Lemos
estes días que a asociación “Iacobus Tui xunto con Espaço
Jacobeus, organiza unha nova edición de Lugares do Camiño. Esta
actividade, que se realiza coa colaboración do Concello de Tomiño e
a Câmara Municipal de Vila Nova de Cerveira, está incluída dentro
das actividades a realizar para a recuperación e revitalización do
Camiño Portugués do Norte a Santiago, que ven dende Barcelos e pasa
por Cerveira e Tomiño e se une en Redondela ao Camiño”. De novo agroman en iniciativas, de seguro realizadas dende
a mellor intención, que crean confusión sobre o tema dos
camiños xacobeos.
Neste
mesmo blogue escribimos vai para dous anos e medio, que segundo o
Consello de Europa e a Lei de protección dos camiños de Santiago
“reciben o nome de Camiño de Santiago todas as rutas históricas
recoñecidas documentalmente”, pois a historicidade dos roteiros é
un elemento consubstancial á propia definición de Camiño de
Santiago. Furtar esta condición histórica é unha
irresponsabilidade, e ata agora carecemos de datos documentais
verificados que acrediten neste roteiro esta realidade nos séculos pasados. Xa hai
anos que a “Asociación de Amigos de los Pazos” estivera
pulando por este “camiño” que dende Cerveira e Goián achegábase
as terras de Tomiño -por Hospital e Tebra- Gondomar e Vigo ata
enlazar en Redondela co camiño portugués. Unha iniciativa que logo
abandonaron para crear o chamado “Camiño da costa”. E xa daquela
tampouco houbo documentos que testemuñasen a presenza histórica de
peregrinos.
Por
tanto, reiteramos o que diciamos neste blogue en decembro de 2009, resulta
imprescindible conservar e promover as rutas históricas de
peregrinación a Compostela, favorecendo o paso dos peregrinos
contemporáneos sobre os vellos roteiros medievais, que deste xeito
reviven. Pero unha cousa é revitalizar estas antergas rutas e outra
moi distinta é “inventar” novos camiños que carecen de
referencias documentais precisas, de datos históricos que avalen o
paso secular e regular de peregrinos por eses lugares. Deste xeito
estamos traicionando o espírito do Camiño, estamos esmagando a súa
veracidade histórica.
Diciamos
estas consideracións sobre o chamado “camiño portugués da costa”
e o seu tantas veces anunciado recoñecemento oficial, que, por certo, nunca
chegou. E a realidade logo de todo apoio oficial -tanto dos concellos
implicados como da Xunta de Galicia- é que no pasado ano 2011
segundo a información oficial da Oficina de Atención aos peregrinos
da Arquidiocese de Compostela iniciaron o camiño na Guarda 28
persoas e en Vigo 161, namentres que nos outros concellos implicados
non comezou ninguén. Un total de 189 peregrinos, namentres que só
en Tui comezaron 7.720 ou en Valença 2.815.
Agora
os amigos de Iacobus Tui e Espaço Jacobeus teñen a ocorrencia de
“recuperar e revitalizar” unha ruta de peregrinación que,
repito, carece de calquera referencia documental que avale a súa
existencia en tempos medievais como ruta de peregrinación. Cómpre
non confundir os camiños medievais cos camiños xacobeos, son dúas
realidades parellas pero non equivalentes. Recuperar estes vellos
camiños é absolutamente imprescindible para coñecer como se
organizada ese territorio nos tempos pasados, pero non é prudente
confundírmonos os términos ligando estes vieiros ao fenómeno da
peregrinación.
Pero
é de xustiza recoñecer o importante esforzo que ambas asociacións
están realizando arredor da peregrinación xacobea, por manter o seu
espírito, por revitalizar o seu aspecto relixioso consubstancial aos
peregrinos. Nese aspecto parabéns. Pois o que asistimos nas últimas
décadas é a unha transformación do fenómeno xacobeo, convertido
agora, para moitos, nun fenómeno de turismo.. Existe un difícil
equilibrio que necesitamos manter. O Camiño de Santiago é un
patrimonio cultural recoñecido en diversos ámbitos pero o que
converte a este Camiño nun patrimonio vivo é a existencia de
peregrinos; estes camiñantes cara a Santiago dánlle vitalidade e
actualidade a este itinerario, en consecuencia é imprescindible
coidar aos peregrinos para que exista un turismo cultural arredor
deste fenómeno patrimonial, pero sen que este tipo de turismo afogue ou
solape completamente á peregrinación que está indisociablemente
vencellada á fe, á devoción, á relixiosidade, á procura interior. En consecuencia,
paga a pena investir na acollida e no apoio aos peregrinos porque son
eles os que promoven o turismo, sen ser eles mesmo turistas; pois os
propios peregrinos son o patrimonio vivo.
Non
me resisto a reiterar unha longa cita do profesor Xose Luis Barreiro
Rivas publicada hai un par de anos na revista Grial que introduce un
importante elemento de debate sobre o que reflexionar neste longa
década en que estamos á espera dun novo Ano Santo
Compostelán: "Compre lembrar tamén que as motivacións que
tiveron os peregrinos para faceren o camiño foron sempre plurais e,
na maior parte dos casos, compatibles entre si (...) O único que non
cabe é desnaturalizar a peregrinación nin o seu destino, e no canto
de manter as raíces históricas e culturais dun feito nacido ao
abeiro da formación da cultura occidental –que era tamén unha
cultura cristiá-, instaurar no seu lugar unha panoplia de
ocorrencias que, abeiradas ao éxito secular do Camiño, van facendo
esquecer que a autenticidade da peregrinación a Compostela –o que
lle dá singularidade e pervivencia secular- é un feito relixioso
que non pode nin debe ser adaptado ás esixencias dun turismo
masificado que depreda ou destrúe os símbolos e virtudes do Camiño
(...) Porque iso equivalería, incluso para os que cren na andrómena
do PIB milagroso, a matar á galiña dos ovos de ouro ou, dito en
termos máis solemnes, a collermos unha grandiosa herdanza da
historia dos nosos pais, para transmitírllela aos nosos fillos
convertida nunha confusa feira de bixutería e autobús".
Ultreia!
Comentarios
Publicar un comentario