Ir al contenido principal

"O Santo Oficio da Inquisición en Tui" por Juan Miguel González Fernández




O Santo Oficio da Inquisición nace na época medieval, como un instrumento do Papa para loitar contra as herexías. No albor da Idade Moderna irase establecendo nos países occidentais. No caso de España (Coroas de Castela e Aragón), foi nos tempos dos Reis Católicos cando adquire pulo, como organismo de abarcaba toda a xeografía, por riba de fueros e privilexios locais, e que quedaba supeditado ao monarca e quedaba á marxe da Igrexa nacional.
Nesta expansión, primeiro se establecerá en Valladolid, para logo pasar a Galicia. Formouse un “distrito” que abarcaba todo o Reino. A súa instalación na estratéxica cidade de Santiago será lenta e conflitiva. Nun segundo intento serio, o Santo Oficio galego queda fundado en 1574 baixo a éxida do inquisidor Quijano del Mercado.
No cume desta organización político-relixiosa encóntrase o Inquisidor Xeneral. Destes hai dous que se teñen por naturais de Tui -ainda que poda confundires a cidade co bispado-, son: o Ldo. Juan de Cortázar (1584-91) e o Dr. en dereito Marcos Veira y Otero (1690-93); tamén estivo vencellado ao país o Ldo. Juan Rojo Mendizola (1647-50), coengo doctoral da Catedral de Tui. As veces este cargo directivo só era un paso dentro da súa carreira administrativa; así, Rojo Mendizola chegará a ser Inquisidor de Logroño e Murcia. Cortazar, que fora fiscal de Canarias, ascenderá a Inquisidor de Valencia e Valladolid. O coengo Veira Otero, achegado do Gran Inquisidor Sarmiento Valladares, que viña de Navarra, foi promovido a Fiscal de Santiago, logo saiu Inquisidor de Valladolid, para logo pasar ao Tribunal da Corte, e finalmente a altísima praza de conselleiro da Suprema.
Na base da pirámide e extentidos por todo o tecido galego, estaban os comisarios, sempre cregos -abades os máis-, e os familiares, quen buscaban gañar maior categoría social e blindarse en caso de problemas, co “fuero” privativo da Inquisición. En 1587 a cidade de Tui contaba con cinco familiares (en Salvaterra nada menos que 7), 6 en 1641, e 4 en 1680. Segue a manter un comixario no 1611, neste caso o Provisor -xuiz máximo da diocese- do Bispado, pero pérdeo en 1670. En resume: en Tui mantívose nos finais do século XVI e todo o XVII un número case constante de representantes, sen dúbida pola inmediatez da fronteira con Portugal, pola que entraban e saían xudeos, dependendo do que apretase a represión nun ou noutro estado.
A Inquisición perseguía aqueles comportamentos que atacaban a ortodoxia católica moral e dogmática, tal como estaba formuladas no Concilio de Trento. Os principais “delitos” que perseguía o Santo Oficio de Galicia nos seu tempo de explendor eran: as proposicións (blasfemias, etc.) (35,5 %), os xudaizantes (20,5 %), a bigamia, o luteranismo e que ían contra a propia Inquisición.

No caso concreto de Tui, centrouse sobre todo nos xudaizantes ou falsos conversos, que pasaban con impunidade a fronteira galáico-lusa, facilizado polo feito de que as coroas de Portugal e España uníronse desde o reinado de Filipe II; os xudeos portugueses, fuxindo da represión inquisitorial, establecéronse nas localidades próximas á raia (Baiona, Tui, Pontevedra, etc.). O Inqusidor Diego González xa sinalaba que queriendo entender los inquisidores de Portugal contra alguno, se pasan a Galicia, y se mudan los nombres [...] y se casan en la tierra y se avecinan y en tiempo de Paulo tercio, por con breve suyo se reconciliaron a nuestra fe sesenta y cinco mil dellos por judíos [...] y han pasado de Portugal a Galicia. Na cidade de Tui foron procesados en torno a 20 reos por xudeoconversos.
Velaquí dous exemplos significativos. Cando a Inquisición mete preso ao boticario de Tui Francisco Luís, a súa nai, veciña da Coruña, e outra muller de Vigo, fuxirán do Reino, a primeira para Francia e a outra para Portugal. Cando interrogan en Santiago a Francisco de Tapia, éste descobre unha rede de xudaizantes, entre os que se contaban o acaudalado Tomé Coronel, arrendador de beneficios eclesiásticos-mesmo os do bispado-, con contactos en Madrid, o cal non logra salvar a súa muller, Antonia Saravia, acusada por sete testemuñas de observar a Lei de Moises, a cal acabou denunciando a varios correlixionarios; a Inquisición impúxolle a reconciliación con confiscación de bens, tendo o matrimonio unha facenda valorada na importante cantidade de 200.000 reais.
No Museu Diocesano de Tui gárdanse cinco sambenitos -únicos en España- consistentes en pintura sobre lenzo, nos que constan o nome e filiación de varios herexes xudaizantes. Un bo número foron penados na fatídica data de 1617. Entre eles contábanse seis fillas do mercader Enríque Méndez; e tamén varios membros da familia Coronel (a muller do comerciante Antonio Paz, e a viuva do avogado Tomé Rodríguez). Todos serán acusados de “herexes xudaizantes", imponéndose o castigo de reconciliación que supoñía o embargo de bens, agás dous que xa fuxiran, a os cales lle correspondía morrer queimados en efixie (figura de pau).
-->Estos sanbenitos exhibíanse nos muros da catedral para escarnio público, pero pasado un tempo os sucesores conseguían, mediante un pago, que foran tapados; daí ven a expresión tirar de la manta. Durante a segunda metade do século XVI algúns linaxes de conversos ou cristians-novos, accederon, mediante compra directa a Roma, ás canonxías da Catedral de Tui, caso dos Saravia -tesoureiro- e dos Coronel. Desde 1601 houbo problemas, pero será en 1616 cando a Inquisición oponse a que acceda ao cargo Tomé León Coronel, perseguíndo con saña aos seus familiares. Finalmente, en 1617 os coengos da Igrexa de Tui impuxeron o estatuto de limpeza de sangue -a imitación de Toledo-, que descartaba para un cargo ou posto a quen tivesen antecesores xudeos, mouriscos.., de xeito que só aceptaban a cristiáns-vellos. Para exercer un máis grande control e para castigar aos réprobos, xirábanse as Visitas de Distrito, que comprendían as localidades máis conflictivas do Reino de Galicia. A cidade de Tui foi visitada en oito ocasións (1567-1649), todas baixo distintos inquisidores. Atopábase pois entre as poboacións de frecuencia alta, compartindo o terceiro posto con Ourense, e só por baixo de Pontevedra (11) e Baiona (9). Polo xeral o percorrido comezaba en Ribadavia, seguía por Salvaterra, logo Tui, dalí a Baiona e finalmente corría a Pontevcedra polo litoral da ría de Vigo, si ben na Visita de 1570 víñase en dirección contraria. As razóns son dúas: controlar a raia occidental con Portugal, por onde entraban os xudaizantes, e vixiar os portos nos que se tiña tratos cos extranxeiros, sempre sospeitosos. Estas campañas tiveron xeralmente un éxito bastante relativo.

Comentarios

Entradas populares de este blog

A fábrica de galletas "La Peninsular"

Temos sinalado neste blog en diversas oportunidades o descoñecemento que posuimos da historia contemporánea de Tui fronte a outros períodos históricos moito mais investigados que a nosa historia mais recente. Aspectos como a vida política tudense na primeira metade do século XX seguen esperando un achegamento como tamén os procesos e dinámicas socias desenvolvidos no noso territorio. Hoxe ofrecemos en Tudensia un post sobre a fábrica de galletas “La Penínsular” que abrangue case medio século da vida económica tudense. Achegamos a información ofrecida polo profesor de historia económica da Universidade de Santiago de Compostela, Angel Ignacio Fernández González, no seu blog “Galicia Agraria” nun documentado post sobre a industria de galletas en Galicia nos principios do século XX. Aportamos a rica e moi completa información que achega profesor Fernández algunha pequena referencia da nosa autoria colocadas como notas. http://galiciaagraria.blogspot.com.es/2012/03/gall...

Emma Álvarez Besada a primeira tudense doutora en medicina

O legado dunha comunidade está conformado por un conxunto de bens materiais, que adoitamos denominar patrimonio, xunto cun amplo abano de elementos inmateriais que definen o seu carácter e a súa pervivencia no tempo. Entre estes bens intanxibles ou inmateriais ocupan un lugar non menor aquelas personalidades que ao longo do tempo teñen deixado unha pegada perdurable na memoria colectiva ou aquelas outras que, ás veces esquecidas ou non recoñecidas, expresan na súa traxectoria fitos senlleiros para a vida colectiva. Hoxe queremos recuperar dende Tudensia unha desas figuras olvidadas pero que no seu momento histórico tiveron unha pegada significativa na vida social e colectiva da nosa cidade e de alén dos seus termos xeográficos. As novas demandas sociais se expresan tamén na historiografía que investiga aos grupos sociais discriminados ou marxinados nos diferentes momentos do pasado. Retrato de Emma Álvarez Besada, foto da orla da Facultade de Medicina de Madrid, 1931 Unha revis...

Bo Nadal cun texto de Manuel Lago González: “Noite Boa” (1892)

Felicitamos hoxe aos seguidores de Tudensia estas festas do Nadal recuperando un breve texto, non o chamaría nin relato, sobre como se celebraba a Noiteboa nas aldeas de Tui nas últimas décadas do século XIX, nun momento en que os labregos galegos vivían nunha economía de subsistencia e nunhas moi duras condicións de vida. Anxo no capitel do arco triunfal da igrexa de San Domingos de Tui, sec. XV Trátase dun texto de Manuel Lago González publicado o 24 de decembro de 1892 no xornal tudense “La Integridad”. Daquela Manuel Lago era un presbítero que formaba parte do claustro de profesores do Seminario tudense e que tiña unha activa participación como xornalista e na vida social en Tui. Ao xornalismo entregouse Lago con verdadeira ardentía e a tarefa que se impuxo foi querer incorporar a defensa das tradicións e os intereses de Galicia ao ideario católico de signo integrista (oposto radicalmente ao liberalismo). Este texto, que non foi publicado posteriormente a súa edición en “La Int...