Ir al contenido principal

O Camiño de Santiago en Tui (I)

Iniciamos hoxe en “Tudensia” unha serie de “post” dedicados a documentar, alomenos minimamente, a ligazon entre a nosa cidade e as tradicións xacobeas que teñen no Camiño de Santiago o seu principal expoñente.

Para Tui a presenza de peregrinos é unha constante dende os primeiros tempos, alá polo século XII, cando Europa comezou a peregrinar, amáis de a Roma e Xerusalem, cara o “finisterrae” atlántico onde repousaban os restos do apostolo Santiago.



Imaxe do Apostolo Santiago no retábulo na Capela da Catedral de Tui
(Obra de Alonso Martínez de Montanchez, arredor de 1601)

Non entraremos na análise da autenticidade desta tradición senón na historicidade dunha devoción que segue movendo a milleiros de peregrinos. Nas pegadas destes peregrinos, no seu ronsel, foise tamén conformando unha parte, non menor, da nosa historia. Nestes “posts” sobre a peregrinación xacobea en Tui iremos apuntando as testemuñas máis sobranceiras do paso dos peregrinos ao longo dos séculos.

Os historiadores coinciden na afirmación de que o Camiño de Santiago foi un fenómeno que contribuiu decisivamente á identidade europea dende os tempos medievais. A actual revitalización do fenómeno xacobeo ten un dos seus basamentos nesta tradición histórica. Percorrer nos albores do século XXI os mesmos vieiros que os homes da Idade Media, recuperar este fragmento do noso pasado, resulta sumamente atractivo para os homes contemporáneos pois nos “religa” á historia, nos introduce en valores e categorias, que algúns anunciaron superadas, pero que continúan a resultar válidas e chamativas para as nosas xentes.

Velaí a necesidade de manter os elementos históricos desta tradición, da peregrinación, alonxándose de novidades que non enriquecen esta experiencia senón de deturpan a esencia e autenticidade do fenómeno da peregrinación.

En Tui contamos cunha historia ricaz, tamen neste aspecto. Os vencellos entre a cidade de Tui coas tradicións ligadas a Santiago, remóntanse a narracións antergas que situan ao apóstolo como evanxelizador da cidade. “Xa nun mapa mundi medieval do Códice Vaticano figura escrita, xunto ao río Miño, a lenda “hic praedicavit Jacobus”. Lendas piadosas fan chegar ao apostolo Santiago dende Bracara Augusta, onde nomearía a San Pedro de Rates como primeiro bispo, ascendendo dende Lusitania e pasando por Tui. E aquí querería designar bispo ao máis distinguido dos seus discípulos, san Epitacio, como primeiro prelado tudense”.


San Epitacio na fachada norte da Catedral de Tui

Unha tradición certamente antiga, dos primeiros tempos medievais, pois na fachada norte da Catedral tudense, sobre as arquivoltas románicas que decoran a porta de entrada ao templo, podemos contemplar a figura tallada de San Epitacio, nunha obra cuxa datación pode aventurarse para os últimos anos do século XII. Certifícanse así na pedra as afirmacións de Avila y La Cueva na súa monumental obra sobre Tui e a súa diocese: “viene su origen desde el principio de la Iglesia (...) y sabiendo (... ) que predicó en esta ciudad el Sto. Apostol á este se le debe atribuir la erección de su silla episcopal (...) y constando como consta por tradición muy antigua y permanente y por otros datos y razones (..) que san Epitacio martir ha sido su primer Obispo en el primer siglo de la Iglesia, es visto que dicho santo fue constituido en esta dignidad por Santiago en la época de su predicación aquí”.

Deixando a un lado estes escuros territorios das lendas e tradicións o constatable foi que a sede tudense comeza o seu percorrido histórico no século VI e que, nos primeiros tempos medievais, a “inventio” do túmulo apostólico en Galicia aportará novas testemuñas da presenza do Apóstolo Santiago na vida dos pobos que naquela altura levaban adiante a Reconquista promovida polos monarcas de Asturias e León.

Non podemos esquecer que a sede de Iria acolleu aos bispos tudenses durante a ocupación musulmana ofrecéndolle as rendas das freguesias de Faro, Bergantiños, Nendos e Soneira para o seu sustento. “Este contacto con la sede compostelana y la larga permanencia de los obispos tudenses en la misma, allí donde la tradición sitúa la llegada del cuerpo del Apóstol, no cabe duda que influyó en la devoción y culto a Santiago en la diócesis”.

A primeira referencia que posuímos ao culto oficial a Santiago na Catedral tudense data de 1264 no testamento do arcediano de Tui, Fernán Yáñez: “Item mandat ad cooperiendum ousiam Sante Marie Virginis et Santi Petri et Santi Jacobi fde Petra CL morabetinos”.

Dende os seus primeiros tempos a Catedral contaba cunha capela dedicada ao Apóstolo Santiago; para os autores que defenden unha primitiva cabeceira da Catedral tudense con cinco capelas absidiais, unha delas estaría dedicada ao culto a Santiago. No 1499 o bispo Pedro Beltrán modifica esta cabeceira, ficando unicamente as capelas laterais de San Pedro e Santiago. Ésta con altar e imaxe propia figura citada xa en 1373 polos executores da manda testamentaria do bispo D. Rodrigo: “item huun manto que mandou o dt. Sr. Bispo, de tartari que anda a ymage de Santiago”. Na actualidade podemos contemplar o retabulo realizado polo tudense José Domínguez Bugarin en 1696 coa representación de Santiago “matamouros” certificando a perduración do seu culto na nosa Catedral. Esta imaxe está atribuída ao escultor de orixe lusitana, concretamente de Chaves, Alonso Martínez de Montanchez, realizada arredor de 1601.

Outra singular representación do Apóstolo atopámola nas caixas barrocas dos órganos catedralicios, en cuxo remate locen as figuras a cabalo de San Telmo e Santiago. Son da autoría do escultor Domingo Rodríguez de Pazos realizadas no ano 1714.

A Catedral tudense, cuxa construcción comezou na primeira métade do século XII, como igrexa de peregrinación, acollía aos peregrinos na súa tribuna, podendo mesmo pernoctar neste lugar. Pero tamén cabe lembrar que non nos referimos só aos peregrinos que acudían a Compostela senón que a propia igrexa tudense era lugar de acollida para os peregrinos que viñan onda o “Corpo Santo” de San Pedro González, a quen andando o tempo coñeceran co sobrenome de San Telmo. Unha peregrinación santelmiana que chegou aínda ata os seculos modernos, pois, por exemplo, na Misericordia de Viana a inicios do secúlo XVII eran asistidos algúns destes peregrinos.

Posiblemente por esta condición de igrexa de acollida de peregrinos a Catedral de San María estaba dotada dun “Maior Turibulus” ou botafumeiro, do que conservamos no cruceiro as ménsulas decoradas con atlantes policromados.

Comentarios

Entradas populares de este blog

Emma Álvarez Besada a primeira tudense doutora en medicina

O legado dunha comunidade está conformado por un conxunto de bens materiais, que adoitamos denominar patrimonio, xunto cun amplo abano de elementos inmateriais que definen o seu carácter e a súa pervivencia no tempo. Entre estes bens intanxibles ou inmateriais ocupan un lugar non menor aquelas personalidades que ao longo do tempo teñen deixado unha pegada perdurable na memoria colectiva ou aquelas outras que, ás veces esquecidas ou non recoñecidas, expresan na súa traxectoria fitos senlleiros para a vida colectiva. Hoxe queremos recuperar dende Tudensia unha desas figuras olvidadas pero que no seu momento histórico tiveron unha pegada significativa na vida social e colectiva da nosa cidade e de alén dos seus termos xeográficos. As novas demandas sociais se expresan tamén na historiografía que investiga aos grupos sociais discriminados ou marxinados nos diferentes momentos do pasado. Retrato de Emma Álvarez Besada, foto da orla da Facultade de Medicina de Madrid, 1931 Unha revis...

A fábrica de galletas "La Peninsular"

Temos sinalado neste blog en diversas oportunidades o descoñecemento que posuimos da historia contemporánea de Tui fronte a outros períodos históricos moito mais investigados que a nosa historia mais recente. Aspectos como a vida política tudense na primeira metade do século XX seguen esperando un achegamento como tamén os procesos e dinámicas socias desenvolvidos no noso territorio. Hoxe ofrecemos en Tudensia un post sobre a fábrica de galletas “La Penínsular” que abrangue case medio século da vida económica tudense. Achegamos a información ofrecida polo profesor de historia económica da Universidade de Santiago de Compostela, Angel Ignacio Fernández González, no seu blog “Galicia Agraria” nun documentado post sobre a industria de galletas en Galicia nos principios do século XX. Aportamos a rica e moi completa información que achega profesor Fernández algunha pequena referencia da nosa autoria colocadas como notas. http://galiciaagraria.blogspot.com.es/2012/03/gall...

Lembranza agradecida a Xabier Añoveros

Onte á tarde, nos comezos de setembro, cando xa as horas diúrnas minguaron, o aire nos anticipa a proximidade do outono e as conversas se centraban nestas intranscendencias, recibín a triste noticia do falecemento, no Hospital Álvaro Cunqueiro de Vigo, de Xabier Añoveros Trías de Bes, navarro de berce, barcelonés de vida e traxectoria e tudense de corazón.   “ Tuy (con i grego como adoitaba a escribir pois con este arcaísmo semellaba reflectir mellor a antigüidade da nosa cidade) es una ciudad de la que estoy enamorado desde hace muchos años ” e, como é propio dun noivo, a esta vella cidade lle ten dedicado horas, estudos, e moi especialmente un agarimo permanente centrado na súa querida “Casa da Canicouba”. O seu noivado e posterior matrimonio con Julia García-Valdecasas Salgado, filla da tudense Julia Salgado Peñarredonda, o ligou dende 1968 a este outeiro pétreo sobre o Miño, que é Tui. Non sei se foi a longa tradición tudense da familia de Julia, o rico arquivo da Casa da Ca...