Ir al contenido principal

Cen anos dos Maristas en Tui

O pasado sábado, 5 de decembro, o Concello de Tui fixo entrega ao Instituto dos “Irmáns Maristas” ao cumprirense os cen anos da presenza deste instituto na nosa cidade da medalla de ouro do Concello nun acto institucional. Aproveitamos esta circunstancia para rememorar brevemente o itinerio percorrido por estes relixiosos na súa xa centenaria estadia na nosa cidade.

A Congregación dos Irmáns Maristas foi fundada en Francia en 1817 polo presbítero Marcelino de Champagnat (1789-1840), canonizado no ano 1999, coa finalidade de dedicarse á alfabetización e a educación de mozos e nenos das áreas rurais. A experiencia do propio Champagnat no ensino rural, na Francia post-revolucionara, con profesores incompetentes, onde a violencia física estaba xeralizada (él memos deixo a escola logo do castigo dun dos seus compañeiros) e que promovia o laicismo, levouno a fundar en 1818 unha escola no seu pobo natal que foi xérmolo da orde dos Maristas, integrada exclusivamente por laicos que acadou o recoñecemento oficial do Papa Pio IX en 1863.

Aínda que xa tiñan iniciado a súa expansión moito antes (xa en 1836 parten os primeiros misioneiros maristas cara Oceania) os Maristas chegan a España en 1886 instalándose na cidade de Girona, abrindo unha escola no anos seguinte, e comezan a súa expansión por España, ao inicio por Cataluña, pero axiña noutras zonas da Península. A sua primeira fundación en Galicia foi na cidade de Lugo, onde chegan reclamados polo bispo Benito Murúa, creando unha escola gratuita para nenos pobres, ao ano seguinte chegan a Ourense chamados polo seu bispo, Eustaquio Ilundain, instalándose no mesmo ano en O Carballiño e Ribadavia, que daquela aínda formaba parte da diocese de Tui.

Contan as crónicas que na cidade lucense contectan co daquel coengo da Catedral de Lugo, o tudense Manuel Lago González –que logo sería bispo de Osma e Tui e arcebispo de Compostela, amáis de egrexio cultivador das nosas letras- quen os encamiña cara Tui na súa procura dun lugar onde instalar unha casa de formación para os seus aspirantes. Tui tiña amáis un valor engadido, a súa proximidade con Portugal e consecuentemente facilitaría a aprendizaxe do idioma portugués para os novos Maristas, pois unha porcentaxe deles partiría ás terras do Brasil, onde xa traballaban os irmáns procedentes da “provincia” de Aubenas (Francia) de cuxo núcleo procedian tamén os que tiñan chegado ata Tui.

Era bispo de Tui naquela altura, 1909, Valeriano Menéndez Conde que ocupaba a cadeira episcopal dende 1894. Dúas actitudes caracterizan o seu episcopado e son de interese para o noso relato. Menéndez Conde chegou a Tui co obxectivo de reconducir a actividade política do catolicismo tudense, apostando por unha convivencia co reximen liberal sen renunciar á defensa dos intereses da Igrexa. Esta actitude bate frontalemente co integrismo que ata daquela inspiraba a actuación dos principais dirixentes católicos tudenses. Este enfrentamento está na orixe da marcha, or exemplo de Lago González, a Lugo en 1896 pois Lago era naqueles anos un dos principal voceiros deste sector (actitudes políticas en Lago que logo se encamiñarian cara unha visión galeguista, pola que é hoxe coñecido). Aventuramos entón que as “cartas de presentación” de Lago a Menéndez Conde non eran especialmente efectivas e poden ser algunha das razóns que expliquen as primeiras dificultades dos Maristas diante do bispo tudense.

Por outra banda, no episcopado de Menéndez Conde constatamos a chegada á nosa cidade de novas ordenes e institucións católicas xurdidas na segunda métade do século XIX como resposta ás novas necesidades sociais. En 1908, gracias á doazón dun tudense residente en América se instalan en Tui ás “Fillas da Caridade” de San Vicente de Paul (as que coñecemos popularmente como “da Milagrosa”) que abren a popular “Cociña económica” e no ano seguinte o colexio “La Milagrosa”. A expulsión das ordenes relixiosas de Portugal, logo da proclamación da República en 1910, provoca a instalación en Tui de novas congregacións: as Franciscanas Hospitaleiras da Inmaculada Concepción ou as Relixiosas de Santa Dorotea, aínda manteñen a súa presenza na nosa cidade.

Neste contexto temos de contextualizar a chegada dos Maristas as terras tudenses, que o 22 de xaneiro de 1909 acadan do bispo Menéndez Conde o decreto de autorizacion. Neste primeiro intre chegan a Tui tres maristas franceses: Richard Guiffon, Robustien e Louis Maxence que residiran nun primeiro momento no hosta “Generosas”, aínda actualmente en funcionamento.

Atopan axiña un terreo idóneo para os seus obxectivos de crear un seminario da congregación: a finca chamada “Pousa das Costiñas” no barrio da Lagoa na parroquia de Pazos de Reis, pero inmediata á cidade de Tui, que conservaba un pazo e terras de cultivo (viñas, centeo e millo). O propietario era un tal Don Salustiano, que logo de facer fortuna en terras mexicanas residía en Tui. O seu albacea, Camilo Cela, tasou a propiedade en 20.000 pesetas. Aquela primeira propiedade foi ampliándose con outras fincas lindantes, ata a acadar as actuais sete hectáreas. Os irmáns Maristas pasaron a residir neste inmoble o 14 de maio de 1909.

E dende aquela data ata 1995 este edificio acolleu o seminario desta institución, nas diversasa etapas de formación e discernimento vocacional, polo que pasaron milleiros de mozos do Norte de España. Cabe lembrar como ao abeiro deste centro de formación funcionaron un internado, entre 1933 e 1941, e posteriormente foi establecida a “Escola de Maxisterio Luis Vives” entre os anos 1952 a 1963, formando un total de once promocións de mestres, con abondosa presenza de mozos tudenses. Este capítulo merecería unha atención axeitada pois, por exemplo, editaban os seus propios libros de formación. Agardamos voltar a este tema noutra oportunidade.

Posteriomente entre 1982 e 1995 foi establecido o Colexio de BUP “Santa María” no que participaban os seminaristas dos Maristas e os do seminario menor “San Paio” da diocese tudense. Finalmente, ao rematar a dedicación deste inmoble como centro de formación dos aspirantes ao ingreso nos Fratres Maristae Scholarum (FMS) abriuse o actual Colexio “Santa María” no ano 1996

Xunto ao noviciado creado en 1909 crease unha pequena escola chamada “San José”, sita no número 26 da rúa San Telmo, que contaba o dia da sua apertura, 1 de setembro de 1912 con 80 alumnos e que perdurará moitos anos ofrecendo a formacion educativa aos rapaces tudenses.

Rematamos con tres notas breves: xa o Concello de Tui no ano 1961, baixo a presidencia de Ramón Peñarredonda, homenaxeara a esta Congregación ao titular co nome de “Irmáns Maristas” á rúa anteriormente denominada “El Pilar” e que da acceso á súa residencia na zona de A Lagoa.

En segundo lugar, a presenza maristas en Tui está tamén ligada á chegada, nas primeiras décadas do pasado século, de Maristas procedentes de Portugal que ao seren expulsados do país veciño estableceron na zona da Lagarteira o seu centro de formación. Moitos nos nosos lectores lembraran aquel maxestuosos edificio derruido por magoa por mor da construcción da Autovia.

Ao longo deste cen anos os Maristas se teñen implicado na vida tudense con numerosas actividades e realizacións nos campos da educación, da atención social, da dinamización xuvenil, da formación espiritual, etc. ou cedendo as súas instalación para numerosas actividades, poderiamos recordar as veladas teatrais ou as proxeccións cinematógraficas que se realizaban no seu salón de actos.

Comentarios

  1. Yo tuve la suerte de estudiary formarme como persona en ese Colegio "Santa María" entre los años 1986/89, sólo tengo palabras de agradecimiento hacia los Hermanos Maristas (Hno. Saturnino, Hno. Pepe González Hno. capelo y hacia los profesores, como Rosa Bugarín, vecina de Tui, Ana ferreiro Méndez, también de la zona, o el cura párroco de Guillarei, el inolvidable don José y a muchos de mis compañeros de promoción. Si duda, Tui y en general Galicia deben mucho a la Congregación de los Hermanos Maristas, una vez más mi agradecimiento haci ellos.

    ResponderEliminar

Publicar un comentario

Entradas populares de este blog

A lenda do túnel baixo o MIño

As lendas ou narracións populares, transmitidas oralmente, relatan xeralmente acontecementos ficticios que se teñen por reais, en moitas ocasións mesturados con feitos históricos. Pola súa capacidade de evocación, pola súa transmisión xeracional as lendas conforman un acervo do que chamamos patrimonio inmaterial que cómpre recoller e preservar. Na nosa cidade conservamos varias lendas vencelladas ao caracter histórico da nosa localidade, ao seu caracter fronteirizo e consecuentemente a súa fortificación fronte aos posibles invasores. A máis asentada no imaxinario colectivo tudense é a relativa ao “túnel” que comunica Tui coa outra beira do Miño, coas terras de Valença. Resulta moi significativa esta lenda pois testemuña como na mentalidade dos tudenses a fronteira e a súa condición de limite, de aillamento fronte ao estranxeiro era superada polas nosas xentes que a través do túnel escapaban destas “imposicións” e mantiñan a comunicación coas terras irmáns que as estructuras políticas t…

A Semana Santa tudense e as súas posibilidades

Ricardo Blanco Cicerón

O pasado martes 15 de decembro foi inaugurada no Museo do Pobo Galego, en Santiago de Compostela, unha exposicion que co titulo de “Olladas dunha época” recolle unha escolma das fotografias do chamado “Fondo Blanco-Cicerón” que se custodia no devandito Museo. Como podemos comprobar na portada do catálogo que acompaña a este “post” a cidade de Tui é unha das protagonistas desta mostra que amosa unha selección das fotografías que conformaban a colección de Ricardo Blanco-Cicerón (Tui 1844 – Santiago 1926). Son na súa meiranda parte instantáneas da época do cambio de século, entre 1890-1910, e que respostan ao interese coleccionista de D. Ricardo que conformou ao longo da súa vida a, posiblemente, a máis ampla colección de caracter cultural que teña existido en Galicia: obxectos prehistóricos, artísticos, etc. que nutren hoxe en boa medida os museos da nosa terra. Esta mostra organizada conxuntamente polo Museo do Pobo Galego e o Centro Galego de Artes da Imaxe poderá ser visitada na nosa…