Ir al contenido principal

Parlamentarios tudenses VI: Militares (Pedro Cuenca e Alejandro Marquina), propietarios (Joaquín Vázquez de Puga) e republicanos (Severino Martínez Barcia)


Continuamos o relato dos diversos procesos electorais do século XIX e principios do XX no noso distrito, recuperando desta forma o nome de moitos políticos que ostentaron a representación política de Tui nas Cortes ou de tudenses que accederon ao seu escano por outras circunscripcións electorais. Moitos destes nomes, hoxe completamente esquecidos, merecen ser coñecidos.


Nas eleccións de 1863, nas que resultara elixido por Tui o político ponteareán, Sasturnino Álvarez Bugallal, fora tamén electo o tudense Pedro Cuenca e Díaz de Rábago sucedendo ao seu pai, Lorenzo Cuenca, no control político e na representación do distrito da Cañiza. Pedro Cuenca, naceu en Tui o 3 de xullo de 1829. Estudiou Gramática na cidade miñota e posteriormente algún curso na Universidade compostelá, ingresando en 1852 na Escola de Estado Maior. Desenvolveu unha brillante carreira militar. Tiña participado na Guerra de África, acadando o grado de Tenente Coronel, e pasando logo a Filipinas, de onde regresa para ocupar o seu escano no Congreso. Posteriormente foi comisionado para estudiar a organización militar en diversos paises europeos (Francia, Bélxica, Holanda. Prusia, Austria e Portugal); na última guerra carlista ascendeu, por méritos, a coronel; xa como brigadier foi a Cuba na condición de Xefe do Estado Maior daquela Capitania Xeral, ascendendo a Mariscal de Campo. Foi Capitan Xeneral das Illas Canarias. Finou en Madrid, en 1896, sendo Tenente Xeneral e Xefe do Cuarto Militar da Raiña Rexente María Cristina. Foi soterrado en Tui no panteón familiar, hoxe desaparecido.

Comezamos en 1864 un período temporal en que a representación política do noso distrito mudará constantemente, en moitos casos ao acoller a candidatos “cuneiros” que garantían na nosa cidade o seu acceso á cadeira no Congreso: Manuel Mayo de la Fuente, en 1864, tamén o tudense Joaquín Vázquez de Puga y Torres, natural de Cequeliños - Arbo (que voltará ao Congreso en 1869 e 1876, desta volta representando ao distrito de Verín, namentras que en 1872 foi senador representando á provincia de Pontevedra). Vázquez de Puga, dunha acreditada liñaxe, era un importante propietario, que na Desamortización adquiriu numerosas rendas forais procedentes dos mosteiros de Oseira e Melón e logo participou nos negocios ferroviarios. Era deputado da Unión Liberal, do xeneral Leopolo O’Donnell e estivo logo vinculado a Elduayen e ao Partido Conservador.

Alejandro Marquina Álvarez


Neste ano 1863 accede ao Congreso o ourensan Alejandro Marquina Álvarez, casado coa tudense Dolores Kindelán y Díaz de Rábago, polo distrito de Ourense, repite no 1864 polo de Celanova e polo distrito de Vigo en 1869. Dende 1872 formou parte do Senado en representación da provincia de Ourense. Continuou a tradición familiar de carreira militar chegando a Tenente Coronel, tras a súa retirada foi Gobernador civil de Pontevedra, entre maio e novembro de 1874, e, de novo, de abril a setembro de 1875. O 17 de setembro deste último ano foi designado Gobernador civil da Coruña. En marzo de 1876 ditou unha disposición coa que pretendeu regulamentar o servizo doméstico. No mes de maio presentou varias veces a súa dimisión, pero non lle foi aceptada. Finalmente, mantivose no cargo ata o seu pasamento no ano 1876.

Nas eleccións realizadas nos anos 1871, 1872 e logo da proclamación da I República, nas constituintes de maio de 1873, resulta electo polo distrito de Tui Severino Martínez Barcia que formaba parte do Partido Repúblicano Federal, que encarnaba en Galicia o sentimento republicano. Temos escasa información sobre este persoeiro e a súa formación que controloba políticamente o distrito neste período. Este partido en Tui o presidía o médico Eduardo Caballero Canals xunto con Severiano Hortas, vicepresidente, Segundo F. Gándara, como secretario, e os vocais: Plácido Fernández, Máximo Casal e Andrés Herrerín.



Natural de Tui, Severino Martínez Barcia cursa Filosofía e Letras e logo Dereito na Universidade Central en Madrid. Foi elixido deputado polo distrito de Tui en 1871, 1872 e 1873. É dos deputados que votaron a favor da proclamación da I República na sesión do 11 de febreiro de 1873.

Foi xuíz de primeira instancia de Puebla de Sanabria (1872), Sanlúcar de Barrameda (1883), Betanzos, Celanova (1883); fiscal da Audiencia de Pamplona, maxistrado de Tineo, fiscal de Cangas de Onís, maxistrado da Audiencia de Ourense, de Xaén (1895), da de Almería (1901), de Granada (1904), maxistrado da Audiencia da Coruña ata 1907 e despois da Audiencia Territorial de Oviedo ata 1910, en faleceu.

Por último, compre citar a Teofolio Rodríguez Vaamonde, fillo do tudense Agustín Rodríguez Vaamonde e irmá de Florencio Rodríguez Vaamonde, nado en Ribadavia en 1827, controlou políticamente o distrito do Ribeiro durante moitos anos, sendo deputado nos comicios de 1857, 1859, 1863 e 1864, e senador vitalicio dende aquel ano. O Papa Pío IX nomeouno marqués de Vaamonde polas campañas feitas a prol da Igrexa católica no Parlamento. Morre en Madrid en 1898.

Comentarios

Entradas populares de este blog

O antigo Hospital e Inclusa (actual Edificio "Francisco Sánchez") cumpre hoxe cen anos

Neste ano 2023 a cidade de Tui vive diversos aniversarios de interese, especialmente o referente ao cuarto centenario do falecemento do egrexio médico e filósofo tudense, Francisco Sánchez, sobre o que nos ocuparemos en datas próximas. https://www.facebook.com/fotosantiguastuy/photos Centrará hoxe a nosa atención outra significativa efeméride, o centenario da inauguración do Hospital e Inclusa de Tui celebrado o 1 de maio de 1923, hai hoxe cen anos, que culminaba un longo proceso de construción deste edificio. Na actualidade este antigo hospital é o Edificio “Francisco Sánchez” coñecido popularmente como Área Panorámica de Tui. É pois unha feliz oportunidade para realizar unha aproximación a historia deste edificio emblemático da nosa cidade. Un edificio creado para acoller as instalación do hospital e da casa de expósitos, ou inclusa. A historiografía ten abordado nas últimas décadas aspectos da historia social pouco atendidos tradicionalmente. O tema da marxinación social é un de

Unha nova entelequia: un Camiño Portugués de Nossa Senhora do Norte por Tomiño e Gondomar

Vivimos nun mundo mediático onde cada vez temos acceso a un maior abano de información de todo tipo, o que en principio resulta altamente positivo e enriquecedor pero paralelamente existe o evidente risco de carecer de elementos de discernimento e valorización para recoñecer o rigor e a falsidade, a veracidade e os falseamentos. Ven a conto esta obviedade para abordar unha breve reflexión sobre a noticia que en días pasados publicaron os medios de comunicación con este titular: Tras un año de investigación, la alcaldesa de Tomiño, Sandra González; el presidente de la Cámara Municipal de Vila Nova de Cerveira, Rui Teixeira, junto al alcalde de Gondomar, Francisco Ferreira, y la concejala de turismo de Redondela, María Castro; y el arquitecto e investigador Antonio Soliño, presentaron el «Camiño da Nosa Señora do Norte a Santiago», una variante del Camino de Santiago que pasa por el territorio que recogen ya los archivos históricos. No texto da noticia se afirma o seguinte: La invest

Un poema en galego de D. Basilio do ano 1957

A figura de D. Basilio, cóengo maxistral na catedral tudense e profesor durante varias décadas no Instituto San Paio, continua a ser lembrada por moitos tudenses pola súa erudición, especialmente no que atinxía á historia da nosa cidade como pola súa singular personalidade. Neste blog conmemoramos hai algúns anos o centenario do seu nacemento, o 14 de abril de 1911, ( https://tudensia.blogspot.com/2011/04/hoxe-centenario-do-nacemento-de-don.html ) reproducindo un breve artigo publicado no libro das festas de San Telmo dese mesmo ano  2011. Sinalabamos daquela que era unha persoa sumamente austera, todos o lembramos coa “teja” cubrindo a súa cabeza, a súa faciana morena, sempre vestindo unha raída sotana, fumando os “bisonte” sen boquilla que ofrecía a cantos a él se achegaban, a súa conversa sempre mesturada con referencias teolóxicas. Case todas as tardes, primeiro pedaleando na súa bicicleta, e anos máis tarde sobre a súa vella mobilette (algún día tivo de ser nova pero a miña le