Ir al contenido principal

Apuntes para unha biografía de Darío Álvarez Blázquez

O pasado martes 26 de outubro o Concello de Tui rendéulle unha homenaxe a doutor Darío Álvarez Blázquez ao cumprirense o centenario do seu nacemento o 30 de setembro. Con este motivo descubriuse unha placa conmemorativa na que foi a súa residencia na rúa San Telmo (daquela número dous... hoxe número cinco por azares administrativos...). No suplemento “Baixo Miño / Louriña” do "Faro de Vigo" do pasado sábado 30 de outubro publiquei est pequena biografia do egrexio tudense, que agora reproducimos un chisco ampliada en Tudensia.

Apuntes para unha biografía de Darío Álvarez Blázquez



A presenza da familia Álvarez na vella cidade tudense percorre boa parte do século XX. A súa pegada, de xeito directo ou indirecto, está presente en numerosos acontecementos da vida social (no seu máis amplo sentido) de Tui ao longo de moitas décadas.

Primeiro coa chegada a Tui do médico Darío Álvarez Limeses, exercendo o seu labor asistencial ao longo de tres décadas, paralelamente ao seu labor periodístico, social e político. Casa en Tui con María Blázquez Ballester o 15 de xuño de 1907. María Blázquez nacera en Cárdenas – Cuba en 1881, filla do albaceteño Francisco Blázquez Parra e da cubana Ignacia Ballester, e que tras o retorno da familia da illa caribeña pasara a residir na casa duns familiares na cidade de Tui. Tiveron seis fillos: Darío (1910), Celso (1913), Xosé María (1915), Alfonso (1917), Emilio (1919) e Álvaro (1921).

O primeiro dos irmáns Álvarez Blázquez, Darío, nace na nosa cidade o 30 de setembro do ano 1910. Tras estudar en Tui os primeiros anos, fixo o bacherelato por libre examinándose en Pontevedra e cursa a carreira de medicina en Santiago, acadando a licenciatura no ano 1932, acadando posteriormente, no Hospital de San Carlos de Madrid, as especialidades de pulmón e corazón.

Tras establecerse como médico en Tui, accede a unha praza coma tisiólogo por oposición no Patronato Nacional Antituberculoso; dende 1933 a 1936, ocupa a praza de tisiólogo no Centro Secundario de Hixiene Rural de A Guarda. Médico con consulta propia en Tui entre 1932-42, asistía á dotación da lacha cañonera “Cabo Fradera” e tamén a varias comunidades de pobres e colectivos como as Madres Doroteas, Hermanitas do Asilo de Ancianos Desamparados, as “Encerradas”, etc. Tamén ao pouco de licenciarse foi profesor auxiliar da cátedra de Ciencias Naturais no Instituto de Segunda Enseñanza tudense. Tras a súa marcha a Vigo en 1942, onde logo será médico en Pescanova e outras entidades, mantivo moitos anos a súa consulta tudense. Compre lembrar que estaba casado coa tamén tudense Carmiña Gándara e os seus fillos Darío e Alfonso naceron nesta vella cidade.

Dende os anos mozos foi membro do Partido Galeguista e será o promotor da creación da agrupación local tudense, como anuncia o xornal “A Nosa Terra” en varios números da primavera de 1936, aínda que semella que dita agrupación non chegou a concretizarse. Non esqueceu a súa militancia política e en 1947 foi detido na cidade de Vigo xunto a varios profesionais por pertencer a U.I.L. (Unión de Intelectuais Libres), en 1974, realiza unha ampla labor como membro fundador da Xunta Democrática de Vigo e de Galicia. Neste anos funda o Movemento Socialista de Galicia (M.S.G.), fusionado máis tarde co P.S.G. (Partido Socialista Galego), abandonando o partido en 1977.

O fusilamento do pai, Darío Álvarez Limeses, marcara traxicamente á familia e a súa relación coa nosa cidade. Tiveron de padecer unha persecución política e social moi forte naqueles duros tempos da guerra civil e primeiro anos da post-guerra. A necesidade de superar o abafante ambiente daqueles anos e de procurar novas expectativas de vida provicaron que a familia se instalase en Vigo no ano 1942.

Darío foi quen sostivo económicamente á familia tras a traxedia do fusilamento do pai e foi sempre o elemento de unión e catalizador de moitas das actividades dos seus irmáns. Foi tamén quen mantivo unha presenza física máis constante en Tui onde mantivo a casa da rúa San Telmo ata a súa morte.

Tui foi unha constante nos seus anceios e mesmo nas súas achegas de investigador. Así en 1964 publica o libro “Francisco Sánchez, “El escéptico”. Un gallego precursor” reivindicando a orixe tudense deste médico e filósofo do século XVI fronte as pretensións do seu nacemento nas terras portuguesas de Braga. A este mesmo autor está dedicada a súa tese doutoral na Universidade de Santiago de Compostela calificada con “sobresaliente cum laude” no ano 1960. Membro de numerosas agrupacións médicas pero tamén de diversas entidades e institucións coma, por exemplo, membro non numerario da Real Academia Galega.

Conservou tamén a vocación xornalística do seu pai colaborando en numerosos periódicos e revistas de Galicia e España: “Galicia emigrante”, “El Pueblo Gallego”, “La Noche”, “Faro de Vigo”, “La Voz de Galicia”, “Papeles de Son Armadans”, “Jornal de Noticias”, etc. Finalmente foi autor de dúas novelas en castelán: “El fracaso de Clayton” (1938) –traducida ao galego- e “A las cinco en punto” (1939) asinadas co seudónimo de Lázaro Evia.

Tras a chegada da democracia publica numerosos traballos sobre a época de guerra civil na nosa bisbarra: sobresaíndo “Historias de la retaguardia nacionalista” que logra o 2º premio nun concurso de relatos convocado pola revista “Historia y vida” no ano 1975, e por aquelas datas publica unha serie de artigos en “La Voz de Galicia”, xornal no que era colaborador habitual, tituladas “Historias de fuxidos” nas que recolle moitas das súas vivencias e experiencias naqueles anos mouros, emocionantes polas traxedias que recolle e pola solidariedade que xorde fronte ao drama da guerra e a represión.

Darío Álvarez Blázquez foi un humanista na amplitude do termino, mantivo toda a súa existencia acesa a súa condición tudense a pesares dos desacougos vividos na vella cidade episcopal, participando en diversas actividades e iniciativas sociais e culturais. Foi pregoeiro das festas patronais de San Telmo no ano 1972 e co gallo desta festividade era un habitual colaborador da prensa diaria con artigos sobre a súa cidade natal.

Morre en Vigo na súa consulta o 7 de xuño de 1979

Comentarios

Entradas populares de este blog

Emma Álvarez Besada a primeira tudense doutora en medicina

O legado dunha comunidade está conformado por un conxunto de bens materiais, que adoitamos denominar patrimonio, xunto cun amplo abano de elementos inmateriais que definen o seu carácter e a súa pervivencia no tempo. Entre estes bens intanxibles ou inmateriais ocupan un lugar non menor aquelas personalidades que ao longo do tempo teñen deixado unha pegada perdurable na memoria colectiva ou aquelas outras que, ás veces esquecidas ou non recoñecidas, expresan na súa traxectoria fitos senlleiros para a vida colectiva. Hoxe queremos recuperar dende Tudensia unha desas figuras olvidadas pero que no seu momento histórico tiveron unha pegada significativa na vida social e colectiva da nosa cidade e de alén dos seus termos xeográficos. As novas demandas sociais se expresan tamén na historiografía que investiga aos grupos sociais discriminados ou marxinados nos diferentes momentos do pasado. Retrato de Emma Álvarez Besada, foto da orla da Facultade de Medicina de Madrid, 1931 Unha revis...

A fábrica de galletas "La Peninsular"

Temos sinalado neste blog en diversas oportunidades o descoñecemento que posuimos da historia contemporánea de Tui fronte a outros períodos históricos moito mais investigados que a nosa historia mais recente. Aspectos como a vida política tudense na primeira metade do século XX seguen esperando un achegamento como tamén os procesos e dinámicas socias desenvolvidos no noso territorio. Hoxe ofrecemos en Tudensia un post sobre a fábrica de galletas “La Penínsular” que abrangue case medio século da vida económica tudense. Achegamos a información ofrecida polo profesor de historia económica da Universidade de Santiago de Compostela, Angel Ignacio Fernández González, no seu blog “Galicia Agraria” nun documentado post sobre a industria de galletas en Galicia nos principios do século XX. Aportamos a rica e moi completa información que achega profesor Fernández algunha pequena referencia da nosa autoria colocadas como notas. http://galiciaagraria.blogspot.com.es/2012/03/gall...

Lembranza agradecida a Xabier Añoveros

Onte á tarde, nos comezos de setembro, cando xa as horas diúrnas minguaron, o aire nos anticipa a proximidade do outono e as conversas se centraban nestas intranscendencias, recibín a triste noticia do falecemento, no Hospital Álvaro Cunqueiro de Vigo, de Xabier Añoveros Trías de Bes, navarro de berce, barcelonés de vida e traxectoria e tudense de corazón.   “ Tuy (con i grego como adoitaba a escribir pois con este arcaísmo semellaba reflectir mellor a antigüidade da nosa cidade) es una ciudad de la que estoy enamorado desde hace muchos años ” e, como é propio dun noivo, a esta vella cidade lle ten dedicado horas, estudos, e moi especialmente un agarimo permanente centrado na súa querida “Casa da Canicouba”. O seu noivado e posterior matrimonio con Julia García-Valdecasas Salgado, filla da tudense Julia Salgado Peñarredonda, o ligou dende 1968 a este outeiro pétreo sobre o Miño, que é Tui. Non sei se foi a longa tradición tudense da familia de Julia, o rico arquivo da Casa da Ca...