UN CAMIÑO SEN PEGADAS
Ponte medieval en Ribadelouro - camiño portugués
A Lei Lei 3/1996, de 10 de maio, de protección dos camiños de Santiago, establece que reciben o nome de Camiño de Santiago de todas as rutas históricas recoñecidas documentalmente. A historicidade do camiño é un elemento consustancial á propia existencia do Camiño, pois a peregrinación é un elemento inherente a súa identidade. O importante pulo acadado pola peregrinación a Santiago nos últimos anos basease, en boa medida, na recuperación dunha tradición histórica, na revitalización deste legado histórico do que se conservan testemuños documentais.
Por tanto, resulta imprescindible conservar e promover as rutas históricas de peregrinación a Compostela, favorecendo o paso dos peregrinos contemporáneos sobre os vellos roteiros medievais, que deste xeito reviven. Pero unha cousa é revitalizar estas antergas rutas e outra moi distinta é “inventar” novos camiños que carecen de referencias documentais precisas, de datos históricos que avalen o paso secular e regular de peregrinos por eses lugares. Deste xeito estamos traicionando o espirito do Camiño, estamos esmagando a sua veracidade histórica.
Ven este comentario diante do “recoñecemento” do denominado “camiño portugués da costa”, que partindo da Guarda, e por O Rosal, Oia, Baiona, Nigran e Vigo enlaza en Redondela co tradicional camiño portugués, ou desa outra ruta marítima que comunica diversos portos lusos e galegos. Únicamente en Vigo e Baiona documentamos, na Idade Moderna, datos concretos sobre a presenza de peregrinos, moitos estranxeiros, que chegaban a estes portos por vía marítima para realizar a súa peregrinaxe cara Compostela e tamén a súa viaxe de retorno. Pero, ata o presente, ninguen amosa documentos das outras localidades deste itinerario que certifiquen a presenza de peregrinos. Velaí como únicamente a variante ou acceso dende a Ría de Vigo ao camiño portugués ten verosimilitude histórica, pero en lugar de solicitar o recoñecemento deste acceso ou variante, pretendese crear un novo roteiro.
É evidente que estes concellos “da costa” deben beneficiarse dos programas do Xacobeo, pois en sentido amplo toda Galicia é territorio xacobeo, pero non confundamos o “Camiño de Santiago”, un itinerario con séculos de historia, e o “Xacobeo”, un programa de promoción destes camiños polas autoridades autonómicas.
A nosa identidade, e o Camiño de Santiago é un elemento sustancial da mesma, non pode estar ao albur de intereses localistas ou coxunturais, que só nos conduce a perdermos a nosa autoestima colectiva.
Rafael Sanchez Bargiela
Historiador
O que acontece en ocasións coa historia é lamentable. Existe moita manipulación e pouco sentidiño común. Que pretendan facer un camiño pola costa para se beneficiar «turisticamente» ou economicamente do tirón do xacobeo é absolutamente tonto. Pretender que os peregrinos de antigo daban reviravoltas por Galicia adiante é demencial.
ResponderEliminarLembro eu cando se presentou o «apoio» ao «camiño monacal» no pleno da corporación de Tui. Eu fun o único que se opuso, argumentando precisamente o que estás a insistir nestas últimas datas. A corporación de Tui aprobou tal apoio de xeito inconcebible. Claro está que estaba avalado polo informe do Cronista Oficial da cidade, o señor Ernesto Iglesias, que seica agora entrou en razón.
Do mesmo xeito que todos os camiños levaban a Roma, a Compostela pasaba o mesmo. Pero ollo, como hoxe en día para ir a Santiago desde Tui non se lle ocurre pasar por Lalín, senón que emprega as vías de comunicación modernas que se apoian na depresión meridiana, xeoloxía que os romanos [co seu sentido común] empregaron para construir a vía XIX, vía que logo os peregrinos desde o sur [Al-Andalus, como dicía Al-Idrisi no século XII] utilizaban para achegarse á tumba do apostolo, iso sí, pasando por Tui.