Ir al contenido principal

Crónica da Guerra da Independencia en Tui (IV): os nomes propios tudenses: Rodríguez Seoane, Vaamonde, De la Barcia, Kindelan, Sanz, Ruibal, Avila...

Tras a chegada a Tui, en torno ao 20 de febreiro, de boa parte dos equipos artilleiros das tropas do mariscal Soult, éste que era consciente da importancia estratéxica da nosa cidade, deixou ao seu mando ao xeneral Lamartinière. Nesa mesma xornada o Marqués de la Romana recibe en Oimbra (Ourense) ao Abade do Couto, Mauricio Troncoso de Lira, e logo da entrevista acorda nomealo “Comandante de todo el paisanaje de aquel distrito (Achas e Tui) en virtud de su ardiente celo y patriotismo que ha manifestado bien visible en los ataques que ha dado a los enemigos” e amáis ordea se “le envíe alguna tropa del exercito al mando de un oficial inteligente que pueda concurrir al plan que ha propuesto y teniendo toda satisfacción en D. Josef Tomarco, capitán del Regimiento Zamora” ordea que acuda no seu apoio xunto a 60 homes.
No 25 de febreiro xa está o Abade do Couto con estes reforzo de tropas militares na su casa (na fotografía), pero cómprelle fuxir a Portugal pois 700 franceses da división situada no Mosteiro de Melón, cercan a súa casa e tras roubar a destrozan. Pero a decisón de poñer cerco á cidade tudense xa está tomana e nos últimos días do mes de febreiro sucedense os preparativos para a organización deste operativo militar arredor da capital provincial.
Pola súa banda en Tui o concello tamén está movendose a prol de resistir a ocupación francesa. O señorio do bispo sobre a cidade regulaba, dende as constitucións sinodais de Diego de Muros de 1484, o goberno da cidade. Deste xeito, o bispo nomeaba cada catro anos aos rexedores – a principios do século XIX en número de catro- e un alcalde ordinario ou xuiz, que presidía o Concello, e que compartía a administración de xustiza co alcalde maior, un letrado da confianza do prelado. O concello completábase cun procurador xeral anual, de elección popular –aínda que eran máis ben escasos os tudenses que concurrían a votar- que canalizaba aos intereses dos veciños e, dende a época de Carlos III, existían dous deputados de abastos, dedicados aos acopios de abastos ou alimentos e das contribucións como a do sal.
Naquel ano 1809 o Concello tudense esta integrado polos seguintes cargos: O licenciado D. Cosme Antonio Rodríguez Seoane, como xustiza da cidade; os rexedores, por orde de categoria, eran o Licenciado D. Agustín Rodríguez Vaamonde, o licenciado D. Juan de Valbuena Rodriguez, D. Francisco Coto e D Agustín Pérez Garcia; os deputados de abastos eran D. Francisco Muñoz de Avalle e D. Manuel Antonio Dominguez. O Procurador xeral era D. Juan Ramón de la Barcia.
Tres nomes salientan nesta nómina: Cosme Rodríguez Seoane, Agustín Rodríguez Vaamonde e Juan Ramón de la Barcia. Especial protagonismo terá nesta actividade Rodríguez Seoane, o xuiz tudense, que, dende primeira hora, percorrerá o territorio provincial animando e promovendo a cooperación entre todos para a loita contra o francés; él mesmo será o responsable dun dos campamentos de asedio á cidade perante o cerco de Tui. Logo, tras a saida dos franceses de Galicia, terá un importante papel como membro da Xunta Superior de Galicia en representación da provincia tudense.
Lembremos tamén que Tui estaba representada, dende a súa fundación, o 5 de xuño de 1808, na Xunta Suprema, polo fidalgo Manuel María Avalle, señor de Fiolledo (Salvaterra de Miño), onde nacera. Fora rexedor do Concello de Tui, participando na constitución da Xunta Provincial contra os franceses, e logo, como vimos de enunciar, na Xunta Superior do Reino de Galicia. Xunto ao conde de Ximonde representará a Galicia na “Xunta Central”, constituida en Aranxuez o 25 de setembro de 1808. A ameaza napoleónica obrigou ao traslado desta Xunta a Badaxoz, Sevilla e finalmente Cádiz.
Agustín Rodríguez Vaamonde, era natural de Ponteareas, estudara en Tui no convento de San Antonio tres anos de Filosofía, cursando logo Leis e Cánones na Universidade de Santiago. Casou en Tui con Juana Roca Portela e na nosa cidade desenvolveu a sua actividade no ámbito xudicial. Segundo nos informa Manuel Fernández-Valdés, en 1807 era xuiz maior real da cidade e xurisdicción tudense. Tras a ocupación francesa, en 1809, foi de novo xuiz e organizou “os servizos de defensa da provincia ata a constitución da Xunta de Armamento e Defensa da provincia tudense, da que foi secretario”. Posteriormente, en 1833, foi “oidor” da Real Audiencia de Galicia, con sede na Coruña, da que chegou a ser decano e tamén rexente interino, morrendo nesta cidade. Rodríguez Vaamonde, de tendencias liberais moderadas, participou activamente nas Cortes de Cádiz, onde foi secretario da Cámara e, posteriormente, tamén na vida parlamentaria no Trienio liberal.
Finalmente temos que facer constancia de Juan Ramón de la Barcia, médico do Cabido, e que como procurador do xeral asumirá tamén importante protagonismo nos episodios belicos da francesada. Este persoeiro presidirá no Trienio liberal a “Junta Apostólica” que defensora do absolutismo establécese na nosa bisbarra., estará presidida por D. Juan Ramón de la Barcia, médico do Cabido (premiado logo cunha Cátedra na Universidade de Santiago) e procurador, xunto a D. Manuel de Castro, barón de Sancti Johanni, D. Ignacio Manuel Pereira, señor de Reboreda e do Pazo da Xunqueira (o membro mais activo, nomeado logo coronel), D. Tomás Blanco Cicerón, capitán do Rexemento de Tui, D. José Pérez de Limia, crego de Valadares, D. Basilio Gil Araujo, crego de Cequeliños, D. Manuel María Núñez e D. Manuel María Avalle, señor de Fiolledo e exdeputado. Esta xunta mesmo inicia un levantamento armado, en 1820, que perdurará, con pousa intensidade, ata 1823.
Juan Ramón de la Barcia y Lacueva foi catedrático de Medicina na Universidade de Santiago dende 1825 e iniciador dunha saga de médicos que chega ata os nosos días. A súa mais interesante aportación foi ter introducido a vacina de Jenner, contra a viruela, ao pouco de ser creada, e ter vacinado á poboación do sur de Galicia e Norte de Portugal. Mantivo sempre as súas ideas absolutistas que mesmo o levaron ao desterro en Ferrol en 1834.
Outros tudenses con reseñable participación na Guerra da Independencia foron os seguintes:- Vicente Kindelan y Meneses (nado en Tui en 1874), dunha linaxuda familia tudense, participou na Guerra como capitán de Infanteria e de Granaderos do Rexemento Provincial de Tui, cando morre era Tenente Coronel graduado de Infanteria por méritos de guerra.
- Laureano Sanz y Soto (natural de Tui – 1793), integrado en 1808 na columna que acompañaba as tropas francesas do mariscal Junot para unha primeira tentativa de invasión de Portugal. Ao coñecer a sublevación do 2 de maio baixo a dirección do coronel Conde de Maseda retornan a España, participando dende aquela en toda a Guerra de Independencia: Rioseco, San Marcial, etc. Logo ocupou alto cargos políticos e militares.
- Francisco Avila y Lacueva, o historiador participou activamente nas loitas bélicas contra os franceses na nosa terra, e chegou ser tenente de Infantería
- José Maria Ruibal y Verdugo, que en 1809, con quince anos, escapa de Tui ocupada polos franceses para unirse as tropas dos paisanos que cercaba a cidade, incoporándose xunto ao seu compañeiro de fuxida, Juan Manuel Fernández –empregado da aduana- á compañía de “Tiradores do Miño” que dirixia o presbítero ponteareán, Felipe de la Concha. Participa en numerosas accións militares no cerco de Tui, na batalla de Carrcedo ou de Pontesampaio, onde é nomeado capitán, ¡con quince anos!. As suas peripecias guerreiras están recollidas nun diario inédito que aportaría interesantes datos á historia tudende deste período da Guerra de Independencia. Tras a súa estadia en Perú retornou a Tui onde foi alcalde, en 1842.

Comentarios

  1. Hello.
    The interesting name of a site - tudensia.blogspot.com, interesting this here is very good.
    I spent 4 hours searching in the network, until find your forum!

    ResponderEliminar
  2. Error en fecha de nacimiento de Vicente Kindelán: 1784, no 1874

    ResponderEliminar

Publicar un comentario

Entradas populares de este blog

Emma Álvarez Besada a primeira tudense doutora en medicina

O legado dunha comunidade está conformado por un conxunto de bens materiais, que adoitamos denominar patrimonio, xunto cun amplo abano de elementos inmateriais que definen o seu carácter e a súa pervivencia no tempo. Entre estes bens intanxibles ou inmateriais ocupan un lugar non menor aquelas personalidades que ao longo do tempo teñen deixado unha pegada perdurable na memoria colectiva ou aquelas outras que, ás veces esquecidas ou non recoñecidas, expresan na súa traxectoria fitos senlleiros para a vida colectiva. Hoxe queremos recuperar dende Tudensia unha desas figuras olvidadas pero que no seu momento histórico tiveron unha pegada significativa na vida social e colectiva da nosa cidade e de alén dos seus termos xeográficos. As novas demandas sociais se expresan tamén na historiografía que investiga aos grupos sociais discriminados ou marxinados nos diferentes momentos do pasado. Retrato de Emma Álvarez Besada, foto da orla da Facultade de Medicina de Madrid, 1931 Unha revis...

A fábrica de galletas "La Peninsular"

Temos sinalado neste blog en diversas oportunidades o descoñecemento que posuimos da historia contemporánea de Tui fronte a outros períodos históricos moito mais investigados que a nosa historia mais recente. Aspectos como a vida política tudense na primeira metade do século XX seguen esperando un achegamento como tamén os procesos e dinámicas socias desenvolvidos no noso territorio. Hoxe ofrecemos en Tudensia un post sobre a fábrica de galletas “La Penínsular” que abrangue case medio século da vida económica tudense. Achegamos a información ofrecida polo profesor de historia económica da Universidade de Santiago de Compostela, Angel Ignacio Fernández González, no seu blog “Galicia Agraria” nun documentado post sobre a industria de galletas en Galicia nos principios do século XX. Aportamos a rica e moi completa información que achega profesor Fernández algunha pequena referencia da nosa autoria colocadas como notas. http://galiciaagraria.blogspot.com.es/2012/03/gall...

Lembranza agradecida a Xabier Añoveros

Onte á tarde, nos comezos de setembro, cando xa as horas diúrnas minguaron, o aire nos anticipa a proximidade do outono e as conversas se centraban nestas intranscendencias, recibín a triste noticia do falecemento, no Hospital Álvaro Cunqueiro de Vigo, de Xabier Añoveros Trías de Bes, navarro de berce, barcelonés de vida e traxectoria e tudense de corazón.   “ Tuy (con i grego como adoitaba a escribir pois con este arcaísmo semellaba reflectir mellor a antigüidade da nosa cidade) es una ciudad de la que estoy enamorado desde hace muchos años ” e, como é propio dun noivo, a esta vella cidade lle ten dedicado horas, estudos, e moi especialmente un agarimo permanente centrado na súa querida “Casa da Canicouba”. O seu noivado e posterior matrimonio con Julia García-Valdecasas Salgado, filla da tudense Julia Salgado Peñarredonda, o ligou dende 1968 a este outeiro pétreo sobre o Miño, que é Tui. Non sei se foi a longa tradición tudense da familia de Julia, o rico arquivo da Casa da Ca...