Ir al contenido principal

Rafael García Sánchez, orixinal ilustrador tudense

O rico patrimonio que atesoura a nosa cidade non está cinguido unicamente aos elementos construídos que identifican a Tui, cómpre incluír neste concepto patrimonial, consubstancial á propia identidade tudense, outros aspectos, ás veces, considerados menores pero que son pezas necesarias na construción da nosa singularidade e na súa identificación por nós mesmos.

Non somos os tudenses moi dados a valorar con xustiza os nomes propios que, ao longo do tempo, teñen enriquecido a nosa vida colectiva coas súas achegas ou traxectorias. Recuperar estes nomes é un xeito de revitalizar o pulso dunha colectividade e reivindicar a aportación tudense á cultura e historia de Galicia.

Este pretensioso exordio serve para presentar neste post a un pequeno grupo de tudenses, integrantes dunha xeración que podemos situar, non sentido amplo, nas décadas entre o século XIX e o século XX e que conforman unha xeración de ilustradores de moi alto nivel artístico e que actualmente resultan case descoñecidos para a inmensa maioría dos nosos veciños.

A celebración no pasado mes de abril dunha exposición titulada “Estampas anagrámicas” de Rafael García Sánchez na Sala Municipal de Exposicións tudense, organizada pola concelleria de cultura do Concello de Tui, que recuperaba unha ampla colección de debuxos xa exposta en Tui no ano 1934 e puña de novo de actualidade a este grupo de ilustradores: Eduardo Padín Rodríguez (Tui 1886 – Vigo 1979), José Izquierdo Durán “Yzquierdo” (Tui 1890 – Madrid 1930), Guillermo Taboada Infante (Tui 1909 – Madrid 2006), José Castro Arines (Tui 1911 – Madrid 1997) xunto ao xa referido Rafael García Sánchez.

Sobre os tres primeiros nomes xa nos temos ocupado neste blog: Eduardo Padín: http://tudensia.blogspot.com/2009/01/trinta-anos-da-morte-de-eduardo-padn.html  ou http://tudensia.blogspot.com/2020/04/nova-pinga-de-humor-tudense-os-monos-de.html, igualmente de José Izquierdo: http://tudensia.blogspot.com/2011/12/yzquierdo-duran-ilustrador-tudense.html e Guillermo Taboada: http://tudensia.blogspot.com/2011/12/guillermo-taboada-infante-pintor-e.html. Con todo, resulta necesario revisar, nun futuro próximo, estes post pois contamos con novas noticias e achegas que enriquecen aquelas aportacións.

Nos ocuparemos hoxe de Rafael García Sánchez recuperando as aportacións realizadas na xa citada exposición. Deste ilustrador son escasos os datos biográficos que coñecemos. Nace en Tui nos anos oitenta do século XIX. Foron seus pais Ignacio García e Generosa Sánchez e os seus irmáns José García Sánchez, afamado avogado tudense e correspondente do Faro de Vigo moitos anos, Manuel, médico militar, Ignacio, comisario de policía, e Purificación, casada co militar portugués Isidoro Pereira Padín. Rafael García Sánchez estivo solteiro.

En 1911 como empregado dunha casa industrial e traballando en Portugal foi detido en Régoa, acusado de conspiración contra a recentemente proclamada República portuguesa, e encarcerado en Porto e Lisboa durante once meses, liberado coa obriga de abandonar Portugal tras as xestións do ministro plenipotenciario na legación de España en Lisboa, Rodrigo de Saavedra y Vinent, II marqués de Villalobar.

Posteriormente na súa actividade profesional foi oficial de Facenda, adscrito a cidade de Tui, logo destinado, a petición propia, á Aduana de Behovía – Irun onte traballou ata a súa xubilación.

Dedicado dende novo ao mundo da ilustración, colabora en diversas publicacións como “Vida gallega” (1920), “Faro de Vigo” (1925) ou a revista tudense “La Semana” (1925). A participación como humorista gráfico en “Vida gallega” está relacionada, de seguro, coa presenza de Eduardo Padín que dende 1916 colabora nesta revista que se editaba en Vigo, da que chegou  ser subdirector desde 1924 ata 1927, mantendo a súa colaboración ata 1935.


Clodio González Pérez no seu estudo sobre “Aproximación á historia do humos gráfico galego” (Edicións do Castro, 1984)  cita que o crítico de arte, José Francés, dedicoulle unhas verbas moi gabanciosas en El mundo ríe. La caricatura universal en 1920 (Madrid, 1921).

Rafael García Sánchez cultivou tamén a “cisografia”, técnica consistente no debuxo de persoas ou escenas recortadas en cartolina negra colocadas sobre un fondo luminoso; realizando diversas exposicións con esta técnica.

A exposición de abril pasado foi realizada coa colección de 72 láminas tituladas “Estampas anagrámicas” que conservaba a familia Arean Pereira. Esta conxunto integraba a exposición do mesmo título inaugurada, por vez primeira, no “Lar Gallego” de San Sebastián coincidindo coa festa do apóstolo Santiago do ano 1932. En xuño do ano 1934 realizase de novo esta exposición no Casino de Tui, enviando a colección de estampas ao Presidente de la Liga de Amigos de Tuy, don Rosendo Troncoso Bugarín, para amenizar el programa de festejos de San Telmo. Habiamos admirado ya en otras ocasiones algunas de las sugestivas creaciones de este “verdadero artista” del lápiz y la pluma que le otorgaban con indiscutible derecho el titulo de gran dibujante sinala o correspondente de El Pueblo Gallego. No ano seguinte, nos meses de outubro e novembro de 1935, esta mostra foi presentada en Vigo nos salón de “Amigos del Arte”.


A orixinalidade destes debuxos, dedicado a unha persoa ou lugar,  está por ser realizados combinando as letras da cada palabra, pero asombrosamente esa combinación de letras logra reproducir ou a cara do personaxe ou o símbolo que identifica a cada lugar. Hai unha mestura de sinxeleza, de calidade no trazo e de modernidade logrando unhas imaxes que anticipan as técnicas de deseño contemporáneo.






Ao finalizar o noso agradecemento á familia Arean Pereira, tan vinculada a Tui, que soubo conservar esta colección e posibilitar a súa exposición pública, recuperando para Tui a figura de Rafael García Sánchez.




Comentarios

Entradas populares de este blog

Emma Álvarez Besada a primeira tudense doutora en medicina

O legado dunha comunidade está conformado por un conxunto de bens materiais, que adoitamos denominar patrimonio, xunto cun amplo abano de elementos inmateriais que definen o seu carácter e a súa pervivencia no tempo. Entre estes bens intanxibles ou inmateriais ocupan un lugar non menor aquelas personalidades que ao longo do tempo teñen deixado unha pegada perdurable na memoria colectiva ou aquelas outras que, ás veces esquecidas ou non recoñecidas, expresan na súa traxectoria fitos senlleiros para a vida colectiva. Hoxe queremos recuperar dende Tudensia unha desas figuras olvidadas pero que no seu momento histórico tiveron unha pegada significativa na vida social e colectiva da nosa cidade e de alén dos seus termos xeográficos. As novas demandas sociais se expresan tamén na historiografía que investiga aos grupos sociais discriminados ou marxinados nos diferentes momentos do pasado. Retrato de Emma Álvarez Besada, foto da orla da Facultade de Medicina de Madrid, 1931 Unha revis...

A fábrica de galletas "La Peninsular"

Temos sinalado neste blog en diversas oportunidades o descoñecemento que posuimos da historia contemporánea de Tui fronte a outros períodos históricos moito mais investigados que a nosa historia mais recente. Aspectos como a vida política tudense na primeira metade do século XX seguen esperando un achegamento como tamén os procesos e dinámicas socias desenvolvidos no noso territorio. Hoxe ofrecemos en Tudensia un post sobre a fábrica de galletas “La Penínsular” que abrangue case medio século da vida económica tudense. Achegamos a información ofrecida polo profesor de historia económica da Universidade de Santiago de Compostela, Angel Ignacio Fernández González, no seu blog “Galicia Agraria” nun documentado post sobre a industria de galletas en Galicia nos principios do século XX. Aportamos a rica e moi completa información que achega profesor Fernández algunha pequena referencia da nosa autoria colocadas como notas. http://galiciaagraria.blogspot.com.es/2012/03/gall...

Lembranza agradecida a Xabier Añoveros

Onte á tarde, nos comezos de setembro, cando xa as horas diúrnas minguaron, o aire nos anticipa a proximidade do outono e as conversas se centraban nestas intranscendencias, recibín a triste noticia do falecemento, no Hospital Álvaro Cunqueiro de Vigo, de Xabier Añoveros Trías de Bes, navarro de berce, barcelonés de vida e traxectoria e tudense de corazón.   “ Tuy (con i grego como adoitaba a escribir pois con este arcaísmo semellaba reflectir mellor a antigüidade da nosa cidade) es una ciudad de la que estoy enamorado desde hace muchos años ” e, como é propio dun noivo, a esta vella cidade lle ten dedicado horas, estudos, e moi especialmente un agarimo permanente centrado na súa querida “Casa da Canicouba”. O seu noivado e posterior matrimonio con Julia García-Valdecasas Salgado, filla da tudense Julia Salgado Peñarredonda, o ligou dende 1968 a este outeiro pétreo sobre o Miño, que é Tui. Non sei se foi a longa tradición tudense da familia de Julia, o rico arquivo da Casa da Ca...