Ir al contenido principal

"Sobredo" un poema de Alfredo Guisado

A historia contemporánea da cidade de Tui e a súa contorna segue aínda escasamente coñecida pola veciñanza tudense. Un dos episodios máis notables, nas primeiras décadas do século XX, foi a importante mobilización dos labregos de Galicia reclamando o fin do sistema foral, polo cal estaban obrigados a inmensa maioría dos nosos campesiños ao pago dunha renda anual polo dominio útil da terra aos titulares da mesma; dende os procesos desamortizadores os eclesiásticos foron substituídos polos rendistas, fidalgos e burgueses que compraran estes títulos forais. Unha mobilización que tivo un dos seus fitos o 28 de novembro de 1922 cando no decurso dunha manifestación contra un embargo polo impago de rendas forais, tres persoas resultaron mortas polos disparos da Garda Civil en Sobredo - Guillarei.

Monumento aos mártires de Sobredo, 1932

Xa en Tudensia nos temos ocupado hai algún tempo desta temática; nos remitimos a aquel post aos interesados en afondar ao respecto: http://tudensia.blogspot.com/2013/11/notas-sobre-o-agrarismo-tudense-e-os.html

Dende os inicios do movemento agrarista Tui tivo un papel importante neste proceso, pois amais de contar con sociedades de agricultores en todas as parroquias, posúe a capacidade organizativa para acoller, en xullo de 1922, o Congreso Rexional Agrario no que acordouse fundar a Confederación Rexional de Agricultores Galegos baixo a presidencia de Basilio Álvarez. A este congreso asisten delegados de 133 entidades parroquiais, das Federacións Provinciais Agrarias de Pontevedra e Ourense e de 7 federacións locais, en representación entre todos de case 60.000 labregos.

Neste intre de fortaleza do movemento agrario a resposta foron as accións xudiciais e gubernativas contra os labregos-foreiros morosos, que non pagaban as súas rendas anuais en prazo. Pouco tempo despois é detida toda a directiva da sociedade de Ribadelouro, polo que comeza unha folga xeral en todo o sur de Galicia, que en Tui coincide – aquí abrimos o debate sobre a unidade de acción entre obreiros, agora xa dirixidos pola CNT que será o principal sindicato tudense ata a Guerra Civil,e os agrarios- cunha folga xeral ao longo do mes de novembro, que provoca detencións de destacados sindicalistas ou a clausura de locais societarios.

Neste ambiente de tensión se chega ao 28 de novembro de 1922, no que o xuíz e a Garda Civil preséntanse en Sobredo-Guillarei para lle embargar os bens a un dos veciños que non paga os foros ao rendista tudense José Sarmiento, representante do ordoñismo e que mesmo fora Alcalde de Tui. Unhas dúas mil persoas acoden en solidaridade co embargado e a Garda Civil disolve a manifestación a tiros. Cándida Rodríguez, de Pazos de Reis, Joaquín Estévez, de Soutelo, e Venancio González, de San Estevo de Budiño, morren e outras sete persoas resultaron feridas e moitas detidas.

Venancio González Romero, dirixente agrario de
San Estevo de Budiño, un dos mártires de Sobredo

A mobilización que se produce en toda Galicia é moi importante, mesmo no Congreso do Deputados en Madrid ábrese un debate por mor destes tráxicos sucesos, nun momento en que era Ministro do Interior o deputado polo distrito tudense, Mariano Ordoñez. Pero esta folga significou tamén un aumento da represión sobre obreiros e labregos: se clausuran locais, a detención de moitos dos seus dirixentes, entre eles un dos protagonistas dos acontecementos que é desterrado: Severino Estevez, un emigrante de Guillarei forxado no sindicalismo portuario de Buenos Aires e de orientación anarquista que, tras o seu retorno, impulsou o movemento asociativo. Pero esta represión non logra rematar coa conflitividade no campo que non finalizará ata a completa redención (que non abolición) dos foros, iniciada na Ditadura de Primo de Rivera.

A repercusión dos sucesos de Sobredo na opinión pública foi de grande alcance ao igual que as mobilizacións que provoca. Na prensa se recollen numerosos artigos e escritos arredor do “mártires de Sobredo” con iniciativas que estarán acesas moitos meses despois evidenciando o impacto que estas mortes tiveron na opinión pública e en todo o movemento agrario e sindicalista.

Achegamos hoxe un poema publicado no decenario agrarista de Ponteareas, e auténtico voceiro do movemento asociativo agrario, “El Tea” que dirixía o avogado ponteareán Amado Garra Castellanzuelo, a quen están dedicados estes versos, publicados nun número especial do xornal de 1 de abril de 1923 que recolle a homenaxe realizada a Amado Garra. O autor é o poeta luso-galaico Alfredo Pedro Guisado e o titulo do poema: Sobredo.

Alfredo Guisado naceu na Santa Justa lisboeta un 30 de outubro de 1891, fillo dun emigrante de Pías (Ponteareas), Venancio Guisado, casado con Benedicta Abril, de Mondariz; o seu pai e tío fundaron na Praza da Figueira no Rossio o restaurante “Os Irmaos Unidos”, que logo rexerá Venancio Guisado, converténdose nun dos locais habituais das novas xeracións de intelectuais e artistas.


Alfredo Pedro Guisado inicia moi novo a súa actividade poética, publicando en 1913 o seu primeiro libro, “Rimas da noite e da tristeza” que recolle os seus versos de anos anteriores, moitos deles publicados en “El Tea”. Portugal vivía neste anos o nacemento do novo réxime republicano, instaurado no ano 1910, e Alfredo Guisado formará parte, xa dende os seus tempos de estudante de Liceo, do Partido Republicano Portugués e na década dos 20 acadou diversos postos de relevancia política: vereador da Cámara Municipal de Lisboa, vice-presidente da mesma, gobernador civil substituto de Lisboa, Presidente do Consello Xeral de Xuntas de Freguesías de Lisboa e da Federación das Xuntas de Freguesías de Portugal e finalmente no ano 1925 foi elixido Deputado da Asemblea da República. O golpe militar do ano seguinte cortou a súa carreira política e levou a Alfredo Guisado á oposición ao novo réxime salazarista, sempre dentro do estreito marxe que deixaba o marco legal. Foi durante moitos anos director adxunto do diario “A República”, único xornal que ficará como voceiro das correntes republicano-liberais na prensa portuguesa, mantendo unha irreprochable traxectoria de defensa dos ideais democráticos. Inda que acadou a titulación en Dereito, nunca exerceu a non ser a título gratuíto. Morre un 30 de novembro de 1975 e a prensa lisboeta, ocupada no remuíño informativo daqueles tempos non dan sequera a noticia.

Notable poeta Alfredo Guisado, ou Pedro de Meneses como asina boa parte das súas obras, é un dos principais renovadores da lírica portuguesa contemporánea. Foi un dos impulsores xunto a Fernando Pessoa, Marío de Sá Carneiro ou José Almada Negreiros da revista “Orpheu” –ideada segundo moitos no restaurante do seu pai- que marca o inicio dunha nova época na historia de poesía portuguesa, achegándolle os aires das novas vangardas europeas. Compre destacar a estreita vinculación de Guisado e Pessoa, sendo no primeiro evidente a influencia do “paulismo” pessoano nalgunha das súas obras, especialmente, “Ánfora” (1918) recoñecida polos críticos como a súa mellor publicación. Anteriormente tiña editado “Rimas da Noite e da Tristeza” (1913), “Distancia” (1914), “As Treze Baladas das Maos Frias” (1916) e “Máis Alto” (1918). Publica posteriormente “A Lenda do Rei Boneco” (1920) e “As cinco chagas de Cristo” (1927).

No ano 1921 edita “Xente d’aldea”, escrito en lingua galega e que conta na portada cunha ilustración do seu amigo Alfonso Daniel Rodríguez Castelao. Neste libro evoca Alfredo Guisado as súas vivencias de nenez en terras de Pías. Pero a relación de Alfredo Guisado coas terras de Ponteareas ten tamén outra dimensión. Foi un afervoado agrarista colaborando con este movemento socio-político en numerosas oportunidades. Foi presidente da Sociedade de Agricultores de Pías, cando se funda, en 1917, a Cooperativa Agrícola de Ponteareas foi nomeado inspector da mesma, xa anos antes fora en Lisboa impulsor e primeiro presidente da “Unión Agraria”. A miúdo as páxinas do decenario agrarista ponteareán “El Tea” recollen as súas palabras e discursos en actos políticos na capital lisboeta, dende a que se desprazaba con asiduidade ata as terras de Pías e a súa "Casa das Camelias".

Para saber máis sobre Guisado os interesados poden consultar o artigo titulado “Alfredo Pedro “Guisado (1891-1975), un poeta portugués de Pías (Ponteareas)” que publiquei en A Trabe de ouro: publicación galega de pensamento crítico, Nº. 80, 2009, págs. 109-127.

O poema que agora reproducimos combina a habelencia poética de Guisado co seu compromiso co movemento agrario e o recoñecemento aos Mártires de Sobredo que testemuñan o compromiso de Galicia e as súas xentes a prol do progreso: pro Sol nacer, aparece todo de sangue o nacente.


¡Sobredo!”

A D. Amado Garra.

I

Galicia, a Santa das frores,

Das fontes, das romarías,

Dos namorados pastores

Que cantan nas noites frías

As tristezas dos amores.

 

Galicia, a sempre esquecida,

Que mans alleas prenderon,

Que inda vive adormecida

Na torre donde a meteron

Os que lle rouban a vida.

 

Galicia, a Santa a quen reza

Meu corazón, libertade,

Pra que en miña Alma pareza

Hirmán da miña Tristeza,

Triste nay desta Soedade.

 

A Soedade é filla d’ela.

Deulle beixos, deulle abrazos.

Quixo levarlla Castela,

Tuvo medo de perdela

Defendeuna nos seus brazos.

 

Foi a unica riqueza

Que lle deixaron quedar,

Cando un dia o despertar,

Deixa de ser a Tristeza

Pra ser a Alma a cantar.

 

II

Sinto que Galicia chora.

¿Que ten ela, que lle pasa,

Que lle fixeron agora?

¡Galica, a nosa Señora

Do altar da miña Raza!

 

Y-eu sinto de monte en monte,

Boca en boca, alto, sin medo,

Na sombra do arboledo,

No triste soñar da fonte,

O mismo berro: - ¡Sobredo!

 

E un berro que dá vida

Porque nos fala de morte,

Un berro qu’ é fouce erguida,

Que deixa Galicia forte,

Vencedora e non vencida.

 

Que todos veñan serenos,

Boa estrela vay guiar,

No eido quedan os nenos

Y-o mismo así os pequenos

Pr’a victoria han de rezar.

 

Todos xuntos, frente a frente.

Chegou a hora. Amañece.

Porque -sabedeo tod’a xente –

Pr’o Sol nacer, aparece

Todo de sangue o nacente.

 

ALFREDO PEDRO GUISADO

(El Tea, 1/04/1923)


Estes versos de Alfredo Guisado serven para lembrar de novo esta efeméride que tinguiu a Tui de sangue e espanto, pero tamén a determinación de que o movemento impulsado polo agrarismo, cun enorme apoio social, era xa irrefrenable. Hoxe o monumento de Camilo Nogueira (inaugurado no ano 1932 e reconstruído no 1988 cos restos conservados logo da súa destrución con dinamita en 1936) é un memorial daquelas vítimas e do asociacionismo agrario, que anualmente lembra o Instituto de Estudios Agrarios “Mártires de Sobredo”.

Comentarios

Entradas populares de este blog

Un poema en galego de D. Basilio do ano 1957

A figura de D. Basilio, cóengo maxistral na catedral tudense e profesor durante varias décadas no Instituto San Paio, continua a ser lembrada por moitos tudenses pola súa erudición, especialmente no que atinxía á historia da nosa cidade como pola súa singular personalidade. Neste blog conmemoramos hai algúns anos o centenario do seu nacemento, o 14 de abril de 1911, ( https://tudensia.blogspot.com/2011/04/hoxe-centenario-do-nacemento-de-don.html ) reproducindo un breve artigo publicado no libro das festas de San Telmo dese mesmo ano  2011. Sinalabamos daquela que era unha persoa sumamente austera, todos o lembramos coa “teja” cubrindo a súa cabeza, a súa faciana morena, sempre vestindo unha raída sotana, fumando os “bisonte” sen boquilla que ofrecía a cantos a él se achegaban, a súa conversa sempre mesturada con referencias teolóxicas. Case todas as tardes, primeiro pedaleando na súa bicicleta, e anos máis tarde sobre a súa vella mobilette (algún día tivo de ser nova pero a miña le

A fábrica de galletas "La Peninsular"

Temos sinalado neste blog en diversas oportunidades o descoñecemento que posuimos da historia contemporánea de Tui fronte a outros períodos históricos moito mais investigados que a nosa historia mais recente. Aspectos como a vida política tudense na primeira metade do século XX seguen esperando un achegamento como tamén os procesos e dinámicas socias desenvolvidos no noso territorio. Hoxe ofrecemos en Tudensia un post sobre a fábrica de galletas “La Penínsular” que abrangue case medio século da vida económica tudense. Achegamos a información ofrecida polo profesor de historia económica da Universidade de Santiago de Compostela, Angel Ignacio Fernández González, no seu blog “Galicia Agraria” nun documentado post sobre a industria de galletas en Galicia nos principios do século XX. Aportamos a rica e moi completa información que achega profesor Fernández algunha pequena referencia da nosa autoria colocadas como notas. http://galiciaagraria.blogspot.com.es/2012/03/gall

Emma Álvarez Besada a primeira tudense doutora en medicina

O legado dunha comunidade está conformado por un conxunto de bens materiais, que adoitamos denominar patrimonio, xunto cun amplo abano de elementos inmateriais que definen o seu carácter e a súa pervivencia no tempo. Entre estes bens intanxibles ou inmateriais ocupan un lugar non menor aquelas personalidades que ao longo do tempo teñen deixado unha pegada perdurable na memoria colectiva ou aquelas outras que, ás veces esquecidas ou non recoñecidas, expresan na súa traxectoria fitos senlleiros para a vida colectiva. Hoxe queremos recuperar dende Tudensia unha desas figuras olvidadas pero que no seu momento histórico tiveron unha pegada significativa na vida social e colectiva da nosa cidade e de alén dos seus termos xeográficos. As novas demandas sociais se expresan tamén na historiografía que investiga aos grupos sociais discriminados ou marxinados nos diferentes momentos do pasado. Retrato de Emma Álvarez Besada, foto da orla da Facultade de Medicina de Madrid, 1931 Unha revis