O vindeiro domingo, 22 de novembro, terá lugar unha nova homenaxe aos "Mártires de Sobredo" diante do monumento de Camilo Nogueira na parroquia de Guillarei. Este aniversario é unha boa oportunidade para rememorar este importante episodio da nosa historia contemporánea.
Achegamos un interesante video sobre estes feitos e unhas reflexións históricas sobre o proceso antiforal en Tui.
O movemento agrarista
en Galicia artéllase na última década do século XIX e nos primeiros anos do XX
para eliminar os foros e modernizar o noso sector agrario mellorando as
condicións de vida dos nosos labregos. No Baixo Miño comezaron axiña a
formación de sociedades agrarias: a de Salceda, constituída en 1897, do Porriño
en 1900 e de Guillarei en 1901, presidida polo canteiro Ramón Castiñeira,
integrante das primeiras sociedades obreiras tudenses. Esta relación entre
obreiros e labregos será unha constante no caso tudense dende este primeiros
momentos, e así os canteiros Marcelino Tajes e Manuel Alfaya participan nas sociedades
de Areas e Randufe respectivamente. Moitas das sociedades se denominarán de “obreiros
agrícola” e non exclusivamente “de agricultores”. No ano 1904 xa estaba
constituída a Unión General Agrícola, con residencia na parroquia de Areas, e
que agrupaba ás sociedades tudenses e que busca a relación co movemento obreiro
local. No ano anterior nas eleccións municipais entraran no Concello o avogado
e redactor de “La Integridad” Emilio Sías, apoiado pola Sociedade de Obreiros
Agrícolas de Pazos de Reis, e o tendeiro Manuel Chagüen, primeiro presidente da
Sociedade de Obreiros Agrícolas de Randufe.
A forza deste novo
movemento societario amósase no ano 1905 cando a unha pretensión de novos
impostos municipais, as vendedoras agrícolas abandoan a cidade, os obreiros
solidarízanse e mesmo por iniciativa da recen creada Cámara de Comercio os
comercios pechan. O conflicto xurdido espontaneamente dura varias semanas, ata
a retirada do acordo municipal. Aínda que neste episodio se dilucidábase tamén
un enfrontamento entre dous grupos de poder local: o integrista, relacionado
coa diocese e articulado arredor do xornal “La Integridad” e a Cámara de
Comercio e os representantes/testaferros do deputado conservador, Ordoñez.
Un novo conflito
agroma en 1909 pola aplicación do ordenanza municipal sobre o descanso
dominical, cando en Tui se celebraba esa xornada un mercado tradicional, que
tivo un seguimento masivo por agricultores e comerciantes que logran unha
resolución do Tribunal Supremo en 1910 confirmando esta apertura nos domingos.
O proceso antiforal que reclamaba a desaparición
dos foros, non solicitaba na altura de 1910 a abolición dos mesmo senón a súa
redención (ou sexa pagar por adquirir a propiedade plena da terra e non o uso
que ata agora mantiñan de tempo inmemorial os campesiños e que obrigaba ao pago
dunha renda), pero nin esa opción foi abordada polos lexisladores. Por outra
banda, a vida política evidenciaba a incapacidade do sistema da Restauración,
pivotado a través do sistema caciquil, para impulsar unha democratización, Así
os grupos agrarios son empurrados a un achegamento aos grupos políticos da
esquerda antidinástica.
No curso do IV
Congreso Provincial Agrario de Ponteareas en 1919, que
preside o avogado ponteareán Amado Garra, director do decenario
agrarista “El Tea”, participan ata 116 organizacións pero os abolicionistas non
puideron impoñer o seu criterio aínda que a forza dos acontecementos conduce irremisiblemente
cara este criterio. E así a Unión Agraria Provincial, redencionista e ata agora
maioritaria no agrarismo, perderá a súa primacía fronte a Federación Provincial
Agraria, que impulsada polos socialistas, incorpora á maioría das entidades
agrarias xa en 1920.
Sinala o historiador
Henrique Hervés “Así pues, el movimiento abolicionista hizo complementarias dos
realidades aparentemente contradictorias. En primer término distinguimos este
entremado organizativo moderno que trata de orientar/manipular política y
electoralmente a una parte significativa de la población campesina que organiza
mitines, demostraciones, boicots generales y huelgas agrarias (bloqueo del
suministro de productos agrícolas a ciudades y villas) y que cuenta con órganos
de prensa propios [no caso tudense co xornal “Vida Agraria”]. Bajo esto,
topamos con manifestaciones conflictuales tenidas como tradicionales, los
llamados crímenes agrarios (derribo de emparrados y cercas, incendios de cultivos
y arbolados, mutilaciones del ganado) y con la importancia de sanciones
comunitarias basadas en la fuerza de los lazos comunitarios que nacen de la
solidaridad entre los pagadores de cada foro y de la conservación de derechos
colectivos sobre los montes, el agua de riego y la gestión de caminos y accesos
(…) La considerable difusión geográfica y continuidad del “non pagar” no se
puede explicar unicamente en función de las resistencias campesinas o de los
lazos comunitarios, pero éstos si son el fundamento de su eficiencia ante las
actuaciones judiciales.”
Unha negativa a pagar
acordada no Congreso Rexional Agrario de Tui, celebrado do 28 ao 30 de xuño de
1922, no que se acordou tamén fundar a Confederación Rexional de Agricultores
Galegos baixo a presidencia de Basilio Álvarez. O impago das rendas levaba aos
propietarios da terra (do seu dominio directo) a presentar una demanda xudicial
por este incumprimento; pero os labregos procuran todo tipo de artimañas para
dificultar os procesos e a súa execución. Por tanto algúns propietarios deciden
recorrer á autoridade gobernativa para forzar a execución das decisión xudiciais.
Os gobernos conservadores dos primeiros anos vinte onde persoeiros galegos como
Gabino Bugallal, deputado por Ponteareas, ou Mariano Ordoñez, deputado polo
distrito tudense, con intereses rendistas, impulsaban a intervención da forza
pública.
“A tensión da loita
antiforal, sinala Cabo Villaverde, provocaba infinitos incidentes e chegou a
súa máxima expresión nos sucesos de Guillarei”. Fronte a radicalización agraria
a resposta é a represión por parte das autoridades, nun momento en que estaban
suspendidas as garantías constitucionais en España. A denuncia por supostas
coaccións da Sociedade de Agricultores de Ribadelouro (fundada en 1904) a un
estanqueiro local para que non despachase aos non socios provoca a detención da
directiva agraria convocándose, de seguido, unha folga xeral a principios de
novembro de 1922 primeiro en Tui e logo na provincia de Pontevedra, ao tempo
aumentaban as detencións de agrarios e a clausura de sociedades e os incidentes
nos mercados. O día 26 o Goberno Civil procede á clausura de nove sociedades
agrarias tudenses, e once en Pontevedra, incluída a Federación Agraria
Provincial. O anuncio dun embargo nunha propiedade do rendista tudense José Sarmiento
Ozores en Sobredo – Guillarei coa intervención da forza pública acaba con tres campesiños
mortos, varios feridos e unha alta crispación social.
No caso de Tui, como
apunta Bieito Alonso, “unha análise detida dos acontecementos amosa unha
actuación conxunta de obreiros e labregos, radicalizada na súa expresión
pública, baixo a dirección dun comité de folga (…) en todo caso esta
connivencia non era un fenómeno novo e para demostralo basta ollar a presencia
dun líder respetado da Federación Obreira, Marcelino Tajes, como presidente da “Unión
General Agraria” de Areas, nese mesmo ano, alén de moitos cadros relevantes do
obreirismo participaren periodicamente nas reunión das sociedades agrarias.
Por tanto, para cando
se definiu a folga agraria a primeiros de novembro o grao de sintonía entre o “Sindicato
General de Trabajadores”, afiliado á CNT [sindicato anarquista de alongada
tradición en Tui e principal protagonista do obreirismo tudense], e a
Federación Municipal Agraria debía de ser moi elevado. Os obreiros de Tui
permaneceron nunha folga de solidariedade, practicamente total, desde o 11 ao
26 de novembro e a súa participación na campaña axitativa, a través do Comité
unitario de folga, resultou fundamental para a extensión do conflito a sectores
básicos como eran, por exemplo, o transporte de mercadorías”.
Cándida Rodríguez,
veciña da parroquia de Pazos de Reis, Joaquín Estévez Besada, veciño de Soutelo
do concello de Salceda de Caselas e Venancio González Romero, dirixente agrario
de San Esteban de Budiño foron as tres persoas falecidas polo disparos da Garda
Civil, xunto a outras sete que resultaron feridas de bala, cando a forza
pública disolveu a balazos a concentración de máis de dúas mil persoas que
acudiran, convocadas a golpe de badaladas e de foguetes, dende diversas
parroquias de toda a bisbarra, en solidariedade cun veciño de Sobredo, a quen
coa presenza do xuíz e a Garda Civil lle pretendían embargar os bens por
negarse a pagar o foro ao rendista tudense José Sarmiento.
A conmoción por este
sucesos alcanzou mesmo ao Parlamento en Madrid e removeu a conciencia e a
vontade de moitos sectores sociais e políticos de Galicia. A presenza de novos
gobernos liberais en 1922, con personalidades galegas comprometidas nesta
materia como Manuel Portela Valladares, rebaixou o nivel de enfrontamento e os
recursos á forza pública no conflicto. O golpe de Estado de Primo de Rivera, en
1923, coa súa mensaxe rexeneracionista suscitou o apoio, ás veces entusiasta,
dos agrarios galegos, que son incorporados polo novo réxime como concelleiros
en numerosos concellos . No caso tudense a elección de Benito Pérez Álvarez ou
a presenza como concelleiro de Enrique Jaso testemuña este apoio dos sectores
anticaciquís ao novo réxime de Primo de Rivera; colaboración que non se
prolongaría no tempo.
O goberno de Primo de
Rivera (onde participaba o tudense Calvo Sotelo que coñecía ben o tema e que
tiña realizado numerosas intervencións públicas de carácter antiforal e
anticaciquil) tenta resolver o conflicto foral e, ao tempo, desmontar o sistema
da Restauración e promove acordos entre os labregos e os rendistas para acordar
a redención dos foros. O primeiro destes acordos foi adoptado en Tui, xusto ao
ano dos incidentes de Sobredo. Logo dunha negociación entre a Federación
Agraria do Partido Xudicial de Tui, o máis activo e nutrido grupo abolicionista
(36 sociedades e mais de 4000 socios) e a Sociedad de Foristas tudense coa
mediación do delegado gobernativo Vicente Lafuenta. A formula excesivamente
burocrática non chegou a funcionar axeitadamente pois o goberno non se liberaba
por completo dunha mentalidade rendista, cuxos dereitos amparaba. A redención
forzosa aínda se retrasara ata o Decreto
Ley de 1926, que suscitaba suspicacias entre os dirixentes agrarios, como foi o
presidente da federación tudense Generoso Lagarejos ao obrigar ao endebedamento
dos labregos para o pago das compensacións establecidas aos propietarios das
rendas.
Con todo chégase a
unha solución de compromiso entre foristas e pagadores, comezando de novo por
Tui, pois segundo recolle Hervés no seu estudo non se normalizara o pago das
rendas a pesares do acordo de 1923. “El acuerdo firmado en Tui en noviembre de
1926 establecía unos precios de capitalización –los llamados precios de Tui-
que sería el modelo para los concertados con posterioridad (Tomiño, Salceda de
Caselas, O Rosal, A Guarda, Ponteareas, Salvaterra de Miño) y reducía el número
de anualidades atrasadas pagables a un máximo de dos años. No obstante, nos encontramos ante un ‘mero
convenio entre las partes, libremente concertado’ cuyo cumplimiento solo obligaba
a los participantes, mientras que aquellos señoríos que no estamparon su firma
, caso de los notables dominios de los Marquina en Tui y Salvaterra de Miño o
de los Bárcena en Ponteareas, intentan agotar la agonía del foro hasta la II
República (…) Asi el comandante Miguel Cuervo, casado con Josefa Pita Marquina,
a comienzos de 1927 es denunciado por recurrir a su graduación para conseguir
la ejecución de sentencias forales y proceder a los embargos con ayuda de la
Guardia Civil”. Actitude censurada tanto polas sociedades agrarias como polo
propio gobernador civil.
Con todo será en torno
ao ano 1927 cando a maioría dos foros tudenses desaparezan pasando os labregos
á conseguir á plena propiedade da súa terra, converténdose –moitas veces
gracias aos cartos procedentes da emigración- de foreiro en pequeno propietario
cultivador. Como síntoma, nese ano o que fora alcalde tudense e deputado provincial,
aliñado de sempre cos Ordoñez, José Sarmiento Ozores –propietario da renda que
dera lugar aos sucesos de Sobredo-, enaxenou todas as súas fincas e rendas no municipio
tudense.
Mais información neste mesmo blog no seguinte post: "Os martires de Sobredo: froreceu unha rosa que agoira libertade" (www.tudensia.blogspot.com.es/2008/11/os-mrtires-de-sobredo-froreceu-unha.html).
Mais información neste mesmo blog no seguinte post: "Os martires de Sobredo: froreceu unha rosa que agoira libertade" (www.tudensia.blogspot.com.es/2008/11/os-mrtires-de-sobredo-froreceu-unha.html).
Bibliografía:
Alonso Fernández,
Bieito: “Obreirismo en Tui, 1900-1936” en Os
Conquitadores modernos: movemento obreiro na Galicia de anteguerra. Vigo,
1992, pp. 67-82.
Cabo Villaverde,
Manuel: O agrarismo. Vigo, 1998.
Hervés Sayar,
Henrique: “A propósito del conflicto antiforal en la Galicia en el primer
tercio del siglo XX. Asociacionismo agrario y resistencias campesinas” en Areas. Revista
Internacional de Ciencias Sociales, Universidad de Murcia, nº 15 (1993).
Comentarios
Publicar un comentario