Este xoves, 27 de xaneiro, a cima do monte Aloia celebra a súa principal festa ao seu padroeiro, a San Xulián ou Xián. O Aloia é un lugar referencial, ao longo dos séculos, para un amplo territorio que se asenta nas súas abas e que concorría tradicionalmente ás celebracións que anualmente congregaban as xentes da contorna o 27 de xaneiro, festa de San Xulián ou o primeiro domingo xullo na romaría de Nosa Señora das Angustias. Sobre esta última festividades xa nos temos ocupado neste blog recollendo a súa descricións nos escritos de Manuel Fernández-Valdés e de Xosé María Álvarez Blázquez, dúas testemuñas directas do contido desta romaría anual: http://tudensia.blogspot.com/2010/06/romeria-de-nosa-senora-das-angustias-no.html
Esta
condición referencial do Aloia ven dada tamén polo papel que historicamente
desempeñou esta cima na nosa historia colectiva; máis aló da posible
consideración deste monte como o mítico Mons Medulio onde as últimas
trapas galaicas resistiron, ata o sacrificio final, fonte as tropas invasoras
das lexións romanas.
Aparece
mencionado por vez primeira na documentación nun diploma do ano 1095 cando os
condes de Galicia, Ramón de Borgoña e Urraca o citan como un dos límites do
couto de Tui: ad montem aloi ubi fuit civitas antiquitis condita et ubi sunt
reliquie sancti Juliani repositer (o monte aloia onde foi fundada a antiga
cidade e onde repousan as reliquias de San Xulián).
Non
é obxecto deste post analizar este antigo asentamento que cita este documento
de finais do século XI e a súa relación coa impresionante muralla pétrea que
circunda a cima do monte Aloia e que resulta toda unha incógnita aínda sen
clarexar polas investigacións, documentais e arqueolóxicas realizadas.
Frei
Prudencio de Sandoval e con él outros moitos historiadores posteriores sinalan
que os tudenses se refuxian no Monte Aloia para escapar das invasións,
especialmente da musulmán, ficando na actualidade como testemuña a muralla
ciclópea que rodea o seu cume, cunha extensión de máis de 3 quilómetros e 30
Ha. de superficie. Os traballos arqueolóxicos realizados neste monumento pétreo
permiten determinar que este recinto non foi un lugar de residencia, pois se
carece de restos de utensilios domésticos, nin hai sinais de accións bélicas,
sendo imposible, polo de agora, definir a súa funcionalidade aínda que polas
súas características habería que datala entre os séculos V e IX; pese a súa
monumentalidade a súa factura non é de calidade. Un recente estudo do
arqueólogo Martín Fernández Pereiro insiste nesta cronoloxía e nunha posible
dobre ocupación, no século V e posteriormente no século VIII, coincidindo co
períodos de crise derivados da desintegración do imperio romano e do reino
visigodo, respectivamente. Subliña que trátase dun recinto fortificado dun
tamaño extraordinario e pouco común no noroeste peninsular. Veremos logo como
existen diversas tradicións orais que falan desta condición do Aloia como
refuxio dos tudenses en tempos de perigo.
Un
documentado traballo de Domingo Cameselle Bastos sobre “San Julián del Monte
Aloia” (publicado en “Tui. Museo y Archivo Histórico Diocesano. VII, Tui,
1994,pp. 159-196) recolle que a capela do Aloia estivo sempre, e segue, baixo
dependencia do Cabido da Catedral tudense que no ano 1652 contrata a súa
ampliación co mestre de cantería de Baiona, Antonio Martínez, contratando
posteriormente en 1664 o retablo. Neste último contrato figura a existencia dun
ermitán, Bernabé de Guntín, que atendía o referido lugar. A presenza de
ermitáns no Aloia aparece intermitentemente na documentación, ás veces ligadas
á orde dos eremitas de San Antón, pois deben acordar co Cabido as condicións da
súa estadía no lugar.
A
actual fábrica da capela de San Xulían data do século XVIII. Asi en 1713
reformouse o presbiterio e a casa do Cabido existente no recinto inmediato. En
1730 e 1731 traballa na obra de San Xulián os irmáns canteiros Lorenzo e Pedro
Serrapio. No ano 1746, documenta Cameselle Bastos no seu artigo, o organista da
Catedral no seu testamento determina que se pinte o altar colateral dedicado a
San Xoán Bautista a xogo co xa existente de Nosa Señora das Dores ou Angustias
y que lo pinte Ignacio Álvarez de Lara, un acreditado artista que pintou e
dourou, entre outros, o impresionante retablo de Santa Mariña do Rosal. No 1757
rematan as obras no interior e realiza o retablo maior o escultor Juan Suárez
Ozores, natural de Tameiga e residente en Tui.
No
ano 1900, nunha das periódicas reformas da capela foi derrubado o muro interior
que separaba e dividía á nave da capela, trasladando o escudo existente para a
fachada. Esta pedra de armas corresponde ao bispo Antonio Fernández Angulo que
estivo na sede tudense entre 1666 a 1669. Como ben apunta Cameselle Bastos: el
escudo de grandes proporciones no parece que estuviera antes en la capilla por
sus medidas desproporcionadas para el sitio. Quizás estuvieran puestas en la
casa y en estas obras se trasladasen allí por ser un sitio más vistoso.
Tomado de "Fotografias antiguas de Tui" |
Pero
neste post o dedicado a San Xulián, compre clarexar o seguinte: ¿De que San
Julián se trata? Porque el martirologio romano señala treinta y cinco con el
mismo nombre sinala Domingo Cameselle no seu artigo sen achegar unha
resposta definitiva. Sobre esta advocación temos un documentado traballo de
Domingo L. González Lopez (“La devoción a San Julián en Galicia: raíces
populares de una hagiografia confusa”) publicado na revista “Castellum
Tyde” vol. VI (2017-2020) do Instituto de Estudios Tudenses.
González
Lopo analiza as numerosas figuras de San Xulián. Concretamente, San Xulián de
Antioquia mártir no Baixo Imperio romano (casado con santa Basilisa) que xa
figuran no calendario hispano dende o século VII con celebración o 7 de
xaneiro. Ambos foron fundadores de mosteiros que logo rexen, polo que o seu
culto aparece ligado especialmente aos mosteiros dúplices (como é o caso de
Samos). Outra advocación é San Xulián o Hospitaleiro que terá un enorme éxito
popular dende o século XII, aínda que é un santo sen localización ou reliquias,
que pese as reticencias sobre a súa figura na liturxia tridentina, a devoción
popular o manterá vivo como protector dos viaxeiros e camiñantes e aparecerá o
seu culto en moitos lugares vinculados ao Camiño de Santiago. Con ambas advocacións,
sinala González Lopo, haberá un proceso de asimilación.
La imagen de San Julián del Monte Aloia es extraña, sinala Domingo González Lopo no seu traballo; una
escultura pétrea, tal vez del siglo XIII o principios del XIV, de factura
popular, tal como se refleja en sus irregulares proporciones: cabeza y manos
excesivamente grandes para un cuerpo y unos pies muy pequeños. Con sus manos
sujeta un libro sobre su pecho; no es un detalle anodino, en realidad ese libro
nos está indicando mucho más de lo que parece, pues de hecho nos está remitiendo al origen del culto en el Aloia:
San Julián de Antioquia. El libro, que representa la regla monástica, es
símbolo que acompaña frecuentemente al santo junto con la espada y la palma,
símbolos del martirio, como puede verse en varias de la imágenes ligadas al
monasterio de Samos. Sin embargo, el
resto nos indica que tampoco éste se escapó de su asimilación con el santo
cazador y hospitalero, porque de hecho la imagen citada nos muestra a una persona vestida con unas ropas cuya
elegancia han conservado los repintes modernos, a los que sin duda sirvió de
inspiración la antigua policromia, y que no casan con las ropas talares del
monje antioqueño. El corte de su pelo remite también a modelos cortesanos que
quedan realzados con la rica capa y la gola de encaje con que se adorna la
imagen los días de fiesta, incluso el libro tiene pintados unos broches
dorados, que remiten a un ejemplar lujoso. Estamos pues ante un modelo
iconográfico de transición al san Julian, elegante caballero del siglo XVIII.
Son
varios os estudosos que recollen os conflitos que xorden en varios momentos
entre o Cabido e os devotos, polo intento de substituír a imaxe do santo, aínda
que finalmente arredor de 1849 foi realizada unha nova talla en madeira tomando
como referencia o relevo de San Xulián do cadeirado do coro da catedral, pero
aínda en 1856 había resistencias ao seu uso polo devotos.
Paralelamente
á iconografía, a tradición oral nos informa tamén da irrupción do novo santo.
Alberto Romero no seu fermoso libro “Aloianos” recolle e sintetiza
diversos relatos populares sobre a figura de San Xulián do monte Aloia, que de
seguido transcribimos:
No barrio de Barreiro, pertencente á parroquia de
Peitieiros (Gondomar) contan os máis vellos que alí se atopaba a casa de San
Xulián. Din que os seus bisavós lle contaban que a casa era pequena pero
fermosa e que estaba feita de cachotes atopados no monte (...) naquel pequena
casa vivía san Xulián, os seus pais, a súa muller e mais un irmán, que eran moi
humildes e vivían con poucos recursos por daren sempre esmola aos seus veciños,
a cambio levábanlle millo para que fixeran pan para comer (...) San Xulián era
pescador e cazador e contan que sempre que saía sempre traía algo para comer
para casa. Un día de inverno de moito frío e choiva cando san Xulián marchou
cazar de mañá cedo, xa preto do xantar na súa casa os seus pais sentíronse mal
e foron ámbolos dous para a cama, para polo menos estar quentes. A sorpresa foi
que ao volver san Xulian, este ollou unha muller e un home metidos na cama e
pensou que era a súa muller e outro home, aos que cheo de rabia pegoulles un
tiro a cada un, cando para a súa sorpresa nese preciso instante entra pola
porta a súa dona co balde auga na cabeza, decatándose pois que acabara coa vida
dos seus pais. Nervioso e sen saber o que facía colleu un petelo de pan que
había no forno e fuxiu para o Aloia. Días despois foron veciños na súa busca
para facelo entrar en razón pero non o atoparon.
Así pois fuxido, escapado, facía vida monte dentro, sen
relacionarse con ninguén polo sentimento de culpabilidade, polo medo e vergoña
do que fixera. Como él outras persoas escapadas da xustiza vivían agochadas en
chabolas nas que gardaban ovellas e millo que roubaban nos arredores para sobrevivir,
algunha das chabolas incluso tiñan forno para quentarse e facer pan co millo
roubado.
Os pastores a miúdo levaban o gando ao monte comentaban
que as veces vían un home no monte pero que sempre se mantiña a distancia ou
marchaba ao decatarse da súa presenza, que algunha vez conseguiran preguntarlle
quen era e que facía no monte pero que non lles respondeu. E despois de deixalo
de ver por longo tempo volveron atopalo e puideron falar con él, preguntándolle
por onde estivera e díxolles que fora a Portugal coa intención de conseguir o
perdón polo pecado que cometera había un tempo pero que non llo concederon.
Pasado o tempo volvérono atopar, xa mais ledo, e díxolles que xa lle habían
concedido a indulxencia na Guarda e que sentía moita pena e remordemento.
Un día volveu á casa e atopouse co seu irmán. Colleu as
súas pertenzas gardounas nun baúl e deulle a chave a seu irmán para que a
tirara ao mar e díxolle que cando o baúl fora aberto el xa se atoparía ao lado
de Deus.
San Xulián volveu para o Aloia e fíxose amigo dalgúns
rapaces, reuníase con eles e intentaba difundirlles boas ideas para sacalos da
mala vida e para que deixasen de roubar. Cando os pais deses nenos souberon que
os seus fillos se xuntaban con San Xulián foron onda el e ameazárono de morte se
non se afastaba deles, pero el non fixo caso as ameazas e seguir xuntándose cos
nenos, ata que un día os pais rapaces collérono e metérono non forno que estaba
aceso pero non morreu. Asi pois con este acontecemento aínda afianzou mais a
confianza dos nenos e dalgúns dos pais, aínda que outros volvérono coller e
levárono ata preto da “Pedra do Acordo” e alí atárono a dous cabalos fortes que
o arrastraron e deron fin a súa vida. Ao día seguinte apareceu o seu corpo
enriba dunha rocha, hoxe chamada “Cama do Santo”. Din que ese mesmo día unha
muller cando abriu unha pescada atopou unhas chaves que resultaron ser as do
baúl de San Xulián.
Resulta
sorprendente o alto paralelismo entre as tradicións sobre a vida de San Xulián
o Hospitaleiro (tamén asasinato involuntario dos pais, fuxida, sentimento de
culpa, redención atendendo naquel caso a camiñantes e peregrinos...) e a lenda
que acabamos de recoller con algunha diverxencia pero que evidencia a chegada
desta devoción tamén a estas terras do finisterrae peninsular.
Pola
súa parte, Vítor Vaqueiro, na súa “Guía da Galiza máxica” recolle outra
tradición: existe nese lugar unha crenza que se vencella ás tradicións dos
campos dos mártires. A lenda da por certo que, cando se produciu a invasión da
Galiza polos mahometanos, os moradores da cidade fuxiron ao monte cos seus
parentes e as propiedades que puideron levar. Entre as cousas que levaban
figuraban o corpo e as reliquias de San Xulián, así como as reliquias de santo
Epitacio, primeiro bispo de Tui e doutros santos. Por iso afirma a lenda que
aquel lugar esta ateigado de corpos santos que aínda non se descubriron. Un
diploma da catedral do ano 1095 (et ubi sunt reliquae sancti Juliani repositae)
e unha escritura do rei Afonso de Portugal, do ano1169, recollen esta tradición.
Outra liña do relato di que os mouros mataron ali anacoretas que eran
discípulos de San Xulián, chegándose asegurar que o propio santo sufrira alí
martirio. Foron tantos os mortos que, di a tradición, se se apartara aquela
terra botaría sangue. Isto confírmao o rito que se levaba a cabo durante as
romerías de San Xulián, na que os romeiros subían os banzos da escalinata que
vai da fonte á capela e en cada banzo rezan un avemaría, xa que se cría que
debaixo de cada un xacía soterrado un mártir.
Nestas
dúas narracións orais recolles a transición na advocación a San Xulián no
Aloia, de aqueles anacoretas “discípulos de San Xulián”, neste caso o de
Antioquia que como apuntabamos anteriormente foi fundador de centros monásticos
que tiveron continuidade no tempo, ao relato que recolle Alberto Romero na
contorna do Aloia onde resulta evidente a introdución da nova advocación
referida a San Xulián o Hospitaleiro. Ambas devocións se mesturan como sucede
en cultos con séculos de continuidade. Tamén hoxe xunto a tradicional imaxe
pétrea de San Xulián que lembra ao culto chegado do Oriente, temos outra imaxe
máis recente, realizada nos anos corenta do pasado século para que figurase da
procesión vespertina de San Telmo que se inicia no ano 1944. Se lo
representó, entonces con un arco en la mano y un ciervo a su lado. La imagen
era portada, significativamente, según informa Suso Vila, por los
cazadores que lo adoptaron por patrono y se guardaba también en la capilla del
monte Aloia.
O
culto a San Xulián no monte Aloia ten lugar anualmente o 27 de xaneiro no
capela homónima, coa celebración de diversas misas e logo da misa maior a
procesión coa imaxe do santo que da a volta arredor da ermida. Acudían xentes
de toda a contorna que participaban nesta xornada, acompañadas polos
respectivas cruces parroquias. Se realizaban esmolas e se achegan produtos que
logo eran vendidas, nas tradicionais puxas, antes de introducir de novo a imaxe
de San Xulián, e a Virxe das Angustias que tamén forma parte do cortexo
procesional, na capela. Había a poxa das nadas, “pao por pao”, e de seguido das
ofrendas realizadas (pezuños, ovos, etc.) hai décadas se ofrecían a San Xulián
polos e galiñas de cor negro, que tamén eran poxados.
Sinala
Domingo Cameselle Bastos que a San Xulián se le invoca para remediar los males
de la cabeza, son típicas las “troupadelas”, tres golpes que los devotos dan
con el “peto” o cepillo del santo en la cabeza para aliviar estos males. Un
costume ou tradición que segue aínda vixente.
Hai outros dous espazos no cume do Aloia ligados á devoción a San Xulián. Por unha banda, a chamada “Cama do Santo”, un amplo penedo, cunha fendedura ao pé, lugar no que non medra herba, e onde a tradición sinala que vivía o santo e onde apareceu depositado o seu corpo logo do seu martirio. Os devotos achéganse a este lugar para rezar ao noso santo e antes de marchar darán tres croques para protexerse dos males da cabeza, dos que San Xulián é avogado. Unha variante desta tradición e deitarse no referido oco para remediar as enfermidades como migrañas e dores nas cervicais.
Existen
outras tradicións que ligan este lugar a ritos de fertilidade: esta cama de
pedra, como tantas outras que hai polo país adiante, ten a virtude de favorecer
a fertilidade de quen o precise. As parellas que non logran ter descendencia
acoden a este lugar e fan o que é mester para reproducirse. Xunto ao burato hai
unha pedra independente que sirve de almofada para tal fin.
Roberto Gómez Gonzalez dinos que a súa avoa contáballe
que antigamente os romeiros que padecían de dores de cabeza ían a pé ata a Cama
de San Xulián no Aloia cunha tella do país na cabeza durante todo o camiño.
Unha vez chegados alí deixaban a tella no tellado da capela e ían á Cama de San
Xulián, sentábanse de costas ao burato e daban tres veces coa parte de atrás da
cabeza contra a pedra e así milagrosamente aliviaba San Xulián estas dores. Di
que lembra facer isto ao chegar á Cama de San Xulián (https://galiciaencantada.com/lenda.asp?cat=18&id=2413)
O
segundo espazo ligado ao noso santo é a chamada “Fonte do santo” e conta con
cen chanzos que os devotos subían de xeonllos namentres rezaban. A tradición,
como xa apuntamos anteriormente, sinala que baixo cada un dos chanzos está
soterrado un mártir. Conservase unha copla sobre esta fonte:
Fonte de San Xiao
auga milagreira
tomei un trago dela
e subín mellor as escaleiras
Alberto
Romero no seu libro informa que esta fonte foi arranxada no século XIX co
diñeiro obtido dunha xunta de becerros que don Manuel García Maceira aboou á
Virxe das Angustias. García Maceira foi deputado e industrial contando cunha
das maiores fortunas da comarca na mediados do século XIX.
A
romaría se completaba cun xantar nos arredores da capela sempre que o tempo o
permitise, pois nos últimos días de xaneiro era habitual a chuvia e mesmo a
neve neste cume do Aloia.
Finalmente
hai outra tradición amplamente documentada en relación con San Xulián do Monte
Aloia. Unha tradición secular dos tudenses ten a San Xulián como intercesor
para rogar pola chuvia, en tempos de seca, ou contrariamente polo bo tempo, nos
períodos de inclemencia, que garantan, en definitiva, as colleitas no campo.
Eran rogativas populares que tiñan un ritual escrito de detallado no cerimonial
do cóengo Alcova no ano 1652. Case todos os anos as xentes de Tui e contorna
solicitaban, a través das autoridades municipais de Tui, permiso ao Cabido para
sacar a san Xulián en procesión para rogar chuvia ou calor que asegurase as
colleitas, base da súa economía de subsistencia.
A
procesión se iniciaba na Catedral e con diversos rituais (que logo veremos)
chegaba ata a capela do monte Aloia, onde tras a misa maior e o descanso do
xantar acudían en procesión coa imaxe do
santo ata unha pedra, orientada cara oeste dende se ollaba o mar (“pedra da
chuvia”) se pedíase chuvia ou outra pedra cara o nacente (“pedra do sol”) se
imploraban calor. A pequena imaxe pétrea de San Xulián era colocada polos
devotos sobre a pedra correspondente.
Estas
rogativas están documentadas dende a metade do século XVII e chegaron ata o
século XX, aínda que no século XVIII o bispo e o Cabido lograron, non sen
conflitos e reticencias, un cambio substancial no itinerario desta rogativa que
deixou de acudir ás pedra do sol ou da chuvia, ao entender que eran ritos
supersticiosos, para achegarse a procesión onda un cruceiro próximo á capela no
cume do Aloia.
A
estas procesións e rogativas, informa Cameselle Bastos, concorrían ata 19
cruces das seguintes parroquias: San Bartolomeu, Areas, Guillarei, Paramos,
Sobrada, Soutelo, Baldráns, Malvas, Pexegueiro, Santa Comba de Ribadelouro,
Caldelas, Currás, Amorín, Piñeiro, Entenza, os dous Budiños (O Salvador e Santo
Estevo) e Tui.
O
historiador tudense Suso Vila recolle no seu libro “Antiguas fiestas, romerías
y procesiones del Bajo Miño” (2003) describe o ritual destas rogativas
públicas: La justicia y el regimiento de Tui (tal y como se llamaba
antiguamente al Ayuntamiento) enviaba un representante (bien podía ser un
regidor o el propio juez) al Cabildo para pedirle la salida de la procesión con
el santo. El Cabildo estudiaría si la necesidad era suficientemente grave como
para necesitar la ayuda del mártir. Si la decisión era positiva, dos canónigos
y dos racioneros (los más jóvenes por cuestión de fortaleza física) harían los
preparativos de la procesión fijando la fecha del evento. También serían
escogidos diez capellanes y dos mozos de coro, por cuestión de cantar durante
el recorrido.
Desde que salen de la catedral se comienza a cantar
letanías, cantándolas dos canónigos hasta el fin de la Corredera y de allí
serían dos racioneros los que continuasen hasta llegar a los molinos de D.
Morguete Rodríguez en Pazos de Reyes. Desde este punto, cuando el camino se
endurece, los prebendados seguirían a caballo para llegar al pie del alto (a un
kilómetro del santuario) lugar señalado por un cruceiro.
Desde aquí proseguía la marcha con la letanía hasta
llegar a la ermita, hecho que se producía con tres vueltas alrededor de la
capilla del santo, para luego dar paso a las misas voluntarias de algunos
abades, clérigos y capellanes y llegado el tiempo se hacía la misa mayor, que
era la obligatoria para estos casos.
(...) Finalizada la comida, se recomponían todos para
proceder con la procesión para la vuelta a la ciudad, no sin antes acercarse
con la imagen del Santo a la piedra del Sol o a la piedra del Agua (según la
necesidad) ubicadas al norte o al vendabal de la capilla, esto es en el mirador
de González Paramos (que ve al mar) y en las peñas ubicadas sobre el actual
restaurante (que ven hacia la salida del sol) lugares suficientemente cercanos
como para luego proceder con las tres vueltas a la capilla, proceso que se
hacía igualmente cantando. Del mismo modo seguiría cantando la procesión hast
la llegada al cruceiro que está al pie del alto, para volver hasta Tui.
El Cabildo sería avisado de la llegada de la procesión,
para así en su totalidad esperarla en la Corredera y acompañar desde aquí a la
procesión hasta la Catedral.
Temos
realizado un amplo achegamento ás tradicións relacionadas coa devoción e culto
a San Xulián no monte Aloia, que testemuñan a ampla riqueza da nosa cultura
popular e tradicional que cómpre lembrar, documentar e revitalizar para no
perder estes costumes e rituais que tanto teñen contribuído ao longo dos
séculos á cohesión social e a identidade territorial dos tudense e as xentes da
contorna.
Nunha
cidade cun amplo abano de bens inmobles e mobles de carácter patrimonial, estes
elementos inmateriais ou intanxibles son moito menos valorados pola sociedade,
pero son tamén parte inseparable do noso acervo patrimonial.
Rematamos
este post cunha cita de D. Basilio González Domínguez, cóengo maxistral da
Catedral tudense e responsable do santuario do Monte Aloia, dende 1965 ata o
seu falecemento en 1985, que recolle tamén unha vella tradición popular arredor
do noso santo en “Tuy, publicación do Instituto Laboral” nº 3 de xullo de 1953:
La intervención de san Julián en la agricultura comarcal
podíamos iluminarla a todo color con las referencias del Magistral de Tuy Dr.
Armida y Puga y con los papeles del 1600 que escribió el Maestro de Ceremonias,
Licenciado Francisco de Alcova.
Pero preferimos ahora otro documento que no duerme en el
protocolo notarial. Nos referimos a la copla, a la cantiga religiosa que es de
todos como el aire en que anda suelta; y que en tonos menores o vibrantes aún
se canta, gracias a Dios, en una “esfollaca” de nuestra comarca, o subiendo la
montaña agreste que la inspiró:
Noso pai San Xulián
Ten unha escopeta d’ouro
Para matar é as pombas
Que’andan n-a Veiga d’o Louro
Comentarios
Publicar un comentario