Ir al contenido principal

Remexendo nas augas do acueduto do Pontillón

No pasado ano o Balneario de Caldelas organizou unha excelente exposición cunha escolma da súa colección de fotografías antigas, titulada “A nosa auga, a nosa terra, a nosa xente”. Entre as fotografía que puidemos contemplar nesta exposición figuraban diversas imaxes de interese relacionadas co acueduto do Pontillón e os muíños do curso do río Caselas, de alto valor etnográfico, e que acreditan a importancia destes elementos do patrimonio cultural da nosa comarca. Resulta evidente, por conseguinte, o valor histórico desta construción que os veciños do curso do Caselasviñas usando tradicionalmente.


Os lectores de Tudensia han lembrar como foi neste blog onde en agosto do ano 2020 dimos a voz de alarma ante o derrube do acueduto existente nese lugar sobre o río Caselas realizado no decursos dunhas obras promovidas pola Confederación Hidrográfica Miño – Sil. (http://tudensia.blogspot.com/2020/08/derrubado-o-acueduto-do-pontillon-en.html).

A intervención do Concello de Tui non foi quen de evitar esta desfeita agás recoller os restos do derrube para ser depositados en dependencias municipais á espera dunha posible restauración deste acueduto. Tampouco as protestas veciñais lograron nin paralizar as obras esnaquizadoras nin unha solución a esta desfeita.

Xa daquela sinalabamos: Sexa como for, resulta incomprensible a insensibilidade da Confederación Hidrográfica que non respecta estes elementos que forman parte do noso patrimonio etnográfico á hora de redactar o proxecto de intervención, onde valora os elementos de patrimonio natural (vexetación, fauna, etc.) pero omite, esperemos que non deliberadamente senón por desafección ou descoñecemento, a conservación dos valores do patrimonio cultural de carácter popular ou antropolóxico. Ver: http://tudensia.blogspot.com/2020/08/derrubado-o-acueduto-do-pontillon-en.htm


Logo de dezaoito meses a demanda de reposición deste ben do noso patrimonio cultural ficou enredada nunha maraña de resolucións administrativas que fixo agromar diversos erros de tramitación administrativa e as deficiencias da planificación urbanística e da protección patrimonial. Un proceso, impulsado polo movemento asociativo da Caldelas, no que teñen intervido as administracións municipais ou a Xunta de Galicia, pero no que non consta, ao menos nos medios de comunicación, unha resposta da entidade responsable deste derrube que é a Confederación Hidrográfica.

Cómpre non esquecer que a xestión en materia de augas, segundo o texto refundido da Lei de Augas, debe contemplar a compatibilidade da xestión pública da auga coa ordenación do territorio e a conservación e protección do medio ambiente. A conservación dos bens patrimoniais, cabe recordar, está dentro dos parámetros da ordenación territorial.

Estado actual do acueduto

O que non ten dubida, moito mais agora coas fotos centenarias que acompañan a este post, é alto o valor patrimonial desta construción, deste acueduto do Pontillón localizado sobre o curso do río Caselas, entre os municipios de Tui e Salvaterra de Miño. Por tanto a obriga que como sociedade temos de conservar este acervo patrimonial recibido.

As solucións a esta desfeita resulta evidente que non virán fácilmente dos procedementos administrativos que a lexislación vixente establece para o noso patrimonio cultural, pois, por mágoa, esta construción non figura nin no catálogo de elementos patrimoniais do Plan Xeral de Ordenación Municipal do concello de Tui nin, moito menos, na inexistente normativa urbanística do Concello de Salvaterra que se rexe aínda pola Normas Subsidiarias provincias. Por tanto carece de amparo normativo que obrigue a unha intervención da administración municipal e que esixa á entidade promotora da desfeita, a Confederación Hidrográfica Miño – Sil, proceder á reposición deste elemento patrimonial. 

Estado actual do acueduto

Tampouco ata agora é coñecida unha intervención a prol da conservación deste acueduto, ou cando menos dos restos aínda existente no lugar, por parte da Consellería de Cultura, Educación e Universidade da Xunta de Galicia que posúe a competencia exclusiva en materia de protección do patrimonio. A propia Lei de Patrimonio Cultural de Galicia, do ano 2016, establece na súa disposición adicional décimo primeira que A dirección xeral competente en materia de patrimonio cultural poderá ordenar a suspensión da demolición ou destrución total ou parcial de bens integrantes do patrimonio cultural de Galicia non catalogados ou declarados de interese cultural, que lles será comunicada aos concellos no territorio dos cales se atopen aqueles. A suspensión non poderá durar máis de dous meses, dentro dos cales a mencionada consellaría deberá proceder á incoación da declaración de ben de interese cultural ou da súa catalogación, agás que antes se emita resolución favorable á continuación das obras

Imaxe tomada de "Faro de Vigo", 05.02.2021

Existe, sen dúbida, cobertura legal para calquera intervención que proceda, de oficio, á catalogación deste acueduto ou, por ser mais concretos, dos restos que fican do mesmo., A non catalogación previa dun ben do patrimonio cultural non pode ser motivo para un desamparo tan absoluto do mesmo, como sucede no caso do acueduto do Pontillón. 

Estamos nun caso referencial que mide a sensibilidade cara ao noso patrimonio, á conservación dun acervo cultural expresado neste caso na arquitectura e nas construcións de carácter popular ou etnográfico que expresan a nosa identidade, á nosa cultura, a nosa forma de existir en relación co noso territorio.

Que teña transcurrido ano e medio sen albiscar unha solución que implique a reposición do acueduto do Pontillón por parte da Confederación Hidrográfica Miño – Sil, está manifestando non xa a súa nula sensibilidade polo patrimonio cultural que forma parte da nosa paisaxe, senón unha irresponsabilidade impropia dunha administración pública ao servizo do interese colectivo.

A propia Lei de Patrimonio Cultural de Galicia, do ano 2016, establece que todos temos a obriga en relación aos bens culturais de a conservalos, mantelos e custodialos debidamente e a evitar a súa perda, destrución ou deterioración.

Imaxe do acueduto anterior ao derrube

As fotos da exposición “A nosa auga, a nosa terra, a nosa xente” manifestan como ao longo dos tempos o acueduto do Pontillón formaba parte da paisaxe do río Caselas e convivía equilibrada e sustentablemente con este curso fluvial e coa fauna fluvial existente, non alterando o paso das diversas especies piscícolas polo curso do Caselas. O seu desuso, motivado polo abandono do medio rural, non é motivo para desinteresarse da súa conservación senón motivo que fai máis apremiante aínda a súa custodia e valoración de cara a súa catalogación e reposición.

Dende Tudensia agardamos que as recentes visitas de representantes das diversas forzas políticas que forman parte do Parlamento de Galicia para coñecer a desfeita realizada co acueduto do Pontillón abran, nunca mellor dito, canles para que non se demore unha solución a esta agresión patrimonial e que de novo as augas poidan circular por este acueduto do Pontillón.


Comentarios

Entradas populares de este blog

Emma Álvarez Besada a primeira tudense doutora en medicina

O legado dunha comunidade está conformado por un conxunto de bens materiais, que adoitamos denominar patrimonio, xunto cun amplo abano de elementos inmateriais que definen o seu carácter e a súa pervivencia no tempo. Entre estes bens intanxibles ou inmateriais ocupan un lugar non menor aquelas personalidades que ao longo do tempo teñen deixado unha pegada perdurable na memoria colectiva ou aquelas outras que, ás veces esquecidas ou non recoñecidas, expresan na súa traxectoria fitos senlleiros para a vida colectiva. Hoxe queremos recuperar dende Tudensia unha desas figuras olvidadas pero que no seu momento histórico tiveron unha pegada significativa na vida social e colectiva da nosa cidade e de alén dos seus termos xeográficos. As novas demandas sociais se expresan tamén na historiografía que investiga aos grupos sociais discriminados ou marxinados nos diferentes momentos do pasado. Retrato de Emma Álvarez Besada, foto da orla da Facultade de Medicina de Madrid, 1931 Unha revis...

A fábrica de galletas "La Peninsular"

Temos sinalado neste blog en diversas oportunidades o descoñecemento que posuimos da historia contemporánea de Tui fronte a outros períodos históricos moito mais investigados que a nosa historia mais recente. Aspectos como a vida política tudense na primeira metade do século XX seguen esperando un achegamento como tamén os procesos e dinámicas socias desenvolvidos no noso territorio. Hoxe ofrecemos en Tudensia un post sobre a fábrica de galletas “La Penínsular” que abrangue case medio século da vida económica tudense. Achegamos a información ofrecida polo profesor de historia económica da Universidade de Santiago de Compostela, Angel Ignacio Fernández González, no seu blog “Galicia Agraria” nun documentado post sobre a industria de galletas en Galicia nos principios do século XX. Aportamos a rica e moi completa información que achega profesor Fernández algunha pequena referencia da nosa autoria colocadas como notas. http://galiciaagraria.blogspot.com.es/2012/03/gall...

Lembranza agradecida a Xabier Añoveros

Onte á tarde, nos comezos de setembro, cando xa as horas diúrnas minguaron, o aire nos anticipa a proximidade do outono e as conversas se centraban nestas intranscendencias, recibín a triste noticia do falecemento, no Hospital Álvaro Cunqueiro de Vigo, de Xabier Añoveros Trías de Bes, navarro de berce, barcelonés de vida e traxectoria e tudense de corazón.   “ Tuy (con i grego como adoitaba a escribir pois con este arcaísmo semellaba reflectir mellor a antigüidade da nosa cidade) es una ciudad de la que estoy enamorado desde hace muchos años ” e, como é propio dun noivo, a esta vella cidade lle ten dedicado horas, estudos, e moi especialmente un agarimo permanente centrado na súa querida “Casa da Canicouba”. O seu noivado e posterior matrimonio con Julia García-Valdecasas Salgado, filla da tudense Julia Salgado Peñarredonda, o ligou dende 1968 a este outeiro pétreo sobre o Miño, que é Tui. Non sei se foi a longa tradición tudense da familia de Julia, o rico arquivo da Casa da Ca...