Ir al contenido principal

Os mártires de Sobredo, "froreceu unha rosa que agoira Libertade"


A vida tudense do século XX é ainda, por mágoa, prácticamente descoñecida para o gran público pola falta de estudos e investigacións sobre este período que, polas circunstancias históricas vividas ou sufridas posteriormente, pese a súa proximidade temporal é coma un valeiro mouro.

Unha das páxinas de meirande interese neste percorrido histórico do século XX o ten de ocupar o movemento agrarista, que nas primeiras décadas do século pasado, foi quen de movilizar de xeito inmensamente maioritario aos labregos de Galicia enteira.

É preciso lembrar que os nosos campesiños naquela altura non eran propietarios das terras que dende había séculos cultivaban senón que tiñan o dominio útil pero non a propiedade da terra, e estaban sometidos ao réxime foral que viña de época medieval e polo que tiñan a obriga de pagar unha renda periódica ao propietario. Tras o proceso desamortizador dos bens eclesiásticos boa parte destas rendas forais foron adquiridas, en pública subasta, polos elementos acomodados da sociedade (altos funcionarios, fidalgos, etc.) que seguían a esixir aos labregos o pago das correspondentes rendas, e de non facelo procedían á denuncia xudial solicitando o embargo dos bens do foreiro para facer fronte a débeda.

Esta nova “tropelía” sobre os campesiños provocou un proceso movilizador do campo en Galicia, o que chamamos movemento agrarista. Personaxes como Basilio Álvarez, o abade de Leiro, Amado Garra, Chinto Crespo... son a expresión deste movemento movilizador. Tui tivo un papel importante neste proceso, pois amáis de contar con sociedades de agricultores en todas as parroquias, en xullo de 1922 acolleu o Congreso Rexional Agrario no que acordouse fundar a Confederación Rexional de Agricultores Galegos baixo a presidencia de Basilio Álvarez. A este congreso asisten delegados de 133 entidades parroquias, das Federacións Provinciais Agrarias de Pontevedra e Ourense e de 7 federacións locais , en representación entre todos de case 60.000 labregos e acordaron, entre outras medidas, o boicot radical contra os embargos polo impago dos foros.

Neste intre de forza do movemento agrario a resposta ás accións xudiciais e gubernativas contra os foreiros morosos será moi efectiva. Asi ao pouco tempo é detida toda a directiva da sociedade de agricultores de Ribadelouro, polo que comeza unha folga xeral en todo o sur de Galicia, que en Tui coincide – aquí abrimos o debate sobre a unidade de acción entre obreiros, dirixidos pola CNT,e os agrarios- cunha folga xeral ao longo do mes de novembro, que provoca detencións de destacados sindicalistas ou a clausura de locais.

Neste ambiente de tensión se chega ao 27 de novembro de 1922, no que o xuíz e a Garda Civil preséntanse en Sobredo-Guillarei para lle embargar os bens a un dos veciños que non paga os foros, ao rendista tudense José Sarmiento. Unhas dúas mil persoas acuden en solidaridade co embargado e a Garda Civil disolve a manifestación a tiros. Cándida Rodríguez, de Pazos de Reis, Joaquín Estévez, de Guillarei, e Venancio González, dirixente agrario de San Esteban de Budiño, morren e outras sete persoas resultaron feridas e moitas detidas.

A movilización que se produce en toda Galicia é moi importante, tanto na rúa –con folgas e movilizacións en numerosos lugares- coma nos medios de comunicación, mesmo no Congreso do Deputados en Madrid abrese un debate por mor destes sucesos para rematar co sistema foral. Con todo haberá que esperar ainda a 1926, co goberno de Primo de Rivera, para que chegue a ten reclamada e agarda lei de redencion dos foros, adquirindo deste xeito os campesiños a plena propiedade das terras que viñan cultivando dende había séculos.

Os feitos tiveron moita sona e chegaron ao parlamento, abrindo o debate do conflicto agrario e a redención dos foros. A definitiva lei que lles permitiu ás persoas labregas seren donas das súas terras, mediante pago dunha indemninación, chegou no ano 1926.

O 29 de novembro de 1931, o escultor Camilo Nogueira puña a primeira pedra do que ía ser o monumento aos martires de Sobredo. Aquel día, unha multitude composta por todos os grupos agrarios da provincia de Pontevedra non querían esquecer que a morte de tres persoas abriu o camiño para a redención dos foros. Inaugurado nos tempos da II república foi dinamitado polos sublevados franquistas e finalmente recuperado o 27 de novembro de 1988. Todos os anos o último domingo de novembrio hai unha homenaxe popular en lembranza da loita agraria e dos mártires de Sobredo.

O egrexio poeta Ramón Cabanillas inclui na segunda edición do seu poemario “Da terra asoballada” un poema dedicado aos mártires agrarios de Sobredo que reproducimos:

SOBREDO

¡Galicia encadeada con ferros de Castela
por fillos treizaoeiros e por caciques-lobos,
no teu ceo azuado hai unha nova estrela!
¡ardente e sanguiñenta, agoira os tempos novos!

¡Irmáns¡ ¡Erguede o berro
de amor e santidade!
¡Galicia e libertade
do traballo e do Chan!

Son verbas de Dios mesmo
de Dios Todopotente.
¡Co suor da túa frente
gañaras o teu pan!

¡Nai galega que diche a sangue xenerosa
para calmar a sede rabioa da impiedade,
nos agros de Sobredo frorecéu unha rosa!
¡Ardente e sanguiñenta, agoira Libertade!

Son verbas de Dios mesmo,
de Dios Todopotente.
¡Coa suor da túa frente
gañaras o teu pan!

¡Irmáns! Erguede o berro
e o legón aferrade!
¡Galicia e Libertade
do Traballo e do Chan!

(Da terra asoballada, 1926)

Comentarios

Entradas populares de este blog

Un poema en galego de D. Basilio do ano 1957

A figura de D. Basilio, cóengo maxistral na catedral tudense e profesor durante varias décadas no Instituto San Paio, continua a ser lembrada por moitos tudenses pola súa erudición, especialmente no que atinxía á historia da nosa cidade como pola súa singular personalidade. Neste blog conmemoramos hai algúns anos o centenario do seu nacemento, o 14 de abril de 1911, ( https://tudensia.blogspot.com/2011/04/hoxe-centenario-do-nacemento-de-don.html ) reproducindo un breve artigo publicado no libro das festas de San Telmo dese mesmo ano  2011. Sinalabamos daquela que era unha persoa sumamente austera, todos o lembramos coa “teja” cubrindo a súa cabeza, a súa faciana morena, sempre vestindo unha raída sotana, fumando os “bisonte” sen boquilla que ofrecía a cantos a él se achegaban, a súa conversa sempre mesturada con referencias teolóxicas. Case todas as tardes, primeiro pedaleando na súa bicicleta, e anos máis tarde sobre a súa vella mobilette (algún día tivo de ser nova pero a miña le

A fábrica de galletas "La Peninsular"

Temos sinalado neste blog en diversas oportunidades o descoñecemento que posuimos da historia contemporánea de Tui fronte a outros períodos históricos moito mais investigados que a nosa historia mais recente. Aspectos como a vida política tudense na primeira metade do século XX seguen esperando un achegamento como tamén os procesos e dinámicas socias desenvolvidos no noso territorio. Hoxe ofrecemos en Tudensia un post sobre a fábrica de galletas “La Penínsular” que abrangue case medio século da vida económica tudense. Achegamos a información ofrecida polo profesor de historia económica da Universidade de Santiago de Compostela, Angel Ignacio Fernández González, no seu blog “Galicia Agraria” nun documentado post sobre a industria de galletas en Galicia nos principios do século XX. Aportamos a rica e moi completa información que achega profesor Fernández algunha pequena referencia da nosa autoria colocadas como notas. http://galiciaagraria.blogspot.com.es/2012/03/gall

Emma Álvarez Besada a primeira tudense doutora en medicina

O legado dunha comunidade está conformado por un conxunto de bens materiais, que adoitamos denominar patrimonio, xunto cun amplo abano de elementos inmateriais que definen o seu carácter e a súa pervivencia no tempo. Entre estes bens intanxibles ou inmateriais ocupan un lugar non menor aquelas personalidades que ao longo do tempo teñen deixado unha pegada perdurable na memoria colectiva ou aquelas outras que, ás veces esquecidas ou non recoñecidas, expresan na súa traxectoria fitos senlleiros para a vida colectiva. Hoxe queremos recuperar dende Tudensia unha desas figuras olvidadas pero que no seu momento histórico tiveron unha pegada significativa na vida social e colectiva da nosa cidade e de alén dos seus termos xeográficos. As novas demandas sociais se expresan tamén na historiografía que investiga aos grupos sociais discriminados ou marxinados nos diferentes momentos do pasado. Retrato de Emma Álvarez Besada, foto da orla da Facultade de Medicina de Madrid, 1931 Unha revis