Ir al contenido principal

Posibles vestixios do hospital de San Xián dos Gafos na rúa do Rollo

 Ven de saír do prelo un novo número, o sexto, de “Castellum Tyde, revista do Instituto de Estudios Tudenses” que recolle unha serie de artigos de investigación sobre diversos aspectos da rica historia tudense. Agradecese que o Concello de Tui siga financiando esta publicación xa imprescindible para achegarse ao coñecemento da historia e do patrimonio tudense.

Entre os artigos contidos neste número, figura unha nova achega do cronista oficial da nosa cidade, o investigador Ernesto Iglesias Almeida, dedicado ao antigo Hospital de San Xián dos Lázaros, ou Gafos, existente no arrabalde do Rollo dende a Idade Media e cuxa lectura recomendamos ao axudarnos a recuperar a súa memoria.

Xunto ao hospital de pobres e peregrinos, localizado á beira da catedral, tamén dependía, en época medieval, do Concello tudense estoutro Hospital, o de San Xiao dos Gafos, no arrabalde do Rollo, que atendía aos enfermos máis temidos daqueles tempos: os leprosos, chamados tamén “os gafos”. Non coñecemos o momento da súa fundación, segundo Mª Carmen Sánchez Carrera posiblemente no século XIII, pois en 1246 no testamento do arcediano Fernán Eans figura unha manda para os leprosis tudensis.

A mesma autora recolle un documento de interese: item mando a os lazerados da casa de Santiago de Tuy un almadraque e hun cabesal e duas mantas de burel das que andan enna casa se alguns lacerados ende vinieren a morar. Esta referencia xacobea podería indicar que este hospital dos gafos ou lázaros fora creado por unha confraría baixo a advocación do apóstolo Santiago que hoxe descoñecemos; pero a administración deste centro correspondía ao Concello que nomeaba procuradores para a súa xestión, ás veces compartidos co hospital da cidade. Ernesto Iglesias no referido artigo recolle un documento de 1358 no que figura Ruy Domínguez Home bon da casa de Sam Giaaon”, posiblemente un destes procuradores, tamén denominados “ouvençal”.

A partires do século XV, ao descender o impacto deste andazo, foi reducindo a súa actividade. Este hospital estaba situado na saída da cidade, extramuros da fortaleza medieval non lonxe do camiño real que conducía cara O Porriño, polo que tamén transitaban os peregrinos. O nome de Rollo deste arrabalde ven dado pola existencia neste lugar do rollo e/ou a picota da cidade. A picota era unha columna, primeiro e madeira e logo en pedra, colocada á entrada da cidade para execución das sentenzas xudiciais e como permanente advertencia aos forasteiros do cumprimento de penas e castigos. O rollo era outra columna, normalmente pétrea e con decoración, que expresaba as prerrogativas xurisdicionais dunha cidade ou territorio, no caso tudense o señorío episcopal. Co tempo se unificaron no mesmo monumento ambas funcións: sinalar o señorío e o patíbulo ou lugar de execución das penas ou condenas xudiciais. O rollo tudense foi derrubado, por orde do Concello, en xullo de 1813 logo que as Cortes de Cádiz decretasen a abolición dos señoríos, simbolizando así o fin do poderío episcopal sobre a cidade tudense.

Amais do edificio hospitalario existía unha capeliña e algunha outra dependencia xunto con terreos anexos segundo apunta a documentación.

Ernesto Iglesias recolle que El 30 de junio del año 1578  el “obençal”, Antonio González, pide mandar reedificar esta capilla del hospital por hallarse muy deteriorada y próxima a la ruina, cuya obra remató el propio Concello. Añade Ávila y La Cueva que, a finales del siglo XVII, se incorporaron sus rentas al de pobres de la ciudad, quedando extinguido enteramente, demoliéndose los edificios, la propia capilla y terrenos que tras su venta por parte del Concello pasaron a manos particulares. Este proceso tamén está relacionado, ao parecer, coas obras da fortificación da nosa cidade con motivo das guerras con Portugal.

Con todo, como apunta Iglesias Almeida, os seus vestixios teñen chegado ata nos por las fincas y casas que hoy en día todavía podemos ver. Son humildes vivendas, hoxe en ruínas, situadas na rúa do Rollo e que agardan que algún promotor urbanístico de conta delas e remate por borrar a memoria deste hospital. Formaban parte dun arrabalde da cidade que chegou ata as últimas décadas do pasado século, con algunha edificación de singular interese arquitectónico que recollemos neste debuxo do tudense Martín que plasma con fidelidade a referida vivendas (situaríase na actual confluencia da rúa Rollo e Irmáns Maristas). Suso Vila no seu libro “O Tui esquecido” sinala: Era un vello caserón do século XVIII, de xanelas pequenas e balcón de ménsula corrida e perfil curvo, como todas as da súa clase estaba rebocada. O peto de ánimas situado nesta encrucillada do Rollo conservase na actualidade no Museo Diocesano de Tui. Unha mágoa a desfeita realizada neste barrio tudense que a duras penas conserva a súa memoria gracias ao nome da rúa.

Debuxo de Martín Rodríguez

Na propia rúa do Rollo se conservan, como apuntabamos, diversas edificacións e nas súas paredes exteriores aínda podemos contemplar, a simple vista, algunha inscrición gravada na pedra granítica e mesmo una representación cruciforme nunha xamba da porta. Estas representacións da cruz está relacionadas, segundo algúns investigadores, coas presenza de “cristiáns novo” ou xudeus recentemente bautizados que con estas representacións quería demostrar publicamente a súa adhesión á fe cristián. A inscrición, pola súa banda, resulta neste momento ilexible pero pola tipoloxía das letras podemos considerala de época medieval. Restos epigráficos posiblemente deste antigo hospital tudense.






Temos pois como as pegadas da historia da nosa cidade seguen conservándose agochadas no noso entorno mais inmediato e pasan tantas veces inadvertidas. Divulgar a súa presenza agardamos sirva para a súa axeitada conservación e para valorizar estas testemuñas que teñen chegado onda nos do hospital medieval de San Xián dos Gafos e da configuración urbanística da cidade en época medieval e moderna.

Comentarios

Entradas populares de este blog

Emma Álvarez Besada a primeira tudense doutora en medicina

O legado dunha comunidade está conformado por un conxunto de bens materiais, que adoitamos denominar patrimonio, xunto cun amplo abano de elementos inmateriais que definen o seu carácter e a súa pervivencia no tempo. Entre estes bens intanxibles ou inmateriais ocupan un lugar non menor aquelas personalidades que ao longo do tempo teñen deixado unha pegada perdurable na memoria colectiva ou aquelas outras que, ás veces esquecidas ou non recoñecidas, expresan na súa traxectoria fitos senlleiros para a vida colectiva. Hoxe queremos recuperar dende Tudensia unha desas figuras olvidadas pero que no seu momento histórico tiveron unha pegada significativa na vida social e colectiva da nosa cidade e de alén dos seus termos xeográficos. As novas demandas sociais se expresan tamén na historiografía que investiga aos grupos sociais discriminados ou marxinados nos diferentes momentos do pasado. Retrato de Emma Álvarez Besada, foto da orla da Facultade de Medicina de Madrid, 1931 Unha revis...

A fábrica de galletas "La Peninsular"

Temos sinalado neste blog en diversas oportunidades o descoñecemento que posuimos da historia contemporánea de Tui fronte a outros períodos históricos moito mais investigados que a nosa historia mais recente. Aspectos como a vida política tudense na primeira metade do século XX seguen esperando un achegamento como tamén os procesos e dinámicas socias desenvolvidos no noso territorio. Hoxe ofrecemos en Tudensia un post sobre a fábrica de galletas “La Penínsular” que abrangue case medio século da vida económica tudense. Achegamos a información ofrecida polo profesor de historia económica da Universidade de Santiago de Compostela, Angel Ignacio Fernández González, no seu blog “Galicia Agraria” nun documentado post sobre a industria de galletas en Galicia nos principios do século XX. Aportamos a rica e moi completa información que achega profesor Fernández algunha pequena referencia da nosa autoria colocadas como notas. http://galiciaagraria.blogspot.com.es/2012/03/gall...

Lembranza agradecida a Xabier Añoveros

Onte á tarde, nos comezos de setembro, cando xa as horas diúrnas minguaron, o aire nos anticipa a proximidade do outono e as conversas se centraban nestas intranscendencias, recibín a triste noticia do falecemento, no Hospital Álvaro Cunqueiro de Vigo, de Xabier Añoveros Trías de Bes, navarro de berce, barcelonés de vida e traxectoria e tudense de corazón.   “ Tuy (con i grego como adoitaba a escribir pois con este arcaísmo semellaba reflectir mellor a antigüidade da nosa cidade) es una ciudad de la que estoy enamorado desde hace muchos años ” e, como é propio dun noivo, a esta vella cidade lle ten dedicado horas, estudos, e moi especialmente un agarimo permanente centrado na súa querida “Casa da Canicouba”. O seu noivado e posterior matrimonio con Julia García-Valdecasas Salgado, filla da tudense Julia Salgado Peñarredonda, o ligou dende 1968 a este outeiro pétreo sobre o Miño, que é Tui. Non sei se foi a longa tradición tudense da familia de Julia, o rico arquivo da Casa da Ca...