Ir al contenido principal

Na morte dun tudense de "vocación", Luis H. de Larramendi

 Hai escasos días ollando un xornal dixital sobresaltoume a noticia da morte de Luis Hernando de Larramendi o pasado 11 de febreiro en Madrid. De seguro que a maioría dos nosos lectores descoñecen a esta figura senlleira no panorama empresarial de España (conselleiro de Mapfre e Vicepresidente da Fundación Mapfre como principais referencias e tamén avogado especializado en temas de propiedade industrial e intelectual) pero que traemos hoxe a este post polo que nos atinxe, por que Luis H. de Larrramendi mantivo unha estreita relación coa nosa cidade.

Nos numerosos obituarios publicados nestes días na prensa os interesados poden achegarse á súa inxente traxectoria empresarial, pero tamén a súa clara conciencia, na liña aberta polo seu pai Ignacio Larramendi o refundador da aseguradora Mapfre, que dende a empresa existe o que hoxe se denomina “Responsabilidade social corporativa” que debe devolver á sociedade parte dos beneficios que a propia empresa recibe desa mesma sociedade. Un convencemento que o levou, nos últimos anos, a ocupar a presidencia de “Acción Social Empresarial” coa que recorreu España promovendo a doutrina social da Igrexa no ámbito da empresa.

Esta conciencia levouno a implicarse en múltiples iniciativas de todo tipo, canalizadas especialmente a través da Fundación Ignacio Larramendi  promovendo numerosas iniciativas relacionadas coa conservación e difusión do patrimonio cultural e intelectual español, hispanoamericano, portugués e brasileiro, mediante o uso das novas tecnoloxías, que ten o seu principal expoñente na “Biblioteca Virtual de Polígrafos”. Porque a Luis H. de Larramendi todo lle interesaba e apaixonaba pois tiña un amplo concepto da cultura como expresión da riqueza da sociedade

Como navarro era carlista convencido e a súa aposta pola investigación desta corrente política na historia de España a través de múltiples proxectos, moitos a través da Fundación Ignacio Larramendi, é unha das súas achegas máis queridas.

Pero a miña lembranza agarimosa ven dada pola relación que mantivo con Tui, dende a súa voda con Mercedes Varela. Dende a residencia familiar en Paramos Luis H. Larramendi converteuse nunha ávido coñecedor desta terra, dotado dun interese e unha curiosidade inacabables que o converten nun tudense de “vocación”, que o levaron a implicarse en diversos proxectos vinculados á vida tudense. Nas últimas décadas Luis H. Larramendi ten realizado importantes achegas a prol da nosa cidade que merecen ser coñecidas e tamén recoñecidas polos tudenses. Citarei unicamente aquelas coas que tiven persoalmente algunha relación e que me permitiron admirar a Luis H. de Larramendi.  

Promoveu que a Fundación Ignacio de Larramendi incluíse á figura do médico e filósofo tudense Francisco Sánchez na “Biblioteca Virtual de polígrafos hispanos” creando un microsite denominado “Biblioteca Virtual Francisco Sánchez” (http://www.larramendi.es/francisco_sanchez/es/micrositios/inicio.do), dixitalizando a totalidade da obra sancheciana e numerosos estudios sobre a mesma, cunha ampla introdución a cargo dun dos principais estudosos da filosofía hispana, Rafael L. Orden. Hai un antes e un despois no coñecemento da obra de Francisco Sánchez tras o traballo de documentación realizado por un equipo encabezado por Xavier Agenjo, un dos mais prestixiosos bibliógrafos  do noso país. O entusiasmo de Luis H. de Larramendi por este proxecto é merecedor, na nosa condición de tudenses, de gratitude e admiración.

Pero incansable nas súas iniciativas non deixou de organizar e promover múltiples actividades na nosa cidade, como foi a presentación en Tui da biografía de José Calvo Sotello, de Alfonso Bullon de Mendoza, Catedrático de Historia Contemporánea da Universidade CEU San Pablo e Director do Instituto CEU de Estudios Históricos, no ano 2013 reunindo en Tui, con tal motivo, a un amplísimo grupo da familia Calvo Sotelo encabezado pola súa filla, Enriqueta Calvo-Sotelo Grondona.

Promoveu, a través da Fundación I. Larramendi, a edición do libro-catálogo dos cantorais da Catedral tudense, obra que foi dirixida polo musicólogo ourensán, Manuel Rey Olleros, co título de «La música de los libros cantorales de la Catedral de Tui. Catalogación e interpretación».

Pero tampouco as cousas pequenas eran alleas ao seu entusiasmo e implicación, así podemos lembrar como impulsa a recuperación do cruceiro do “Cristo da Torta” en Paramos, próximo á residencia familiar, ou o seu apoio á compra dunha nova campá para a capela de San Xián do Monte Aloia.

Gardo unha grata lembranza dos café compartidos na Corredoira onde chegaba Luis H. de Larramendi dende Paramos nunha vella Vespa coa que se desprazaba pola Veiga do Louro ata Tui. Dotado de gran simpatía, de animada conversa, sempre ocurrente, sempre elucubrando novas iniciativas, interesándose polas pequenas minucias tudenses ou polos temas relacionados co Camiño de Santiago, que como bo navarro sentía con paixón.

Pequenas palabras e lembranzas arredor da inconmensurable figura de Luis H. de Larramendi, tudense de “vocación”, cuxa figura merece moito máis que esta sinxela homenaxe de gratitude.

Cos sentimentos de pesar para súa viuva, Mercedes, os seus fillos e familia e coa nosa oración.

 

Rafael Sánchez Bargiela

Comentarios

Entradas populares de este blog

Emma Álvarez Besada a primeira tudense doutora en medicina

O legado dunha comunidade está conformado por un conxunto de bens materiais, que adoitamos denominar patrimonio, xunto cun amplo abano de elementos inmateriais que definen o seu carácter e a súa pervivencia no tempo. Entre estes bens intanxibles ou inmateriais ocupan un lugar non menor aquelas personalidades que ao longo do tempo teñen deixado unha pegada perdurable na memoria colectiva ou aquelas outras que, ás veces esquecidas ou non recoñecidas, expresan na súa traxectoria fitos senlleiros para a vida colectiva. Hoxe queremos recuperar dende Tudensia unha desas figuras olvidadas pero que no seu momento histórico tiveron unha pegada significativa na vida social e colectiva da nosa cidade e de alén dos seus termos xeográficos. As novas demandas sociais se expresan tamén na historiografía que investiga aos grupos sociais discriminados ou marxinados nos diferentes momentos do pasado. Retrato de Emma Álvarez Besada, foto da orla da Facultade de Medicina de Madrid, 1931 Unha revis...

A fábrica de galletas "La Peninsular"

Temos sinalado neste blog en diversas oportunidades o descoñecemento que posuimos da historia contemporánea de Tui fronte a outros períodos históricos moito mais investigados que a nosa historia mais recente. Aspectos como a vida política tudense na primeira metade do século XX seguen esperando un achegamento como tamén os procesos e dinámicas socias desenvolvidos no noso territorio. Hoxe ofrecemos en Tudensia un post sobre a fábrica de galletas “La Penínsular” que abrangue case medio século da vida económica tudense. Achegamos a información ofrecida polo profesor de historia económica da Universidade de Santiago de Compostela, Angel Ignacio Fernández González, no seu blog “Galicia Agraria” nun documentado post sobre a industria de galletas en Galicia nos principios do século XX. Aportamos a rica e moi completa información que achega profesor Fernández algunha pequena referencia da nosa autoria colocadas como notas. http://galiciaagraria.blogspot.com.es/2012/03/gall...

Lembranza agradecida a Xabier Añoveros

Onte á tarde, nos comezos de setembro, cando xa as horas diúrnas minguaron, o aire nos anticipa a proximidade do outono e as conversas se centraban nestas intranscendencias, recibín a triste noticia do falecemento, no Hospital Álvaro Cunqueiro de Vigo, de Xabier Añoveros Trías de Bes, navarro de berce, barcelonés de vida e traxectoria e tudense de corazón.   “ Tuy (con i grego como adoitaba a escribir pois con este arcaísmo semellaba reflectir mellor a antigüidade da nosa cidade) es una ciudad de la que estoy enamorado desde hace muchos años ” e, como é propio dun noivo, a esta vella cidade lle ten dedicado horas, estudos, e moi especialmente un agarimo permanente centrado na súa querida “Casa da Canicouba”. O seu noivado e posterior matrimonio con Julia García-Valdecasas Salgado, filla da tudense Julia Salgado Peñarredonda, o ligou dende 1968 a este outeiro pétreo sobre o Miño, que é Tui. Non sei se foi a longa tradición tudense da familia de Julia, o rico arquivo da Casa da Ca...