarquía lusa promove unha política máis centralista e así en 1455 Afonso V ordénalle ao Marqués de Valença e ao conde de Ourem o establecemento de barreiras fiscais que impidan o comercio con Galicia.  As protestas das poboacións miñotas levan a que en 1462 concédase aos habitantes de Tui e outras localidades ribeiregas comerciar nas feiras coma se fosen portugueses. Así  concede o propio en rei na súa visita a Valença o 30 de xuño de 1462 as chamadas cartas de veciñanza, aínda que sempre houbo dificultades na súa aplicación. Pero como se afirma no acordo das barcas de pasaxe no bispo de Tui e o Concello de Valença de 1485 será “estrangeyro ou (que) non seia vezinio dá dita cidade nen vasalo do dito Sr. Obpo. nen vizinio de Valença nen do seu termo (...pois...) compre aboa vezinages duns e dous outros”.

Valença e Tui no Livro das fortalezas de Duarte D'Armas (1509)


Pero a monarquía lusa segue promovendo o carácter fortificado de Valença e en 1512, o Rei D. Manuel fomenta o seu poboamento, mandando reparar as súas murallas e concédelle un novo foro. A cidade tudense será capital dunha das provincias nas que se divide o Antigo Reino de Galicia desde os inicios do século XVI e que chegarán até a reforma de 1833. En 1623 recibe do rei Felipe IV o título, que aínda hoxe conserva, de “Moi nobre e moi leal cidade

lunes, 7 de octubre de 2013

A desaparecida pedra oscilante do Monte Aloia


Como xa comentabamos no anterior “post” deste blogue atopamos nunha vella revista científica editada en Roquetas (Tarragona) a fotografía dese famoso penedo do equilibro do Monte Aloia. Figura esta imaxe nun interesante artigo titulado “Excursiones científicas por el Norte de España” na revista “Ibérica do Observatorio do Ebro” de 1915.

A pedra oscilante ou abaladoira do Aloia é un exemplo portentoso dun penedo granítico unido a outra laxe por un pequeno punto que posibilita o seu inestable equilibrio. Estas pedras atopámolas en numerosos lugares de Galicia, posiblemente a de maior sona é a pedra de abalar no Santuario de Nosa Señora da Barca, nas terras de Muxía na Costa da Morte; mais próxima está a Pedra do Equilibrio na parroquia de Arcos (Ponteareas) nas abas do monte da Picaraña.

Me encantó la piedra oscilante. Vímosla oscilar al esfuerzo de un solo hombre. Era fenómeno para mí nunca visto; y de tal manera me satisfizo, que por él solo diera por bien empleado el trabajo de la ascensión, asi se manifesta o P: Longinos Navas, S.J., autor do artigo arriba mencionado, e que acredita o aspecto espectacular deste penedo.

Aínda que a tradición liga estas pedras e o seu inestábel equilibrio como froito do traballo humano ou de intervencións portentosas, o certo é que estas monumentais rochas son resultado dos procesos naturais de erosión.

Esta fotografía nos ofrece o aspecto monumental deste penedo oscilante, un singular atractivo da visita ao Aloia. Pero esta pedra que aguantou as inclemencias do tempo durante séculos non puido resistir a acción vandálica dun grupo de mozos, din que de  Malvas, que haberá tres ou catro décadas botaron monte abaixo o monumental penedo.

Por mágoa non coñezo noticia algunha sobre as tradicións relacionadas con esta pedra oscilante. En moitos lugares estas pedras oscilantes están ligadas a rituais adiviñadores, dependendo de que abalen ou non logo de formularlle á pedra unha determinada pregunta. Como sinala Vitor Vaqueiro no seu libro “Mitoloxia de Galiza” (2011): “acredítase que a función que cumpriron mais a miúdo foi a de adiviñación. Segundo Murguia, houbo un tempo no que as pedras de abalar serviron para probar a fidelidade das mulleres e a virxindade das doncelas; e xa Estrabón, hai 2000 anos, afirmaba que os galegos eran experientes nas artes adiviñatorias. De feito, esta función prognosticadora segue a darse hoxe  xa que se supón que as pedras, en certa maneira, son quen de respostar ás preguntas que se lles formulan, relativas, en xeral, a desexos futuros. Se abalaren enténdese que a resposta é afirmativa. Se non, presuporase a negativa.”

As funcións encomendadas pola tradición popular a estas rochas, teñen variado segundo as diferentes culturas, pero cun nexo común a todas elas: o seu movemento era indicativo de una determinada cualidade. Así, os celtas consideraban as pedras abaladoiras como elementos cargados de fortaleza e resistencia, empregadas nos rituais para protexer aos homes das enfermidades e proporcionarlles a forza posuían. Moitos pobos do norte da Península Ibérica, conservaron a crenza no poder destas pedras para predicir  acontecementos ou desgrazas.

No Aloia conservamos outras interesantes tradicións ligadas ás pedras como é “A Cama do Santo” e as pedras do sol e da auga, das que nos ocuparemos noutra oportunidade, hoxe nos quedamos con esta imaxe certamente sorprendente da pedra do equilibro do Monte Aloia.