Hai agora nove anos (13
de maio de 2011) publiquei un post neste blog sobre a pertinencia dunha
reflexión para integrar á cidade de Tui no movemento das cidades “Slow”.
Logo de case unha
década, reproducir de novo este artigo segue resultando, por unha banda,
oportuno pero, ao tempo, un tanto desalentador por canto en todo este tempo a
sociedade tudense segue afastada dunha reflexión sobre o seu futuro e a posta
en valor dos seus recursos endóxenos que teñen potencial dabondo para ofrecer
amplas posibilidades de desenvolvemento e progreso.
Tui foi historicamente
unha cidade de servizos (administrativos e comercias basicamente) pero precisa
ampliar a súa oferta de servizos (hoxe especialmente comerciais e turísticos)
cara a calidade e, moi especialmente, a singularidade, os únicos recursos para
tentar competir con éxito.
O movemento das cidades
slow que abrangue a numerosos países, en España aínda conta cun número reducido
de vilas e cidades (Balmaseda, Begues, Begur, Bubión, Lekeitio, Morella,
Mungia, Pals Rubielos de Mora e La Orotava ) namentras que en Portugal son na
actualidade seis localidades (Sao Bras de Alportel, Lagos, Silves, Tavira,
Vizela e Viana do Castelo). Outros países como Italia, berce do movemento,
Alemaña ou Francia contan con numerosas vilas e pequenas cidades integradas
nesta rede de “Slow cities”. En Galicia aínda ningunha localidade sumouse a
esta iniciativa. Ser pioneiros é sempre unha vantaxe que singulariza e
identifica.
Esta reflexión posúe
maior pertinencia no actual escenario de crise provocada pola pandemia do
Covid19, cunhas consecuencias que aínda non podemos prever na súa integridade pero
que serán moi dolorosas. Cómpre extraer dos problemas as oportunidades que
brindan e o novo escenario postcovid esixe un re-inventarse, na medida das
posibilidades, para reposicionarse como destino de turistas e visitantes. Pero
esta crise tamén pon de manifesto a necesidade de recuperar valores como o encontro
persoal, a dimensión humana de vilas e cidades, o valor dos produtos locais... Aspectos
que redundan en dotar ás nosas localidades dunha maior dimensión humana...
valores concordantes co movemento “slow”.
Temos os recursos
(conxunto histórico, Catedral, Camiño de Santiago, paisaxe e patrimonio
natural, a posición fronteiriza, a complementariedade con Valença, etc.) e o
movemento slow ofrece estratexias e criterios para orientar un desenvolvemento
equilibrado, sustentable e que ofreza posibilidade de progreso para os nosos
veciños e para valorizar dun xeito excepcional o noso patrimonio e as súas
potencialidades, onde os protagonistas sexan as persoas e non os coches, onde
os produtos locais primen nas nosas cociñas e restaurantes, unha cidade para
pasear e gozar.
Creo que logo de nove
anos segue sendo de actualidade aquela reflexión que, como dicía, hoxe
recuperamos pois segue tendo vixencia.
Tui, cidade slow?
Os seguidores de Tudensia me permitiran
este post que é case unha reflexión, pois ás veces resulta ata beneficioso
considerar algunhas ideas e actuacións que están a funcionar noutros lugares, e
que semellan case utópicas, pero que nos abren a novos prantexamentos, a novos
criterios, suscitándonos novos parámetros de actuación ou de interpretación da
realidade.
O conxunto patrimonial tudense precisa,
por unha banda, dunha atención de caracter coxuntural, de atencións inmediatas
a súa problemática concreta que favoreza á vida nese ámbito. Pero non podemos
renunciar a realizar unha diagnose estructural que defina grandes obxectivos e
estratexias a medio e longo prazo, para deseñar unha nova xeira que poña en
valor este tesouro que posuimos os tudenses. O momento é idóneo e non tanto polas
inmediatas elección municipais senón porque o goberno municipal que
resulte deste proceso electoral asumirá a elaboración e culminación do Plan
Especial do Conxunto Histórico onde é imprescindible definir estas estratexias.
Como unha aportación a este debate aberto
sobre as diversas propostas encol o noso conxunto histórico que escoitamos
nestes días de campaña electoral, e que está ligado a outros moitos aspectos da
nosa vida social e política, pero especialmente ao urbanismo e ao turismo, hai
unha idea que leva xa tempo cativándome e que a mención que o profesor Abino
Prado fixo da mesma no Seminario Internacional conmemorativo dos 125 anos da
Ponte Internacional (cuxas conclusións recollimos nun post de Tudensia) anímame
a poñelo por escrito: Tui cidade slow.
O movemento slow (ou lento) nace en Roma en 1989 cando un grupo de manifestantes protestaba na Praza de España pola apertura dun establecemento Mc’Donald; o lider daquela protesta era Carlo Petrini, sociólogo especializado en gastronomía, defensor do valor da cociña tradicional fronte a “fast food”. Petrini tiña fundado na súa cidade natal, Bra, unha Universidade de Ciencias Gastronómicas. Dende esta opción gastronómíca xurdiu o Movemento Slow como expresión de rebeldía contra a tiranía do tempo que nos obriga a vivir exclusivamente para traballar, facer cousas a todas horas e sentirnos continuamente atarefados ou “stresados”. Como di nalgún dos seus folletos este movemento: “Desacelera a túa vida: come despacio, traballa eficientemente, ten más lecer, reláxate e disfruta”. Para máis información ver http://www.mundoslow.com/
En 1999 o alcalde dunha pequena localidade
da Toscana, Chianti, pensou que esta filosofía slow era exportable a unha
escala urbana, crear un xeito de vida na súa cidade, e xunto ás vilas viciñas
de Bra, Positano e Orvieto crearon as “Cittaslow”. Así se as comidas lentas
definen un ritmo máis pausado, as cidades lentas ofrecen aos seus habitantes
mellorar a súa calidade de vida mediante a tranquilidade, os espazos verdes e a
ausencia de stress.
A idea prendeu e na actualidade máis dun
cento de cidades e comarcas de todo o mundo conforman este movemento das
“Cittaslow”: Italia con 69 cidades asociadas lidera esta organización, que
chega a Canada, Estados Unidos, Sudáfrica, Corea do Sur, Australia. En Europa
está Alemania con dez, Reino Unido con oito, Polonia e España con seis, etc. No
caso español están integradas na Red Estatal de Municipios por la Calidad de
Vida (nome oficial da rede de cidades slow de España): Begur e Pals (en
Girona), Lekeito e Mungia (en Bizkaia), Bigastro (Alacante) e Rubielos de Mora
(Teruel).
As bases fundamentais das cidades slow
son:
- Manter unha arquitectura respectuosa co entorno e
amigable para os seus habitantes. Os centros urbanos están pechados ao
tráfico rodado, se potencia o uso das enerxías renovables y se aproban
normas coherentes coa natureza.
- Os espazos histórico-culturais e as zonas verdes
se deben priorizar e conservar en perfecto estado. Estas cidades deben
potenciar sistemas de reciclaxe do lixo referentes ecolóxicos para os
demais.
- O crecemento da cidade debese guiar pola mellora
do territorio e dos seus habitantes, e non pola construcción urbanística
insostible.
- A alimentación debe basearse no Slow Food e, en
xeral, nos produtos locais, ecolóxicos e de tempada.
- As novas tecnoloxías e os avances científicos que
fomenten a ecoloxía e a sustentabilidade deben incorporarse a estas
cidades.
A cidade slow está sometidas a un rigoroso
control pois os seus parámetros abranguen 59 puntos agrupados en 6 grandes
categorías:
- a política de medio ambiente
- a política de infraestruturas
- as tecnoloxías pola calidade urbana
- a valorización das producións autóctonas
- a consciencia dos cidadáns
Para máis información sobre a filosofía
desta Rede de cidades e a súa organización un enlace útil é http://www.cittaslow.es/blog/?p=10
Como podemos comprobar estamos diante dun
prantexamento amplo, de longo percorrido, pero que para unha cidade coma Tui é
unha opción a valorar por canto sería colocar a Tui nunha liña de traballo a
prol de incrementar a calidade de vida dos seus habitantes, de ofrecer un valor
engadido ao noso conxunto urbano, de posicionarmonos coma unha referencia
pioneira na nosa Comunidade Autónoma. O selo slow é xa na actualidade unha
garantía de calidade de vida e de calidade turística. Certamente obriga a
mudar con moitas inercias da vida social, a modificar hábitos arraigados entre
os nosos veciños e entre os nosos responsables municipais, etc.
O movemento slow pola suas implicacións
penso resulta unha opción idónea e innovadora para, mantendo a nosa condición
patrimonial, abrir novos vieiros ao desenvolvemento sostible da nosa cidade.
Ata agora estou falando a nivel de ideas e
de teorías pero cumpriría, alomenos, realizar un achegamento a esta iniciativa
para valorar a súa viabilidade e oportunidade. Pero sen apriorismos, cando
menos dun xeito paseniño.
http://tudensia.blogspot.com/2011/05/tui-cidade-slow.html
Comentarios
Publicar un comentario