Ir al contenido principal

Parlamentarios tudenses (III): Florencio Rodríguez Vaamonde, Antonio Arias Seoane, Esteban Areal, Bartolomé Hermida e Laureano Sanz


Entre 1833 e 1868, que corresponde co reinado de Isabel II, España vive un tempo histórico dominado pola consolidación do réxime liberal con diversos avatares propios das loitas políticas entre as diversas opcións políticas de moderados e progresistas e a irrupción do carlismo e a súa oposición armada ao réxime isabelino.


Nas eleccións celebradas o 24 de xullo de 1839 resulta elixido pola provincia de Pontevedra o tudense Florencio Rodríguez Vaamonde, fillo de Agustín Rodríguez Vaamonde. Este avogado tudense, daquela era fiscal na nosa cidade, inicia neste ano a súa andaina política que o levará a ocupar importantísimos postos no Goberno e no Estado. Político e xurista, reitor da Universidade Central de Madrid, membro do Consello de Estado e presidente da Real Academia de Ciencias Morales y Políticas. Foi unha das grandes personalidades dos anos centrais do século XIX, sendo Ministro de Gracia e Xustiza, en 1847, e de Gobernación en 1863-1864. Sobre a figura de Florencio Rodríguez Vaamonde temos falado xa neste blog: http://tudensia.blogspot.com/2010/05/florencio-rodriguez-vaamonte-politico.html

No ano seguinte, nas novas eleccións realizadas en xaneiro de 1840, de novo Florencio Rodríguez Vaamonde, nesta altura “Xefe político da provincia de León”, accede a un escano en representación da provincia pontevedresa.

Tras a chegada ao poder do liberal Espartero, como Rexente en outubro de 1840, a principios de 1841 hai un novo proceso electoral no que ocupará unha cadeira nas Cortes o avogado tudense Antonio Arias Seoane en substitución de Pío Pita Pizarro, que fora ministro de Facenda e Gobernación en gobernos anteriores, e que opta pola provincia de Zamora onde tamén resultara electo (presentarse por varias circunscricións foi unha práctica habitual na política daquel período, foi o caso, por exemplo, do político guardés, Juan Bautista Alonso, que chegou a Fiscal do Tribunal Supremo e a Subsecretario do Ministerio de Gobernación, e no ano 1843 resultou elixido polas circunscricións de Granada, Pontevedra e Lugo, optando por esta última).

Antonio Arias Seoane, nado en Tui o 17 de febreiro de 1803 na rúa Real (hoxe Cuenca), estudou filosofía e leis na Universidade de Santiago, graduándose como doutor; obtivo a Cátedra de lingua hebrea nesta universidade e logo na de Valladolid. Foi tamén agregado na embaixada de Francia cando ocupaba este cargo o Duque de Ribas. En Tui fora alcalde e en 1832 era subdelegado de policía e fronte aos primeiros intentos de Don Carlos mantivo a fidelidade á rexente María Cristina, que o recompensou concedéndolle a ampliación de estudos en París. En 1836 sería procurador a Cortes pola provincia de Pontevedra, en 1838 secretario da raíña e posteriormente deputado provincial. Suso Vila nos informa que dúas das súas principais actuacións en Tui foi lograr o mantemento do goberno militar na cidade e a construción das “pesqueiras” na desembocadura do río Louro que posibilitou ampliar o espazo agrícola na Veiga do Louro

Nos seguintes comicios, recupera o escano pola provincia de Pontevedra,  Florencio Rodríguez Vaamonde e ocupa outra praza o tamén tudense Esteban Areal e Rodríguez Figueroa. Este Areal tiña cursado dereito en Santiago e dende novo participou en política, segundo informa Manuel Fernández Valdés, primeiro como deputado provincial nos anos 1840, 1843 e 1854. Desenvolveu unha importante carreira xudicial: en 1841 era fiscal na Subdelegación de Rendas, no 1855 xuíz na Coruña, ao ano seguinte é nomeado xuíz do Xulgado do Mar de Valencia, no ano 1863 foi Gobernador Civil de Oviedo, e tralo paréntese retornou á Coruña, no 1868, como maxistrado, sendo nomeado no mesmo ano Presidente de Sala na Audiencia Territorial de Barcelona, cidade onde finou.


Esteban Areal protagonizará en Tui o levantamento progresista de 1846 que en Galicia rematará co fusilamento dos “mártires de Carral”. O cronista tudense Manuel Fernández Valdés narra así o levantamento en Tui: “a guarnición de Tui, integrada por dúas compañías do batallón Segovia, sublevouse ás 12 da noite do 10 de abril sumándose logo as forzas de Carabineiros de Facenda. Axiña foi sofocada a revolta, pois o 27 de abril o Alcalde de Tui comunica que a chamada Xunta de Goberno fuxira cara Portugal (…) Esta Xunta de Goberno revolucionaria estaba formada por D. Esteban Areal, D. Pablo Maceira, D. Ramón Cancio, D. Joaquín Mora, D. Fernando Córdoba, Eusebio Cea e outros” que son imputados por rebelión pois tiñan logrando formar unha milicia de case catrocentos voluntarios. Tras a actuación da tropa encabezada polo xeneral José Gutierrez Solana son imputados por rebelión e sufrirán diversas represalias.

Esteban Areal, “un gran luchador progresista” como o define o historiador X.R, Barreiro, volverá a protagonizar en Tui o apoio ao pronunciamento de O’Donnell en 1854, nunha Xunta Liberal que encabeza Lorenzo Cuenca.
Co inicio do Réxime Moderado (1844-1854) se recupera a representación política por distritos, á provincia de Pontevedra correspondíanlle 10 deputados, e un ao distrito de Tui.

Florencio Rodríguez Vaamonde, de novo resulta electo, xunto co tudense Bartolomeu Hermida Santabaia (nado en 1801), aínda que Fernández Valdés cámbialle o segundo apelido por Caravelos. Comezou os seus estudos no convento de San Antonio, e logo na Universidade de Santiago cursou teoloxía, leis e canons. Ocupou diversos cargos políticos co Partido Moderado: alcalde de Tui en 1844, Intendente de Lugo e A Coruña, Gobernador Civil en A Coruña (1853) e Granada (1858). Deputado posteriormente por Betanzos (1857) e. Foi tamén vocal da Xunta Consultiva da Moeda e Director Xeral da Caixa de Depósitos en 1856.



Hermida foi avogado na nosa cidade durante quince anos, compatibilizandoo con outros cargos como correxidor da cidade, fiscal de Facenda e subdelegado de Rendas en Tui. Membro do Partido Moderado, tivo de exiliarse tras ser destituido en 1840 tras a chegada ao poder de Espartero. En 1844 amáis de deputado foi electo alcalde de Tui. En 1846 o ministro Mon o nomea Intendente de Lugo para por en marcha a nova lexislación tributaria e polo seu papel tras o pronunciamento de 1846 foi premiado co traslado á Intendencia da Coruña. En 1853 foi nomeado gobernador civil da provincia coruñesa, sendo acusado de fraudes electorais nos comicios dese ano especialmente no distrito de Ordes. Caeu en desgracia no Bienio Progresista e voltará en 1857 á vida política como deputado por Betanzos  e director da Caixa de Depósitos do Ministerio de Facenda, en 1861 figura como vocal da Xunta Consultiva da Moeda no mesmo Ministerio e de novo Gobernador Civil agora en Zaragoza e Valladolid (1864), cidade na que falece nese mesmo ano
Foi deputado en 1844 con diversas intervencións parlamentarias, entre elas a defensa da necesidade de dotar con dignidade aos sacerdotes, poñendo como exemplo os membros das colexiatas de Baiona e Vigo, sumidos na indixencia dende que lle foran nacionalizados os bens á Igrexa.



Nestas mesmas eleccións de 1844 acadou un escano no Congreso o militar Laureano Sanz de Soto de Alfeirán, polo distrito de Ourense. O ano anterior, 1843, fora nomeado senador por Ourense, retornando ao Senado, como senador vitalicio no ano 1845 ata a súa morte. Unha dilatada traxectoria persoal e profesional fan de Laureano Sanz unha das figuras sobranceiras de Tui no século XIX, a quen o Concello dedicoulle unha das rúas da cidade. Nado en 1793 inicia primeiros anos do XIX a súa carreira militar, é dos soldados que se rebelan contra os invasores franceses en Porto ao mando do Conde de Maceda participando en numerosos episodios da Guerra da Independencia (batallas de Rioseco, San Marcial, etc.). En 1810 cae prisioneiro dos franceses logrando evadirse levando consigo ao xefe da garda de custodia francesa. Por tal motivo é ascendido a Capitán, participando, entre outras accións de guerra, na toma de Astorga, na batalla de Vitoria e San Marcial onde lograr, pola súas accións, a Cruz de San Fernando de 1ª clase.

Tras a Guerra de Independencia estivo como profesor na Academia de Enxeñeiros de Alcalá ata 1820 en que inicia a súa carreira en Infantería e Estado Maior, participando moi activamente na 1ª Guerra Carlista conseguindo a Cruz de San Fernando de 3ª Clase (asalto e toma do forte de Hort, en San Llorens de Pitens) en 1835; Gran Cruz de San Fernando (accións de Úbeda e Baeza de 1837) e sucesivos ascensos ata o de Tenente Xeneral. Desempeñando, sucesivamente, os cargos de capitán xeneral de Cataluña, Granada e Galicia onde logrou rematar coas partidas carlistas pacificando a nosa terra, polo que acadou grande sona; foi director xeneral de Estado Maior e de Enxeñeiros, e ministro da Guerra en 1846-1847. En 1846 cando era Ministro da Guerra, no goberno de Istúriz, é de novo responsable de sofocar a sublevación en Galicia logrando o seu fracaso. Nos dez meses que ocupou a carteira ministerial tivo unha intensa actividade parlamentaria, evidenciando un gran coñecemento dos temas militares e políticos. En 1853 foi nomeado de novo capitán xeneral de Galicia, cargo en que cesou ao ano seguinte, para en 1863 facerse cargo da Dirección Xeneral do Cuartel de Inválidos. Morre en Elorrio no ano 1868.

Comentarios

Entradas populares de este blog

O antigo Hospital e Inclusa (actual Edificio "Francisco Sánchez") cumpre hoxe cen anos

Neste ano 2023 a cidade de Tui vive diversos aniversarios de interese, especialmente o referente ao cuarto centenario do falecemento do egrexio médico e filósofo tudense, Francisco Sánchez, sobre o que nos ocuparemos en datas próximas. https://www.facebook.com/fotosantiguastuy/photos Centrará hoxe a nosa atención outra significativa efeméride, o centenario da inauguración do Hospital e Inclusa de Tui celebrado o 1 de maio de 1923, hai hoxe cen anos, que culminaba un longo proceso de construción deste edificio. Na actualidade este antigo hospital é o Edificio “Francisco Sánchez” coñecido popularmente como Área Panorámica de Tui. É pois unha feliz oportunidade para realizar unha aproximación a historia deste edificio emblemático da nosa cidade. Un edificio creado para acoller as instalación do hospital e da casa de expósitos, ou inclusa. A historiografía ten abordado nas últimas décadas aspectos da historia social pouco atendidos tradicionalmente. O tema da marxinación social é un de

Unha nova entelequia: un Camiño Portugués de Nossa Senhora do Norte por Tomiño e Gondomar

Vivimos nun mundo mediático onde cada vez temos acceso a un maior abano de información de todo tipo, o que en principio resulta altamente positivo e enriquecedor pero paralelamente existe o evidente risco de carecer de elementos de discernimento e valorización para recoñecer o rigor e a falsidade, a veracidade e os falseamentos. Ven a conto esta obviedade para abordar unha breve reflexión sobre a noticia que en días pasados publicaron os medios de comunicación con este titular: Tras un año de investigación, la alcaldesa de Tomiño, Sandra González; el presidente de la Cámara Municipal de Vila Nova de Cerveira, Rui Teixeira, junto al alcalde de Gondomar, Francisco Ferreira, y la concejala de turismo de Redondela, María Castro; y el arquitecto e investigador Antonio Soliño, presentaron el «Camiño da Nosa Señora do Norte a Santiago», una variante del Camino de Santiago que pasa por el territorio que recogen ya los archivos históricos. No texto da noticia se afirma o seguinte: La invest

Un poema en galego de D. Basilio do ano 1957

A figura de D. Basilio, cóengo maxistral na catedral tudense e profesor durante varias décadas no Instituto San Paio, continua a ser lembrada por moitos tudenses pola súa erudición, especialmente no que atinxía á historia da nosa cidade como pola súa singular personalidade. Neste blog conmemoramos hai algúns anos o centenario do seu nacemento, o 14 de abril de 1911, ( https://tudensia.blogspot.com/2011/04/hoxe-centenario-do-nacemento-de-don.html ) reproducindo un breve artigo publicado no libro das festas de San Telmo dese mesmo ano  2011. Sinalabamos daquela que era unha persoa sumamente austera, todos o lembramos coa “teja” cubrindo a súa cabeza, a súa faciana morena, sempre vestindo unha raída sotana, fumando os “bisonte” sen boquilla que ofrecía a cantos a él se achegaban, a súa conversa sempre mesturada con referencias teolóxicas. Case todas as tardes, primeiro pedaleando na súa bicicleta, e anos máis tarde sobre a súa vella mobilette (algún día tivo de ser nova pero a miña le