Ir al contenido principal

O Camino de Santiago en Tui (VI): peregrinos do século XVII

Ao longo do século XVII existen numerosos e moi importantes relatos sobre peregrinos que visitan a nosa cidade no seu tránsito xacobeo. Comezaremos polo periplo que realiza Sobieski, pai do que foi rei de Polonia Xoán III, que visita o sartego de Compostela en 1611 e que logo se encamiña cara Lisboa pola ruta tradiciónal dos peregrinos: Tui-Valença, Ponte de Lima, Porto e Lisboa.

Recolle F. Calo que Samuel Purchas publicou en 1625, un itinerario inglés en verso que debeu ser feito a finais do século XV; relata que dende Santiago marchou polo camiño portugués e dende Pontevedra chega á cidade do “Corpe Sante”, a última de Galicia, na beira do mar e que non pode ser outra cidade que Tui.

En 1672 se publicaron os oito libros de viaxes de A. Jouvin, dedicado o segundo deles a España e Portugal, describindo pormenorizadamente o camiño portugués.

Aos poucos anos, no ano santo de 1677, está documentada a peregrinación da duquesa de Aveiro polas nosas terra tudenses e valencianas.

Unha moi interesante noticia corresponde a 1675 cando o abade Giovan Battista Pacichelli viaxa á nosa terra, itinerario que recolle en cinco volumes publicados en Napolés en 1685, recollendo que embarcando en Gran Bretaña nunha nave inglesa, con destino a Lisboa, aproveita unha larga estadia do navio no porto de Tui para dirixirse a Compostela a rezar na tumba do apostolo.

Vista de Tui, por P. Valdi, debuxante que acompañaba a Cosme de Medicis

Outro afamado viaxeiro foi Cosme III de Médicis, gran duque de Toscana, cuxo viaxe comezou en Elvas, acompañado dunha comitiva de trinta personas, entre eles Lorenzo Magalotti que escribe o relato oficial da viaxe e Pier Baldi que o plasma con fermosas ilustracións. Curiosamente no seu percorrido en 1699 pola ruta da costa atlántica ata chegar a Viana do Castelo, seguindo ata Caminha, nesta vila, aproveitando a marea, tomou dous pequenos bateis que navageban no rio Miño para dirixirse ata Tui, fronte a Valença, onde chega, o 1 de marzo de 1669, tras catro horas de viaxe, sendo recibido con todos os honores polo bispo tudense no mesmo porto da cidade.

Il Minio es un fiume reale, largo e in molti luoghi ouí di un miguo, ed è il termine de Portogallo e della Galizia. Si giunse la sera a cena a Tui cittá prima de Galizia, un fronte a cui un tiro di cannone vi è Valenza. Tui é cittá antica col castello sull’alto fabbriche poverissime mi(se) vicini e il vescovo col capitolo sono padroni nominando egli il correggitore ed alcaldè.

La posata fú nel convento di S. Domenico. Il vescovo regalo S.A. di pesci, confetture e una mitra di zucchero.

Qui sono salmoni grossissimi nel fiume, rombi e si vendono baléne alla spiaggia del mare.

Sobre esta peregrinación o blog tudense Ferruxadas publicou recentemente un post que completa a nosa información: http://ferruxo.blogspot.com/2010/06/viaje-de-cosme-iii-de-medicis.html

Domenico Laffi, un sacerdote italiano de Bolonia, fixo cinco grandes peregrinacións, das que as tres primeiras foron a Santiago de Compostela, na última achegouse a Lisboa para visitar o berce de Santo Antonio e fixo un similar itinerario como o Médicis, achegándose dende Viana a Caminha e dende alí prosegiu, por barco, ata Valença onde cruzou o Miño entrando en Tui “a primeira cidade do Reino de Galicia

Nos anos seguintes un novo peregrino italiano, Buonafede Vanti, que viaxa no Ano Santo de 1717, dende Cádiz ata Compostela, realizando o seu percorrido, na nosa zona, por Porto, Viana, Camiña onde, como tantos outros peregrinos, sube polo Miño en barco ata Valença onde cruza á cidade de Tui.

Pero o máis interesante relato é do de Nicola Albani, un napolitano que fixo en 1743 o camiño francés, continuando despois a súa viaxe ata Lisboa, chega a Tui o 16 de decembro e recolle o seguinte relato

fun tratado mal no hospital, durmindo sobre un pouco de palla posta no mesmo chan. Cando me levantei pola mañá, fun ver a mencionada vila e ao mesmo tempo pedir esmola, e obtívena moi boa, especialmente por parte dos señores coengos e do bispo, de quen obtiven unha peseta. Sabede que este é o último lugar do reino de Galicia que fai confín co reino de Portugal; non está moi fortificada de murallas, nin está gardada por moitos soldados, como sería cousa normal sendo praza de armas na fronteira cun reino inimigo. A razón disto é que España está ben segura de Portugal, segundo o proverbio de que o grande acaba comendo ao máis pequeno; porén, Portugal está ben gardado, que xa non se fía tanto de España. En canto ás marabillas, non hai grandes cousas, senón a Igrexa Maior, unha das máis ricas do reino de Galicia, excepción feita da de Santiago, cun fermosísimo coro situado no centro da igrexa, na mesma posición ca a de Santiago e cuns asentos para os cóengos e dosel do bispo con dous fermosísimos e magníficos órganos, que non creo que en España haxa ningún igual. Así sobre as 6 da tarde do mencionado día 17, púxenme en camiño. Case unha milla despois de Tui, acabado xa o territorio de España, hai que pasar un gran río chamado río Miño, de case media milla de ancho, máis alá do cal un entra xa no dominio portugués; o mencionado río pásase con barca, que se atopa continuamente nunha e outra beira, e hai que pagar dous cuartos, de España, por persoa, que equivale a unha pública de Nápoles, e o devandito río separa un reino do outro”.

Na capital portuguesa permaneceu case dous anos, para retornar a Santiago, en 1745, ano santo compostelán, realizando o mesmo itinerario en sentido inverso, e anota sobre o seu paso por Tui: “Na mañan do 24 de xaneiro seguin a miña viaxe. Co que as dez da noite saín do reino de Portugal e entrei no reino de Galicia, chegando xa de noite á vila de Tui onde pasei a noite nun aloxamento non moi coidado. Na mañá seguinte fun recoller a miña esmola coa citada patente de San Francisco, recibindo outras esmolas que pedín de viva voz a mesma mañá”.

Entre a multitude de noticias que nos deixa Albani, recolle José Antonio de la Riera, dá conta do seu encontro, en Ponte Sampaio, con dous nobres das familias dos Colonna e dos Lancellotti, aos que coñecera en Compostela. Indo a servilos a Vigo, Albani é consciente de abandonar o Camiño, e así reflicte sen ambaxes, despoxándose de todas as súas insignias de peregrino”. É moi interesante este detalle pois un dos escasísimos relatos sobre o pretendido “camiño portugués da costa” é este de Albani, en que contratado ao servizo destes nobres, permanece en Vigo, primeiro enfermo e logo disfrutando dunha vida regalada, para dirixirse a Baiona, e dende ali alugando cabalos de tiro “pois non quedan de postas neses lugares” encamiñanse a Oia e A Guarda onde, tras varios incidentes e ser despedido polos seus señores, cruzan todos o Miño en Caminha e continuan a Viana, onde Albani comenta “o erro que cometera ao quitar o hábito de peregrino cando sain con eles e porme de novo en condición mundana”. Resulta evidente que cando Albani realiza este roteiro, hoxe tan reivindicado por algúns como vía xacobea, é consciente que non está peregrinando senón viaxando por lugares afastados e con “camiños peores”. Velaí como a historia por moito que nos empeñemos coloca a cada quen no seu sitio.

Comentarios

Entradas populares de este blog

Emma Álvarez Besada a primeira tudense doutora en medicina

O legado dunha comunidade está conformado por un conxunto de bens materiais, que adoitamos denominar patrimonio, xunto cun amplo abano de elementos inmateriais que definen o seu carácter e a súa pervivencia no tempo. Entre estes bens intanxibles ou inmateriais ocupan un lugar non menor aquelas personalidades que ao longo do tempo teñen deixado unha pegada perdurable na memoria colectiva ou aquelas outras que, ás veces esquecidas ou non recoñecidas, expresan na súa traxectoria fitos senlleiros para a vida colectiva. Hoxe queremos recuperar dende Tudensia unha desas figuras olvidadas pero que no seu momento histórico tiveron unha pegada significativa na vida social e colectiva da nosa cidade e de alén dos seus termos xeográficos. As novas demandas sociais se expresan tamén na historiografía que investiga aos grupos sociais discriminados ou marxinados nos diferentes momentos do pasado. Retrato de Emma Álvarez Besada, foto da orla da Facultade de Medicina de Madrid, 1931 Unha revis...

A fábrica de galletas "La Peninsular"

Temos sinalado neste blog en diversas oportunidades o descoñecemento que posuimos da historia contemporánea de Tui fronte a outros períodos históricos moito mais investigados que a nosa historia mais recente. Aspectos como a vida política tudense na primeira metade do século XX seguen esperando un achegamento como tamén os procesos e dinámicas socias desenvolvidos no noso territorio. Hoxe ofrecemos en Tudensia un post sobre a fábrica de galletas “La Penínsular” que abrangue case medio século da vida económica tudense. Achegamos a información ofrecida polo profesor de historia económica da Universidade de Santiago de Compostela, Angel Ignacio Fernández González, no seu blog “Galicia Agraria” nun documentado post sobre a industria de galletas en Galicia nos principios do século XX. Aportamos a rica e moi completa información que achega profesor Fernández algunha pequena referencia da nosa autoria colocadas como notas. http://galiciaagraria.blogspot.com.es/2012/03/gall...

Lembranza agradecida a Xabier Añoveros

Onte á tarde, nos comezos de setembro, cando xa as horas diúrnas minguaron, o aire nos anticipa a proximidade do outono e as conversas se centraban nestas intranscendencias, recibín a triste noticia do falecemento, no Hospital Álvaro Cunqueiro de Vigo, de Xabier Añoveros Trías de Bes, navarro de berce, barcelonés de vida e traxectoria e tudense de corazón.   “ Tuy (con i grego como adoitaba a escribir pois con este arcaísmo semellaba reflectir mellor a antigüidade da nosa cidade) es una ciudad de la que estoy enamorado desde hace muchos años ” e, como é propio dun noivo, a esta vella cidade lle ten dedicado horas, estudos, e moi especialmente un agarimo permanente centrado na súa querida “Casa da Canicouba”. O seu noivado e posterior matrimonio con Julia García-Valdecasas Salgado, filla da tudense Julia Salgado Peñarredonda, o ligou dende 1968 a este outeiro pétreo sobre o Miño, que é Tui. Non sei se foi a longa tradición tudense da familia de Julia, o rico arquivo da Casa da Ca...