Ir al contenido principal

O Camiño de Santiago en Tui (V): peregrinos no século XVI

Continuamos a serie sobre o Camiño de Santiago en Tui coas referencias ás peregrinacións xacobeas en Tui no século XVI:


No ano 1532 Frei Claude de Bronseval e o seu señor o abade don Edme de Salieu culminan en Tui o seu periplo de dificultades por atopar aloxamento como peregrinos: “Tivemos graves problemas para aloxarnos. Os habitantes ríanse de nós, como se fosemos bárbaros ou sarracenos. Ao ver isto dous irmáns da Orde de predicadores levaronnos ante unha anciá a quen lle suplicaron que nos dera aloxamento. Foi o noso último aloxamento en Galicia e dicían que era moi bo, pero en realidade era moi malo”.

En 1537 o viaxeiro italiano Nicolás Cleonardo, preceptor dos infantes portugueses, narra a súa viaxe dende Evora ata Compostela; na ida realizou o camiño por Ponte de Lima e Tui, namentras que ao regreso tras cruzar o rio Miño na barca de Tui, voltou a Ponte de Lima pero dende alí visitou Viana do Castelo para retornar ao interior por Barcelos.

Entre 1567 e 1568 Sexismundo Cavalli percorre este roteiro entrando en Portugal por Elvas e dende Braga polo trazado da antiga via romana foi a Ponte de Lima e Valença.

A viaxe que en 1581 realizou Erich Lassota de Stevolovo, un militar polaco de Silesia que serviu a Filipe II de España, “é tamén interesante, porque unha parte fíxose en barco e o resto a través dun itinerario terrestre moi ben documentado” que chegaba a Braga, Ponte de Lima e despois Valença do Minho. No regreso fixo o mesmo itinerario.

Deste mesmo ano se conserva o relato da viaxe realizada por Bartolomé Bourdelot, da República de Venecia enviado por esta onde Filipe II. En 1581 atópase en Lisboa e peregrina a Compostela pola vía clásica que percorrian todos os peregrinos e viaxeiros e que pasaba por Valença – Tui.

Giovanni Battista Confalonieri era un presbítero de Italia que acompañou ao Patriarca de Xerusalen, monseñor Fabio Biondo de Montalto, na sua peregrinación xacobea. Desta viaxe realizada en 1594 deixou un afamado relato con abondosas descricións. Na xornada décimo primeira refire a súa chegada a Valença que erguiase nun outeiro amurallado sobre o río Miño, que tiña de atravesar en barca para chegar a Tui:

Valença en el confin de Portugal; villa situada en una colina, amurallada, en ella se hace el registro del dinero, plata y cabalgaduras. Calle larga, casa pequeñas, a la entrada, un pequeño arrabal, y delante de la puerta un porche monumental. Se sigue bajando y se atraviesa el rio Miño, y, al igual que en Vila do Conde, de la otra parte del río Miño se encuentra inmediatamente Tui, ciudad y principado de Galicia. Es pequeña, amurallada, pobre en gente y en dinero. La Catedral es grande y en ella está el cuerpo de San Telmo, abogado de los marineros, sobre el cual hay una capilla en que se celebra, aunque no está canonizado.

Comentarios

Entradas populares de este blog

A fábrica de galletas "La Peninsular"

Temos sinalado neste blog en diversas oportunidades o descoñecemento que posuimos da historia contemporánea de Tui fronte a outros períodos históricos moito mais investigados que a nosa historia mais recente. Aspectos como a vida política tudense na primeira metade do século XX seguen esperando un achegamento como tamén os procesos e dinámicas socias desenvolvidos no noso territorio. Hoxe ofrecemos en Tudensia un post sobre a fábrica de galletas “La Penínsular” que abrangue case medio século da vida económica tudense. Achegamos a información ofrecida polo profesor de historia económica da Universidade de Santiago de Compostela, Angel Ignacio Fernández González, no seu blog “Galicia Agraria” nun documentado post sobre a industria de galletas en Galicia nos principios do século XX. Aportamos a rica e moi completa información que achega profesor Fernández algunha pequena referencia da nosa autoria colocadas como notas. http://galiciaagraria.blogspot.com.es/2012/03/gall...

Emma Álvarez Besada a primeira tudense doutora en medicina

O legado dunha comunidade está conformado por un conxunto de bens materiais, que adoitamos denominar patrimonio, xunto cun amplo abano de elementos inmateriais que definen o seu carácter e a súa pervivencia no tempo. Entre estes bens intanxibles ou inmateriais ocupan un lugar non menor aquelas personalidades que ao longo do tempo teñen deixado unha pegada perdurable na memoria colectiva ou aquelas outras que, ás veces esquecidas ou non recoñecidas, expresan na súa traxectoria fitos senlleiros para a vida colectiva. Hoxe queremos recuperar dende Tudensia unha desas figuras olvidadas pero que no seu momento histórico tiveron unha pegada significativa na vida social e colectiva da nosa cidade e de alén dos seus termos xeográficos. As novas demandas sociais se expresan tamén na historiografía que investiga aos grupos sociais discriminados ou marxinados nos diferentes momentos do pasado. Retrato de Emma Álvarez Besada, foto da orla da Facultade de Medicina de Madrid, 1931 Unha revis...

Bo Nadal cun texto de Manuel Lago González: “Noite Boa” (1892)

Felicitamos hoxe aos seguidores de Tudensia estas festas do Nadal recuperando un breve texto, non o chamaría nin relato, sobre como se celebraba a Noiteboa nas aldeas de Tui nas últimas décadas do século XIX, nun momento en que os labregos galegos vivían nunha economía de subsistencia e nunhas moi duras condicións de vida. Anxo no capitel do arco triunfal da igrexa de San Domingos de Tui, sec. XV Trátase dun texto de Manuel Lago González publicado o 24 de decembro de 1892 no xornal tudense “La Integridad”. Daquela Manuel Lago era un presbítero que formaba parte do claustro de profesores do Seminario tudense e que tiña unha activa participación como xornalista e na vida social en Tui. Ao xornalismo entregouse Lago con verdadeira ardentía e a tarefa que se impuxo foi querer incorporar a defensa das tradicións e os intereses de Galicia ao ideario católico de signo integrista (oposto radicalmente ao liberalismo). Este texto, que non foi publicado posteriormente a súa edición en “La Int...