Ir al contenido principal

Parlamentarios tudenses VII: o cacique da Restauración, Ezequiel Ordoñez González


A Restauración da monarquía borbónica na persoa de Afonso XII no ano 1874  propiciou un réxime sólido e forte, aínda que sen acadar un completo desenvolvemento democrático. O sistema deseñado por Cánovas e Sagasta, polo que estaba pactada a alternancia política entre os partidos conservador e liberal, garantiu unha estabilidade política pero co tempo sentou as bases dunha dualidade política: unha España oficial, a do poder, e outra real que co tempo se imporá coa II República.

Para levar adiante este sistema era un elemento central o control dos procesos electorais, introducindo o caciquismo político como un factor imprescindible no funcionamento do sistema chegando, como será o caso do distrito tudense a unha patrimonialización do distrito en man dunha familia, no caso tudense, os Ordoñez.


Nas primeiras elección deste novo período histórico celebradas en xaneiro de 1876 resulta electo polo distrito tudense un deputado “cuneiro”, o madrileño Francisco Javier Boguerin Acedillo, enxeñeiro de camiños, que no seguinte proceso electoral resultará escollido polo distrito de Redondela.  Foi un dos enxeñeiros pioneiros do ferrocarril español e dende 1858 era o encargado de elaborar os proxectos do ferrocarril Ourense -Vigo. Foi de sempre membro do Partido Liberal.

Outro tudense, como xa sinalamos anteriormente, Joaquín Vázquez de Puga y Torres representará ao distrito de Verín. Pero o mais significativo é que neste proceso de 1876 polo distrito de Cuenca sairá electo Ezequiel Ordoñez González

Nado na vila de Ponteareas no ano 1845, era seu pai José Ordoñez Domínguez, de Tui, que sendo capitán retirado foi nomeado como Comandante de Armas da vila do Tea. Casado coa tudense Teodora González Aznaga tivo en Ponteareas ao seu primeiro fillo, Ezequiel. Rematado o mandato retornaron axiña á vella cidade episcopal onde no ano 1847 naceu outro fillo, Leoncio.

Seguimos o relato do polígrafo tudense Manuel Fernández-Valdés para ilustrar os inicios da vida pública de Ezequiel Ordoñez: “Moi novo pasou a Madrid para estudiar Dereito e para ser menos gravoso aos seus pais, entrou como amanuense ao servizo do poeta Campoamor. Cóntase que un día estalou en Madrid un pronunciamento, tan frecuentes no século XIX, e había unha dura loita polas rúas. Non era posible circular, tras o toque de queda, sen un salvoconduto especial. Pero naquela noite, como todas, Ordoñez non fallou á súa cita na casa do poeta das “Humoradas” e este ficou tan agradecido a esta proba de adhesión, que converteuse no seu protector, ata a punto de casalo cunha rica orfa que era a súa pupila” Julia María García Arana (que morrerá en Vigo en 1877). O poeta Campoamor dedicoulle o mellor do seus “Pequeños poemas”, o “Don Juan”. Pola súa banda, Ordoñez escribiulle o limiar a unha edición do poema “El drama universal”.

De seguro que, como froito desta relación co poeta asturiano Ramón de Campoamor, Ezequiel Ordoñez comezou tamén a escribir colaboracións en diversos medios periodísticos, entre eles o “Boletín Diplomático”.  



Ezequiel Ordoñez foi, de sempre militante do Partido Conservador; andando os anos sería do sector de Romero Robledo (facción do Partido Conservador tras a morte de Cánovas en 1897, caracterizada polo seu pragmatismo e oposta a Francisco Silvela), a quen lle unían lazos políticos e familiares, pois o seu fillo Mariano Ordoñez García (que foi Ministro de Gracia e Xustiza e logo de Facenda) casou coa filla de Francisco Romero Robledo.

Accedeu ao Congreso dos Deputados, como xa apuntamos, no 1876 resultando elixido polo distrito de Cuenca; nas seguintes eleccións de 1879 sairá electo polo distrito tudense repetindo a súa elección en once oportunidades ata 1901.

O distrito tudense carecía dun deputado enfeudado que controlase a vida social e política, Elduayen o intentou con García Maceira, logo os Bugallal con Saturnino Álvarez Bugallal namentres que no Sexenio foi Severino Martínez Barcia o referente do poder, pero ao inicio da Restauración se carecía dun liderado. Ezequiel Ordoñez accedeu á vida política “disposto a representar e controlar o distrito de Tui, foille necesario montar as bases dun novo poder caciquil, o que non lle resultou fácil pola dura resistencia que lle opuxo o único grupo político organizado, o dos carlistas, que dispoñían dun xornal de moita influencia na comarca, La Integridad”. Pese a todo, Ordoñez logrou saír deputado nas eleccións de 1881 e nas seguintes ata 1903.

Aumentaba o prestixio de Ordoñez cando no 1882 o seu futuro consogro Romero Robledo, ministro de Ultramar, nomeouno Subsecretario do Ministerio. Ó mesmo tempo era designado en Madrid Conselleiro do Monte de Piedade e Caixa de Aforros.

Pero o apoio definitivo para eliminar aos carlistas recibiuno Ordoñez do bispo Menéndez Conde que chegou a Tui no ano 1890 co claro obxectivo de eliminar este grupo, por razóns estritamente de estratexia eclesiástica de promover os grupos de caracter conservador en detrimentos destas outras agrupación máis tradicionalistas.  Este grupo carlista reunido en torno ao xornal “La Integridad” apoiaba ao denominado Partido Católico Nacional, coñecido oficiosamente polo nome de Partido Integrista que dirixía o deputado Ramón Nocedal. Os integristas estaban en contra dos grupos liberais e conservadores como os que encabezaba o tudense Augusto González Besada, con implantación na provincia de Pontevedra e outras zonas de Galicia.



Ezequiel considerouse persoalmente agredido polos carlistas cando no ano 1893 La Integridad de Tui trae un candidato “cuneiro”, de Santander, Fernando Fernández de Velasco, para oporse a el nos comicios, ameazando seriamente a súa reelección. Entendeu que aquilo significaba un atentado contra a súa reputación e mobilizou todas as súas forzas ata conseguir, por unha parte que se lle abrisen cinco expedientes a La Integridad e promovendo o embargo da Tipografía Regional onde se imprimía. Por outra parte, o bispo Menéndez Conde disolveu o grupo; tres dos principais dirixentes marcharon da cidade, Manuel Lago González, Antonio Dávila e Victoriano Paradis para fora da diocese. A partir deste momento podemos dicir que Ezequiel Ordoñez xa non tivo oposición en Tui, aínda que La Integridad o seguiu atacando pero con menor capacidade.

No ano 1903 foi nomeado polo Rei de España, senador vitalicio ocupando a vacante producida polo pasamento de Antonio Abellán Peñuela, marqués de Almanzora. Tras esta designación, o seu fillo Mariano Ordoñez continuará a “tradición familiar” e será electo deputado pola nosa cidade entre 1903 e 1923.

Podemos comprobar coma a familia Ordoñez exerceu un férreo control político na cidade de Tui e na bisbarra do Baixo Miño ao longo de máis de corenta anos. Un control evidenciado tamén na vida municipal e na vida política local. Aínda que Ordoñez residía en Madrid o control da vida política na comarca o realizaba a través dos seus representantes. No caso de Tui foi especialmente Venancio Lorenzo que axiña ocupou a Alcaldía e tras a sua morte ocupara esta representación no distrito o rexistrador da propiedade José Herraiz. Os ordiñistas tiñan como voceiros os xornais “El Vencejo” y “El Aloya”, namentras que a oposición se expresaba en “La Opinión” e sempre en “La Integridad”, aínda que agora con moita menos virulencia.



Entre outros cargos públicos Ezequiel Ordoñez foi vocal do Consello de Sanidade, Director Xeral de Correos e Telégrafos, de Obras Públicas e de Beneficencia e Sanidade, Vicepresidente do Consello de Filipinas e posesións do Golfo de Guinea, e 1890, e Subsecretario do Ministerio de Ultramar, en 1892. No Congreso dos Deputados foi durante varios anos secretario e finalmente vicepresidente, entre os anos 1876 e 1883.

Ezequiel Ordoñez salientou tamén pola súa implicación no mundo dos negocios, tanto no ámbito da industria do ferrocarril, na azucreira (participando nas indistrias de azucre en Antequera da familia do seu xenro Romero Robledo) ou con negocios en Filipinas (en algunhas fontes sen confirmar indican que a súa estadía naquelas illas foi para fundar, con outros socios, a cervexeira “San Miguel”).

Nesa estadía en Filipinas casou, en segundas nupcias, en 1884 con Juana María Lecároz Anareta (1856-1892), unha mestiza de gran beleza, con quen tivo tres fillos (Jaime, Blanca -que sería logo a famosa condensa de Montarco- e Enrique).

De seguro que a experiencia acumulada nos cargos políticos e nos negocios deulle a base de coñecementos para a edición dun libro titulado “Guia del ferrocarril del Norte”.

Finou en Madrid o 20 de outubro de 1918, sendo soterrado na Sacramental de San Isidro.



A figura de Ezequiel Ordoñez está vencellada, ao longo das últimas décadas do século XIX, a múltiples iniciativas de obras públicas e desenvolvemento social e económico do sur de Pontevedra: construción da vía férrea, da ponte internacional de Tui, etc. Paralelamente a súa figura é un exemplo sobranceiro da vida política da Restauración, amosando coa súa traxectoria o funcionamento do sistema caciquil característico da época da Restauración, especialmente o férreo control que algunhas elites sociais e políticas mantiñan sobre a vida política do noso distrito electoral.

Comentarios

Publicación populares

A fábrica de galletas "La Peninsular"

Temos sinalado neste blog en diversas oportunidades o descoñecemento que posuimos da historia contemporánea de Tui fronte a outros períodos históricos moito mais investigados que a nosa historia mais recente. Aspectos como a vida política tudense na primeira metade do século XX seguen esperando un achegamento como tamén os procesos e dinámicas socias desenvolvidos no noso territorio. Hoxe ofrecemos en Tudensia un post sobre a fábrica de galletas “La Penínsular” que abrangue case medio século da vida económica tudense. Achegamos a información ofrecida polo profesor de historia económica da Universidade de Santiago de Compostela, Angel Ignacio Fernández González, no seu blog “Galicia Agraria” nun documentado post sobre a industria de galletas en Galicia nos principios do século XX. Aportamos a rica e moi completa información que achega profesor Fernández algunha pequena referencia da nosa autoria colocadas como notas. http://galiciaagraria.blogspot.com.es/2012/03/gall...

A lenda do túnel baixo o MIño

As lendas ou narracións populares, transmitidas oralmente, relatan xeralmente acontecementos ficticios que se teñen por reais, en moitas ocasións mesturados con feitos históricos. Pola súa capacidade de evocación, pola súa transmisión xeracional as lendas conforman un acervo do que chamamos patrimonio inmaterial que cómpre recoller e preservar. Na nosa cidade conservamos varias lendas vencelladas ao caracter histórico da nosa localidade, ao seu caracter fronteirizo e consecuentemente a súa fortificación fronte aos posibles invasores. A máis asentada no imaxinario colectivo tudense é a relativa ao “túnel” que comunica Tui coa outra beira do Miño, coas terras de Valença. Resulta moi significativa esta lenda pois testemuña como na mentalidade dos tudenses a fronteira e a súa condición de limite, de aillamento fronte ao estranxeiro era superada polas nosas xentes que a través do túnel escapaban destas “imposicións” e mantiñan a comunicación coas terras irmáns que as estructuras políticas ...

Agrarios tudenses en "El Agrario" de Buenos Aires de 1923

Fundadores da "Sociedad Agraria" de Paramos (en pose para El Agrario) De esquerza a dereita b(en pé), cidadáns Hermenegildo Gándara Estévez e Manuel Alem; sentados Simplicio Fernández Rivas, Hermenegildo Alem Rocha e Jesús Fernández Rivas Temos comentado en numerosas oportunidades neste blog o escaso coñecemento que posuímos sobre a historia mais recente do noso concello. Entre os episodios que conforman este período histórico máis recente está o movemento agrarista que na última década do século XIX e nas primeiras do pasado século mobilizou aos labregos de Galicia na procura do acceso á propiedade da terra (ata daquela os nosos campesiños eras foreiros, tiñan o usufructo inmemorial dunhas leiras que non eran súas) e consecuentemente a mellora das condicións de vida destas masas populares. Será o movemento agrarista o que adquira neste anos un progresivo protagonismo fronte ao caciquismo conservador que dominaba a vida política da comarca de Tui coa figura ...

A Semana Santa tudense e as súas posibilidades

Xa na noite do Venres Santo xorde de novo unha reflexión sobre a Semana Santa tudense, pois quizais na nosa cidade non chegamos albiscar as súas potencialidades como elemento que forma parte do noso acervo patrimonial que temos a responsabilidade de conservar, sen privala da súa dimensión relixiosa, e dende esta valorización é tamén un posible recurso turístico para Tui, pois poucos lugares de Galicia teñen unha riqueza similar nestas xornadas. Neste mesmo blogue temos sinalado que inmediata celebración das festas patronais de San Telmo distorsiona a visión destas xornadas de celebración do misterio pascual de Xesús, configuradas como un preludio das festas e, consecuentemente, infravaloradas non xa na súa dimensión espiritual senón na súa significación cultural. Cómpre valorizar as actividades litúrxicas ou para-litúrxicas destas datas, pois, independentemente da súa significación relixiosa ou espiritual, conservan requintadas expresións da nosa historia colectiva da que somos...

"A Trapa" a segunda cova granítica máis grande de Europa descoberta en Ribadelouro

O pasado sábado 9 de abril nunha conferencia pronunciada en Tui Clube Espeleolóxico “Maúxo” presentou un descubrimento certamente importante: “A Trapa” a segunda cova granítica máis grande de Europa, que se atopa na parroquia de Ribadelouro nas abas do Monte Aloia. Un descubrimento de especial relevancia para a xeoloxia e para a arqueoloxia da nosa terra, e que incrementa o valor que sa posuía esta zona inmediata ao Parque Natural do Monte Aloia. Cómpre agora impulsar o proxecto de ampliación territorial deste Parque abranguendo a Serra do Galiñeiro –por certo, ameazada na actualidade pola prevista instalación dun parque eólico-. Felicitamos ao Clube Espeleolóxico “Maúxo” polo seu labor e por aportarnos este relevante descobrimento. Achegamos un artigo publicado no día de onte na edición Galicia de “El País” como información sobre este achado. Una trampa de 1.200 metros Expertos descubren la segunda cueva más grande de Europa en O Galiñeiro SARA VILA - Santiago - 21/04/2011...

Ricardo Blanco Cicerón

O pasado martes 15 de decembro foi inaugurada no Museo do Pobo Galego, en Santiago de Compostela, unha exposicion que co titulo de “Olladas dunha época” recolle unha escolma das fotografias do chamado “Fondo Blanco-Cicerón” que se custodia no devandito Museo. Como podemos comprobar na portada do catálogo que acompaña a este “post” a cidade de Tui é unha das protagonistas desta mostra que amosa unha selección das fotografías que conformaban a colección de Ricardo Blanco-Cicerón (Tui 1844 – Santiago 1926). Son na súa meiranda parte instantáneas da época do cambio de século, entre 1890-1910, e que respostan ao interese coleccionista de D. Ricardo que conformou ao longo da súa vida a, posiblemente, a máis ampla colección de caracter cultural que teña existido en Galicia: obxectos prehistóricos, artísticos, etc. que nutren hoxe en boa medida os museos da nosa terra. Esta mostra organizada conxuntamente polo Museo do Pobo Galego e o Centro Galego de Artes da Imaxe poderá ser visitada ...

Yzquierdo Durán, ilustrador tudense. Breve noticia.

Jose Yzquierdo Durán foi un popular ilustrador que radicado en Madrid realizou, nas primeiras décadas do século XX unha prolífica producción en todo tipo de publicacións, tanto periódicas como en libros. Son moi escasas as noticias sobre a súa traxectoria que poidemos acadar non así imaxes da súas obras, que ocupan as portadas de numerosas edicións das segunda e terceira décadas do pasado século. O erudito Manuel Fernández-Valdés no seu excepcional libro “Familias antiguas de Tuy” nos informa que Jose Izquierdo Durán era fillo do avogado tudense José Izquierdo Sarmiento, que foi secretario do Concello tudense, e de Concepción Durán Mera, dunha familia de longa tradición na cidade. Tiveron tres fillos, Celso, que foi crego ocupando, entre outras, a parroquia de Piñeiro, Pilar, que foi directora moitos anos do “Hogar Rosendo Salvado” dependente do Auxilio Social nos anos da ditadura, e José, de quen hoxe nos ocupamos. José Izquierdo Durán naceu en Tui no anos 1890 e desenvolveu en Madrid...