Ir al contenido principal

Cen anos dos Mártires de Sobredo

 Este luns 28 de novembro cúmprense cen anos dos tráxicos sucesos de Sobredo – Guilarei, un loitoso fito na loita do movemento agrario que protagonizou a vida socio-política de Galicia nas primeiras décadas do pasado século.

En Tudensia temos abordado en diversas oportunidades a significación deste evento histórico e as súas repercusión na dinámicas sociais daquel momento:

Novembro 27, 2008

Os mártires de Sobredo, "froreceu unha rosa que agoira Libertade"

http://tudensia.blogspot.com/2008/11/os-mrtires-de-sobredo-froreceu-unha.html

Maio 09, 2012

Agrarios tudenses en "El Agrario" de Buenos Aires de 1923

http://tudensia.blogspot.com/2012/05/agrarios-tudenses-en-el-agrario-de.html

Novembro 18, 2013

Notas sobre o agrarismo tudense e os "Mártires de Sobredo"

http://tudensia.blogspot.com/2013/11/notas-sobre-o-agrarismo-tudense-e-os.html

Novembro 18, 2020

"Sobredo" un poema de Alfredo Guisado

http://tudensia.blogspot.com/2020/11/sobredo-un-poema-de-alfredo-guisado.html

Xullo 26, 2022

O centenario do Congreso Regional Agrario de Tui, 28-30 de xullo de 1922

http://tudensia.blogspot.com/2022/07/o-centenario-do-congreso-regional.html

Estes posts recollen unha información suficiente, nunca completa, para achegarse a estes sucesos e ao seu contexto histórico no que a nosa cidade e a súa contorna viña tendo un protagonismo determinante e que logo dos acontecementos do 28 de novembro e a morte Cándida Rodríguez -embarazada e veciña de Pazos de Reis-, Joaquín Estevez Besada, de Soutelo, e Venancio González Romero, que era presidente do "Sindicato de obreros y agricultores de Budiño", resulta notablemente incrementado.

Venancio González Romero

O movemento agrario impulsa unha ampla mobilización social que xorde das indignas condicións de vida do noso campo que manteñen á maioría da poboación en condicións de vida miserentas. Unhas penurias que obrigan a moitos a tomar o camiño da emigración, onde moitos logran progresar e adquirir unha conciencia socio-política que os leva a procurar un cambio nas condicións de vida da súa terra, onde residen familiares e amigos. O papel determinante do mundo emigrante xunto coa toma de conciencia social das clases desfavorecidas, especialmente o incipiente grupo de obreiros de serradoiros e outras industrias, son o berce para que xorda o agrarismo como unha forza transversal a prol da transformación do sistema de propiedade da terra que implique a superación da pobreza endémica e do  caciquismo que a sustenta.

O agrarismo é un movemento que abrangue a unha boa parte da sociedade e, por conseguinte, recolle diversas tendencias políticas, dende posturas de moderación, a socialistas, anarquistas, católicos, etc. Unha diversidade que converxe progresivamente dende a reclamación da redención dos foros á súa abolición.... nunha loita que chegará ata 1926 cando na Ditadura de Primo de Rivera e cun ministro tudense, José Calvo Sotelo, se promulgue a redención do sistema foral ata daquela imperante en Galicia.

Lembrar esta data, os nomes das vítimas, o protagonismo da sociedade tudense e galega naquela loita antiforal é un xeito de honrar a Cándida, Joaquín e Venancio, de recuperar a memoria local, de dignificar e significar a tantos e tantos agraristas anónimos que naquel tempo loitaron para mellorar as condicións de vida na nosa terra, promover a modernización do noso campo, acceder á educación... Unha loita e reivindicación asumida especialmente polos sectores menos favorecidos da sociedade tudense, os labregos e o escaso proletario industrial. Estes feitos son tamén parte do noso patrimonio colectivo, expresión da vontade dunha colectividade para construír o seu futuro. Resulta, por tanto, especialmente relevante que a lembranza dos “Mártires de Sobredo” se incorpore ao rueiro de Tui como testemuña de recoñecemento e de orgullo local.   

Tamén neste mércores 23 de novembro o Parlamento de Galicia, nunha iniciativa certamente singular pero de gran significación, aprobou por unanimidade unha declaración institucional ao abeiro do centenario dos sucesos de Sobredo  que polo seu interese reproducimos:

 

Declaración de recoñecemento ao agrarismo galego

Desde finais do século XIX e ata entrado o XX, a sociedade galega mergullouse nunha loita para reivindicar os dereitos da terra que traballaba. Este movemento, coñecido coa denominación de agrarismo, foi decisivo para os labregos e labregas da nosa comunidade e rematou coa redención dos foros vixentes desde a Idade Media. Ata ese momento, sucesos como o ocorrido hai cen anos en Sobredo (parroquia de Guillarei, Concello de Tui), nos que perderon a vida polos disparos da Garda Civil Cándida Rodríguez, Joaquín Besada e Venancio González, lémbrannos a importancia deste movemento no avance de Galicia.


A crueza da realidade diaria da poboación agraria, que representaba máis de tres cuartos do total da demografía galega, unido á profunda crise que vivía España, propiciaron a aparición dun pensamento crítico que reclamaba unha transformación integral do sistema vixente. En Galicia, este descontento xeral cristalizou nun movemento histórico, sen precedentes. Os labregos e as labregas comezaron a agruparse, pouco a pouco, unidos polas ansias de mellora nas condicións de vida e a eliminación das desigualdades existentes.

 
As sociedades labregas dinamizaron o rural e loitaron por reformular as regras de propiedade da terra e garantir dereitos básicos como a educación ou a sanidade. Tamén reclamaron melloras nos modos de traballo e a introdución de tecnoloxías que facilitasen as tarefas diarias. Os fitos desta loita tiveron repercusións dentro e fóra dos límites de Galicia ata a esperada aprobación, en 1926, do Real decreto lei de redención dos foros.


O Parlamento de Galicia recoñece o espírito solidario de todos os que loitaron a favor dos dereitos dos seus semellantes, coa vista posta na mellora da sociedade galega, e lembra as vítimas da represión contra este movemento, producidas en Campo da Porta (Salcedo, Pontevedra), Oseira (Cea), Nebra (Porto do Son), Terra de Trasancos, Sofán (Carballo) ou  Sobredo (Tui), e tantos outros lugares do territorio galego.


Santiago de Compostela, 23 de novembro de 2022

Imaxe do acto cívico conmemorativo deste centenario
celebrado o pasado 19 de novembro no Teatro Municipal de Tui


Comentarios

Entradas populares de este blog

Un poema en galego de D. Basilio do ano 1957

A figura de D. Basilio, cóengo maxistral na catedral tudense e profesor durante varias décadas no Instituto San Paio, continua a ser lembrada por moitos tudenses pola súa erudición, especialmente no que atinxía á historia da nosa cidade como pola súa singular personalidade. Neste blog conmemoramos hai algúns anos o centenario do seu nacemento, o 14 de abril de 1911, ( https://tudensia.blogspot.com/2011/04/hoxe-centenario-do-nacemento-de-don.html ) reproducindo un breve artigo publicado no libro das festas de San Telmo dese mesmo ano  2011. Sinalabamos daquela que era unha persoa sumamente austera, todos o lembramos coa “teja” cubrindo a súa cabeza, a súa faciana morena, sempre vestindo unha raída sotana, fumando os “bisonte” sen boquilla que ofrecía a cantos a él se achegaban, a súa conversa sempre mesturada con referencias teolóxicas. Case todas as tardes, primeiro pedaleando na súa bicicleta, e anos máis tarde sobre a súa vella mobilette (algún día tivo de ser nova pero a miña le

A fábrica de galletas "La Peninsular"

Temos sinalado neste blog en diversas oportunidades o descoñecemento que posuimos da historia contemporánea de Tui fronte a outros períodos históricos moito mais investigados que a nosa historia mais recente. Aspectos como a vida política tudense na primeira metade do século XX seguen esperando un achegamento como tamén os procesos e dinámicas socias desenvolvidos no noso territorio. Hoxe ofrecemos en Tudensia un post sobre a fábrica de galletas “La Penínsular” que abrangue case medio século da vida económica tudense. Achegamos a información ofrecida polo profesor de historia económica da Universidade de Santiago de Compostela, Angel Ignacio Fernández González, no seu blog “Galicia Agraria” nun documentado post sobre a industria de galletas en Galicia nos principios do século XX. Aportamos a rica e moi completa información que achega profesor Fernández algunha pequena referencia da nosa autoria colocadas como notas. http://galiciaagraria.blogspot.com.es/2012/03/gall

Emma Álvarez Besada a primeira tudense doutora en medicina

O legado dunha comunidade está conformado por un conxunto de bens materiais, que adoitamos denominar patrimonio, xunto cun amplo abano de elementos inmateriais que definen o seu carácter e a súa pervivencia no tempo. Entre estes bens intanxibles ou inmateriais ocupan un lugar non menor aquelas personalidades que ao longo do tempo teñen deixado unha pegada perdurable na memoria colectiva ou aquelas outras que, ás veces esquecidas ou non recoñecidas, expresan na súa traxectoria fitos senlleiros para a vida colectiva. Hoxe queremos recuperar dende Tudensia unha desas figuras olvidadas pero que no seu momento histórico tiveron unha pegada significativa na vida social e colectiva da nosa cidade e de alén dos seus termos xeográficos. As novas demandas sociais se expresan tamén na historiografía que investiga aos grupos sociais discriminados ou marxinados nos diferentes momentos do pasado. Retrato de Emma Álvarez Besada, foto da orla da Facultade de Medicina de Madrid, 1931 Unha revis