
A historia contemporánea de Tui, especialmente no século XIX, agocha numerosos nomes de egrexias personalidades que realizaron importantes achegas á vida política e social do pais. Nomes como Augusto González Besada, Ezequiel Ordoñez ou o seu fillo Mariano, aínda posuen unha lembranza entre os nosos veciños, pero existen senlleiras figuras que fican no esquecemento colectivo, únicamente obras como o libro de Manuel Fernández-Valdés sobre as familias antigas de Tui nos aportan datos para o seu coñecemento.
Hai pouco chego ás miñas máns un pequeno opúsculo, de 12 páxinas, editado en Madrid no ano 1886 e titulado “Necrologia del Excmo. Sr. D. Florencio Rodríguez Vaamonde, presidente de la Real Academía de Ciencias Morales y Políticas, leída en sesión ordinaria de 26 de octubre de 1886 por el Excmo. Sr. Conde de Torreánaz, individuo de número de la misma”. Este libriño recolle pois un discurso laudatorio realizado en lembranza de Florencio Rodríguez logo do seu pasamento. A semblanza que nos aporta esta “Necrología” sobre Rodríguez Vaamonde ofrece numerosos datos sobre a súa biografía personal e traxectoria política, que permiten recuperar a figura este singular político e xurista que logrou unha grande sona na vida política española do sséculo XIX.
Florencio Rodríguez-Vaamonde e Roca nace en Tui o 22 de febreiro de 1807, fillo doutro distinguido político, natural de Ponteareas e tudense de adopción trala súa voda con Juana Roca Portela, Agustín Rodríguez Vaamonde, protagonista da resistencia contra a invasión napoleónica, xuíz na nosa cidade e deputado nas Cortes Constituíntes de Cádiz no ano 1810 (e a quen xa dedicamos no seu día unha entrada neste blogue).
Florencio cursos dereito na Universidade de Compostela, acadando a calificación “de mérito” no ano 1828. Comezou a súa carreira profesional como “promotor fiscal” no Xulgado tudense no ano 1835, ocupando no ano 1840 o cargo de “Xefe político” de León. Posteriormente pasou á fiscalía da Audiencia Provincial de Zaragoza (1844-46) e finalmente foi Rector da Universidade de Madrid nos anos 1846-47.
Namentras, tiña comezado tamén a súa traxectoria política, resultando elixido como deputado a Cortes pola provincia de Pontevedra no ano 1836 e renovando a súa acta en 1846; tras a reforma electoral que recuperaba os distritos foi electo deputado polo distrito de Ponteareas no ano 1846-47. Dende este último ano ocupara un posto de senador vitalicio pola provincia de A Coruña e, a partir de 1877, continuará con asento no Senado agora en representación da Real Academia de Ciencia Morais e Políticas.
No mesmo 1847 foi nomeado no Goberno presidido por Joaquín Francisco Pacheco Ministro de Gracia e Xustiza (de 28 de marzo ata 31 de agosto en que dimite) pero a súa estadía foi altamente fecunda con numerosa lexislación aprobada. En setembro de 1847 ingresa no “Consejo Real”, logo chamado “Consejo de Estado”, ocupando posteriormente a presidencia da súa sección de Gracia e Xustiza.
Voltou ao Goberno de España en 1863 ocupando a carteira de Gobernación, no gabinete do Marqués de Miraflores, acadando grande notoriedade na súa actuación con numerosas leis para o goberno, orzamentos e contabilidade das provincias e normas sobre “pósitos, roturacións, empréstitos e obras municipais”.
Cómpre unha precisión respecto da súa actuación ministerial pois no citado libro de Manuel Fernández-Valdes sinálase erroneamente, entre outras cuestións, que ocupaba o ministerio de Gracia e Xustiza no ano 1851 sendo así o responsable do Concordato asinado coa Santa Sede nesa altura. O certo é que tivo responsabilidades neste asunto dende o seu cargo no Consello Real, pero non como ministro. Neste concordato a Santa Sé aceptaba a Desamortización e o Patronato rexio no nomeamento de bispos. Por tanto, de seguro que Fernández-Valdés acerta cando o sinala como principal responsable do nomeamento, naquel ano, de dous tudenses para senllas sedes episcopais: Telmo Maceira Pazos, para Coria, e José Avila y Lamas, para Plasencia.
Cando cae o gabinete de Miraflores, en xaneiro de 1864, enceta unha nova xeira na súa actividade, pois seguindo a doctrina liberal-conservadora, cesou na súa actividade partidaria directa na Unión Liberal de O’Donnell. Ata o punto que tendo sido nomeado de novo para o Consello de Estado renunciou sen tomar posesión. Admitiu unicamente cargos non remunerados como a Vicepresidencia do Senado en tres lexislaturas do 1877 a 1879; neste ano foi nomeado Presidente da sección de asuntos civís da Comisión de Códigos (encargada da redacción dos diversos códigos xurídicos) entre 1875-1878. Posteriormente foi Presidente do Consello de Instrucción Pública (1878-1881) pero rematou dedicando o seu esforzo e traballo á Real Academia de Ciencias Morales y Políticas.
Fora un dos dezaoito académicos nomeados por Real Decreto de 30 de setembro de 1857 en que se crea esta Academia. Foi elixido para a presidencia desta institución nos trienios entre 1872 e 1884 (asistindo a 819 sesións académicas e presidindo 506), e, como xa apuntabamos, é designado como representante da Academia no Senado entre 1877 e 1886. Na súa laboura na Real Academia salientan diversas publicacións dedicadas ao estudo e análise de temas xurídicos como a proposta de prisión por débedas, redención de foros, polémicas constitucionais en Estados Unidos, etc.
Morreu en Madrid o 10 de xuño de 1886 ocupando a presidencia desta institución académica, que ten chegado ata os nosos días.
Florencio Rodríguez Vaamonde casara en Tui con María do Carme Domínguez Figueroa, e acadou unha notable fortuna con numerosos investimentos en varios sectores económicos, como o ferrocarril. A súa filla Rosa Rodríguez-Vaamonde Domínguez, nada en Tui no ano 1832 e morta en Madrid en 1898, herdeira da fortuna paterna, deixou un importantísimo legado ao Hospital da nosa cidade (actual edificio “Área Panorámica”) en memoria do seu pai. Concello tudense en agradecemento concedeulle o nome dunha céntrica rúa que aínda hoxe perdura: Rosa Bahamonde.
Ola!
ResponderEliminarEstou buscando un retrato de Florencio Rodríguez Vaamonde, e o google levoume ao seu blog. Poderíame dar a referencia de onde triruou este retrato?
Moitas grazas
Amigo Melorra
ResponderEliminarA fotografia foi tirada da páxina web da Real Academia de Cuencias Morais de Politicas da que Rodríguez Vaamonde foi presidente.
Un saudo