Ir al contenido principal

Bicentenario de Leopoldo Martínez Padín

 

Unha das rúas máis céntricas de Tui leva o nome de Leopoldo Martínez Padín, pero estou certo que a inmensa maioría dos tudenses descoñecen por completo algún dato sobre este persoeiro asentado dende hai máis dun século no rueiro tudense.

Leopoldo Constantino Eustaquio era fillo de Francisco Xavier Martínez de Seixo e Joaquina Padín y Giménez de Ortega, Leopoldo nace na rúa da Canicouba o 21 de setembro de 1823, sendo bautizado ao día seguinte na catedral[1]. Polos avós paternos a súa familia procedía de Sanguiñeda (Mos) e polos maternos de Vigo.

En case todas as biografías consultada se afirma que ingresa no Seminario Conciliar tudense, onde permanece dous anos estudando Gramática e Filosofía, para continuar logo os estudos de Xurisprudencia e Cánones, recibindo en ambos a licenciatura en 1847, coa cualificación de “némine discrepante” a claustro pleno.

Sen embargo, cómpre precisar que o Seminario Conciliar tudense non foi creado ata o ano 1850 polo bispo Casarrubios y Melgar. Anteriormente, en 1845 fora creado oficialmente un Instituto público, de terceira clase, no desamortizado convento dos franciscanos que chegará ata 1850. Previamente a formación dos tudenses podía realizarse a través das Cátedras de latinidades e filosofía que sufragaba o Concello logo da desaparición das aulas dos conventos de San Antonio (franciscanos) e San Domingos tras o proceso de Desamortización. (1835). Así sabemos que por Real Orde do 12 de agosto de 1838 crease en Tui, co patrocinio do concello, un colexio de humanidades, ou Estudio Xeral, que ao ano seguinte ten 36 alumnos. Posiblemente, Leopoldo Martínez Padín recibiu a súa formación neste centro tudense.

Aínda que descoñecémo-lo oficio do pai, a familia dispuña de suficientes medios económicos para ter en Santiago dous fillos estudiando na universidade (Leopoldo e Francisco Xavier) e poder paga-los 3.000 reais, sen solicitar rebaixa por pobre, que é o que facían a maior parte dos universitarios para obte-lo título de licenciado (téñase en conta, para facer unha valoración que unha pasaxe para América custaba entón 4.000 reais)[2].

O historiador Xosé Ramón Barreiro continua expoñendo a traxectoria académica de Leopoldo Martínez Padín: o noso autor iniciou os estudios superiores de filosofía no Estudio Xeral de Tui entre 1838 e 1840, como acreditan don Santos Vila, catedrático de latinidade, e don Xoán Acuña, coa cualificación de notable. No ano 1840 homologou estes estudios cos da Universidade de Santiago, e cursou  terceiro curso de artes e posteriormente dereito nesta universidade. O 20 de xullo de 1845 obtivo o título de bacharel en leis e o 23 de xuño de 1847 iniciou os exames que remata meritoriamente o 2 de xullo para obte-lo título de licenciado en leis. O tribunal que o avaliou estaba formado polo decano don Ramón Rey Pérez e polos doutores Castro Lamas, Neira Marín, Fernando Puente e Domingo Cortés, catedrático de dereito canónico e ex deputado nas Cortes do Trienio.

Pero a principal transcendencia de Leopoldo Martínez Padín deriva a súa participación e protagonismo no que a historiografía galega adoita en denominar “xeración de 1846”. Para comprender esta circunstancia cómpre unha contextualización histórica da situación política de Galicia na primeira metade do século XIX marcada nestas primeiras décadas polas loitas entre absolutistas (partidarios da continuidades da monarquía absoluta de época moderna) e os liberais (partidarios da existencia dunha Constitución que regule a vida política e á que deba someterse tamén o monarca). Tras a morte de Fernando VII os absolutistas convértense en partidarios de D. Carlos, irmá do monarca como sucesor á coroa, que posteriormente se denominarán carlistas e que emprenden as chamadas “guerras carlistas”. Pola súa parte, os liberais apoian á sucesión ao trono da filla de Fernando VII, a futura Sabela II, baixo a rexencia da súa nai, María Cristina.

Estes grupos liberais rapidamente se dividen en moderados e progresistas, con diversas facción e tendencias, con numerosos cambios de gobernos, pronunciamentos, sublevacións nunha dinámica política trepidante. En 1840 renuncia María Cristina á rexencia, asumindo este posto o xeneral Espartero, de tendencia progresista, que conta co apoio dos progresistas galegos pero un amplo sector axiña queda desencantado co seu goberno. Ata o punto que en 1843 promoven diversos pronunciamentos contra Espartero apoiados tamén polos moderados. En Galicia crean unha Xunta Central o 15 de xullo de 1843 que fracasa en novembro, consagrando o triunfo dos moderados que gobernarán Galicia e España unha década; caído Espartero asume a Rexencia o xeneral Narváez.

O 2 de abril de 1846 se inicia en Lugo un novo pronunciamento, esta vez promovido polo 2º Batallón do Rexemento de Zamora que estando de guarnición en Coruña era trasladado a Astorga encabezado polo comandante Miguel Solís[3]. Se suman ao pronunciamento Santiago, Pontevedra, Vigo, etc. Tamén Tui se suma ao pronunciamento o 10 de abril creándose unha Xunta presidida polo progresista Esteban Areal. Sen embargo, non logran sumar cidades como Coruña, Ferrol ou Ourense e fracasan no intento de sumar novos pronunciamentos fora de Galicia.

"Semanario Pintoresco Español", 11-07-1847

Esteban Areal protagoniza o levantamento progresista en Tui que o cronista tudense Manuel Fernández Valdés narra así: “a guarnición de Tui, integrada por dúas compañías do batallón Segovia, sublevouse ás 12 da noite do 10 de abril sumándose logo as forzas de Carabineiros de Facenda. Axiña foi sofocada a revolta, pois o 27 de abril o Alcalde de Tui comunica que a chamada Xunta de Goberno fuxira cara Portugal (…) Esta Xunta de Goberno revolucionaria estaba formada por D. Esteban Areal, D. Pablo Maceira, D. Ramón Cancio, D. Joaquín Mora, D. Fernando Córdoba, Eusebio Cea e outros” que son acusados por rebelión pois tiñan logrando formar unha milicia de case catrocentos voluntarios. Tras a actuación da tropa encabezada polo xeneral José Gutierrez Solana son imputados por rebelión e sufrirán diversas represalias[4].

O 15 de abril se crea en Santiago a Xunta Superior de Goberno de Galicia presidida por Pío Rodríguez Terrazo e na que actúa como secretario Antolín Faraldo. Publican un manifesto preconizando a celebracións de Cortes constituíntes e aparecen claramente por vez primeira obxectivos de carácter “provincialista”.

A reacción gobernamental enviando tropas ao mando do xeneral Concha leva a rendición de Solís e os altos mandos o 23 de abril en Santiago, logo dunha escaramuza en Cacheiras (Teo).  O capitán xeneral ordena un proceso sumarísimo que levará ao fusilamento de todos eles o 26 de abril no concello de Carral, polo que son coñecidos como os “Mártires de Carral”.

Este longo exordio resulta necesario para comprender o papel que xoga a xeración na que participa Leopoldo Martínez Padín, coñecida, como xa dixemos anteriormente, como a xeración de 1846. La mayoría de estas personas se agrupaba en la Academia Literaria de Santiago, reorganizada en 1840 gracias a la iniciativa de su primer vicepresidente, el militar progresista Domingo Díaz de Robles. Entre los socios fundadores figuraba la plana mayor del provincialismo: Antolín Faraldo y sus hermanos, Antonio Neira de Mosquera, Antonio Romero Ortiz, Augusto Ulloa, José Mª Posada, Francisco Añón, Alberto Camino, Leopoldo Martínez Padín, los hermanos Rúa Figueroa, etc. Observamos la presencia de casi todos los llamados precursores del Rexurdimento literario posterior. En enero de 1843, el historiador liberal José Verea i Aguiar, introductor del celtismo en la historiografía gallega  y entonces ya con 68 años, fue propuesto como socio de honor en reconocimiento a la importancia de su obra, «monumento levantado para restaurar nuestra nacionalidad», según Neira de Mosquera. La Academia sirve de foro a una renovación de ideas entonces imposible en las aulas universitarias[5].

Son así a primeira xeración galeguista na que participa Martínez Padín. A meirande parte militaban no progresismo radical e souberon fundir nun mesmo ideal romanticismo e galeguidade. Case todos participaron nos acontecementos de 1846 que remataron coas execucións de Carral. Foi unha xeración intermedia entre outras dúas xeracións universitarias que deron gloria a Galicia: a xeración do primeiro liberalismo, a de Casiano del Prado, Ramón de la Sarga, Ferro Montaos, e a xeración de Murguía, Aguirre, Pondal e tantos outros[6] . Esta nova xeración terá sempre presenta esta continuidade como queda ben patente o domingo 2 de maio de 1856 no banquete de confraternidade celebrado na carballeira de Conxo e que marca o inicio dun novo ciclo na vida cultural e política de Galicia.

Este concepto de provincialismo fai referencia a unidade de Galicia, como unha única provincia, non recoñecida na recente división administrativa de Javier de Burgos. Como aprecia acertadamente Justo G. Beramendi si cabe hablar de provincialismo es porque estas ideas genéricas tenían en ellos un objeto preferente de aplicación: Galicia. Por eso rechazan con energía las descalificaciones pasadas y presentes de lo gallego y, en contraposición, practican su loa y vindicación sistemáticas. Este patriotismo primario los lleva, para justificar sus fundamentos, al estudio de las glorias e independencia pretéritas, lo que hace nacer la historiografía galleguista, cuyas primeras manifestaciones son los artículos de Faraldo en El Recreo Compostelano en 1842 y la Historia de Galicia (1849) de Leopoldo Martínez Padín

O tudense Martínez Padín participa pois deste clima ideolóxico, pero X.R. Barreiro sinala que  a diferencia de moitos dos seus compañeiros mantívose nunha moderación ideolóxica e política que lle foi moi rendible. O seu nome non aparece nos acontecementos de exaltación liberal que viviu o estudiantado compostelán nos anos 1840 e 1843. Tampouco aparece nas listas que nerviosamente foron escribindo Faraldo e Romero Ortiz nunha aula universitaria (na actual sede da Facultade de Xeografía e Historia) para forma-lo batallón literario do ano 1846. Por iso tampouco aparece nas listas dos represaliados[7].

Pero cómpre certas precisións. Unha das expresións do compromiso intelectual e político desta xeración foi fundar e promover diversos xornais como “La situación de Galicia” de Santiago (1842-1843), “El Provenir. Diario de la Juventud gallega” tamén en Santiago (1845) ou “El centinela de Galicia” de A Coruña (1843-1844).  Martínez Padín participa tamén desta tendencia sendo fundador e director, en Santiago de Compostela, do semanario “La Armonia, periódico de fomento, moral, literatura y comercio”.

Carecemos de exemplares deste xornal, ata o punto que xa a finais do século XIX na revista “Galicia Diplomática” o seu director Bernardo Barreiro recolle una consulta manuscrita que lle fixeron chegar sobre a existencia de exemplares de “La Armonia” publicada no número de 25 de agosto de 1889 á que responde que non chegou atopar exemplar algún. No número de 22 de setembro responde o Conde de Pallares, dende Madrid, á consulta anterior comentando que está de seguro de conservar algún exemplar nos seus arquivos daquela necesitados de ordenación.

Seguimos sen coñecer exemplares de “La Armonia” pero no Boletín Oficial da Provincia de Lugo atopamos diversos anuncios do xornal, por exemplo La Armonia. Periódico de fomento, moral, literatura y comercio, bajo la dirección de D. Leopoldo Martínez Padín. Se ha publicado en núm 5º. Y empezó insertarse la historia militar de Galicia. Sale 4 veces al mes en Santiago. Precio 7 y medio rs. cada trimestre franco. Se suscribe en la libreria de Pujol (Lugo). E novos anuncios para os números 4, 13, 16, 16 ou 22 (recollido o 14 de novembro de 1845). En consecuencia, queda claramente recollido que esta xornal chegou ao menos aos 22 números durante sete meses (de maio a novembro de 1845).

No primeiro número de 6 de agosto de 1845 insertó un artículo rotulado “Seguridad pública” denunciado por el Capitán General, a consecuencia de lo cual el gobernador político de la provincia decretó la suspensión del periódico y la recogida de ejemplares[8]. Este tipo de medidas eran habituais naquel momento en que a liberdade de prensa era constantemente cuestionada.

Fracasado este proxecto xornalístico o mozo Martínez Padín segue implicado neste ámbito, e co mesmo titulo que o seu xornal mantén unha sección titulada “La Armonia” no xornal compostelá “El Avisador Santiagués, periódico de recreo y utilidad universal” que inicia súa andaina o 16 de marzo de 1846, do que se editan 13 números ata o 5 de xullo do mesmo ano. Nesta sección publica breves narracións de tema popular ( “El canastillo de flores”, “Caminos”, “El bosque de Armenteira”, etc.) ou noticias sobre historia e monumentos de Galicia (“Monasterio de Sn. Martín” ou “Glorias de Galicia: la reconquista de Tuy” que logo reproducimos).

A Academia Literaria tiña desaparecido en 1844 cando os moderados chegaran ao poder. Nun artigo na súa sección de “El Avisador Santiagués” de 29 de marzo de 1846 o escritor tudense reclamaba a súa continuidade propugnando a creación de sociedades artísticas e literarias en Galicia e especialmente en Santiago de Compostela, a imitación do Liceo de Madrid. Leopoldo Martínez Padín pensaba que a creación de Liceos era un símbolo de engrandecemento para a propia comunidade:A erección de Liceos en Galicia, tomando por tipo ao principal da Corte, e facendo nos seus estatutos e obxectos as variacións que as necesidades que este país esixen, colocándose á fronte deles algunhas persoas cuxo carácter lles dese prestixo entre toda clase de xentes, e habendo abnegación por parte de moitos ao comezo, serían o soplo vivificador destas provincias e os fachos do seu engrandecemento[9]

Tras a derrota do levantamento de 1846 o movemento provincialista quedara descabezado, xa que algúns dos seus membros morreran, outros exiliáranse, e outros emigraron xeográfica e ideoloxicamente a Madrid a facer política. Porén, Neira, Martínez Padín e Alberto Camino  porán en marcha aquela reclamación xornalística do tudense e crearán na primavera de 1847 o Liceo de la Juventud de Santiago, sucesor da extinta Academia Literaria, onde se formará, como xa apuntamos, a segunda xeración de provincialistas: Manuel Murguía, Aurelio Aguirre, Eduardo Pondal, Luís Rodríguez Seoane, os irmáns Antonio e Francisco de la Iglesia, ou Rosalía de Castro.

Descoñecemos a data concreta, pero en torno ao verán de 1847 Leopoldo Martínez Padín trasládase a Madrid. Así o 15 de setembro de 1847 se incorpora ao Colexio de Avogados de Madrid, tras a súa solicitude e o posterior acordo da Xunta de Goberno de 13 de setembro, contando co titulo expedido polo Ministerio de Comercio, Instrucción y Obras Públicas con data 2 de agosto de 1847; na súa solicitude se presenta como “licenciado en jurisprudencia” e con titulo que lle autoriza o exercicio da avogacía.

Barreiro Fernández nos informa que no ano 1849, e posiblemente xa no ano 1848, Martínez Padín figura como oficial auxiliar de estatística no Ministerio de Gracia e Xustiza (...) sen dúbida o seu moderantismo, a súa folla universitaria limpa de toda conivencia cos sucesos de 1846 e a coxuntura política de forte conservadurismo axudaron a situa-lo noso autor na nómina estatal[10]. Podemos conxecturar que o acceso a este posto na administración puido estar relacionado coa presenza dun tudense, Florencio Rodríguez Vaamonde, como ministro de Gracia e Xustiza entre o 30 de marzo e o 3 de setembro de 1847, no breve goberno do moderado José Francisco Pacheco, xusto no momento en que Leopoldo Martínez Padín trasládase a Madrid.

Dende Madrid segue colaborando en diversas publicacións galegas. Así no “Boletín Mercantil e Industrial de Galicia”, no número de 14 de decembro de 1847 inicia unha serie de artigos titulados “Estudios económicos-rurales sobre Galicia”, e en febreiro de 1848 inicia outra serie de artigos sobre “Fragmentos de la historia de Galicia”. Resulta evidente que escolma nesta publicación o contido que publicará no ano 1849 na súa “Historia de Galicia” testemuñando estes artigos a súa preparación.

En diversas publicacións se lle atribúe neste período madrileño a fundación da “Academia de la Elocuencia Matritense”, da que carecemos de noticia algunha. Se cita tamén que formou parte do Ateneo de Madrid, mesmo nunha necrolóxica se lle denomina “catedrático del Ateneo”[11]. O 26 de marzo de 1850 falece en Madrid prematuramente á idade de 27 anos, posiblemente enfermo de tise.

Ademais da súa dedicación xornalística Martínez Padín tiña unha preocupación literaria dende novo. No semanario “La situación de Galicia” no seu número de 19 de decembro de 1842 se publica unha carta do noso autor na que pide desculpas pois unha obriña de teatro súa titulada “Trajedia” que ía representar a “compañía que dirige el Sr. Arenas” foi retirada polo propio autor impedindo que chegase a se representar. Dese mesmo ano é un manuscrito de Martínez Padín conservado no Arquivo da Real Academia Galega titulado "Los judíos, trajedia" (do que falamos de seguido) pero carecemos de datos para concluir que sexa a mesma obra, aínda que resulta certamente verosímil. 

Na Real Academia Galega se conserva un texto manuscrito de Leopoldo Martínez Padín, trátase dunha obra de teatro “Los judíos” que remata de escribir en decembro de 1842 cando contaba con dezanove anos. Son 184 páxinas xunto a unha carta dirixida ao seu tío, de 23 páxinas, que contén un breve ensaio sobre a súa concepción do teatro. Por este texto sabemos que comezou ás súas lecturas ao 12 anos con comedias de Lope, Calderón e doutros autores españois e estranxeiros; xa en Santiago coñece as obras de Aristóteles, Horacio, Blair, Boileau, Martínez de la Rosa e de Ribot, sen dúbida refírese á súa obra “Emancipación Literaria Didáctica (1837) na que expón o seu manifesto romántico de “fóra mestres e leis”, retomado por Faraldo no xornal “El Porvenir” de 1845 naquela cabeceira que dicía “¡Abajo las reglas, las escuelas y los maestros!”[12]

O drama está dividido en cinco actos e narra o momento da sinatura definitiva da expulsión dos xudeus de Portugal polo rei D. Manuel I e as dúbidas diante da decisión fronte aos argumentos dos seus conselleiros xudeus e os que os apoian e a forza da nobreza que representa o primeiro ministro, Castro.

Un traballo de Xosé Ramón Barreiro ten rescatado este texto, nunca publicado nin representado, resaltando a excepcionalidade desta temática no teatro romántico español: Martínez Padín, non sabemos por qué motivo (non nos consta que procedese dos xudeus por ningunha das dúas liñas, aínda que en Tui quedase no seu tempo a memoria histórica da xudería daquela cidade) asume o risco de dramatiza-la expulsión dos xudeus de Portugal. O risco evidentemente existe desde o momento que toma posicionamento claro a favos dos xudeus, o que o situaba contra a corrente intelectual da tradición española tan masiva como irracionalmente antixudía. Procura salvar no posible a responsabilidade da monarquía para evitar que o sistema monárquico experimentase na súa obra ningún tipo de erosión. Respectuoso co contexto histórico, só se permite algunhas lóxica licenzas para humaniza-lo relato e salvagarda-la responsabilidade histórica da monarquía lusitana. Amosa un bo coñecemento da historia de Portugal[13].

Máis aló do mérito literario da obra, impropia para un mozo de dezanove anos, cómpre destacar a posición ideolóxica a prol do pobo xudeu que orienta esta peza teatral e que se desmarca das temáticas comúns da época pois as referencias ao xudaísmo que aparecen na literatura española do século XIX son moi escasas e nunca ocupando o tema principal. Unha excepcionalidade incrementada ao desmarcase tamén Leopoldo Martínez Padín da liña ideolóxica imperante na España decimonónica que colocaba aos xudeus como parte dos inimigos da patria, característica dunha concepción españolista e integrista predominante naquel tempo. Esta posición ideolóxica do escritor tudense, que posiblemente contemplaría cando neno os “sambenitos” pendurados das paredes da catedral tudense, outorga maior valor a esta obra e ao seu autor.

Sabemos que realiza unha viaxe a Portugal no ano 1849 logrando que a raíña dona María II concédalle unha licenza para que os directores das oficinas públicas lle desen tódalas facilidades para “ver y examinar lo que en ellas hubiere de más raro y curioso”.  Nese mesmo ano por Real Orde de 8 de outubro de 1849 a propia raíña nomeouno cabaleiro da Real Orde Militar Portuguesa de Nossa Senhora da Conceição de Vila Viçosa “por el aprecio en que tengo vuestro mérito y las demás cualidades que os distinguen”.

A súa produción literaria ten continuidade coa obra “Suspiros del corazón”, editada en Santiago de Compostela no ano 1845. É libro integrado por 145 páxinas, con catro cartas en verso e logo 49 páxinas en prosa nas que figura un relato histórico “La tea de la discordia”. O egrexio erudito tudense Xosé María Álvarez Blázquez escribe sobre este libro do seu conterráneo: En ese librito extraño, de tremendos suspiros amatorios, filosóficos y religiosos, el poeta escribe en prosa arqueológica un cuento histórico que titula “La tea de la discordia”. Witiza haraganea en su palacio de Tuy y conspira a un tiempo contra el trono de su padre y el honor de su leal consejero, el Duque Favila. Ahuyenta al Duque y pretende a la duquesa, noctivágando con una bujía en la mano por el palacio. Samuel Levi, un judío misteriosamente encapachado, advierte a Favila, que ha salido con las mesnadas reales, su inminente deshonra. Torna el Duque desalado a Tuy, y sube por la escala secreta del palacio, a tiempo de descubrir el cuerpo exánime de la esposa, que prefirió la muerte al amorío real. Así mismo se mata el Duque, con el puñal que ella empleara, y Witiza le ayuda en su empeño, asetándole algunos bastonazos con el cetro real. Al día siguiente, el pueblo clama venganza ante las puertas de Pazos de Reis. Entre la plebe está el joven Pelayo, hijo de los Duques muertos y futuro caudillo en Covadonga.

Tuy aparece aquí, a través de las breves páginas de Martínez Padín, envuelta en las brumas de la historia, como una ciudad encantada, donde los buenos y los malos luchan, en medio de una idílica naturaleza, al modo sencillo de los grandes mitos. El tema que el escritor ha desflorado espera aún la pluma sonora de un rapsoda que, con acento vernal, haga nueva y eterna la leyenda[14].

Ao ano seguinte, 1846, publica unha poesía co título de “A la Reina con motivo de su enlace con el Sr. D. Francisco de Asis” co gallo da primeira voda da raíña Sabela II con Francisco de Asis Borbón e que foi recibido con esperanza polos moderados e diversos sectores progresistas.

Na biblioteca da Real Academia Galega se conserva outro manuscrito de Martínez Padín, do ano 1850, titulado “La muerte y la vida”, un caderno de tres pregos, por tanto seis follas, dedicado as súas amigas “Dona C. Y Dona Josefa Viqueira”, con versos plenos de romanticismo reflexionando sobre a morte e a fraxilidade da vida.

Versos iniciais do manuscrito "La muerte y la vida" (Arquivo Real Academia Galega)

Pero a principal obra de Leopoldo Martínez Padín que outórgalle unha posición salientable na historiografía de Galicia é a “Historia de Galicia. Historia política, religiosa y descriptiva de Galicia” cuxo primeiro volume edita en Madrid no ano 1849. Desta obra so chegou a editar este primeiro volume deixando preparado parte do segundo tomo que non culminou polo seu prematuro falecemento. De feito, a Historia saíu por entregas (un caderno de 16 paxinas) co obxectivo de publicar tres volumes de 320 páxinas cada un. Finalmente, o primeiro tomo conta con 344 páxinas, e do segundo tomo saíron 80 páxinas publicadas no 1850, que abranguía o reino suevo.

Para Alfonso Mato su adscripción al ideario liberal-progresista-galleguista del provincialismo se reflejará notablemente en su historia desde la que denunciará los problemas que se le presentan a la sociedad gallega del momento, al mismo tiempo que apunta una serie de rasgos diferenciadores  de la nacionalidad gallega que aparecen todavía de forma salteada a lo largo del libro, lo que indica que aún no existe una sistematización coherente de los mismos, tal como se presentará en Murguía. De estos rasgos vale la pena destacar un tema que aparece por vez primera en la historiografía gallega: los suevos, como pueblo que, en unión de los gallegos,  dan vida política a Galicia[15]

Aínda que a obra de Martínez Padín é debedora da Historia de Verea, tan valorada polos membros desta xeración e que foi o primeiro en reivindicar unha historia de Galicia de seu, aparece mais depurada de connotacións lendarias e de falsidades pseudohistóricas. A Historia de Galicia de Martínez Padín foi, como tantas outras, unha empresa inacabada: concibiu a historia como unha vindicación dun país pouco coñecido e menos valorado. Esta intención, que situaba a súa no que podemos chamar historiografía apoloxética, aparecía sen embargo mais racionalizadas e depurada (...). Iniciaba o primeiro tomo unha longa descrición xeográfica e estatísticas, con abundancia de datos moi interesantes sobre o clima, a descrición xeolóxica, a historia natural, a organización administrativa e xudicial e a descrición económica, cultural e social de Galicia[16].

A súa paixón poética o leva a abrir este libro de historia cun amplo poema titulado “A Galicia” (que de novo será publicado no “Álbum de la Caridad” no ano 1862).

Allá en el provenir yo te contemplo

cual luminoso faro en ncohe oscura,

dando a los siglos eternal ejemplo

de independencia y de sin par bravura,

y veo al Hacedor Omnipotente

crecer de aureolas tu orgullosa frente.

 

Ya la calumnia no alzará insidiosa

Su alta cerviz en medio de tus jardines...

No, que á la historia vi cantar gozosa

Tus glorias, tu esplendor, tus paladines,

Y la seguí con planta presurosa

De la Europa de todos los confines,

Y fui escribiendo el libro que te envío,

Grande por ti, pequeño por ser mio.

 

O historiador tudense Manuel Fernández Valdés ao falar de Padín sinala que para a edición desta obra tuvo un mecenas, D. Eugenio Reguera y Pardiñas, que jamás se consoló de la pérdida de este malogrado historiador”[17].Como veremos a súa colaboración foi ampla, na documentación e posiblemente tamén economicamente.

Eugenio Reguera Pardiñas (Pontevedra, 1806 – Santiago, 1866), foi militar dende neno, preso en Francia por defender os ideais constitucionais, funcionario en Pontevedra, Ávila e A Coruña, alcalde do concello de Meis e xefe político ou gobernador civil das provincias de Segovia e Lugo. O investigador Clodio González Pérez ten editado no pasado ano un libriño[18] coa biografía e traxectoria de deste persoeiro, aliñado coas ideas liberais do século XIX, ao que designa como “precursor do Rexurdimento”, pois recolle un amplo fondo documental acumulado por Reguera Pardiña, conservado no Arquivo Histórico Nacional, que “o único que rescatou o seu nome do esquecemento foi o modesto e silandeiro labor de erudito e compilador e, principalmente, a “Traducción de alguna voces, frases / locuciones gallegas, especialmente de agricultura al castellano”. Publicado en 1995 nunha edición a cargo de X.L. Pensado[19].

Neste libriño Clodio González Pérez recolle o seguinte sobre a relación que existiu entre Reguera Pardiñas e Martínez Padín, nun apartado do seu traballo que titula “Un humilde mecenas” no que sinala: Manuel Muguía afirma na nota necrolóxica que lle dedica a Eugenio Reguera Pardiñas en 1867, o ano seguinte do seu pasamento, que

Jamás nego su óbalo a la más insignificante empresa literaria de Galicia (...) Martínez Padín mereció de su liberalidad la primicia de los importantes manuscritos recogidos en época en que eran más fáciles esta clase de adquisiciones. De la pérdida ocasionada por la muerte de aquel malogrado escritor jamás se consoló, y con justicia, pues el fue quien escribió la parte descriptiva de nuestro país  que aparece extractada en la “Historia de Galicia” de Padín; el quien  más aliento y ayuda material prestó a este escritor para llevar a cabo su empresa.

A teor destas palabras semella que Martínez Padin resultou favorecido por Reguera pois ata lle redactou o “Discurso histórico descriptivo” da “Historia política, religiosa y descriptiva de Galicia”. Nun códice conservado no Arquivo Histórico Nacional baixo a denominación “Galicia” hai unha listaxe dos capítulos a tratar nunha futura obra que non se sabe se seria súa ou doutro autor, pero que cadra en liñas xerais cos do devandito “Discurso”.

Ademais de consellos, información e, quizais, ata algunha axuda económica para a edición da obra, non creo como afirma Murguía que el escribise o “Discurso! (que por coñecementos ben o podía facer), un tratado máis completo sobre Galicia de 214 páxinas, da 9 á 223, e que o seu nome non conste en ningures, mentres que cita o historiador tudense Francisco Ávila y Lacueva non máis que por algúns datos sobre unha cerimonia relixiosa  que se desenvolvía na capela do monte Santa Tegra (Martínez de Padín, 1849, 217). A única escusa aceptable sería que non quixese o interesado, que só figura na relación de “Suscriptores de las provincias” con dous exemplares, constando que residía en Segovia pero sen mencionar que se trataba do gobernador civil. O historiador promete ao comezo dar os nomes das persoas das que recibiu algún apoio “para que nuestras fuerzas non desmayasen en tan penoso trabajo”, que debía ir ao remate da obra pero, como é sabido, non pasou do primeiro volume.

Temos realizado una percorrido pola traxectoria, rica en datos pero curta en idade, de Leopoldo Martínez Padín, o escritor e historiador tudense de quen celebramos estes días o segundo centenario do seu nacemento na Canicouba tudense. Martínez Padín tivo un destacado papel na xeración de 1846 e legounos unha obra moi importante no seu tempo, a primeira “Historia de Galicia” que ofrece unha visión do noso país como obxecto propio de investigación incluíndo o período suevo como parte substancial na construción da identidade de Galicia.

A conciencia desta achega de Martínez Padín animou ao Concello tudense no ano 1892 a dedicarlle una rúa. Un primo hermano suyo, Hipólito Padín Díaz de Robles, hijo de Francisco Padín, hermano de su madre, fue alcalde de Tui de 1879 a 1882 [20](...) en esta época  se tomó el unánime acuerdo municipal de poner su nombre a una calle de Tui. Así en la sesión del pleno del Ayuntamiento de fecha 2 de noviembre de 1892, según consta en el libro de actas: El Señor Presidente manifestó que careciendo de nombre oficial la calle que se está formando en la Carretera de Bayon y la que resulta de la construcción de la Carretera de La Guardia procedería acordar los que debieran llevar las mencionadas calles. Indicó que la carretera de Bayona se podría llamar “Martínez Padín” y la segunda “Colón” nombres que parecieron perfectamente justificados.

Continúa a acta municipal sinalando os méritos de Leopoldo Martínez Padín: nació en esta ciudad y se distinguió notablemente como autor de varias obras literarias que merecieron el aplauso general. Su Historia de Galicia le conquistó el preferente lugar entre los escritores regionales y su recuerdo vivirá constantemente entre los que se interesan por el engrandecimiento de esta Región.

Remata o acordo municipal sinalando: Conformes los señores concejales se acordó dar el nombre de Martínez Padín a la calle de la Carretera de Bayona y el de Colón a la Carretera de La Guardia, desde la mencionada de Bayona hasta el puente en construcción del Arrabal.

Curiosamente descoñecemos a razón que motivou que finalmente recibise o nome de Martínez Padín a recentemente creada estrada á A Guarda, construía sobre o antigo foxa da muralla tudense e non a inicialmente designada.

No libro de actas das sesión do pleno do Concello tudense non atopamos un acordo ao respecto,  namentres que na sesión do 19 de abril de 1893 ao falar da problemática do alcantarillado sinala as rúas “Arrabal e Piñeiro (esta hoy de Colón)” en liña co acordo municipal. Sen embargo no Pleno de 6 de setembro dese mesmo ano recolle o seguinte: “la calle del Olmo, hoy Martínez Padín”. Descoñecemos a razón que motivou esta intercambio de denominacións entre abril e setembro de 1893.

Sexa como for, aquela decisión municipal garantiu que a memoria de Leopoldo Martínez Padín perdurase entre os tudenses ao longo deste tempo.

Nunha segunda entrega arredor de Leopoldo Martínez Padín ofreceremos aos seguidores de “Tudensia” un relato histórico sobre un episodio do pasado tudense realizado polo noso escritor e historiador a quen lembramos no seu bicentenario.

 



[1] Fernández Valdés, Manuel: Familias antiguas de Tuy. Tui, p. 89.

[2] Barreiro Fernández, Xosé Ramón: “Apoloxía do xudaísmo nunha obra teatral inédita de Martínez Padín (1842)” en Cinguidos por unha arela común homenaxe a Xesus Alonso Montero.

[3] Ver as obras de Xosé Ramón Barreiro Fernández: El levantamiento de 1846 y el nacimiento del galleguismo. Santiago, Pico Sacro, 1977 ou A Gran Hiatoria de Galicia. Tomo XI “Historia política da Galicia contemporánea”, vol 2: “De Isabel II á Restauración (1833-1874). La Voz de Galicia, 2007.

[4] Esteban Areal, “un gran luchador progresista” como o define o historiador X.R, Barreiro, volverá a protagonizar en Tui o apoio ao pronunciamento de O’Donnell en 1854, nunha Xunta Liberal que encabeza Lorenzo Cuenca. Ver tudensia: https://tudensia.blogspot.com/2020/04/parlamentarios-tudenses-iii-florencio.html

[5] Beramendi, Justo G: “Relaciones entre galleguismo y catalanismo (1840-1918)”.Universidade de Santiago de Compostela https://publicacions.iec.cat/repository/pdf/00000190/00000053.pdf

[6] Barreiro Fernandez, X.R.: Apoloxía... Op. Cit. P. 164.

[8] Mato Domínguez, Alfonso (2005). "Martínez Padín, Leopoldo” en Gran Enciclopedia Gallega, vol. P. 152.

[10] Barreiro Fernández, X.R.: "Apoloxia..." Op. Cit. P. 165.

[11] En Añoveros Trías de Bes, Xabier: Vidas paralelas tudenses, Pontevedra, 2013, p. 203 e 205.

[12] Barreiro Fernández, X.R.: “Apoloxía...” Op. Cit. P. 166.

[13] Barreiro Fernández, X.T.: “Apoloxía...” Op, cit. P. 166.

[14] En Suplemento sábado. La Noche, 15 de outubro de 1949.

[15] Mato Domínguez, Alfonso: “Historiografía” en Gran Enciclopedia Gallega, vol. 17, Santiago, Silverio Cañada, 1974, pp. 138.

[16] Barreiro Fernández, Xosé Ramón: “Apoloxia...” Op. Cit. P. 165.

[17] Fernández Valdés, Manuel: Familias… Op. Cit. P. 89.

[18] González Pérez, Clodio: “Vida e obra dun precursor do Rexurdimento (1806-1866)”. Edición non venal. Santiago de Compostela, 2022, 98 pp. Agradezo ao autor a súa amabilidade ao facilitarme un exemplar desta obra.

[19] En Cadernos de Lingua, anexo 2, A Coruña, Real Academia Galega.

[20] Añoveros y Trias de Bes, Xabier: “Vidas…” Op. Cit. P. 205.

Comentarios

Entradas populares de este blog

O antigo Hospital e Inclusa (actual Edificio "Francisco Sánchez") cumpre hoxe cen anos

Neste ano 2023 a cidade de Tui vive diversos aniversarios de interese, especialmente o referente ao cuarto centenario do falecemento do egrexio médico e filósofo tudense, Francisco Sánchez, sobre o que nos ocuparemos en datas próximas. https://www.facebook.com/fotosantiguastuy/photos Centrará hoxe a nosa atención outra significativa efeméride, o centenario da inauguración do Hospital e Inclusa de Tui celebrado o 1 de maio de 1923, hai hoxe cen anos, que culminaba un longo proceso de construción deste edificio. Na actualidade este antigo hospital é o Edificio “Francisco Sánchez” coñecido popularmente como Área Panorámica de Tui. É pois unha feliz oportunidade para realizar unha aproximación a historia deste edificio emblemático da nosa cidade. Un edificio creado para acoller as instalación do hospital e da casa de expósitos, ou inclusa. A historiografía ten abordado nas últimas décadas aspectos da historia social pouco atendidos tradicionalmente. O tema da marxinación social é un de

Unha nova entelequia: un Camiño Portugués de Nossa Senhora do Norte por Tomiño e Gondomar

Vivimos nun mundo mediático onde cada vez temos acceso a un maior abano de información de todo tipo, o que en principio resulta altamente positivo e enriquecedor pero paralelamente existe o evidente risco de carecer de elementos de discernimento e valorización para recoñecer o rigor e a falsidade, a veracidade e os falseamentos. Ven a conto esta obviedade para abordar unha breve reflexión sobre a noticia que en días pasados publicaron os medios de comunicación con este titular: Tras un año de investigación, la alcaldesa de Tomiño, Sandra González; el presidente de la Cámara Municipal de Vila Nova de Cerveira, Rui Teixeira, junto al alcalde de Gondomar, Francisco Ferreira, y la concejala de turismo de Redondela, María Castro; y el arquitecto e investigador Antonio Soliño, presentaron el «Camiño da Nosa Señora do Norte a Santiago», una variante del Camino de Santiago que pasa por el territorio que recogen ya los archivos históricos. No texto da noticia se afirma o seguinte: La invest

Un poema en galego de D. Basilio do ano 1957

A figura de D. Basilio, cóengo maxistral na catedral tudense e profesor durante varias décadas no Instituto San Paio, continua a ser lembrada por moitos tudenses pola súa erudición, especialmente no que atinxía á historia da nosa cidade como pola súa singular personalidade. Neste blog conmemoramos hai algúns anos o centenario do seu nacemento, o 14 de abril de 1911, ( https://tudensia.blogspot.com/2011/04/hoxe-centenario-do-nacemento-de-don.html ) reproducindo un breve artigo publicado no libro das festas de San Telmo dese mesmo ano  2011. Sinalabamos daquela que era unha persoa sumamente austera, todos o lembramos coa “teja” cubrindo a súa cabeza, a súa faciana morena, sempre vestindo unha raída sotana, fumando os “bisonte” sen boquilla que ofrecía a cantos a él se achegaban, a súa conversa sempre mesturada con referencias teolóxicas. Case todas as tardes, primeiro pedaleando na súa bicicleta, e anos máis tarde sobre a súa vella mobilette (algún día tivo de ser nova pero a miña le