Ir al contenido principal

Parlamentarios tudenses (V): Telmo Maceira e Manuel García Maceira (dos "Rothschild" de Tui)


Dentro da sucesión de gobernos no período moderado do reinado de Isabel II (1844-1854) alterados pola Revolución de 1848 nos que ocupa en varios períodos a xefatura do goberno, o militar Ramón María Narváez, no ano 1850 hai novos comicios lexislativos. Resulta de novo elixido polo distrito de Tui, o redondelán Ramón López Vázquez Ballesteros. Este mesmo parlamentario renovará a súa acta nas eleccións de 1851 e chegará senador vitalicio dende 1861.

Neste mesmo proceso de 1850 tamén resulta electo polo distrito de A Cañiza o “tudense”, Lorenzo Cuenca San Juan, que manterá o seu escano por este distrito da Paradanta ata 1858; no 1863 resultará proclamado deputado por última vez, neste caso por Verín.

No proceso electoral do ano 1853 aparece como deputado polo noso distrito o tudense Manuel García Maceira é membro dunha importante familia da nosa cidade. A casa familiar, na Praza de Manuel Caramés no Arrabal (antigo arrabalde de Freanxo) está na actualidade en ruínas pero evidencia aínda o seu poderío.


Os tios de Manuel García Maceira, cunha ampla capacidade emprendedora, fundan a empresa “Andres Maceira y Hermanos” que comeza dedicándose a operacións de cambio e bolsa pero rapidamente amplíase a outros negocios. Contará cun amplo número de correspondentes de Galicia e Portugal.

Os Maceira, nos informa Suso Vila, fixeron fortuna nos asedios sufridos por Valença especialmente na  chamada “Revolta dos mariscales” en 1837 impulsada polos grupos moderados portugueses (chamados cartistas): El papel de Andrés Maceira no sólo se centraba en la introducción del contrabando en la plaza asediada sino también ser agente del gobierno inglés del cual contaba con dinero y materiales. Na súa finca do Cruceiro do Monte – Randufe crean unha factoría con serradoiros de madeira, unha fábrica de curtidos, etc outra de lencería en Riomuiños, entre 1854 e 1863 estableceron o primeiro servizo de transporte con vapores de rodas entre Tui, Valença e Caminha, foron os contratistas do recheo e construcións de peiraos no porto de Vigo, etc.

A familia Maceira tiña unha inmensa fortuna, eran coñecidos como “os Rothschild”, e controlaban o poder social e político na bisbarra, consolidándose o mesmo tras o nomeamento de Telmo Maceira como bispo tudense en 1855.

En Tui,  Andrés Maceira será procurador do común en 1835 cargo ao que accede o seu irmá Juan Gregorio en 1844. Xa nos temos ocupado en Tudensia desta familia e da súa casa no Arrabal: http://tudensia.blogspot.com/2012/06/casa-dos-maceira.html).

Manuel García Maceira, é fillo de Leocadia Maceira e o lucense Vicente García, nace en Tui en 1816, foi Colexial de Fonseca en Compostela, doutorándose en Teoloxía na Universidade de Salamanca, onde o seu irmá Lucas era Catedrático de Dereito. Manuel García Maceira acadou asemade as cátedras de lingua hebrea nas Universidades de Salamanca e Madrid, foi correspondente da Real Academia da Historia en Tui, doándolle a aquela institución en 1860 diversas moedas procedentes da nosa bisbarra. Deputado en varias lexislaturas tivo de retornar á nosa cidade para facerse cargo dos negocios familiares, especialmente da sociedade “Andrés Maceira Hermanos” da súa familia materna. Mantivo unha grande amizade con Antonio Cánovas del Castillo, que en 1884 hospedouse no seu domicilio, e co seu paisano Frei Rosendo Salvado.

Diversos autores, como Manuel Fernández Valdés, sinalan a outros membros desta familia como deputados: Juan Gregorio Maceira Pazos e o seu sobriño Lucas García Maceira, aínda que na documentación do Congreso dos Deputados non existe constancia da súa elección, posiblemente non chegaron a tomar posesión do seu escano.

Manuel García Maceira foi deputado polo distrito de Tui no 1853, retornando ao Congreso tras o Bienio Progresista en 1857 e 1858.

Vitor a Telmo Maceira no Salón de Plenos da Casa do Concello de Tui

O seu tío, o bispo Telmo Maceira Pazos, fora designado senador por Pontevedra en 1843 e senador vitalicio no ano 1850. Telmo Maceira nacera en Tui o 12 de febreiro de 1798, tras estudiar Humanidades cos franciscanos tudenses, Filosofía cos beneditinos de Poio e de novo en Tui dous anos de Teoloxía, incorporouse á Universidade de Santiago acadando o doutoramento en Teoloxía e o bacharelato en Canóns (títulos que tivo de revalidar en 1827 ao considerar Fernando VII que as titulacións obtidas no Trienio Constitucional carecían de valor).

Segundo Máximo Casal no seu libro “Apuntes histórico-biográfico-descriptivos de la M. N. y M. L. Ciudad de Tuy y sus hijos ilustres” (1884) foi catedrático do Colexio San Clemente da Universidade de Bolonia “desempeñando las clases de Filosofía, Teología y Retórica por determinación del Claustro General”.

Foi ordenado sacerdote en 1823 e nomeado párroco de Vide. Membro desta rica familia, axiña gañou en 1828 a coenxía de Maxistral na Catedral tudense e logo foi Deán na mesma, cargo que ocupaba ao ser nomeado senador.

Designado bispo de Coria non chegou a tomar posesión pois entre tanto foi nomeado bispo de Mondoñedo (1852-1855) e finalmente bispo de Tui, a pesar de certa oposición polo que significaba de fortalecemento do poder familiar. Morreu en Tui o 9 de agosto de 1864 agarimado polos seus diocesanos.

No seu episcopado realizará importantes reformas no Seminario, no Pazo Episcopal (realizando a fermosa galería con vistas ao río Miño e Valença), na catedral mandou construír un pasadizo sobre as naves para comunicar o seu pazo coa capela maior e asistir privadamente as funcións litúrxicas dende unha tribuna no lado sur. Agasallou tamén á catedral cun terno de raso azul para a festividade da Purísima Concepción, unhas sacras de bronce e prata e unha fermosa lámpada de cristal para a capela do Santísimo. Promoveu a construción da capela de Frinxo e outra en Morgadáns.

Biblioteca do Seminario Conciliar de Tui

No Seminario Conciliar, inaugurado polo seu predecesor o bispo Francisco García Casarrubios y Melgar en 1850, iniciou a ampliación da biblioteca, á que dóalle boa parte dos seus libros, e promove a súa apertura pública; para elo acordou co Concello tudense o traslado da escola de primeiras letras , que ocupaba a planta baixa do Seminario, a un novo edificio, custeado por él, na rúa Sanz (actual Casa da Xuventude). Citar, por último outras das súas grandes iniciativas, como foi a publicación do “Boletín Eclesiástico del Obispado de Tuy”, cuxo primeiro número sae do prelo, de D. Manuel Martínez de la Cruz establecido na rúa da Corredoura, o 1 de febreiro de 1859, con periodicidade quincenal, e que aínda continúa editándose na actualidade.

Telmo Maceira foi soterrado inicialmente na cripta da Capela das Reliquias ou San Telmo da catedral, pero no 1881 os seus restos foron trasladados ao presbiterio da mesma capela, nun sepulcro que conta cun amplo epitafio.

Máximo Casal sinala tamén que “obtuvo la encomienda de Carlos III y de Isabel la Católica, Ministro honorario del Tribunal del Escusado, Predicador de S.M. y Senador del Reino. En la memorable sesión de 9 de enero de 1845 defendió la honrosa capacidad de los eclesiásticos para ocupar un asiento en el Congreso y en la no menos célebre de 3 de febrero del propio año sobre dotación del Culto y Clero. A él se debe también la brillante exposición que el Cabildo de Tuy elevó al Regente del Reino con motivo de la triste situación por que entonces atravesaba la Iglesia de España, siendo Ministro de Gracia y Justicia el docto Jurisconsulto y Canonista Aguirre, documento luminoso que puede verse en la Civilización del Sr. Balmes. La Santidad de Pio IX le hizo en 1862 noble Romano, su prelado Doméstico y Obispo asistente al Sacro Solio Pontificio”.

Nos seguintes comicios, celebrados en novembro de 1854, atopamos que retorna a un escano no Congreso o avogado tudense Esteban Areal, un dos protagonistas da revolución e 1846 en Tui, ao igual que o guardés Juan Bautista Alonso e de novo Lorenzo Cuenca San Juan. Iste último manterá a súa cadeira nas seguintes eleccións de 1857, na que retorna ao Congreso Manuel García Maceira, mantendo ambos a súa representación tamén no proceso electoral de 1858, agora representando non á provincia de Pontevedra senón aos seus distritos de A Cañiza e Tui, respectivamente.

Juan Bautista Alonso

Nas elección de 1863 asistimos a un relevo dos representantes políticos, pola nosa cidade resulta elixido o ponteareán Saturnino Álvarez Bugallal, primeiro membro dunha extensa familia de destacados políticos da época da Restauración. Álvarez Bugallal, nado en Areas – Ponteareas en 1834, foi Ministro de Gracia e Xustiza en dúas oportunidades.

Saturnino Álvarez Bugallal


José María Fernández de la Hoz

Tras a súa dimisión ao ano seguinte foi electo polo noso distrito José María Fernández de la Hoz Gómez, un “cunero”, pois era natural de Madrid, acadando a acta por Tui nesta única oportunidade. De la Hoz Gómez ocupara a carteira ministerial de Gracia e Xustiza, en 1858, e foi ministro interino de Gobernación neste mesmo ano. Cómpre salientar que nestas elección enfrontouse a Manuel García Maceira, ao que derrotou aínda que os comicios foron declarados nulos polos abusos cometidos por ambos candidatos.

Comentarios

Entradas populares de este blog

O antigo Hospital e Inclusa (actual Edificio "Francisco Sánchez") cumpre hoxe cen anos

Neste ano 2023 a cidade de Tui vive diversos aniversarios de interese, especialmente o referente ao cuarto centenario do falecemento do egrexio médico e filósofo tudense, Francisco Sánchez, sobre o que nos ocuparemos en datas próximas. https://www.facebook.com/fotosantiguastuy/photos Centrará hoxe a nosa atención outra significativa efeméride, o centenario da inauguración do Hospital e Inclusa de Tui celebrado o 1 de maio de 1923, hai hoxe cen anos, que culminaba un longo proceso de construción deste edificio. Na actualidade este antigo hospital é o Edificio “Francisco Sánchez” coñecido popularmente como Área Panorámica de Tui. É pois unha feliz oportunidade para realizar unha aproximación a historia deste edificio emblemático da nosa cidade. Un edificio creado para acoller as instalación do hospital e da casa de expósitos, ou inclusa. A historiografía ten abordado nas últimas décadas aspectos da historia social pouco atendidos tradicionalmente. O tema da marxinación social é un de

Unha nova entelequia: un Camiño Portugués de Nossa Senhora do Norte por Tomiño e Gondomar

Vivimos nun mundo mediático onde cada vez temos acceso a un maior abano de información de todo tipo, o que en principio resulta altamente positivo e enriquecedor pero paralelamente existe o evidente risco de carecer de elementos de discernimento e valorización para recoñecer o rigor e a falsidade, a veracidade e os falseamentos. Ven a conto esta obviedade para abordar unha breve reflexión sobre a noticia que en días pasados publicaron os medios de comunicación con este titular: Tras un año de investigación, la alcaldesa de Tomiño, Sandra González; el presidente de la Cámara Municipal de Vila Nova de Cerveira, Rui Teixeira, junto al alcalde de Gondomar, Francisco Ferreira, y la concejala de turismo de Redondela, María Castro; y el arquitecto e investigador Antonio Soliño, presentaron el «Camiño da Nosa Señora do Norte a Santiago», una variante del Camino de Santiago que pasa por el territorio que recogen ya los archivos históricos. No texto da noticia se afirma o seguinte: La invest

Un poema en galego de D. Basilio do ano 1957

A figura de D. Basilio, cóengo maxistral na catedral tudense e profesor durante varias décadas no Instituto San Paio, continua a ser lembrada por moitos tudenses pola súa erudición, especialmente no que atinxía á historia da nosa cidade como pola súa singular personalidade. Neste blog conmemoramos hai algúns anos o centenario do seu nacemento, o 14 de abril de 1911, ( https://tudensia.blogspot.com/2011/04/hoxe-centenario-do-nacemento-de-don.html ) reproducindo un breve artigo publicado no libro das festas de San Telmo dese mesmo ano  2011. Sinalabamos daquela que era unha persoa sumamente austera, todos o lembramos coa “teja” cubrindo a súa cabeza, a súa faciana morena, sempre vestindo unha raída sotana, fumando os “bisonte” sen boquilla que ofrecía a cantos a él se achegaban, a súa conversa sempre mesturada con referencias teolóxicas. Case todas as tardes, primeiro pedaleando na súa bicicleta, e anos máis tarde sobre a súa vella mobilette (algún día tivo de ser nova pero a miña le