O 10 de febreiro de 2012 os municipios de Tui e Valença, representado polos seus rexedores daquela Moisés Rodríguez e Jorge Mendes, asinaron o protocolo de creación da eurocidade marcándose o obxectivo de afondar nun traballo conxunto en diversos ámbitos de actuación, que expresase, tamén no nivel institucional, o que dende sempre é a vida normal de valencianos e tudenses que comparten un territorio, convivindo con intensidade, que posúen unha mesma identidade na que caben as normais diferenzas das súas diversas adscricións institucionais que sinala a fronteira que nos limita.
Un concepto este de
fronteira ligado para a xeneralidade ao concepto de “límite”, de
“excentrididade”, mesmo de afastamento. Especialmente asentado este concepto
nos estados centralistas –característicos dos últimos séculos tanto en España
como en Portugal, e que mesmo chegaron a prohibir no caso tudense o asentamento
de industrias en previsión posibles ocupacións-. Pero para os que vivimos na fronteira este é
un lugar de mestura, de intercambio, de contactos permanentes... os
tudenses e valencianos non nos chamamos “fronteirizos” senón raianos, pois é
unha “raia” –identificada co río Miño- o que nos separa. É unha raia é sempre
un límite fraco, arbitrario, doado de superar.
Formamos parte, e así o
sentimos, dun mesmo espazo xeográfico; existe unha continuidade paisaxística e
mesmo urbana entre as nosas cidades de Tui e Valença, pois a trama de ocupación
do territorio, de urbanización, achégase, en ambos casos, ata o bordo mesmo do
lugar físico da antiga fronteira, sen existir baleiros espaciais, convertendo á
vella ponte metálica nunha rúa máis dun mesmo ámbito urbano.
Para afondar nesta vida
compartida dende Tudensia achegamos unha breve historia desta eurocidade (completando
diversos post publicados ao longo dos anos) onde sinalaremos os principais
acontecementos do seu devir temporal, aínda que dun xeito en exceso resumido o
que implica, en moitos casos, unha simplificación dos acontecementos e unha
renuncia explícita a unha análise polo miúdo.
Historia
eurocidade Tui-Valença
O territorio enmarcado
polo val do río Miño e os seus afluentes posúe unhas axeitadas condicións para
o desenvolvemento da vida humana e facilitará, ao longo dos tempos, a continuidade
na ocupación deste territorio.
A tradición sinala que
foi un heroi grego, Diomedes, que logo de participar nas guerras de Troia, realizou
unha longa travesía que o levou ata estas terras onde fundo en homenaxe ao seu
pai, o rei de Etolia, Tydeo, unha cidade, “Tyde”. A fundación grega de Tui é xa
referida por algúns historiadores romanos e recuperada no século XVI e
posteriores nun proceso, amplamente estendido en numerosos lugares da
Península, de procurar nestas tradicións clásicas, mais próximas á lenda que a
historia, un maior prestixio local. O certo é que testemuñas arqueolóxicas
desta presenza grega non existen ata actualidade.
Os primeiros habitantes
de Galicia se teñen documentado en lugares moi próximos a Tui, no xacemento das
Gándaras de Budiño ( O Porriño), ou mais recentemente, nas estacións de O
Cabrón (Arbo) e Porto Maior (As Neves), aproveitando as boas condicións
naturais para o asentamento humano. Tamén encontramos restos materiais
paleolíticos en Baldráns, Guillarei, Rebordáns, Ribadelouro, Pexegueiro, Areas
ou Randufe e tamén en lugares de Valença
vinculados coas terrazas fluviais do río Miño que evidencian unha ocupación
humana desta comarca naquela época.
Andando los séculos o
home se sedentariza e convertese en agricultor, no que se coñece como proceso
de “Neolitización”, que no Noroeste se asocia á cultura megalítica,
caracterizada pola construción de enormes monumentos de pedra de carácter
funerario. Estes monumentos figuran na toponimia con nomes como mámoas,
medorras… con exemplos como Anta, en Areas,
onde apareceron no camiño do Viveiro forestal varios machados pulimentados. “As
Inquirições de D. Afonso III” tamén aluden a edificacións do tipo dolménico en
Valença. Testemuño desta época é o machado de Carrasqueira (Paramos) cunha
cronoloxía de tres milenios antes de Cristo.
A aparición da
metalurxia abre unha nova etapa no desenvolvemento da sociedade humana, especialmente
importante é a Idade do Bronce (1900 a.C. ata o século VI a. C.) que acadou
grande importancia no Noroeste Peninsular pola súa riqueza mineira. No
territorio da eurocidade hai importantes achados correspondentes a este momento
histórico, destacando o casco de bronce (chamado “celta”) atopado no leito do
Miño na zona de Caldelas así como diversas hachas da mesma época y lugar. Estes
obxectos podemos contemplalos no Museo Diocesano. Quizás a manifestación máis
coñecida desta época son os chamados petróglifos ou gravados rupestres,
insculturas realizadas ao aire libre. Son representacións de variadas formas,
desde deseños xeométricos a antropomorfos que tamén encontramos no noso municipio,
desde os de “Rozacús” en Randufe ou “Carneiras” en Baldráns e en diversos
xacementos das freguesías de Valença, onde destacan Tapada de Ousao e Monte de
Fortes, nas abas do monte Faro.
Esta cultura dos metais
ten unha última fase, a idade do ferro, que no Noroeste Peninsular se
corresponde coa cultura castrexa. Nas fontes clásicas Tui aparece citada como
capital dos grovios, grupo xentilicio que ocuparía o territorio arredor do
curso final do río Miño. A este período histórico corresponden diversos xacementos
arqueolóxicos tudenses; entre outros, Cabeza de Francos, A Guía, e incluso a
acrópole tudense, evidenciando unha continuidade no hábitat nesta área da cidade
desde épocas remotas, namentres que en Valença hai varios enclaves como Castelo
da Furna, en Boivao, etc.
Sen dúbida, que é
Cabeza de Francos -coñecido tamén como Alto dos Cubos- o mellor estudado dos
xacementos castrexos. Situado nun esporón nas abas do monte Aloia, na parroquia
de Pazos de Reis, este castro foi escavado en diversas oportunidades e recentes
investigacións o sitúan como o principal referente deste territorio en época
prerromana.
O paso por esta zona do
Cónsul romano Décimo Junio Bruto, no 137 a. C., que tras cruzar o río Limia –o
famoso río Lethes ou do Esquecemento- conduciu ás súas tropas ata o río Miño
acampando, segundo algúns, na freguesía de Gandra supón a incorporación deste
territorio ao proceso de romanización. A recente documentación dun posible
amplo campamento militar romano en Campos, xunto a San Pedro da Torre, abre
novas vías de investigación á conquista deste territorio.
As fontes clásicas
falan dun “castellum” de Valença namentres que no caso tudense apreciamos dous
núcleos de asentamento nesta época: o “Castellum Tyde” localizado na cima do
outeiro tudense, e outro no barrio de San Bartolomeu (chamado tamén na
documentación como Santa Eufemia) no que se documentan numerosos restos
arqueolóxicos, dúas necrópoles, un taller de vidro, etc. que formaban parte da
“Mansio” (núcleo con pousada, substitución de animais de transporte, etc.) da
Vía XIX, do Itinerario de Antonino.
Esta vía XIX cruzaba o
río Miño no noso territorio e conservamos, actualmente no interior da fortaleza
de Valença, un miliario dedicado a Tiberio Claudio, marcando XLIII millas dende
Bracara Augusta. Este miliario, usado como pelouro, foi traslado a este lugar dende
a súa localización orixinal no lugar de “Airinhos” na ribeira do Miño, que
algúns autores localizan fronte o antigo porto tudense de Lavacuncas, na actual
zona da Mariña.
A medida que avanzamos
na historia do Imperio romano o núcleo tudense, que abrangue ambas ribeiras do
río Miño, vaise configurando como un importante centro militar, relixioso, administrativo
e de comunicacións, como testemuñan as importantes evidencias arqueolóxicas
atopadas.
Como comprobamos, dende
os tempos máis remotos, a ocupación humana deste territorio, que se articula
dende a cidade tudense abranguendo una amplo espazo entre os río Verdugo e
Limia, que patentiza unha complementariedade, onde o Miño non afasta senón que
aproxima, e que terá continuidade no futuro.
A partir da chegada dos
suevos (século IV) Tui será un dos principais enclaves do seu reino, asi xunto
con Lugo será unha das capitais de Galicia no reinado de Rekiamundo. Testemuño
da importancia tudense nesta época é a existencia dunha ceca, para a cuñar moeda. Así co rei Rekiamundo (458-463) figura
o nome desta ceca en varias moedas. Salienta unha siliquia do Emperador
Anastasio acuñada en Tui, sendo a primeira deste tipo que aparece co nome dunha
ceca hispana. Tui figura tamén en moedas dos monarcas godos; Recaredo, Witerico,
Sisebuto, Recaredo II, Chindasvinto e Recesvinto.
Pero a principal
contribución desta época é a extensión do cristianismo e a súa organización
eclesiástica. Tamén con carácter lendario considérase a San Epitacio -segundo
a tradición discípulo de Santiago Apóstolo- como primeiro bispo de Tui. A sede
tudense, cun ámbito a ambas marxes do Miño, aparece por vez primeira
documentada no ano 572 cando o bispo Anila asiste ao segundo concilio
bracarense, xa anteriormente en 569, baixo o reinado de Teodomiro, realízase
nun concilio a división parroquial de Galicia, é o famoso Parrochiale Suevum,
que lle concede á diocese tudense 17 parroquias, unha das de maior número evidenciando que posúe unha estrutura organizativa do territorio moi desenvolvida. Son moi frecuentes
os topónimos de orixe xermánica, que proveñen desta época: Guillarei ou
Gondomil por citar dous exemplos.
Pero sen dúbida, a
noticia máis coñecida entre os tudenses desta época é a fixación na cidade
da corte do rei Witiza, asociado ao trono polo seu pai, entre os anos 697 e
701, na parroquia de Pazos de Reis, onde construíu un palacio e outros
edificios no lugar que aínda hoxe se chama Monterreal, cuxas ruínas perduraron
até o século XVIII.
A primeira invasión
árabe data do ano 716: o Emir Abdelaziz entra na Lusitania cun numeroso
exército, tomando Porto, Braga e Tui. Estas invasións non significaban a
presenza permanente das tropas musulmás. A monarquía asturiana asume a
tarefa “reconquistadora” e ocupa Tui e o seu territorio no ano 739 co rei
Alfonso I. Posteriormente Ordoño I “repoboa” Tui no ano 850 e en 915 Ordoño II
restaura a sede episcopal.
Pero Galicia e Tui
sufrirá a presenza dos normandos, que son un constante azoute das zonas
costeiras e tamén de poboacións interiores como Tui. No ano 844 arrasaron a cidade, volveron a principios do século X, onde as súas desfeitas obrigan ao
bispo tudense Naustio a refuxiarse no mosteiro de Labruxa. No ano 970 Gunderedo
encabeza unha outra expedición e de novo o bispo debe refuxiarse noutro lugar,
agora en Ribas de Sil. Pero a máis afamada expedición normanda é do ano 1014
encabezada por Olaf Haraldsson que ademais de saquear e destruír Tui, levou
cativo ao bispo e o seu clero. A influencia da presenza normanda na nosa zona
quedou presente a través das propias barcas de navegación do Miño, o bote
anguleiro ou carocho, cuxa técnica construtiva é indubidablemente nórdica.
Pola súa banda, as
incursións ou “razzias” das tropas musulmás afectan á nosa comarca como foi o
caso da realizada por Almansor -Ao Allah
- nome de guerra do Emir Ben Abi Amir- que no ano de 997, no seu camiño para
Santiago de Compostela, destruíu, segundo as crónicas, numerosos enclaves,
incluído o Mosteiro de Ganfei e Tui.
A consolidación de la
monarquía leonesa permite que no ano 1071 o rei Don García e a súa esposa Dona
Urraca restauran de novo a sede episcopal tudense co bispo Xurxo que se instala no mosteiro de San Bartolomeu. O apoio rexio se
traduce no 1095 na concesión ao bispo do señorío temporal da cidade de Tui e o seu
couto, que abrangue ambas ribeiras do río Miño, en boa medida o actual territorio
da Eurocidade.
O nacemento do reino de
Portugal establece unha nova dinámica. Os intentos de ambos monarcas por
controlar o territorio tudense provocará que, durante varios séculos, este
espazo xeográfico sexa escenario de sucesivos episodios bélicos. Con todo, o
río Miño se consolida como unha fronteira permeable entre ambos reinos –a fronteira
máis antiga que existe na actualidade en Europa- que non impide a vida común
entre as súas poboacións e que a diocese tudense, ata o século XV, se estenda
dende o Verdugo ao Limia.
A figura de San Teotonio, primeiro santo portugués e conselleiro de Afonso Henriques ilustra esta permeabilidade. Nacido cando Ganfei era territorio tudense e morto en Coimbra, onde fundou a orde dos cóengos do mosteiro de San Cruz, de onde procederon posteriormente diversos bispos tudenses.
Asi en 1121 y 1126 Dona Teresa, raíña de Portugal, ocupa Tui
sendo rexeitada primeiro pola súa irmá a raíña Dona Urraca e posteriormente
polo seu fillo Afonso VII. De novo en 1131 e 1137 Afonso I de Portugal invade
Tui, asinándose entre este monarca y Afonso VII o 4 de xullo de 1137 a chamada
Paz de Tui, que é un dos precedentes do recoñecemento definitivo da independencia
do reino de Portugal.
Unha nova ocupación lusa
en 1169 rexeitada por Fernando II leva a este monarca a que en 1170 conceda á
cidade de Tui os seus foros e ordene levantar unha muralla, tratando de crear
un núcleo fortificado e fiel fronte ás pretensións portuguesas ao que decide chamarlle
“Buenaventura” aínda con escaso éxito.
De novo en 1186, D.
Sancho I toma a cidade de Tui, á que concédelle importantes doazóns para
garantir a súa fidelidade. Aos dez anos estallan novas hostilidades entre
D. Sancho y Afonso IX. O monarca luso acoutou unha nova poboación, Contrasta, estratexicamente
situada fronte a Tui para garantir o control ou, ao menos a vixilancia, do Miño e
o seu paso. Entre 1186-1197 acouta esta poboación entregándolla a Paio
Carramondo coa obriga de poboala e organizala. En 1213 o rei Afonso II concedeu
a carta foral a Contrasta, que alcanza a categoría de vila o 11 de agosto de
1217, tempo no que o rei confirma os foros concedidos polo seu pai e ordena
reforzar as murallas ou cerca que defendía esta nova vila afirmando o seu carácter
de enclave fronteirizo namentres que con diversas regalías tentaba atraer novos
habitantes.
Será en 1262, por diploma de 2 de Agosto, cando D. Afonso III confirme o foral outorgado a favor de Contrasta polo seu pai, pero cambiándolle o nome por Valença. Esta denominación traduce xa as dúas principais funcións desta cidade ao longo dos séculos: comercial e militar. O monarca alarga o tecido urbano de Valença cunha nova muralla de forma oval.
Tui, pola súa banda, se
consolida como un importante núcleo urbano e centro económico e comercial cun
dinámico porto fluvial. Os burgueses tudenses se rebelaran en varias ocasións
contra o poder temporal de bispo: xa no propio ano 1170 houbo conflitos, en
1211 e finalmente en 1248 que resolve o rei Fernando III en 1250 cunha sentenza
que condena ambas partes, tanto o bispo
como os lideres burgueses, e restablece os foros de 1170. Se repetiran estas
loitas concellís en 1286 (preito das chaves)
Se no século XII a
fidelidade do bispo tudense basculaba entre as dúas coroas, na seguinte
centuria estamos xa diante dunha decida aposta castelá. No século XIV,
aproveitando a crise política que vive o reino de Castela, as tropas
portuguesas intentaran a conquista de Tui en diversas oportunidades. Nas loitas
pola sucesión de Afonso XI entre partidarios de Enrique de Trastámara (a quen
apoia o bispo) e de D. Pedro I os tudenses se suman a este partido que ao ser
derrotado apoian as pretensións ao trono
do monarca portugués Fernando I que en 1369 recibiu unha entusiasta acollida
polos tudenses. A vitoria dos “enriqueños” reforzará o papel do bispo como señor
da cidade ata o punto que xa non haberá más conflitos cos burgueses tudenses.
Estas loitas políticas se unen a unha profunda crise motivada por las malas colleitas que provocan fame e a chegada da peste, cuxa presenza témola documentada en Valença en 1348. Na segunda metade deste século XIV e o seguinte serán momentos de crise e dificultades para Tui e de consolidación do papel de Valença na organización da monarquía portuguesa, que reforza as súas estruturas defensivas, en tempos de D. Dinis, con altas torres con balcóns, portas e barbacás.
A raíz do chamado “Cisma
de Occidente” que enfronta ao Papa Clemente VI, refuxiado en Avignon, con
Urbano IV que está en Roma, o monarca luso Joao I anima a un grupo de cóengos
tudenses, partidarios deste último pontífice, para fundar, co apoio real e dos
arcebispos “rebeldes” de Braga e Compostela, a Colexiata de San Estevo de
Valença, iniciándose o chamado “cisma de Valença” ou dos “chamorros”. Haberá
que esperar a 1444 cando o monarca portugués consegue a aprobación papal definitiva
para a separación do territorio da diocese tudense en terras de Portugal
atribuíndollo á recen creada diocese de Ceuta, dependente daquela do reino de
Portugal.
A perdida da metade do
territorio e das súas rendas supón un durísimo golpe para a diocese e para a sede tudense que agrava a crise que se vive nestes anos de cabalo entre os
séculos XIV e XV. Dende comezos do século XV a vida deste territorio estará
protagonizada pola liñaxe dos Soutomaior, grupo nobiliario asentado no sur de
Galicia e norte de Portugal, que moven habilmente as súas bazas no xogo de
fidelidades entre a monarquía castelá e portuguesa (en 1398 Joao I de Portugal
conquista Tui permanecendo no seu poder máis de catro anos), e aproveitando a
debilidade episcopal ocupan como “encomendeiros” a cidade de Tui.
Será Paio Sorreda de Soutomaior, cara a finais do XIV, quen inicie o control da cidade sucedéndolle o seu sobriño Fernando Eans de Soutomaior e a éste, Álvaro Paes de Soutomaior, que, como sinala o cronista Vasco de Aponte, “tiña no seu poder a cidade de Tuy, como a tiña o seu pai, e da renda do bispo tomaba o que quería”. A mellor expresión deste poderío é cando non permite que o novo bispo, Luís de Pimentel, dunha das grandes casas do reino como era a de Benavente, tome posesión da sede, impedíndollo mesmo polas armas. Este clima de abuso por parte dos nobres unido á crise política e social xunto ás periódicas “fames negras” provoca o estalido da revolución “irmandiña”. O Cabido e o Concello tudense son dos primeiros en adherirse o 14 de marzo de 1467 á Santa Irmandade; aínda que non sabemos a data, as crónicas recollen que máis de 5.000 irmandiños ocuparon a cidade de Tui, respectando as súas fortalezas, e morrendo naquel lance Álvaro Paes de Soutomaior.
A reacción señorial
encabézaa o medio irmán de Álvaro, Pedro Álvarez de Soutomaior “Pedro Madruga”,
aínda que Tui resiste até 1471; desde entón Pedro Álvarez domina practicamente
o territorio do bispado tudense e comeza un prolongado enfrontamento co bispo
Diego de Muros que ocupa as últimas décadas do XV, que suporá o encarceramento
e escarnio público, por dúas ocasións de propio bispo, nunha delas pechado
nunha gaiola de ferro en Valença. O Soutomaior, nomeado Conde de Caminha polo
monarca luso, ten un amplo dominio territorial tamén nas terras do Miño portugués. Tras
a morte de Enrique IV e a consecuente disputa sucesoria entre os partidarios de
Isabel de Castela e de Juana “a Beltraneja”, apoiada por Portugal, Pedro
Madruga cesa o seu xogo alternativo de alianzas entre ambos os reinos, para
converterse no gran valedor da causa de Juana e por tanto das pretensións lusas
ao trono de Castela. Será Tui o gran baluarte das forzas pro-portuguesas, aínda
despois da vitoria e subida ao trono de Isabel, casada con Fernando de Aragón
(os Reis Católicos), ao continuar en mans dos partidarios de Soutomaior que
tiranizan á poboación, cabido e até o propio bispo.
Os novos monarcas
inician un labor de pacificación, ampliando en 1478 as funcións do corrixidor
de Baiona a todo o bispado tudense. Aínda que Pedro “Madruga” tentará varios
golpes de estratexia, acaba sendo derrotado, pese ao apoio do monarca
portugués evidenciado no acordo de paz cos Reis Católicos, morre en Alba de
Tormes buscando o perdón real.
Desta forma recupera o
bispo Diego de Muros o señorío da cidade -que seguirá en mans episcopais até o
século XIX-, e xunto ao seu sucesor, Diego de Avellaneda, reorganizan a vida diocesana, convocando
sínodos, e tamén a vida municipal cunhas novas ordenanzas de ríxido control
episcopal. É momento de facer obras na Catedral, mellorar o
equipamento público (camiños, pontes, etc.) e instituír a cátedra de gramática
e de canto na cidade tudense. Pero a Coroa resérvase o control aduaneiro e o
alfolí (ou almacén) do sal, de gran importancia no ámbito galego. O sal procede
especialmente de Portugal e será un dos grandes produtos do comercio entre ambos
territorios e que os vincula estreitamente.
Di o historiador Carlos
Barros que esta fronteira mantivo un carácter medieval, non tanto pola súa
conformación no século XIII, senón porque sempre conservou unha mobilidade
social, cultural e económica, similar á existente na Galicia altomedieval. Unha
condición que, con avatares diversos, temos conservado ata os tempos
contemporáneos. Moitos exemplos poderiamos aportar como ao longo dos séculos
perdurou esta intensa comunicación entre os miñotos galegos e portugueses. Cabe citar aquí a figura do egrexio médico e filósofo Francisco Sánchez, principal expoñente do humanismo europeo do século XVI. Nacido en Tui, a súa nai, Filipa de Sousa vinculada familiarmente a Valença, e o seu pai, o médico Antonio Sánchez, traballa en terras galegas e portuguesas ata que a presión provocada pola súa ascendencia xudía obriga a familiar a marchar a Burdeos.
Sen
embargo, as políticas xa de carácter “nacional” que promoven as monarquías de
Castela e Portugal, levan a que en 1455 o rei lusitano Afonso V ordeáselle ao
Marqués de Valença e ao Conde de Ourém que dispoñan gardas fiscais que impidan
a entrada en Portugal de mercancías prohibidas como era caso do gando, cabalos, armas, moedas, etc.
As
protestas das vilas das ribeiras do Miño conseguiron que aos poucos anos, en
1462, o mesmo monarca conceda á cidade de Tui e as vilas galegas da fronteira
do río Miño a posibilidade de comprar e vender nas feiras de Caminha, Cerveira,
Valença... sen pagar tributos, como se fosen portugueses... Así o outorga o
propio rei Afonso V na súa visita a Valença, do 30 de xuño ao 3 de xullo de
1462, permitindo a comercialización do pan, carne, viño e peixe procedente de
Tui, confirmando un privilexio que, afirman os valencianos, era un costume xa
antigo. Son as chamadas cartas ou costumes de veciñanza que o monarca lusitano
concede ás vilas da ribeira do Miño, que intentan deste xeito subtraerse da
presión dos axentes fiscais da Coroa, aínda que sen moito éxito.
Xa
no ano 1459 o procurador de Vila Nova de Cerceira, Lourenço Guilham, proclamaba
nas Cortes de Lisboa: “Senhor vosa alteza (saberá) que antre os moradores
desta villa e termo com os galegos ha o rrio en meyos conversamos huus com os
outros como irmaaos seendo casados huus com outros”.
No
ano 1464 o rei Afonso V de Portugal crea o condado de Valença que entrega a
Henrique de Meneses, concesión que en 1499 Manuel I realiza agora a Fernando de
Meneses, segundo marqués de Vila Real, e curmá do anterior.
Esta conciencia dunha
mesma identidade, dunha mesma condición está contida, por exemplo, no documento
do acordo asinado en 1485, superados os difíciles tempos da “ocupación” dos Soutomaior
sobre a cidade de Tui e das guerras de sucesión, sobre as barcas de pasaxes
entre ambas cidades. Neste documento sinalase como “estrangeyro o (que) non
seia vezinio da dita cidade nen vasalo do dito Sr. Obpo. nen vizinio de Valença
nen do seu termo (...pois...) compre a boa vezinages de uns e dos outros”.
Por
encargo de Manuel I o escudeiro Duarte D’Armas elabora o “Livro das fortalezas” que
recolle os debuxos das fortificacións portuguesas da fronteira arredor do ano
1509, entre elas a fortaleza de Valença e a inmediata de Tui. A nosa eurocidade
conta pois cunha imaxe de inicios do século XVI que ilustra as súas defensas,
pero tamén a súa vida comercial a través do Miño, como testemuñan as
embarcacións recollidas na referida ilustración.
A
monarquía lusa segue promovendo o carácter fortificado de Valença e en 1512, o
Rei D. Manuel fomenta o seu poboamento, mandando reparar as súas murallas e
concédelle un novo foro.
A cidade tudense será
capital dunha das provincias nas que se divide o Antigo Reino de Galicia desde
os inicios do século XVI e que chegarán até a reforma de 1833. En 1623 recibe
do rei Felipe IV o título, que aínda hoxe conserva, de “Moi nobre e moi leal cidade”.
Un novo escenario na
historia tudense e valenciana aparece tras a proclamación de Filipe II como rei
de Portugal en 1580. Esta unión de ambas monarquias, que se realizou coa oposición armada dalgúns
sectores, chega até 1640 cando os lisboetas levántanse contra Filipe IV iniciándose
a “Guerra de Restauración” portuguesa, que non finaliza até 1668 cando se
recoñece a plena independencia de Portugal.
Agora se inicia a
construción da Obra Coroa (o que hoxe chamamos Coroada valenciana) a cargo de
D. Rodrigues de Vasconcelos, 1º Conde de Castelo Melhor, seguindo o deseño de
Michele de Lescole, estando concluídas a mediados do século XVIII, cando se dá
forma ao Recinto Maxistral, seguindo o deseño do mariscal Vauban, o principal
enxeñeiro militar de Europa naquel momento, construíndo baluartes, revelíns,
falsas bragas... converténdose nunha das principais prazas fortes de Portugal.
Paralelamente tamén a
cidade tudense mellora os seus defensas neste tempo, aínda que sen chegar á
amplitude da obra valenciana. O novo recinto supera con amplitude a muralla
medieval, que fora reforzada a finais da Idade Media, coa construción da falsa
braga para adaptarse mellor aos novos requirimentos bélicos, derivados dos usos
da artillería. E convértese nunha praza de armas acollendo as milicias
provinciais e outros corpos do exército, construíndose o Hospital do Rei na
Corredoira.
Pero a guerra supón
tamén o inicio dun momento de crise para ambas cidades que sofren numerosos
danos e se estabiliza o crecemento das súas poboacións. A mediados do século
XVIII Tui contaba con 962 veciños e non chegaba aos 4.000 habitantes. Como
afirma Ofelia Rei para Tui pero que en boa medida podemos atribuír tamén a Valença “consideramos que a súa
situación fronteiriza e de enclave militar prexudicouna durante a guerra con
Portugal, pero máis a prexudicaron a prolongada situación de paz durante o
XVIII, que a fai perder a súa importancia estratéxica, e o crecente atractivo
das vilas costeiras”, caso especialmente de Vigo, onde se centra a
actividade comercial e incluso estratéxica pois a fronteira marítima adquire
maior protagonismo que a terrestre. Similar é o caso de Valença que a partir do
século XVIII irá perdendo peso defensivo fronte a Viana do Castelo.
A esta época corresponde unha singular peza literaria, a primeira obra teatral en lingua galega, que narra as desavinzas entre os pescadores de Caldelas e de Friestras: “Entremés famoso en que se contén a contenda que tubieron os labradores da feligresia de Caldelas cos portogueces sobre a pesca do rio Miño. Ano de 167(3)”. Esta obriña lustra as intensas relacións, ás veces conflitivas -como en calquera colectividades que convive-, que existían entre ambas as ribeiras miñotas.
A ocupación francesa, en
1809, afectou ás dúas cidades, colaborando dende o primeiro momento a través
das Xuntas constituídas tanto en Valença como en Tui. O 3 de febreiro chegan as
tropas napoleónicas a Tui, que ocupan sen resistencia, con intención de invadir
Portugal. Ao non poder cruzar o Miño, Soult decide avanzar por terra deixando
en Tui un forte continxente militar e boa parte da súa artillería. O 10 de
abril unha división francesa dirixida polo xeneral Heudelet chega con 4000
homes ás portas de Valença e consegue a súa rendición, pois as súas forzas xa
foran derrotadas días antes en Ponte de Lima. A superioridade francesa é entón
tan grande, ao controlar as prazas fortes de Tui e Valença, que se levanta o
cerco de Tui, onde colaboraban tropas portuguesas.
Ábrese un breve período de forte represión (queiman o barrio de Urgeira e o
convento de Ganfei ou na zona tudense Guillarei, Paramos, Randufe e Pazos de
Reis ) e o xeneral Lamartiniere impón ao Cabido e ao Concello un forte rescate
económico. O 16 de abril as tropas napoleónicas abandonan Tui e Valença en dirección
á conquista de Porto, deixando un desolador balance que se agudiza coa presenza
da peste.
O século XIX se
caracterizara polos continuos enfrontamentos, tanto en Tui como en Valença,
entre as forzas defensoras da monarquía absoluta e os elementos liberais que preconizan a limitación do poder rexio, mediante unha constitución, e progresivamente adoptaran principios
de carácter democrático.
No caso tudense, son as
dinámicas entre absolutistas e liberais que se abren tras o retorno de Fernando
VII reimplantando o absolutismo, rematando o período de vixencia da Constitución de Cádiz
de 1812. En 1820 comeza o trienio liberal ao que seguirá o retorno a un réxime
realista coa década ominosa. Tras a morte do rei, en 1833, ábrese a loita pola
sucesión entre o Infante D. Carlos, sendo os seus partidarios, “os carlistas”, os novos representantes da tradición absolutista provocando as chamada “guerras
carlistas”, e Sabela II que terá de apoiarse nos liberais e que ocupara o trono
ata 1868. Neste ano a crise da monarquía desemboca no chamado “sexenio
democrático” que remata coa procura dunha nova dinastía, con Amadeo de Saboia,
e tras o seu fracaso coa proclamación da I República en 1873. A restauración
democrática en 1874 con Alfonso XII abre un período de estabilidade na vida política.
Similares dinámicas
existen en Portugal e afectarán moi especialmente a Valença. En Portugal tras a
ocupación napoleónica a familia real se despraza a Brasil, retornando Joao VI
en 1821 xurando a primeira constitución portuguesa de carácter liberal. O seu
fillo Pedro, de ideas liberais, promove a independencia de Brasil en 1822. A
morte do rei en 1826 Pedro I renuncia ao trono para seguir como emperador de
Brasil, abdicando en favor da súa filla, María II cun réxime constitucional. Se
embargo, o seu irmá Miguel asume a rexencia, pola minoría de idade de María derrogando
a constitución e declarándose como rei, Miguel I. Ábrese así unha confrontación
armada entre liberais e absolutistas. Neste contexto Valença estará seis anos
en poder dos “miguelistas”. A finais de marzo de 1834 as tropas do almirante
Carlos Napier, co apoio de tropas españolas comandandas polo coronel tudense
Pedro Telmo Piñeiro e Cardenas toman Valença en poucos días. En setembro se proclama
raíña a María II pero a conflitividade segue entre “cartistas”, liberais moderados,
e os “setembristas”, liberais radicais defensores da Constitución de 1822.
En 1837 Valença no
decurso das chamada revolta dos mariscais, “cartistas”, un dos líderes o Barón
de Leira tras iniciar a revolta en Ponte da Barca, acaba refuxiándose na fortaleza
de Valença, entre xullo e setembro en que cede ao sitio da cidade. O asedio
provoca unha importante destrución da vila valenciana.
Ao cabo de dez anos, na
guerra civil chamada Patuleia, que enfronta de novo aos “cartistas”, co apoio
da raíña, e unha coalición coxuntural entre “setembristas” e “miguelistas”. A
guerra remata, aos dez meses, coa vitoria “cartista” tras a intervención de forzas
británicas e españolas. Valença será tomada polos “miguelistas” e liberada por
unha división hispana que dirixía o xeneral
Méndez-Vigo. A estabilidade a Portugal chegará co golpe do duque de
Saldanha, en 1851, que instaura un liberalismo rexeneracionista cun bipartidismo
que alterna no poder.
Nos diversos avatares
destes enfrontamentos haberá mutuas colaboracións entre as forzas de ideoloxía
similar. Os membros da Xunta apostólica tudense contarán con apoio dos “miguelistas”
nos seus intentos de aprovisionamento de armas para unha nunca lograda
sublevación como posteriormente as partidas “carlistas”. Logo os liberais
lusos, como xa vimos, contarán co apoio español para levantar o cerco de
Valença. De novo as sinerxías e colaboración entre ambas localidades agroman,
favorecendo tamén os negocios de aprovisionamento como os que promove a familia
tudense dos Maceira que incluso organizan un transporte fluvial Tui – Valença a
Caminha.
O século XIX significa
para Tui a perdida da súa condición de capital provincial e a creación dun
concello democrático logo da supresión do señorío episcopal. Valença amplía o seu
territorio en 1836 coa incorporación do couto de San Fins. Os procesos
desamortizadores en ambos países potencian a un sector fidalgo e pequeno burgués
que se converte en receptor de rendas que, por outra banda, e promoven o desenvolvemento
urbanístico de ambas cidades, perdendo definitivamente Tui o seu carácter militar
e reducíndoo Valença que aínda en 1899 mantiña a súa condición de praza de
guerra.
A chegada do
ferrocarril ao territorio da Eurocidade -a liña do Miño entre Porto e Valença é
inaugurada en 1882- permite que aparezan os primeiros proxectos industrializadores.
En Gandra Francisco Manuel Duraes promove unha fábrica de tecidos e molienda, namentres
en Tui se instalan diversas serrarías ou a fábrica de galletas, promovida polo
empresario luso Joao Alberto de Oliveira en 1911. Aparece así un primeiro movemento
obreiro que celebra, no Teatro Principal de Tui en xaneiro de 1901, o primeiro
congreso obreiro galego-portugués.
Un acontecemento
marcará para sempre a Eurocidade será a construción da ponte internacional para
as comunicacións ferroviarias entre Portugal e Galicia inaugurada o 25 de marzo
de 1886. A ponte internacional xorde como unha necesidade de comunicación por
vía férrea entre ambas ribeiras do Miño nun momento histórico en que o
ferrocarril era un símbolo, case universal, de progreso e modernidade.
Tras os correspondentes
acordos internacionais será en 1879 cando se decida o seu emprazamento; no
mesmo ano é redactado o proxecto de construción desta ponte polo enxeñeiro
Pelayo Mancebo e Agreda (Calahorra, 1845 – 1912), autor de numerosas obras de enxeñería
nas últimas décadas do século XIX. Aínda que atribuída, en numerosas oportunidades, a Gustave Eiffel, este só participará no concurso celebrado, en maio de 1881,
para a construción da ponte tudense, aínda que a súa oferta non resultou
gañadora fronte á presentada pola empresa belga “Braine le Comte”, representada
en Portugal por Eugène Rolin.
En xuño de 1882 comezan
os traballos de cimentación das pías da ponte. Serán os enxeñeiros construtores
belgas Eugène Rolin e o seu irmá Ernest, que axiña foi substituído por Auguste
Cazaux, xunto ao enxeñeiro inspector, o galego Andrés Castro Teijeiro, os
encargados de dirixir esta obra.
O acto de inauguración
oficial tivo lugar o 25 de marzo de 1886, festividade litúrxica da Anunciación
de Nosa Señora, sendo bendicida a ponte polo bispo tudense Fernando Húe
Gutiérrez. Amañeceu un día de chuvia e as locomotoras “Alfonso XII” e “Valença”
trasladaron ás autoridade de ambos países ao centro da ponte, onde tiveron
lugar os saúdos protocolarios. Asistiron, segundo os cronistas da época, ata
20.000 persoas.
Aínda que a apertura da
ponte suscitou unhas expectativas de desenvolvemento de Tui e a súa contorna
que nunca chegaron, non é menos certo que promoveu os intercambios de todo tipo
entre os territorios galego e portugués, e reforzou a centralidade de Tui e Valença como principal
punto de comunicación entre Galicia e Portugal. Pero sobre todo, a ponte
estrutura a unión urbana entre Valença e
Tui ao converterse nunha rúa máis de ambas localidades que organizan os seus propios
viais para esta comunicación. A ponte consegue que a unión se desenvolva urbanisticamente
cunha continuidade urbana que carece de parangón.
Unha intensa vida social alterada periodicamente polos brotes epidémicos, especialmente de cólera, que supoñen o establecemento de medidas sanitarias que limitan o paso fronteirizo con peche do tránsito ou limitacións ao mesmo. Os raianos tentarían paliar estes inconvintes coa ironía e mesmo con sarcasmo. Así o 18 de xaneiro de 1885 se estrea en Vigo no Teatro-Circo Tamberlick unha obriña de teatro, un apropósito, titulado “El Lazareto de Valença” con letra de Hipólito León e música do tudense Prudencio Piñeiro, que voltou representarse de novo en Pontevedra o 2 de febreiro. A peza foi editada co seguinte título “El Lazareto de Valença. Apropósito cómico-lírico hispano-portugués” pola Tipografía de Lema e Hijos, na rúa do Príncipe 21 da cidade olívica. En setembro de 1931 esta peza é representada no Teatro Principal tudense, asi se recolle no xornal El Pueblo Gallego de 20 de setembro. Descoñecemos a razón de recuperar esta obra logo de case medio século. A función está organizada pola Agrupación Artística Tudense e logra tal éxito que aínda hoxe as súas coplas permanecen namemoria colectiva de moitos tudenses e valencianos.
Este evento expresa a intensa relación que houbo, especialmente tras a apertura da ponte, entre ambas cidades que compartian múltiples actividades: bailes, festas, celebracións oficiais, etc ata o punto que mesmo, na segunda métade do pasado século, as limitacións fronteirizas eran suprimidas nas xornadas que coincidían coas festas patronais tudenses de San Telmo.
O século XX estará determinado, en Portugal, pola caída da monarquía tras un período de crise institucional e social coa proclamación da República en 1910. Os problemas sociais agravados pola participación lusa na Primeira Guerra Mundial desembocan na instauración dun réxime militar no que se apoia Antonio Oliveira Salazar para crear o Estado Novo, unha ditadura que chegara ata a revolución dos "cravos" en 1974 que logra a instauración dun réxime democrático. Pola súa parte, Tui será escenario dos avatares políticos que tras a crise do réxime da Restauración que culmina coa ditadura do xeneral Miguel Primo de Rivera en 1923 e posteriormente coa proclamación da II República en 1931. Este intento democratizador non logra consolidarse e conduce á guerra civil, entre 1936 e 1939 que remata coa implantacion da ditadura de Francisco Franco que mantense no poder ata a súa morte en 1975, abrindo o proceso de “Transición” democrática.
As ditatura salazarista
e franquista reforzan o papel da fronteira, pola súa propia ideoloxía nacionalista
e mesmo autárquica, e por tanto o papel secundario do noso territorio, pero
nunca lograron diminuír a intensa comunicación e mesmo cohabitación que as xentes
de Valença e Tui tiveron de sempre.
A fronteira, pese aos intentos estatais, mantivo sempre a permeabilidade histórica e foi sempre un
incentivo ás relacións comerciais, tanto as legais como as ilícitas, o chamado “contrabando”
ou “trapiche”. Contrabando é un término moito mas amplo e definitorio dun
tránsito comercial que pretende subtraerse dos aranceis fiscais. Un fenómeno
constante neste territorio de fronteira que está inxerido na propia identidade
dos raianos. Pero actualmente na construción do imaxinario colectivo é ás veces
reivindicado e asumido cunha aureola de certo romanticismo nostálxico. Cómpre
lembrar que, na realidade, o contrabando fai referencia a dúas realidades
contrapostas. Por unha banda, é un fenómeno que atopa a súa explicación, e
mesmo xustificación, nunha economía de subsistencia que imperaba nos pobos da
ribeira do Miño, cunha poboación que vivía na miseria, tantas veces con “fome”,
que impulsa a que os nosos labregos e, especialmente, as súas mulleres, se
dediquen a este tráfico ilícito de varios quilogramos de café, de peixe, de
fariña, de aceite... arriscando a súa propia persoa e integridade para achegar
ao fogar un pouco de diñeiro que mitigase as dramáticas condicións de vida nas
que tantas familias miñotas vivían en tempos pasados.
Pero o contrabando foi tamén unha fonte de riqueza, ás veces de moita riqueza, para outros sectores da poboación, de carácter vilego ou urbano, que comerciaban ilegalmente a grande escala, ás veces explotando a moitos “pequenos” contrabandistas, e que amasaron grandes fortunas sen arriscar e, nalgunhas oportunidades, incluso en connivencia con determinadas autoridades. Tanto en Tui como en Valença este comercio ilegal supuxo unha importante achega económica para as economías locais en determinados momentos do noso pasado.
O feito mais significativo das últimas
décadas na Eurocidade é a desaparición da fronteira entre España e Portugal
dende o ano 2001 ao abeiro da integración de ambos países na Unión Europea,
acontecida no ano 1993. Esta supresión ten impulsado enormemente a comunicación
entre Galicia e o Norte de Portugal, convertendo a Tui-Valença no lugar con
maior tráfico de persoas e vehículos en toda a fronteira hispano lusa.
Un proceso culminado no ano 2012 coa creación da eurocidade Tui-Valença que abre expectativas inéditas de cooperación e desenvolvemento conxunto entre dúas cidades que conforman un único núcleo urbano, un caso único en toda a fronteira.
Epílogo
Este percorrido suscinto e abreviado por esta historia compartida non é mais que un esbozo desta veciñanza que ao longo dos séculos compartimos nun mesmo territorio as xentes das cidades de Tui e Valença. Ata agora nunca se escribiu unha historia común, foron sempre historias locais, tantas veces de costas á realidade de máis aló do Miño, e por tanto non se ten reflexionado abondo sobre esta vivencia compartida e os múltiples paralelismos que existen máis aló da historia académica ou "nacional" que non pode traducir esta identidade construída polas nosas xentes que sempre viviron por encima de fronteiras superficiais. Este post é pois un incentivo para abordar pausadamente unha aproximación á nosa historia local que recolla os ciclos históricos propios da nosa eurocidades e que nos teñen conformado como valencianos, como tudenses, en definitiva, como miñotos.
Comentarios
Publicar un comentario