Ir al contenido principal

"Heroísmo e grandeza de Tui" de Manuel D. Benavides

Hai hoxe 75 anos que coa sublevación de parte do Exército deu comezo a guerra civil en España. Nesta luctuosa historia a cidade de Tui ocupa un lugar relevente ao converterse na última localidade de Galicia en sumarse ao “Alzamento” militar. Un episodio relevante da nosa historia contemporánea que dexiou un ronsel de sofrimento, represión e morte.
Recuperamos para conmemorar esta efeméride recuperamos un texto do escritor e xornalista Manuel Domínguez Benavides (Ponteareas, 1895 – México, 1947). Benavides, militante primeiro socialista e logo no exilio comunista, escribiu diversos libros, cun estilo de novela social ou política que combina o relato xornalístico coa narración literaria, nos que analiza os últimos anos da II República e a guerra civil. En 1933 publicou a súa primeira novela social “Un hombre de treinta años”, de corte autobiográfico e no  1934 “El último pirata del Mediterráneo”, obra sobre os «negocios» de Juan March, que foi un dos grandes éxitos populares da época.
En 1935 publica “La revolución fue así (Octubre rojo y negro)”, á que seguen “Curas y mendigos” (1936) e “El crimen de Europa (Nuestra guerra)” (1937). No seu exilio mexicano publicou outras novelas sobre episodios da guerra española: “Los nuevos profetas” (1942), “La Escuadra la mandan los cabos” (1944), e “Guerra y revolución en Cataluña” (1946). A morte sorprendeuno cando preparaba a publicación de dúas novas novelas “Soy de 5º Regimiento” y “La historia se hace en Madrid”.
Este texto que de seguido publicamos forma parte da súa novela “La Escuadra la mandan los cabos” na que realiza un percorrido polos inicios da guerra civil en Galicia, cun capítulo dedicado a Tui que reproducimos, e polo papel da Mariña de Guerra na sublevación. Non estamos pois diante dun texto de pleno rigor histórico, senón especialmente diante dun relato no que reconstrúe os episodios de hai 75 anos dende a súa vivencia e coñecemento, ás veces modificando nomes e acontecementos.
«Es un reportaje novelesco -resumirá Eugenio De Nora- cargado de ímpetu combativo con una significación antes ideológica que estética». A elo añadirá Juan Chabás, en su «Literatura española contemporánea»: «Benavides procura mantener el carácter documental e histórico al lado de la invención fabulada, que siempre sostiene con interés».
Polo seu interese reproducimos este texto do ponteareán Manuel Domínguez Benavides confiando que axiña poidamos contar cunha historia contemporánea da nosa cidade que complete este relato.


HEROÍSMO E GRANDEZA DE TUI

Por Manuel Domínguez Benavides

Vencidos os republicanos en Pontevedra e Vigo, en toda a provincia só ficaba un pobo libre: Tui.
O episodio de Tui é o máis brillante da loita contra o fascismo no noroeste peninsular. En Tui obtívose e retívose a victoria. Os republicanos tudenses souberon organizarse e souberon combater. Se a resistencia afirmárase nos outros pobos da provincia, as forzas de Tui haberían reconquistado Vigo.
A cidade episcopal e fronteiriza estaba gornecida con forzas de carabineiros ao mando dun capitán faccioso; unha lancha gardacostas; tropas de infantería de mariña, cuxo comandante tamén estaba comprometido cos rebeldes, e un bo golpe de gardas civís cun xefe da mesma categoría que os anteriores. En Tui residía o Bispo da diocese, que meses antes da sublevación andou de xira pastoral e recadatoria a beneficio dos pillabáns. Os cóengos facíanse linguas do desprendemento de Avelino, propietario do hotel do seu nome en Mondariz, que cotizou para esa subscrición 12.000 pesetas.
Tui era a sede do agrarismo da provincia, co recordo dos sucesos de Sobredo, en que a Garda civil disparou os seus máuseres contra os que pedían a redención de foros. O movemento agrario, anterior á dictadura de Primo de Rivera, continuouse durante ela, e a República atenuou o que tiña de protesta ao decretar a redención obrigatoria da gabela feudal.
Un home había en Tui de gran tempero: Gumersindo Rodríguez, cenetista, obreiro panadeiro. Gumersindo, non se colgaba dos flocos da farfallanada revolucionaria a destempo e a toda hora; tras das eleccións de 1936, persuadiu á C.N.T.-F.AI. [Confederación Nacional do Traballo - Federación Anarquista Ibérica], para que ingresase na Fronte Popular e aceptase as responsabilidades da administración. Con ese obxecto producíronse unhas vacantes de concelleiras que pasaron a desempeñar os confederais.
Os rebeldes e as dereitas coñecían esa unidade e no mes de xuño levaron as municións que había nas polvoreiras.
O día 18 de xullo, a Fronte Popular creou unha xunta de Defensa. Figuraban nela, o alcalde Guillermo de Vicente, o médico Hermenegildo Losada, o deputado agrario Afonso Ríos -organizador dos agrarios e carabineiros de Forcadela, Tomiño e A Garda-, Romero, Ulpiano Piña e Gumersindo. Nomeouse presidente da xunta a Hermenegildo Losada, que se presentou nos cuarteis e leva consigo ao Concello aos xefes militares.
-Quero que me acompañen vostedes para darlle ao pobo unha sensación de seguridade.
Renovados os mandos, interviñéronse as comunicacións, confinouse aos fascistas nos seus fogares e recolléronse os aparellos de radio das casas particulares e dos cuarteis. No Concello, funcionaba unha radio que transmitía as emisións republicanas. Puxéronse gardas aos Bancos e estableceuse un cuartel xeral no Seminario. Aos seminaristas envióuselles aos seus pobos e o mesmo aos cóengos que non quixeron permanecer na cidade.
O señor Bispo chamou á xunta de Defensa e ofreceulle a súa colaboración:
-Cre vostede que deben pecharse as igrexas? -preguntou.
-De ningún xeito, señor Bispo. A orde pública é completa. Opino, pola contra, que convén mantelas abertas. Dese modo, as persoas demasiado significadas poden celebrar nelas os seus cultos en lugar de andar pola rúa.
O Bispo contestou dando as grazas. Non había por que. O certo é que o Bispo, si se esquece a súa xira pastoral e recadatoria, comportouse correctamente. Non se sabe que agravase os perigos que correron os republicanos tudenses ao ser vencidos, e aínda hai quen asegura que foron súas unhas declaracións publicadas nun xornal portugués nas que se eloxiaba a conducta humana dos defensores da legalidade mentres durou a loita.
Na cidade e nos arredores houbo que lamentar a barrabasada dun clérigo montaraz; que matou a un miliciano comisionado para rexistrar a súa casa, e a detención doutro clérigo, ao que se lle descubriron armas na reitoral. Os dous sacerdotes foron entregados á xurisdicción ordinaria e postos á disposición do xuíz.
Procedeuse seguidamente a concentrar os carabineiros da beira do río Miño, desde Arbo ata Tui, e mobilizáronse as forzas de mariñeiría, cun total de sesenta homes, e as da garda civil formadas por dez parellas, ás que se mesturou con tropas milicianas. Reuníronse preto de douscentos fusís.
O día 19, o Gobernador de Pontevedra comunicou que Sanjurjo dispúñase a repasar a fronteira. Na praza portuguesa de Valença do Miño advertiuse unha aglomeración de autos, que se achegaron á Ponte Internacional, deron media volta e dirixíronse a Monçao. A vixilancia que se exercía no río non lles permitiu pasar, se é que tiñan ese propósito. Máis tarde se soubo que Sanjurjo debía trasladarse de Portugal a España en avión. Se non era el a causa da alarma, o movemento de coches na praza fronteiriza e a súa viaxe a Monçao foron certos.

O mesmo día aterrou na Garda unha avioneta pilotada polo representante dunha casa comercial catalá. A Xunta de Defensa incautouse do aparello e enviouno sobre Vigo. A avioneta arroxou cincuenta mil follas intimando á guarnición a renderse. Á mañá seguinte, os hidros de Marín presentáronse sobre o campo de aterraxe da Garda e destruírona con bombas incendiarias.
A avioneta serviu para dar a coñecer o grao de amizade dos gobernantes do país veciño cara á República española. Valença converteuse en praza de armas dos falanxistas, probablemente obedecendo a un proxecto do "Chipé" da Falanxe, José Antonio Primo de Rivera, quen planeaba a invasión de España polos seus pistoleiros se a revolta militar aprazábase. A xunta de Defensa presumiu que se se autorizaba o acuartelamento de falanxistas en Portugal, ela podería pretender a adquisición dun pouco de gasolina. Pronto se convenceu de que a súa pretensión era disparatada. Non soamente negáronse as autoridades portuguesas a facilitar a gasolina, senón que se apresuraron a facer saber á Fronte Popular que, se algún dos seus membros se atrevía a pasar a Valença proporcionaríanse a satisfacción de fusilalo. Aquela elocuente manifestación de simpatía acompañouse do peche da fronteira, e Tui, que provía de enerxía eléctrica aos portugueses, deixounos ás escuras. Non era unha represalia excesiva.
A inesperada caída de Vigo fixo apresurar os traballos de acumulación de efectivos. Con militares, campesiños e obreiros formouse unha columna de tres mil homes. Había que deter ás forzas de Ourense que avanzaban sobre Pontevedra, ou atrasar a súa marcha voando as pontes da estrada de Vilacastín. Tui pediuno. (...)
A resistencia nos pobos da provincia de Ourense é sufocada. A loita só presenta episodios no Barco de Valdeorras, onde organizouse unha das guerrillas máis valentes da nosa guerra nas montañas. Os obreiros da vía do ferrocarril Zamora-Ourense, na fronteira de Zamora, foron os que se sostiveron máis tempo. Con eles atopouse o xeneral Caminero cando fuxía cara a Portugal. Eses ferroviarios axudaron a Caminero a pórse a salvo.
Esta é a causa que permitiu ás forzas de Ourense desprazarse contra Tui.
O 23 de xullo, o Gobernador militar de Vigo, chamou ao xefe de carabineiros da praza fronteiriza. Hermenegildo Losada, sen identificarse, púxose ao aparello:
-Declare vostede o estado de guerra, fusile aos dirixentes dos partidos políticos, das organizacións sindicais e da Fronte Popular... e meta no cárcere aos demais.
A inspiración desas ordes viña de arriba, do Norte, de Navarra, do Xeneral Mola, e alentábanas os xenerais Cavalcanti e Millán Astray e o Bispo de Madrid, Leopoldo Eijo. Os facciosos non se paraban en barras. Ían ao seu de sumar mortos e de restar vivos.
-É verdade que se mata moito -recoñecería no mes de agosto o deán da catedral de León-. Pero convirá vostede comigo que isto nos asegura cincuenta anos de tranquilidade.
A un veciño de Tui, de Ponteareas ou de Ribadeo dígalle vostede que, por ser republicano e defender ao réxime votado pola maioría dos españois, vano a matar. E que non contentos con matalo, os inimigos vano a ultraxar nas súas mulleres, e que os seus pais e os seus fillos serán perseguidos, e roubados ou incendiados os seus bens. É inútil que vostede llo diga; non o crerá.
O Exército aplicaría en España os procedementos empregados en Marrocos. O mesmo que nunha operación de castigo queimábanse os campamentos, aos campesiños galegos queimaríanlles as casas e as colleitas e mataríanlles os animais domésticos. Os montes e os camiños cubriríanse de cascallos, de homes e bestas degolados e unha chea de restos carbonizados indicaría o sitio onde estivo "o lugar de fulano".
Correrán os días, correrán os meses, correrán os anos e non se esquecerá o que pasou. O tempo non arrastrará na súa corrente os recordos. Porque Franco, cos seus xenerais e a Falanxe, destruíron un pobo, esnaquizáronlle a alma e sobre as ruínas sementaron sal.
O día 25, as forzas procedentes de Ourense -infantería, gardas de Asalto e falanxistas- e a artillería de Pontevedra apoderáronse do Porriño.
Tui preparouse para a defensa. Construíronse fortíns de cemento armado nas entradas da cidade e estableceuse un sistema de trincheiras. Asumiu o mando un suboficial de carabineiros. A fronte tiña polo lado esquerdo o río Louro, polo centro un piñeiral sobre as gándaras de Guillarei, e pola dereita, un monte sobre a estrada. Este dispositivo situouse a tres quilómetros da poboación. Tíñase previsto a dirección de ataque faccioso. Organizáronse tres columnas: unha, detrás do río Louro, de obreiros e campesiños; outra, de carabineiros, mariñeiros, policía e milicianos, que ocupou o centro, e o á dereita, gornecida con Garda civil e milicianos.
A leira do Bispado, a mellor do Concello, provía, coa autorización do Bispo, de carne, leite e patacas aos combatentes. O primeiro ataque comezou ás oito da mañá e durou ata as oito da noite. Abriu o lume a artillería. Ningún dos seus disparos logrou facer branco nos fortíns nin nas trincheiras. As granadas caeron no río da praza de Valença. As autoridades lusas protestaron:
-Contra quen disparan os "nacionais", contra os vermellos ou contra os seus amigos os portugueses?
Ás oito da noite, as columnas republicanas dos flancos situáronse no seu avance a menos de medio quilómetro dos facciosos. A escaseza de municións, obrigounas a repregarse ás súas liñas primitivas. Agardarían a que o inimigo achegásese para atacalo con dinamita. Recorreríase ás armas longas nos momentos difíciles... A loita cambiou de signo coa chegada de reforzos de Pontevedra. De pouco valía o ardor dos republicanos nin a dirección intelixente, ante a falta de elementos. Galicia decata caera. Sen posibilidade de recibir socorros, Tui era indefendible.
Ao terceiro día, forzas de Vigo engrosaron as forzas atacantes. Ordenouse a retirada. Aos republicanos quedáballes un cargador por home. A Xunta de Defensa fixo entrega da cidade aos militares locais. As milicias fortificáronse no monte Aloia, co propósito de acosar ao adversario durante a noite. A capela da cima do monte converteuse en depósito de alimentos para un mes. Nos combates morreran a maioría dos dirixentes. E pasou a noite do terceiro día, contendo ao inimigo cos disparos do último cargador.
Un confidencia preveu aos milicianos de que o monte sería atacado polas dúas estradas de acceso ao mesmo. Chovía. Enviouse un emisario ás milicias para que se refuxiasen nas zonas afastadas ás estradas. Coa choiva e o soño, o miliciano durmiuse. A tiros e a machetadas acabaron con el. Gumersindo Rodríguez tiña sete balazos.
Aos dous días, das aldeas acudiron os pais e as mulleres dos detidos. Funcionaban os Consellos de guerra e os pelotóns de execución. Á saída dos Consellos, as figuras dos campesiños apiñábanse nas sombras da Corredoira, xuntaban os rostros, alzaban os brazos e desaparecían na noite cunha "carreiriña de can" a levar ás aldeas a noticia do fusilamento do esposo ou do fillo.

De “La escuadra la mandan los cabos”. Manuel D. Benavides. Ediciones Roca. México 1976. (reimpresión do orixinal de 1944).
A fotografia foi tomado do blogue de Alberto Estévez Piña http://laguerracivilentuy.blogspot.com/2009/02/la-guerra-civil-en-tuy-i-i-parte.html

Comentarios

  1. This is a really good tip particularly to those new to the blogosphere.
    Brief but very accurate info… Appreciate your sharing this one.
    A must read post!

    My web site; zeltiq

    ResponderEliminar

Publicar un comentario

Entradas populares de este blog

O antigo Hospital e Inclusa (actual Edificio "Francisco Sánchez") cumpre hoxe cen anos

Neste ano 2023 a cidade de Tui vive diversos aniversarios de interese, especialmente o referente ao cuarto centenario do falecemento do egrexio médico e filósofo tudense, Francisco Sánchez, sobre o que nos ocuparemos en datas próximas. https://www.facebook.com/fotosantiguastuy/photos Centrará hoxe a nosa atención outra significativa efeméride, o centenario da inauguración do Hospital e Inclusa de Tui celebrado o 1 de maio de 1923, hai hoxe cen anos, que culminaba un longo proceso de construción deste edificio. Na actualidade este antigo hospital é o Edificio “Francisco Sánchez” coñecido popularmente como Área Panorámica de Tui. É pois unha feliz oportunidade para realizar unha aproximación a historia deste edificio emblemático da nosa cidade. Un edificio creado para acoller as instalación do hospital e da casa de expósitos, ou inclusa. A historiografía ten abordado nas últimas décadas aspectos da historia social pouco atendidos tradicionalmente. O tema da marxinación social é un de

Unha nova entelequia: un Camiño Portugués de Nossa Senhora do Norte por Tomiño e Gondomar

Vivimos nun mundo mediático onde cada vez temos acceso a un maior abano de información de todo tipo, o que en principio resulta altamente positivo e enriquecedor pero paralelamente existe o evidente risco de carecer de elementos de discernimento e valorización para recoñecer o rigor e a falsidade, a veracidade e os falseamentos. Ven a conto esta obviedade para abordar unha breve reflexión sobre a noticia que en días pasados publicaron os medios de comunicación con este titular: Tras un año de investigación, la alcaldesa de Tomiño, Sandra González; el presidente de la Cámara Municipal de Vila Nova de Cerveira, Rui Teixeira, junto al alcalde de Gondomar, Francisco Ferreira, y la concejala de turismo de Redondela, María Castro; y el arquitecto e investigador Antonio Soliño, presentaron el «Camiño da Nosa Señora do Norte a Santiago», una variante del Camino de Santiago que pasa por el territorio que recogen ya los archivos históricos. No texto da noticia se afirma o seguinte: La invest

A fábrica de galletas "La Peninsular"

Temos sinalado neste blog en diversas oportunidades o descoñecemento que posuimos da historia contemporánea de Tui fronte a outros períodos históricos moito mais investigados que a nosa historia mais recente. Aspectos como a vida política tudense na primeira metade do século XX seguen esperando un achegamento como tamén os procesos e dinámicas socias desenvolvidos no noso territorio. Hoxe ofrecemos en Tudensia un post sobre a fábrica de galletas “La Penínsular” que abrangue case medio século da vida económica tudense. Achegamos a información ofrecida polo profesor de historia económica da Universidade de Santiago de Compostela, Angel Ignacio Fernández González, no seu blog “Galicia Agraria” nun documentado post sobre a industria de galletas en Galicia nos principios do século XX. Aportamos a rica e moi completa información que achega profesor Fernández algunha pequena referencia da nosa autoria colocadas como notas. http://galiciaagraria.blogspot.com.es/2012/03/gall