Ir al contenido principal

Visitas rexias a Tui. Dende 1502 con Manoel I de Portugual ningun outro monarca visitou Tui

Coñecedor da noticia da visita mañá mércores de S.M. El Rei D. Filipe VI á nosa cidade, concretamente á Comandancia Naval do Miño, inmediatamente xorde o interese por coñecer as anteriores visitas de monarcas á nosa cidade. Hai mais de cinco séculos que non visita Tui ningún monarca en exercicio. A última visita foi do rei portugués Manuel I no ano 1502 na súa peregrinación a Compostela. 


Con brevidade faremos unha enumeración sinxelas destas visitas rexias á nosa cidade que non pretende ser exhaustiva, pois varios dos seguidores deste blog nos reclaman este post e non houbo tempo de consultar a documentación e bibliografía necesaria. Sirvan estas notas como un apunte abondoso. Como sempre o extraordinario traballo de Francisco Ávila y La Cueva, “Historia civil y eclesiásticas de la ciudad de Tuy y su obispado”, é a fonte básica de información para enumerar estas visitas rexias á nosa cidade, que trataremos de presentar cronoloxicamente.

Carecemos de noticias sobre a presenza dun monarca do reino suevo na nosa cidade. Pero tendo en conta que tras a cidade de Braga, capital do reino, os outros enclaves urbanos de entidade eran Lugo e Tui é posible conxeturar coa presenza dos monarcas suevos nalgún momento na cidade tudense.

697: A primeira noticia certa é a presenza en Tui do rei Witiza, asociado ao trono polo seu pai, o rei Egica, e que instala en Tui a súa corte (a tradición atopa nesta circunstancia a orixe do topónimo tudense de “Pazos de Reis”). A presenza en Tui de Witiza apunta a que a nosa cidade ocupa, tras a conquista do reino suevo polos visigodos, unha posición preeminente en detrimento de Braga.

1057: Están en Tui o rei Fernando I e a súa esposa a raíña Dona Sancha que logo da toma de Lamego aos exércitos musulmáns visitan Tui de camiño á Catedral de Santiago, onde peregrinan para agradecer a vitoria militar ao apóstolo Santiago. Outros autores vinculan esta peregrinación á toma de Coimbra no ano 1064.

Fernando I de León, nun códice da Catedral de León

1112:  visita Tui a raíña Urraca que concede ao bispo Afonso II novas doazón que amplían o espazo xurisdicional concedido á sede tudense no ano 1095, agora coa entrega das vilas de Santa Mariña de Areas e de Spenicelo (Rebordáns) e outras propiedades na Veiga do Louro, etc.

1121: ao abeiro das loitas nobiliarias tan características destes tempos, coñecemos a presenza en Tui da condesa dona Tereixa de Portugal que conquista a nosa cidade, da que se retira diante da ofensiva da súa irmá, dona Urraca que viña acompañada do seu fillo, o futuro rei Alfonso VII, e outros nobres.

1137: Tras unha invasión do territorio tudense polo futuro Alfonso I de Portugal e unha inmediata reconquista polas tropas do monarca leonés, realizan unha estadía en Tui o emperador Afonso VII e a súa esposa dona Berenguela, que no 26 de xuño asinan na nosa cidade diversos privilexios e doazóns ao mosteiro de Oia e ao día seguinte ao favor do mosteiro de San Cosme e San Damián.

Posteriormente, o 4 de xullo, o monarca leonés asina en Tui co infante Afonso Henriques o coñecido como Pacto de Tui que lle garante a fidelidade do conde portucalense, aínda que por escaso tempo.

1159: visitan Tui os reis Fernando II e a súa esposa Dona Urraca onde asinan diversos documentos

1160: a finais do mes de xaneiro se reúnen en Tui o rei de Portugal Afonso I e o conde de Barcelona D. Ramón IV cunha representación de nobres e bispos de ambas partes para acordar as condicións da voda entre o herdeiro ao condado de Barcelona, D. Ramón, e a filla do monarca portugués, Dona Mafalda. Os esponsais foron asinados en Tui o 30 de xaneiro.

1169: Don Alfonso I de Portugal ao apoderarse da cidade ratifica a concesión do señorío da cidade ao bispo e igrexa de Tui nun documento asinado o 28 de marzo como compensación polos danos feitos á sede tudense.

1170: a finais de marzo está en Tui o rei de León, Fernando II que tras reconquistar a cidade, concede un dos privilexios mais importante da nosa historia, que determina o asentamento da cidade e o seu amurallamento así como a concesión de foros á cidade e os seus habitantes. Sobre esta estadía de Fernando II, que neste ano conmemoramos o seu 850 aniversario, nos temos ocupado en Tudensia: http://tudensia.blogspot.com/2020/03/viii-kalendas-aprili-24-de-marzo-850.html


Fernando II de León, nun códice da Catedral de Santiago de Compostela

Nestas xornadas posiblemente Tui acolleu unha reunión da curia rexia que para algúns historiadores sinala o inicio do sistema parlamentario. Tamén temos escrito sobre este tema neste blog: http://tudensia.blogspot.com/2020/04/naceu-en-tui-en-1170-o-parlamentarismo.html

1186: conquista Tui o monarca portugués Sancho I causando diversos danos á igrexa e cidade que logo compensa cunha doazón ao bispo D. Beltrán o 1 de xullo.

1201: o vinte de xaneiro estaban en Tui o monarca Alfonso IX de León e a súa muller, Dona Berenguela de Castela onde asinan un documento a favor do Mosteiro de Oia; seguen na nosa cidade o 11 de abril onde volven asinar a doazón do realaengo e vila de Saa e a igrexa de Erizana (Baiona) ao favor dos monxes de Oia. Avila y La Cueva citando a varios autores da certa verosimilitude a hipótese do nacemento en Tui do futuro Fernando III, na prolongada estadía dos seus pais na nosa cidade.

1208: Alfondo IX retorna de novo á cidade de Tui onde asina diversos documentos

1213: De novo está documentada a presenza de Alfonso IX en Tui xunto ao seu fillo Fernando.

1219: o rei de Portugal, Afonso II, visita Tui na súa peregrinación a Santiago para implorar do apóstolo a saúde.

1232: Visita, xa como titular da coroa unificada de León e Castela, Fernando III a nosa cidade nos meses de febreiro e marzo.

Fernando II, nun códice da Catedral de Santiago de Compostela

1243: O rei Sancho II de Portugal visita á nosa cidade no seu Camiño de peregrinación a Compostela.

1372: Enrique II de Castela ao coñecer a ocupación da cidade por un grupo de nobres que encabeza Alfonso Gómez de Lira luego que el rey lo sopo partió de Burgos e fue para Tui e cerco la cibdad e estovo y fasta que la cobró e dexó en ella recabdo , asi recolle Suso Vila citando a Pero López de Ayala a presenza do rei en Tui, onde permanece varias xornadas negociando co monarca portugués o “Acordo de Tui” que pacifica temporalmente as fronteiras.

1390: Suso Vila, a quen lle agradezo a súa colaboración, recolle tamén a presenza do monarca castelán Juan I en Tui logo dunha nova ocupación portuguesa por Joao I.

1418: o 26 de xullo deste ano o rei D. Joao I de Portugal conquista Tui e o noso historiador de referencia  Avila y La Cueva sinala: y estando aqui aquel Soberano para entrar en ella armo caballero en el mismo campo a su hijo natural don Alonso, primer duque de Bragança, y después de esta ceremonia entró en Tuy con su gente

1502: no mes de outubro visita Tui o monarca portugués D. Manuel o Venturoso, na súa peregrinación á Catedral de Santiago de Compostela.

Tanto na Idade Moderna como nos séculos contemporáneos a cidade de Tui estaba situada nun dos limites do imperio español e afastada por tanto dos centros de poder que xustificasen a presenza dun monarca neste territorio.

Haberá que agardar ás visitas que realiza Alfonso XIII á cidade de Vigo nos anos 1904 e 1927 en que viaxa ata a cidade olívica en ferrocarril que circula pola liña de Ourense pasando pola estación de Guillarei onde é saudado, ao paso do tren, por grupos de veciños.

Nin presidente das dúas Repúblicas españolas visitaron Tui durante o exercicio do seu cargo. Será no ano 1968, en agosto, cando o anterior Xefe do Estado, Francisco Franco, achéguese a Tui para visitar as obras recen finalizadas de rehabilitación do conxunto catedralicio tudense e inaugurar o Parado de Turismo “San Telmo”.

Logo de cinco séculos de novo un monarca, herdeiro dos monarcas do reino de Castela, visita de novo esta cidade e de novo a súa presenza está vinculada con temas militares; agardamos que no futuro poidamos contar cunha nova visita do monarca español á propia cidade de Tui.



Comentarios

Entradas populares de este blog

Emma Álvarez Besada a primeira tudense doutora en medicina

O legado dunha comunidade está conformado por un conxunto de bens materiais, que adoitamos denominar patrimonio, xunto cun amplo abano de elementos inmateriais que definen o seu carácter e a súa pervivencia no tempo. Entre estes bens intanxibles ou inmateriais ocupan un lugar non menor aquelas personalidades que ao longo do tempo teñen deixado unha pegada perdurable na memoria colectiva ou aquelas outras que, ás veces esquecidas ou non recoñecidas, expresan na súa traxectoria fitos senlleiros para a vida colectiva. Hoxe queremos recuperar dende Tudensia unha desas figuras olvidadas pero que no seu momento histórico tiveron unha pegada significativa na vida social e colectiva da nosa cidade e de alén dos seus termos xeográficos. As novas demandas sociais se expresan tamén na historiografía que investiga aos grupos sociais discriminados ou marxinados nos diferentes momentos do pasado. Retrato de Emma Álvarez Besada, foto da orla da Facultade de Medicina de Madrid, 1931 Unha revis...

A fábrica de galletas "La Peninsular"

Temos sinalado neste blog en diversas oportunidades o descoñecemento que posuimos da historia contemporánea de Tui fronte a outros períodos históricos moito mais investigados que a nosa historia mais recente. Aspectos como a vida política tudense na primeira metade do século XX seguen esperando un achegamento como tamén os procesos e dinámicas socias desenvolvidos no noso territorio. Hoxe ofrecemos en Tudensia un post sobre a fábrica de galletas “La Penínsular” que abrangue case medio século da vida económica tudense. Achegamos a información ofrecida polo profesor de historia económica da Universidade de Santiago de Compostela, Angel Ignacio Fernández González, no seu blog “Galicia Agraria” nun documentado post sobre a industria de galletas en Galicia nos principios do século XX. Aportamos a rica e moi completa información que achega profesor Fernández algunha pequena referencia da nosa autoria colocadas como notas. http://galiciaagraria.blogspot.com.es/2012/03/gall...

Lembranza agradecida a Xabier Añoveros

Onte á tarde, nos comezos de setembro, cando xa as horas diúrnas minguaron, o aire nos anticipa a proximidade do outono e as conversas se centraban nestas intranscendencias, recibín a triste noticia do falecemento, no Hospital Álvaro Cunqueiro de Vigo, de Xabier Añoveros Trías de Bes, navarro de berce, barcelonés de vida e traxectoria e tudense de corazón.   “ Tuy (con i grego como adoitaba a escribir pois con este arcaísmo semellaba reflectir mellor a antigüidade da nosa cidade) es una ciudad de la que estoy enamorado desde hace muchos años ” e, como é propio dun noivo, a esta vella cidade lle ten dedicado horas, estudos, e moi especialmente un agarimo permanente centrado na súa querida “Casa da Canicouba”. O seu noivado e posterior matrimonio con Julia García-Valdecasas Salgado, filla da tudense Julia Salgado Peñarredonda, o ligou dende 1968 a este outeiro pétreo sobre o Miño, que é Tui. Non sei se foi a longa tradición tudense da familia de Julia, o rico arquivo da Casa da Ca...