Ir al contenido principal

O grumete "Juanes" Hernández, un tudense na expedición de Magallanes


Estamos celebrar os cincocentos anos da primeira circunnavegación do planeta realizada pola expedición comandada por Fernando Magallanes e culminada por Juan Sebastián Elcano entre 1519 e 1522.  Unha xesta histórica que nos enorgullece a españois e portugueses.

Mapamundi de Battista Agnese de 1544

Esta expedición promovida por Carlos I, en principio, non tiña ese obxectivo senón outros máis concretos:

a/ Continuar a exploración da costa de Sudamérica na procura dun paso por mar cara ao Oeste; poucos anos antes Vasco Núñez de Balboa descubrirá este mar no occidente de América
b/ Tras este descubrimento a expedición debería dirixirse as illas da Especiaría ou Molucas nas que se producían as cotizadas especias. Así non se incumpriría o Tratado de Tordesillas asinado entre España e Portugal tras o descubrimento de América que establecía unha liña de demarcación no Atlántico (a 370 leguas ao Oeste de Cabo Verde) polo que se repartían o mundo a descubrir: Portugal ao Este e España ao Oeste.

Para liderar a viaxe, o rei Carlos I elixiu ao portugués Fernando de Magallanes, un navegante experimentado. Magallanes morreu durante a viaxe, cando a expedición tiña alcanzado ás Indias Orientais (actual Indonesia e Filipinas). Entón, o mariñeiro español Juan Sebastián Elcano tomou o mando da expedición.

A nao Victoria, a última das cinco naves que quedaba da expedición, atracou na baía de Sanlúcar o 6 de setembro de 1522. Levaba 18 homes a bordo: os primeiros en dar a volta ao mundo e demostrar que a Terra era redonda. Como escribe Juan Sebastián Elcano, na súa carta ao monarca Carlos I dando conta da viaxe e pedindo  a súa intercesión pola liberación dos mariñeiros que foran apresados polos portugueses en Cabo Verde: «Mas sabrá su Alta Majestad lo que en más avemos de estimar y temer es que hemos descubierto e redondeado toda la redondeza del mundo, yendo por el occidente e veniendo por el oriente”.


Esta expedición abre paso a unha nova concepción do mundo, conformando a súa redondez, pero sobre todo é o inicio dun gran sistema de intercambio entre continentes a todos os niveis: humanos, biolóxicos, agropecuarios, económicos e culturais, no que se coñece como a primeira globalización ibérica ao estar controlada por España e Portugal.

A expedición estaba integrada por cinco naos, chamadas Trinidad, San Antonio, Concepción, Victoria e Santiago. Zarpan de Sanlucar de Barrameda, o 20 de setembro de 1519, un total de 270 homes: mariñeiros, oficiais, soldados, especialistas en diversos oficios, grumetes, paxes e criados. A presenza de galegos achegábase a un cinco por cento. A proximidade de Galicia con Portugal, con quen se competía pola Especiaría, puido influír no feito de evitar o alistamento de mariñeiros galegos ante o risco de infiltración de portugueses. Foi o caso de Juan de Muros, Domingo Gallego e Luis de Veas aos que se lle impediu o embarque -agás o último- cando se soubo da súa procedencia portuguesa.

A contribución galega á expedición ademais dos que actuaron como carpinteiros, arrieiros e peóns, identificase na Relación de sueldos  do Arquivo de Indias, onde figuran nomes, filiación e lugar de orixe.

Lista de tripulantes da nao Concepción - Arquivo de Indias

De aí podemos coñecer que na Trinidad viaxaron os grumetes Antón Baamonde, de Noia, e o pontevedrés Juan Gallego, realmente apelidado Rodal. Outras fontes engaden nesa nave a Vasco Gómez, aparentemente de Baiona. Na San Antonio ían o grumete dezao Luis de Avendaño e o ourensán Rodrigo Nieto, un dos criados do capitán, quen antes de dobrar o estreito de Magalhaes pasou á nao Victoria, onde tamén ían o grumete coruñés Rodrigo Gallego e o piloto Vasco Gallego, quizais orixinario de Galicia. Nesta nave, a única que rematou a circunnavegación, viaxaba como mariñeiro o baionés Diego Gallego, que en 1524 declarou no preito entre Castela e Portugal pola posesión das Molucas.

Tripulantes galegos da Concepción, como grumetes, foron o tudense Juanes Hernández e Gonzalo de Vigo, que despois pasaron á Trinidad. Cando esta tocou as illas Marianas, Gonzalo de Vigo fuxiu e atinxiu a illa de Guam, onde aprendeu a lingua dos aborixes segundo o testemuño de Urdaneta, citado por Fernández de Oviedo. Grazas a iso, Gonzalo desempeñou un papel importante como intérprete da viaxe dunha das naves da expedición de Jofre de Loaysa que partira da Coruña en 1525 co obxectivo de colonizar as Molucas e na que participaba como segundo xefe desta armada Juan Sebastián Elcano, que morrerá no decurso da mesma.

Unicamente dous galegos, que en xeral se coincide eran orixinarios de Baiona, conseguen rematar esta expedición na nao Victoria: Diego Carmena Gallego, mariñeiro, e Vasco Gómez Gallego, o portugués, grumete.

Pero centremos a nosa atención no aventureiro tudense. Do grumete na citada Relación de sueldos figuran os datos concretos do noso expedicionario: “Juanes” natural de Tuy, hijo de Gonzalo Hernández e de Isabel Rodríguez. ha de haber de sueldo a ochocientos mrs por mes. Recibió por sueldo de cuatro meses adelantados.... iii mil cc rs. Formó parte de la expedición de Magallanes a bordo de la Concepción”.

Sinala Manuel Fernández-Valdés “podemos conjeturar que era hombre de gran corpulencia si no nos engaña su sobrenombre “Juanes”, plural de Juan, que nos recuerda otros apodos similares “Juanón”, “Juan y Medio”, “Dos Juanes”, aplicados siempre en número aumentativo."

A condición de grumete indica que era un mozo que está aínda aprendendo o oficio de mareante axudando á tripulación da nave nas numerosas faenas que se realizan habitualmente a bordo.

Continua Fernández - Valdés: "Poco más sabemos de tan sugestivo personaje. Alejandro Requejo en otro artículo “Los gallegos en la expedición de Magallanes” nos recuerda que muerto Magallanes y asesinado su sucesor en el mando Duarte Darbosa, fue designado para el mando de la flotilla Juan Carvallo, quien en vista de las mermas de la marinería ordenó quemar la “Concepción” y distribuir su gente a pertrechos entre la Trinidad y la Victoria”. Correspóndelle a “Juanes” incorporarse á nao Trinidad descoñecendo o momento da súa morte.

Sirvan estas liñas breves de lembranza da figura deste grumete “Juanes”, orixinario de Tui, que participa nunha das grandes xestas ha humanidade da que estamos a conmemorar o seu quinto centenario e á que contribuíu con arroxo e valentía, como todos aqueles navegantes, deixando a súa vida nesta épica fazaña.


Comentarios

Entradas populares de este blog

O antigo Hospital e Inclusa (actual Edificio "Francisco Sánchez") cumpre hoxe cen anos

Neste ano 2023 a cidade de Tui vive diversos aniversarios de interese, especialmente o referente ao cuarto centenario do falecemento do egrexio médico e filósofo tudense, Francisco Sánchez, sobre o que nos ocuparemos en datas próximas. https://www.facebook.com/fotosantiguastuy/photos Centrará hoxe a nosa atención outra significativa efeméride, o centenario da inauguración do Hospital e Inclusa de Tui celebrado o 1 de maio de 1923, hai hoxe cen anos, que culminaba un longo proceso de construción deste edificio. Na actualidade este antigo hospital é o Edificio “Francisco Sánchez” coñecido popularmente como Área Panorámica de Tui. É pois unha feliz oportunidade para realizar unha aproximación a historia deste edificio emblemático da nosa cidade. Un edificio creado para acoller as instalación do hospital e da casa de expósitos, ou inclusa. A historiografía ten abordado nas últimas décadas aspectos da historia social pouco atendidos tradicionalmente. O tema da marxinación social é un de

Unha nova entelequia: un Camiño Portugués de Nossa Senhora do Norte por Tomiño e Gondomar

Vivimos nun mundo mediático onde cada vez temos acceso a un maior abano de información de todo tipo, o que en principio resulta altamente positivo e enriquecedor pero paralelamente existe o evidente risco de carecer de elementos de discernimento e valorización para recoñecer o rigor e a falsidade, a veracidade e os falseamentos. Ven a conto esta obviedade para abordar unha breve reflexión sobre a noticia que en días pasados publicaron os medios de comunicación con este titular: Tras un año de investigación, la alcaldesa de Tomiño, Sandra González; el presidente de la Cámara Municipal de Vila Nova de Cerveira, Rui Teixeira, junto al alcalde de Gondomar, Francisco Ferreira, y la concejala de turismo de Redondela, María Castro; y el arquitecto e investigador Antonio Soliño, presentaron el «Camiño da Nosa Señora do Norte a Santiago», una variante del Camino de Santiago que pasa por el territorio que recogen ya los archivos históricos. No texto da noticia se afirma o seguinte: La invest

A fábrica de galletas "La Peninsular"

Temos sinalado neste blog en diversas oportunidades o descoñecemento que posuimos da historia contemporánea de Tui fronte a outros períodos históricos moito mais investigados que a nosa historia mais recente. Aspectos como a vida política tudense na primeira metade do século XX seguen esperando un achegamento como tamén os procesos e dinámicas socias desenvolvidos no noso territorio. Hoxe ofrecemos en Tudensia un post sobre a fábrica de galletas “La Penínsular” que abrangue case medio século da vida económica tudense. Achegamos a información ofrecida polo profesor de historia económica da Universidade de Santiago de Compostela, Angel Ignacio Fernández González, no seu blog “Galicia Agraria” nun documentado post sobre a industria de galletas en Galicia nos principios do século XX. Aportamos a rica e moi completa información que achega profesor Fernández algunha pequena referencia da nosa autoria colocadas como notas. http://galiciaagraria.blogspot.com.es/2012/03/gall