O 30 de outubro de 1920
sae do prelo o primeiro número da revista “Nós: Boletín mensual da cultura
galega, órgao da Sociedade Galega de Pubricación Nós” e como sinala nas
súas primeiras verbas: Pra ledicia de todos e para enseño de moitos”.
A revista “Nós” comeza
a súa andaina editada en Ourense, nos seus primeiros quince números, para continuar
logo por imprentas de Pontevedra, A Coruña e, finalmente, na imprenta de Anxel
Casal en Santiago de Compostela onde será editado o último número pouco antes
da sublevación militar do 18 de xullo de 1936, non chegándose a distribuír ao
ser queimados os exemplares (agás dous) xunto coa imprenta de Anxel Casal polos
sublevados. Pero a revista mantivo sempre como lugar de procedencia e sede a
cidade de Ourense.
A revista “Nós” ten
unha singular importancia para a cultura de Galicia. Os primeiros responsábeis
de Nós foron: Vicente Risco, director; Arturo Noguerol, xerente; Xabier Prado
“Lameiro”, redactor xefe; Xulio Gallego, secretario de redacción; e Ramón
Cabanillas, Alfonso R. Castelao, Antón Losada Diéguez, Ramón Otero Pedrayo e
Florentino López Cuevillas, redactores. O deseño gráfico da revista ao longo da
súa historia sería obra de Castelao. Este é o cerne do que hoxe coñecemos como “xeración
Nós” que tan transcendental papel ten xogado na revitalización da nosa cultura
e a nosa lingua.
Como sinala Prudencio
Viveiro, “a misión fundamental da revista Nós foi a modernización da cultura
galega, facendo fincapé no propio, mais tamén abríndose ás culturas europeas do
seu tempo, nomeadamente aquelas coas que se pretendía entroncar: Irlanda e
Portugal. Así, os máis relevantes autores irlandeses ˗como William Butler Yeats
ou James Joyce˗ ou portugueses ˗como Teixeira de Pascoães˗ publicaron en galego
nas páxinas de Nós. A revista contribuíu, deste xeito, ao coñecemento das
últimas novidades culturais a nivel europeo.
O
nacionalismo de Nós fai fincapé no propio, mais non só para consumo interno,
senón para contribuír desde Galiza á cultura universal. Xa que logo, a revista
recollía artigos de carácter científico, de diversas disciplinas, ademais de
manter ao longo da súa historia a sección «Os homes, os feitos, as verbas»,
resumo da actualidade cultural do momento.”
Neste ano está preparada
unha intensa programación commemorativa deste centenario que, con permiso da
pandemia do Covid19, chegará a numerosos lugares de Galicia pero especialmente
a Ourense.
Nesta arela multidisciplinar da revista, no seu número 12 de 25 de agosto de 1922, o primeiro dos artigos que publica é o titulado “O filósofo de Tuy” dedicado á figura do tudense Francisco Sánchez e que tras esta primeira entrada cunha introdución á obra e biografía do filósofo, continuará coa tradución ao galego da principal obra de Francisco Sánchez, Quod nihil scitur. A tradución se publica nos seguintes números: 14-15, 19-23, 26-27, 30, 35-37, 40, entre 1922 e 1927
Xa en Tudensia nos
temos ocupado en varias oportunidades da senlleira figura de Sánchez abordada dende
diversas perspectivas: (http://tudensia.blogspot.com/search?q=Francisco+S%C3%A1nchezhttp://tudensia.blogspot.com/search?q=Francisco+S%C3%A1nchez)
.
Tamén lembrar a magnifica
Biblioteca Virtual sobre Francisco Sánchez da Fundación Ignacio Larramendi que amais
de recoller todas as obras do médico e filósofo tudense publica un máis que
interesante estudo de Rafael V. Orden Jiménez, profesor de Historia de la
Filosofía na Universidade Complutense de Madrid. Unha iniciativa que temos de
agradecer a “tudense” Luis Hernando de Larramendi pois foi o seu empeño o que
impulsou esta web altamente recomendable: http://www.larramendi.es/francisco_sanchez/es/micrositios/inicio.do
Este traballo sobre Francisco
Sánchez e a súa principal obra, Quod nihil scitur, é toda unha primicia
ao traducir a obra filosófica por ver primeira do latín para facela accesible
ao público, demostrando a importante achega que se ofrece dende á revista “Nós”
á recuperación da figura do filósofo tudense do século XVI.
Como sinala Rafael
Orden : Sánchez ha sido adoptado por el nacionalismo gallego como una de sus
figuras renacentistas emblemáticas, y no debe extrañar por ello la pronta
traducción de su obra más reconocida al gallego en la revista nacionalista Nós,
que se enorgullecía en los años veinte del siglo pasado por haber sido la
primera en ofrecer en una lengua europea moderna una traducción de Quod nihil
scitur. Esto explicaría, además, una curiosidad historiográfica, a saber, que
una parte apreciable de la investigación sobre Francisco Sánchez en español se
haya desarrollado en el marco de instituciones científicas y académicas de Galicia
o por investigadores ligados a la cultura gallega, incluso más allá del
Atlántico, pues sólo por este motivo de su procedencia se explica que el Centro
Gallego de Montevideo promoviese en el año 1929 una conferencia sobre Francisco
Sánchez a cargo del filósofo uruguayo Luis Gil Salguero, la cual publicaría al
año siguiente en la revista del propio Centro.
Andando os anos outro
médico tudense, Darío Álvarez Blázquez dedicara a súa tese de doutoramento á
figura do Sánchez, editada no ano 1964 nunha monografía: “Francisco Sánchez,
“El Escéptico”: un gallego precursor”.
Pero recuperemos a edición
na revista “Nós” da obra sancheciana. A tradución da súa obra e a introdución a
realiza Xan Aznar Ponte. Non existe un estudo sobre este profesor de filosofía
que naquel ano 1922 exercía a docencia no Instituto de Ourense.
Xan Aznar foi premio
extraordinario de filosofía na Universidade Central de Madrid e posteriormente foi
pensionado pola Junta de Ampliación de Estudios. En 1920 e tras unha brillante
oposición é nomeado catedrático de “Psicoloxía e Lóxica” no Instituto de
Ourense.
Anos despois continuará
a súa carreira profesional no Instituto de Cuenca, onde en 1931 permuta a súa
praza pola de Ávila que ocupaba outro galego e compañeiro de publicación na
revista “Nós”, Eugenio Montes Domínguez. Ocupando a praza de Ávila, tras o estourido
da Guerra Civil, é sometido en 1937 a un proceso de depuración na súa condición
de “catedrático de psicoloxía e lóxica e de ética e rudimentos do Dereito”.
Proceso que determina a súa “separación definitiva del
servicio y la baja en el escalafón respectivo del citado Catedrático”.
Posteriormente no ano 1940 presenta un recurso e aceptase unha aminoración da
pena, de tal forma que logra reincorporarse máis adiante de novo á docencia aparecendo
nos anos cincuenta como catedrático no Instituto de Alcalá de Heneres. Faleceu
en Madrid 8 de abril de 1960, estaba casado con María Losada Drake.
Xan Aznar Ponte é
compañeiro de Instituto de Ourense con Ramón Otero Pedrayo, e está vinculado ao
grupo de intelectuais da revista “Nós”. Otero
dixo sobre “Juanito” Aznar Ponte: “ Aznar ten lido moito e boa filosofía e
literatura. Grande amigo, non gosta con entusiasmo calmo senón dunha súa
independencia de “far niente” e de libros, millor de finas esencias de libros.
Un admirable alumno de Montaigne”.
Os coñecementos de Xan
Aznar da filosofía moderna e da historia da filosofía consolidados na súa estadía
en Europa, como bolseiro da Juan de Ampliación de Estudios, encaixan perfectamente
co espírito que Risco e os seus compañeiros en “Nos” pretendía darlle á revista
para normalizar e internacionalizar a cultura galega. Neste sentido a figura do
médico e filósofo Francisco Sánchez resulta sumamente pertinente.
No número de 25 de
agosto de 1922 comeza o seu artigo sobre Francisco Sánchez, Xan Aznar Ponte
(respectamos a súa grafía): “O Filósofo de Tuy. A moitos halles causar
sorpresa o titulo d’iste artigo, e cecais qu’o seu esprito sonria
escepticamente ó lelo. Un filósofo galego?... N-outro tempo xa ido felizmente
estranaba ouvir falar de filósofos hespañois e moito mais d’unha filosofía nazonal.
Hoxe aínda, pra moitesemos galegos é unha revelación ouviren nombrar a un
pensador nado na súa terra. E nada menos que se trata d’unha das grandes
figuras do Renacemento filosófico no que Hespaña participou tan intensamente
coma no renacemento artisteco e literario, producindo tres persoalidades tan
orixinaes e barudas com’o valenciano Xan Luis Vives, o estremeño Pedro de
Valencia e o galego Francisco Sánchez. Tres nomes qu’iles solos abondan para
nazionalial-a filosofía dun país.
A súa
obra, o interesantísimo tratado Quod nihil scitur, sigue descoñecido, sendo
moito mais citado que leído. A causa de non haber ningunha versión ao castelán.
Compre dalo a coñecer (...)Traducirmos e darmos a coñecer na súa terra a obra
filosófica do insine pensador, tal é o noso empeño. A súa importancia non parez
que se poida discutir . Poderase discutir, criticar e desbotar o escepticismo,
no terreo da especulación; ee pol-o memso, atopar desbotabel o escepticismo do
noso pensador; mais sería empeño vano descoñecer históricamente a importancia
de tal sistema e negarllo á obra que tratamos de dar a coñecer na nosa lingoa,
cando ademais ela ten o mérito indiscutibel de ser precursora do método
positivo y-esperimental da ciencia moderna” que
centramos na figura de René Descartes.
Sirva esta lembranza,
no ano do centenario da revista “Nós”, para remarcar como foi este fato de intelectuais
galegos os que promoveron a primeira tradución do “Quod nihil scitur” a
unha lingua moderna (en torno a 1927 se publica a primeira tradución en castelán)
e incorporando a figura de Francisco Sánchez á edificación da cultura de
Galicia, resaltando a achega que Tui ten realizado ao longo dos séculos.
Como sinala Aznar
Ponte: “podemos dicir qu’a historia é a un pobo, o qu’a memoria ó individuo.
Os pobos coñocendo e lembrando a súa historia é com’adequiren enerxia d’abondo
pra seguiren facendoa. Isto pasa en calquera orde de feitos e o mesmo na
filosofía. Podemos consideral-a humanidade pensadora com’un solo individo, e
asi com’iste pra seguir pensando ten que lembrar o xa pensado e mantelo com’en
depósito na memoria, asi os pobos han lembral-os seus feitos pra seguiren
autuando, vigorizándose co pasado. No dominio da filosofía e da especulación
que é o qu’a nós nos importa, convén que lembremol-o nóso pasado, a nósa
historia filosófica (que si a tivemos, coma a tiveron todolos pobos, y-o negalo
non é máis que iñorala), pra qu’asi vigoricemol-a nosa intelixencia e d’iste
xeito seguirmos pensando e acrarando o noso porvir filosófico”.
Comentarios
Publicar un comentario