Ir al contenido principal

O Camiño de Santiago en Tui (III): os peregrinos

O bispo Diego Xelmirez ordeando a dous cabaleiros (miniatura medieval do Tumbo do mosteiro de Toxosoutos)

Ao falar do camiño de pereginación xacobea cómpre referirse aos auténticos protagonistas ou artífices dos itinerarios: os peregrinos. Estamos diante dun fenómeno que agroma, no caso compostelán, nos inicias da Idade Media como froito dunha espiritualidade e unhas condicións históricas concretas e que, sorprendentemente para moitos, logo de máis de oitocentos anos segue vixente con intensidade.

A inmensa maioria dos peregrinos fican no anónimato, rescatados únicamente por sucesos ou acontecementos que os levan a figurar nas fontes documentais. A peregrinación é un fenómeno social de grande importancia, especialmente, na Idade Media e Moderna, froito dunha cultura cristán que definía a vida social. A peregrinación significaba un cambio de vida, unha arela de transformación, estamos diante dunha das imaxes máis completas da concepción medieval do mundo: o home “viator”, que camiña, que peregrina non xa a Compostela, Xerusalem ou Roma senón á patria celestial.

A presenza de peregrinos foi unha constante na vida tudense, con momentos de esplendor e decadencia, pero nunca chegou a esmorecer definitivamente. Moitos deste sinxelos e anónimos peregrinos chegan onda nós pola súa presenza nos libros de bautizados ou defuntos da Catedral que nos ilustra sobre a súa permanencia ao longo dos séculos.

A titulo de exemplo e recollendo algún casos de peregrinos extranxeiros do século XVIII podemos citar os seguintes casos recollido polo cronista oficial tudense e investigador acreditado neste tema, como en tantos outros aspectos da nosa historia, Ernesto Iglesias Almeida:

1722.12-27: Josep Rapo e a sua muller Maria Quers “peregrinos al apostol y patrón de España el Señor Santiago, vecinos y naturales del lugar de Crosa provincia de Brandesvurveg” que bautizan a súa filla.

1729.08.28: anótase o pasamento de “Pedro Juan, natural de Italia de la ciudad de Toscana, peregrino al Apostol Sr. Santiago

1728.08.29: morte de Manuel Rodriguez “termino de Viana, arzobispado de Braga, Reino de Portugal, el qual difunto venía del Apostol Santiago

1730.05.16: bautizo da filla de “Jacob Rayder y Margarita Fortes naturales de Alemania en los cantones esquisaros de la ciudad de Zirghen y peregrinos que pasan al Apostol Señor Santiago de Galicia”.

1737.08.02: Falecemento de “Ana Barbara Floriana natural del Imperio en Viena (...) muger de Valenya Cotis natural de Polonia en Lobrin y caminaba en peregrinación al Apostol Sr. Santiago en compañia de una hija Ana Maria

1741.11.23: Morte de “Phelipe Aleman, pobre, peregrino, natural de Alemania”.

1745.12.22: Pasamento de “Manuel Antonio Joseph (...) de nacion portuguesa que pasaba de peregrinos al Apostol Sr. Santiago de Galicia

1749.07.09: Morte de Pedro Pon “peregrino que segun sus papeles venía de Roma y Santiago de Galicia, de naçion espanol”.

1764.01.26: Bautizo dunha nena de “Antonio Ruciel y de Maria Josepha Lossada que pasaban por esta ciudad en peregrinación a Santiago y naturales del Reyno de Francia

1764.11.03: morte de “Catalina Francisca, viuda de nación flamenca, que pasaba por esta ciudad en peregrinación al Apostol Santiago

1765.07.19: falecemento de “un peregrino llamado Joseph cuco marido que fue de Maria Dominga Serrata Cuca naturales y vezinos de la villa de Varesi en el Obispado de Arbenga republica de Jenoba

1767.09.16: morte de “Jospeh de Andrea, natural de Genova, que venia en peregrinación del Santo Apostol Santiago”.

Pero dende os primeiros tempos da peregrinación ao sartego de Santiago Apóstolo posuímos testemuñas que documentan a viaxe de peregrinos procedentes dos sectores elevados da sociedade e que deixaron escritos sobre o seu itinerario que discurría pola cidade de Tui.

Unha das primeiras referencias documentais que se conservan, sobre o camiño a Santiago, data do século XII, 1138, da autoría de Abu-Abd-Allá Mohamed-Al-Edrisi, que fai unha viaxe a Compostela polo territorio portugués a través da antiga calzada romana, a vía XIX do Itinerario de Antonino, entrando no territorio de Galicia a través de Tui.

Xa anteriormente tiñan realizado este mesmo itinerario tanto Almanzor, na súa razzia do ano 997, a raiña Dona Sancha, esposa de Fernando II, que foi tres veces en peregrinación a Compostela, unha delas no 1063, ou o arcebispo Diego Xelmírez, en 1102, cando cometeu o seu “pio latrocinio” coas reliquias da sede de Braga, que deposita temporalmente no mosteiro de San Bartolomeu de Rebordáns, ao carón do rio Miño, e que naquela altura desempeñaba funcións de Catedral, acollendo ao bispo Afonso.

Comentarios

Entradas populares de este blog

Emma Álvarez Besada a primeira tudense doutora en medicina

O legado dunha comunidade está conformado por un conxunto de bens materiais, que adoitamos denominar patrimonio, xunto cun amplo abano de elementos inmateriais que definen o seu carácter e a súa pervivencia no tempo. Entre estes bens intanxibles ou inmateriais ocupan un lugar non menor aquelas personalidades que ao longo do tempo teñen deixado unha pegada perdurable na memoria colectiva ou aquelas outras que, ás veces esquecidas ou non recoñecidas, expresan na súa traxectoria fitos senlleiros para a vida colectiva. Hoxe queremos recuperar dende Tudensia unha desas figuras olvidadas pero que no seu momento histórico tiveron unha pegada significativa na vida social e colectiva da nosa cidade e de alén dos seus termos xeográficos. As novas demandas sociais se expresan tamén na historiografía que investiga aos grupos sociais discriminados ou marxinados nos diferentes momentos do pasado. Retrato de Emma Álvarez Besada, foto da orla da Facultade de Medicina de Madrid, 1931 Unha revis...

A fábrica de galletas "La Peninsular"

Temos sinalado neste blog en diversas oportunidades o descoñecemento que posuimos da historia contemporánea de Tui fronte a outros períodos históricos moito mais investigados que a nosa historia mais recente. Aspectos como a vida política tudense na primeira metade do século XX seguen esperando un achegamento como tamén os procesos e dinámicas socias desenvolvidos no noso territorio. Hoxe ofrecemos en Tudensia un post sobre a fábrica de galletas “La Penínsular” que abrangue case medio século da vida económica tudense. Achegamos a información ofrecida polo profesor de historia económica da Universidade de Santiago de Compostela, Angel Ignacio Fernández González, no seu blog “Galicia Agraria” nun documentado post sobre a industria de galletas en Galicia nos principios do século XX. Aportamos a rica e moi completa información que achega profesor Fernández algunha pequena referencia da nosa autoria colocadas como notas. http://galiciaagraria.blogspot.com.es/2012/03/gall...

Lembranza agradecida a Xabier Añoveros

Onte á tarde, nos comezos de setembro, cando xa as horas diúrnas minguaron, o aire nos anticipa a proximidade do outono e as conversas se centraban nestas intranscendencias, recibín a triste noticia do falecemento, no Hospital Álvaro Cunqueiro de Vigo, de Xabier Añoveros Trías de Bes, navarro de berce, barcelonés de vida e traxectoria e tudense de corazón.   “ Tuy (con i grego como adoitaba a escribir pois con este arcaísmo semellaba reflectir mellor a antigüidade da nosa cidade) es una ciudad de la que estoy enamorado desde hace muchos años ” e, como é propio dun noivo, a esta vella cidade lle ten dedicado horas, estudos, e moi especialmente un agarimo permanente centrado na súa querida “Casa da Canicouba”. O seu noivado e posterior matrimonio con Julia García-Valdecasas Salgado, filla da tudense Julia Salgado Peñarredonda, o ligou dende 1968 a este outeiro pétreo sobre o Miño, que é Tui. Non sei se foi a longa tradición tudense da familia de Julia, o rico arquivo da Casa da Ca...