Ir al contenido principal

Quince anos de "Tudensia": gracias!

 

Cumprense nestas xornadas quince anos de presenza de “Tudensia” no mundo da blogosfera, con 350 entradas ou “post” arredor da historia e das xentes de Tui ás que teñen accedido máis de 259.000 lectores ao longo deste anos.

Ante todo, gracias aos nosos seguidores, a cantos len e consultan con interese estas achegas, aos que participan cos seus comentarios (ben no propio blog ou por outros medios) así como aos colaboradores puntuais que ao longo deste tempo teñen enviado algun post ou teñen permitido a reprodución dos seus traballos.

Escudo de Galicia coa inscrición Tui na lámina da nosa cidade debuxada por Pier María Baldi,
no decurso da peregrinación de Cosme III de Médici en 1669

Este blog mantén a mesma vontade expresada na primeira entrega do 31 de agosto de 2008: a pretensión de ofrecer a cantos se acheguen onda nós diversas noticias, informacións, novidades, comentarios sobre a cidade de Tui e as súas xentes. A vella cidade tudense que tivo, especialmente nas últimas décadas do século XIX e nas primeiras do XX, unha intensa actividade periodística que foi esmorecendo co tempo con nomes coma "La Intergridad", "El Eco del Miño", "Tribuna", "El Aloya", etc. pode atopar nas posibilidades das novas tecnoloxías novas oportunidades de comunicación e difusión da súa historia, arte, tradicións, patrimonio, etc.

Este blog responde unicamente aos intereses de quen subscribe, e dende o seu nacemento non ten mais pretensión que aproximar, de modo completamente accesible, diversos aspectos da nosa historia, do noso patrimonio coa pretensión de tentar ofrecer un mellor coñecemento da nosa cidade que ten na súa dilatada historia e no seu inxente patrimonio cultural a súa sinal de identidade mais sobranceira.

Con todo, ás veces hai unha sensación de que afondar neste coñecemento histórico non  é mais que un entretemento intelectual, propio de diletantes carentes doutras preocupacións, que non deixa de ser unha curiosidade afastada das necesidades reais dos nosos conveciños. A historia e o patrimonio semella que son meros vernices para dar lustre pero que, tantas veces, son un molestia para o noso desenvolvemento social e económico, meras inutilidades fronte ao progreso aos que todos aspiramos.

Unhas palabras do filósofo Nuccio Ordine, falecido recentemente tras serlle concedido o Premio Principesa de Asturias de “Comunicación e humanidades”, exprensa de xeito maxistral a vontade que nos anima na creación e continuidade desste blo “Tudensia”:

Entre tantas incertidumbres, con todo, una cosa es cierta: si dejamos morir lo gratuito, si renunciamos a la fuerza generadora de lo inútil, si escuchamos únicamente el mortífero canto de sirenas que nos impele a perseguir el beneficio, sólo seremos capaces de producir una colectividad enferma y sin memoria que, extraviada, acabará por perder el sentido de sí misma y de la vida. Y en ese momento, cuando la desertificación del espíritu nos haya ya agostado, será en verdad difícil de imaginar que el ignorante “homo sapiens” pueda desempeñar todavía un papel en la tarea de hacer más humana la humanidad…[1]

Dende “Tudensia” queremos facer a nosa humilde achega (coma unhas areas das ribeiras do Miño)  a este labor colectivo, queremos contribuír a que os nosos lectores e conveciños comprendan a nosa historia, a nosa arte, o noso patrimonio, preserven a memoria colectiva…. Pois os que non saben gozar da historia vólvense escravos, meros robots sen criterio, sen capacidade para coñecer e coñecerse, para tomar conciencia da propia condición, para vivir gozando da beleza, material e inmaterial, do seu territorio.

O xeito como unha cidade lembra a súa historia – coas súas luces e sombras, coas súas grandezas e miserias- reflicte como se percibe a si mesma e, moi especialmente, como quere ser, que proxecto común quere construír.

“Tudensia” non pretende ser unha rememoración que olla con nostalxia ao pasado (cómpre rachar co bucle meláncolico en que vive a nosa cidade dende hai xa demasiado tempo) senón unha afirmación das capacidades de Tui e as súas xentes para reposicionarse, para repensármonos como cidade[2], para sentirmonos, sen complexo algún, orgullosos da nosa condición e das nosas potencialidades no presente.

¡Gracias a todos por estes quice anos!

 

Rafael Sánchez Bargiela

 

 



[1] Ordine, Nuccio: La utilidad de lo inútil. Manifiesto. Madrid, Acantilado, 2013, p.25.

[2] Sánchez Bargiela, Rafael: Breve historia de Tui. Tui, 2021, p. 161.

Comentarios

  1. Parabéns por a traxectoria imprcable e interesabte deste blog que conta con senlleiros colaboradores. Por moitos anos máis!!!!

    ResponderEliminar
  2. Obrigado pela dedicação, empenho e 15 anos de verdadeiro serviço público.

    ResponderEliminar

Publicar un comentario

Entradas populares de este blog

A fábrica de galletas "La Peninsular"

Temos sinalado neste blog en diversas oportunidades o descoñecemento que posuimos da historia contemporánea de Tui fronte a outros períodos históricos moito mais investigados que a nosa historia mais recente. Aspectos como a vida política tudense na primeira metade do século XX seguen esperando un achegamento como tamén os procesos e dinámicas socias desenvolvidos no noso territorio. Hoxe ofrecemos en Tudensia un post sobre a fábrica de galletas “La Penínsular” que abrangue case medio século da vida económica tudense. Achegamos a información ofrecida polo profesor de historia económica da Universidade de Santiago de Compostela, Angel Ignacio Fernández González, no seu blog “Galicia Agraria” nun documentado post sobre a industria de galletas en Galicia nos principios do século XX. Aportamos a rica e moi completa información que achega profesor Fernández algunha pequena referencia da nosa autoria colocadas como notas. http://galiciaagraria.blogspot.com.es/2012/03/gall...

Emma Álvarez Besada a primeira tudense doutora en medicina

O legado dunha comunidade está conformado por un conxunto de bens materiais, que adoitamos denominar patrimonio, xunto cun amplo abano de elementos inmateriais que definen o seu carácter e a súa pervivencia no tempo. Entre estes bens intanxibles ou inmateriais ocupan un lugar non menor aquelas personalidades que ao longo do tempo teñen deixado unha pegada perdurable na memoria colectiva ou aquelas outras que, ás veces esquecidas ou non recoñecidas, expresan na súa traxectoria fitos senlleiros para a vida colectiva. Hoxe queremos recuperar dende Tudensia unha desas figuras olvidadas pero que no seu momento histórico tiveron unha pegada significativa na vida social e colectiva da nosa cidade e de alén dos seus termos xeográficos. As novas demandas sociais se expresan tamén na historiografía que investiga aos grupos sociais discriminados ou marxinados nos diferentes momentos do pasado. Retrato de Emma Álvarez Besada, foto da orla da Facultade de Medicina de Madrid, 1931 Unha revis...

Bo Nadal cun texto de Manuel Lago González: “Noite Boa” (1892)

Felicitamos hoxe aos seguidores de Tudensia estas festas do Nadal recuperando un breve texto, non o chamaría nin relato, sobre como se celebraba a Noiteboa nas aldeas de Tui nas últimas décadas do século XIX, nun momento en que os labregos galegos vivían nunha economía de subsistencia e nunhas moi duras condicións de vida. Anxo no capitel do arco triunfal da igrexa de San Domingos de Tui, sec. XV Trátase dun texto de Manuel Lago González publicado o 24 de decembro de 1892 no xornal tudense “La Integridad”. Daquela Manuel Lago era un presbítero que formaba parte do claustro de profesores do Seminario tudense e que tiña unha activa participación como xornalista e na vida social en Tui. Ao xornalismo entregouse Lago con verdadeira ardentía e a tarefa que se impuxo foi querer incorporar a defensa das tradicións e os intereses de Galicia ao ideario católico de signo integrista (oposto radicalmente ao liberalismo). Este texto, que non foi publicado posteriormente a súa edición en “La Int...