Ir al contenido principal

A necesaria regularización do tráfico no conxunto histórico


A configuración do conxunto monumental tudense, moi ben definido, é o resultado dun proceso histórico que abrangue tamén a transformación dos seus usos e que en Tui posúe unhas características moi peculiares. O casco histórico tudense, e non entraremos nas razóns que levaron á actual situación, ten na actualidade unha cuádruple funcionalidade: lugar de residencia (aínda que minguada, pois numerosos edificios permanecen desocupados), lugar ou sede dalgunhas institucións (Concello, Catedral, Facenda, etc.), lugar de visita turística e, finalmente, un espazo para a diversión, especialmente nocturna.
Unha das medidas máis amplamente estendida para a recuperación e revitalización do conxunto histórico é a súa consideración como área peonil coa conseguinte regularización ou eliminación do tráfico de vehículos polas súas rúas. Sen embargo, as políticas desenvolvidas en numerosos lugares non teñen unha adaptación milimétrica á nosa cidade polas peculiares características tudenses. Cómpre sinalar como principal elemento a considerar, e que constitúe unha das peculiaridades do noso conxunto monumental, a inexistencia dun entramado comercial nestas rúas. Creo non equivocarme pero na nosa zona monumental únicamente hai catro establecementos comerciais abertos ao público (fóra dos de caracter hostaleiro: bares, restaurantes, pubs e discotecas): Artesanía Baixo Miño, a tenda de confección “Evítame”, a tenda de recordos turísticos “Abadía de Campos” e a Panaderia “San Telmo”. Esta situación que serve para superar certos problemas (presión do tráfico) é unha debilidade ou un desequilibrio que repercute negativamente na revitalización da zona vella.
Por outra banda, a febleza habitacional do conxunto histórico provoca que os continxentes de tráfico rodado dos residentes que precisen acceder a esta zona non sexan especialmente elevados. Non é o caso, dos usuarios dos servizos, xa de tipo administrativo ou de ocio que si saturan, en determinados horarios, algunhas das zonas, especialmente ás inmediatas á Catedral e á Praza de Frómista, dificultando ou, cando non, impedindo mesmo o acceso aos edificios e monumentos, e alterando a paisaxe urbana e o seu caracter histórico e artístico.
É unha medida básica para as cidades históricas, coma Tui, favorecer os usos da zona monumental, sempre que sexan compatibles entre si e coa conservación do conxunto histórico. Por exemplo, no caso tudense, favorecer a presenza de novos establecementos comerciais ou de novos usos administrativos dinamizará este espazo; continuar autorizando ou tolerando a apertura de establecementos de ocio nocturno dificultará a implantación de novos residentes, que é a principal medida a promover dende as distintas administracións. A implantación da ARI (Area de Rehabilitación Integral) pese as dificultades, ten resultado sumamente positiva ao favorecer a rehabilitación de inmobles e/ou a conseguinte chegada de novos residentes. Tamén a realización de actividades de tipo social e cultural que actúen como dinamizadoras dos espazos públicos promove o seu uso e valorización.
Valgan estas mínimas consideracións para promover dende Tudensia un debate respecto da necesidade de establecer unha regulación efectiva do tráfico e fundamentalmente do acceso do tráfico rodado ao conxunto histórico.
Nunha cidade, coma Tui, que pode posibilitar unha tranquila socialización, feita a unha medida humana, onde hai espazos públicos privilexiados como a Corredoura, os xardíns, o paseo fluvial... pero especialmente a zona monumental levantada á medida do home, resulta positivo preservar esta dimensión impedindo que as persoas teñan dificultades para disfrutar tranquilamente deste espazo, como sucede na actualidade. Moitos veciños e visitantes aproveitamos, ás veces, a zona histórica para estacionar os nosos vehículos provocando que a circulación dos peóns se converta nunha “carreira” de obstáculos para sortear os coches aparcados e os que circulan, dificultando este equilibrio “humano” preciso para unha vida tranquila.
Amais a dimensión de uso turístico do noso casco histórico require que esta dimensión humana, peonil, sexa preservada como unha medida favorecedora deste uso, que supón a apartación de recursos económicos á economía local.
Unha breve descrición, a modo de exemplo, dun paseo pola zona vella tudense nunha pasada fin de semana ilustra a necesidade de adopción de medidas ao respecto:
- para acceder dende a Corredoura á Porta da Pía, calquera peón (e non digamos un discapacitado en cadeira de rodas) atopa numerosas dificultades polos vehículos estacionados na rúa Ordoñez.
- Na rúa Porta da Pía, ou Seijas ou nas Prazas do Concello ou de San Fernando de novo atopamos dificultades de circulación por vehículos estacionados fronte a Catedral, ou fronte á entrada do Museo (dificultando o acceso ao propio Museo ou a Catedral). Amais ofrece un aspecto ateigado de coches que non resposta á realidade da nosa cidade. Unha praza do Concello liberada de vehículos permite un disfrute axeitado da nosa Catedral fortaleza, por exemplo.
- Se pretendemos achegarnos ata a igrexa de San Telmo ao descender polas escaleiras da Rúa Párroco Rodríguez Vázquez, atoparemos varios coches aparcados que imposibilitan un paso axeitado ou incluso o acceso normal ao adro da igrexa.
- Similar cousa pode suceder no acceso á Praza do Pracer ou no acceso á Praza da Estrela.
Resulta evidente a necesaria regularización destes aspectos do tráfico que implica a creación de zonas reservadas ao estacionamento de vehículos, acoutando os espazos onde o estacionamento dos residentes non dificulten ou impidan a circulación das persoas garantindo así a existencia de itinerarios peonís accesibles tamén para os discapacitados.
Unhas medidas que se poden adoptar progresivamente, iniciándose por exemplo nas fins de semana ou nos períodos vacacionais, cando numerosos turistas achegaranse ata Tui, pero que, cómpre non esquecer, terán como principais beneficiarios aos propios veciños de Tui.
A adopción de medidas de regularización do tráfico na zona vella tudense, limitando o acceso exclusivamente aos residentes e sinalando as zonas exclusivas de estacionamento, estou convencido que repercutirán positivamente e promoverán unha concienciación do respecto necesario cara ao noso conxunto monumental. Con todo é abrir un proceso que deberá estar en constante revisión para comprobar o seu funcionamento e superar os desequilibrios ou problemas que produza.
Rafael Sánchez Bargiela

Comentarios

  1. Felicidades pola sua iniciativa. E unha medida TOTALMENTE necesaria e urxente. Esperemos que os que teñen a posibilidade de actuar e decidir o fagan mais pronto que tarde. Tui o merece...

    ResponderEliminar

Publicar un comentario

Entradas populares de este blog

Un poema en galego de D. Basilio do ano 1957

A figura de D. Basilio, cóengo maxistral na catedral tudense e profesor durante varias décadas no Instituto San Paio, continua a ser lembrada por moitos tudenses pola súa erudición, especialmente no que atinxía á historia da nosa cidade como pola súa singular personalidade. Neste blog conmemoramos hai algúns anos o centenario do seu nacemento, o 14 de abril de 1911, ( https://tudensia.blogspot.com/2011/04/hoxe-centenario-do-nacemento-de-don.html ) reproducindo un breve artigo publicado no libro das festas de San Telmo dese mesmo ano  2011. Sinalabamos daquela que era unha persoa sumamente austera, todos o lembramos coa “teja” cubrindo a súa cabeza, a súa faciana morena, sempre vestindo unha raída sotana, fumando os “bisonte” sen boquilla que ofrecía a cantos a él se achegaban, a súa conversa sempre mesturada con referencias teolóxicas. Case todas as tardes, primeiro pedaleando na súa bicicleta, e anos máis tarde sobre a súa vella mobilette (algún día tivo de ser nova pero a miña le

A fábrica de galletas "La Peninsular"

Temos sinalado neste blog en diversas oportunidades o descoñecemento que posuimos da historia contemporánea de Tui fronte a outros períodos históricos moito mais investigados que a nosa historia mais recente. Aspectos como a vida política tudense na primeira metade do século XX seguen esperando un achegamento como tamén os procesos e dinámicas socias desenvolvidos no noso territorio. Hoxe ofrecemos en Tudensia un post sobre a fábrica de galletas “La Penínsular” que abrangue case medio século da vida económica tudense. Achegamos a información ofrecida polo profesor de historia económica da Universidade de Santiago de Compostela, Angel Ignacio Fernández González, no seu blog “Galicia Agraria” nun documentado post sobre a industria de galletas en Galicia nos principios do século XX. Aportamos a rica e moi completa información que achega profesor Fernández algunha pequena referencia da nosa autoria colocadas como notas. http://galiciaagraria.blogspot.com.es/2012/03/gall

Emma Álvarez Besada a primeira tudense doutora en medicina

O legado dunha comunidade está conformado por un conxunto de bens materiais, que adoitamos denominar patrimonio, xunto cun amplo abano de elementos inmateriais que definen o seu carácter e a súa pervivencia no tempo. Entre estes bens intanxibles ou inmateriais ocupan un lugar non menor aquelas personalidades que ao longo do tempo teñen deixado unha pegada perdurable na memoria colectiva ou aquelas outras que, ás veces esquecidas ou non recoñecidas, expresan na súa traxectoria fitos senlleiros para a vida colectiva. Hoxe queremos recuperar dende Tudensia unha desas figuras olvidadas pero que no seu momento histórico tiveron unha pegada significativa na vida social e colectiva da nosa cidade e de alén dos seus termos xeográficos. As novas demandas sociais se expresan tamén na historiografía que investiga aos grupos sociais discriminados ou marxinados nos diferentes momentos do pasado. Retrato de Emma Álvarez Besada, foto da orla da Facultade de Medicina de Madrid, 1931 Unha revis