Ir al contenido principal

Gunvaldsborg: os viquingos en Tui

A historia tudense é xenerosa en episodios protagonizados por egrexias persoalidades que deixaron a súa pegada na nosa cidade e cuxa memoria conservamos como elemento senlleiro da nosa identidade. Nesa época, que algúns se empeñan en chamar "escura", da Idade Media, e que non ten máis escuridade que a escaseza de fontes históricas que posibiliten un axeitado coñecemento do noso pasado, os ataques viquingos á Galicia e, nomeadamente, a Tui –coa figura protagonista de Olav- son un lugar común do noso pasado que nos vencella cos pobos nórdicos e que confirma a dimensión atlántica da nosa terra.


Aínda en Galicia non temos atopado restos arqueolóxicos que testemuñen a presenza viquinga pero conservamos referencias documentais e literarias sobre intercambios comerciais e as expedicions militares. Carecemos tamén de topónimos desa procedencia, aínda que para diversos filólogos termos náuticos como “babor”, “estribor”, “estai” ou “singradura” teñen unha orixe nórdica e que evidencian que non se pode entender o mundo viquingo sen a súa relación co mar. As expedicións proporcionaban aos xefes viquingos a gloria militar e o botín necesario para afianzar a súa fama e riqueza, pero non esquecen nunca o comercio.O que está patente nos atributos de Odin, unha das súas divinidades, que son o comercio e a guerra.
Os normandos eran visitantes asiduos das costas da Península Ibérica. Empregaban os nomes de Galicia, Galizuland e Jakobsland para as terras cristiás do noroeste da Península, ás que distinguían do resto musulmán que chamaban Span, Spánland, Spänlond, Spanía, etc. (...) Nas crónicas cristiás da Península os viquingos son coñecidos como Lormaní, Lormanes, Leodemani, Lotimani, Lothomani, Lordomani, Lodormani, Nortami, Nordomanni, Normanni, todos eles variacións de Northman, Norman ou homes do norte, é dicir, normandos
Practicaban unha navegación de cabotaxe; un barco de guerra contaba cunha tripulación de 60-90 homes e o drakkar –rematado nunha cabeza de dragón- é o seu exemplo máis prototípico. Normalmente, atacaban en verán as zonas costeiras desprotexidas e regresaban a casa en inverno, provocando unha grande inseguridade pois os habitantes en xeral desarmados non podían facerlle fronte máis que fuxindo cara ao interior. “Os homes do Norte son ademais de piratas, expertos mariñeiros, aventureiros, colonos, comerciantes e señores feudais. Durante a súa aproximación á costa, os viquingos emitían berros e sinais con cornos e trompetas para asustar o inimigo, empezaban o desembarco lanzando pedras, xavelinas e frechas e golpeaban con forza sonora os seus redondos escudos de madeira con bordo de metal. Unha vez en terra dividíanse en pequenos grupos de gran mobilidade e capacidade de manobra e achegábanse ao inimiga para atacar a pé espada en man. En formación de combate utilizan o muro de escudos para defenderse dos proxectís inimigos.” Cómpre non esquecer que no caso dos viquingos “o seu paganismo potencia a imaxe de crueldade polas súas accións de depredación e pillaxe, contada polos monxes e clérigos que as sufriron e que eran, ademais, os cronistas da época.

A presenza viquinga en Galicia ten dúas etapas; una primeira de asaltos e saqueos ou “razzias” de viquingos pagáns nos século IX e X e unha segunda co desembarco de cruzados normandos camiño de Terra Santa dende mediados do século XI ata ben entrada a Baixa Idade Media.
A primeira incursión coñecida data do ano 844 e tras atacar o Farum Brecantium e outras localidades costeiras chegan ata Lisboa e Sevilla; continua a súa presenza nos anos 859 e 861 e no século X padecemos varias vagas. Nunha destas expedicións, soben polo Miño e atacan á cidade de Tui tendo o seu bispo Naustio (926-932) que  fuxir cara o mosteiro de Labruxe, nas terras do Lima, dende onde segue gobernando á diocese.
Salienta especialmente a incursión de Gunderedo no ano 968; esta incursión está integrada por cen barcos con cerca de 8000 homes chegando ata Compostela onde o bispo Sisnando II faille fronte na batalla de Fornelos, nas terras de Teo, sendo morto e derrotadas as súas tropas. Os viquingos ocupan a cidade do apóstolo e continúan logo a súa incursión por toda Galicia que durou varios anos ata que son derrotados polo conde Gonzalo Sánchez. Estes acontecementos evidencian, naqueles tempos, no reinado de Ramiro III (966-985), que a febleza da monarquía astur-leonesa deixa paso á iniciativa dos exércitos privados dos nobres galegos que asumen a defensa do territorio e derrotan –temporalmente- os invasores nórdicos.
Nesta vaga é cando temos noticia doutra chegada dos normandos a Tui, pois no ano 970 o bispo tudense Viliulfo (952-990), que segundo algunhas fontes tiña pelexado xunto ao bispo Sisnando II, abandona á cidade diante do seu ataque refuxiándose no mosteiro de Ribas de Sil, sendo soterrado naquel cenobio da Ribeira Sacra onde repousaran os restos doutros bispos tudenses que dan orixe a unha lenda.
Para estas viaxes hai fontes coetáneas nórdicas, a máis completa ruta de viaxe dunha expedición viquinga polo Vestrvegr (ou ruta do oeste) é de Snorri Sturlsson na saga “Olavs bin belga” que é un capítulo da “Heimskringla” que contén a biografia de Olav Haraldsson (nacido en 995 e rei de Noruega entre 1016 e 1030) e os cantos ou drapa realizados por Sighvat Skjald, fillo de Tor, un dos acompañantes de Olav na sua expedición.


Contan estas crónicas que Olav dende moi novo participaba nas razzias viquingas polos mares do Norte; logo de vencer aos bretóns, segundo a Snorri, foi cara Hispania no seu camiño a Xerusalén. O único confirmado, sinala Jorge Simón Izquierdo Díaz a quen seguimos neste capítulo, é que Olav Haraldsson realizou o seu “vikingetog” antes de ser coroado rei de Noruega no 1016 as datas concretas están máis inseguras. Este Olav un ano despois da súa morte na batalla de Stilesadt foi canonizado con o título de Rex perpetuus Norvegiae converténdose no símbolo da unidade política e relixiosa do seu país.
Na terceira primavera morreu ol rei Ethelredo e herdaron o seu trono os seus fillos Edmundo e Eduardo. O rei Olav navegou cara o Sur e loitou en Hringsfirdi,  apoderouse do castelo de Holonom (Holi), defendido polos vikingos (=guerreros) e arrasouno. Dende alí marchou o rei Olav co seu exército cara o oeste ata Grislvpolla (Castropol) e alí loitou cos seus vikingos diante a Vilhialmsbo (Vilameá, na ribeira do Eo). De nuevo ganou Olav outro combate (...) Logo loitou máis cara ao oeste, en Fetlafirdi (Faro Brigantino ou Betanzos) así como di  Sighvat:
            Na duodécima batalla
            O rei tinxiu Betanzos de sangue
            Con dentes de lobo
            E alí pereceron moitos homes
Despois disto continuou Olav cara ao sur ara Seliopolla (Ribas de Sil, aínda que para certos autores refírese ao estuario do Miño) e presentou alí batalla. Ali conquistou Gunvaldsborg (burgo do conde Menendo González, actual Tui), unha cidade (borg)que era grande e antiga, e alí fixo prisioneiro ao conde que era dono da cidade e que se chamaba Geirfinn. Logo convocou o rei Olav aos moradores, e, en castigo, impuxo unha suma á cidade, e polo rescate do conde esixiu doce mil moedas de ouro. E a suma imposta á cidade foi satisfeita. Isto di Sighvat
O temible señor de Trönderne
Gañou a décimo terceira batalla
Do Sur, en Rivas de Sil
¿Malpoucados fuxitivos!
Veloz, apoderouse unha mañá
Da cidade de Conzález
Aventurouse e fixo prisioneiro
Ao conde que se chamaba Geirfinn
Logo marchou o rei Olav coa súa flota.


Segundo a saga de Olav a nosa cidade era cualificada de borg, é dicir un asentamento fortificado. A través das fontes hispanas sabemos que naquela altura era bispo de Tui Afonso I; un documento rexio de 1024 –do que logo falaremos- indica que o bispo de Tui fora levado cativo xunto con outros habitantes da cidade, sendo uns vendidos e outros mortos; un documento posterior, de 1112, afirma que o prelado morreu a consecuencia das invasións normandas. Pero o que segue sen clarificar é se o gobernador Geirfinn do relato de Snorri e o bispo Afonso das nosas fontes son a mesma persoa. Resulta significativo, aínda que carecemos dunha explicación pausible, o feito de que a cidade pagou a súa contribución de guerra, pero non consta que o fixera o bispo, quizais por negarse –como tiñan feito outros prelados- o que implicaba que sería vendido como escravo nalgures.
No ano 1024 o rei Afonso V de León diante da situación de desfeita na que estaba a cidade e diocese tudense decide á súa incorporación á diocese de Iria e no diploma polo que ordea esta unión manifesta o seguinte e que resulta ben ilustrativo da situación social deste territorio: Pero no mucho tiempo después, a causa del incremento de los pecados de los hombres, la región marítima fue asolada por los normandos. Y como la sede de Tui fue la última y la menos importante de todas, y el obispo que en ella residía llevado cautivo con todos los suyos por estos enemigos, los cuales a unos vendieron y a otros mataron, la propia ciudad, reducida a la nada, permaneció durante muchos años viuda y de luto. Mas tarde, sin embargo, propicia la misericordia de Dios, la cual dispone todas las cosas con suavidad y las gobierna, nosotros, con ayuda de la divina gracia, quebramos la cerviz de muchos de estos enemigos y los arrojamos de nuestro suelo. Transcurrido mucho tiempo convocados y reunidos los prelados, los condes y todos los magnates de nuestra corte, que no son pocos, quisimos poner un obispo en cada sede, tal como lo prescriben los cánones. Pero viendo la sede de Tui destruida, contaminada de inmundicias y despojada de su rango episcopal consideramos necesario y asi buenamente lo dispusimos que fuera incorporada al Aula Apostólica a cuya provincia pertenecía
Recoñece con esta decisión o monarca que os seus proxectos expansionistas se viran truncados pola presenza destes piratas viquingos e cómpre en consecuencia unha reorganización do territorio, reordenando as sedes episcopais existentes, integrando ao bispado tudense na diocese de Iria-Compostela. Haberá que agardar ao 1069 para que a sede tudense restáurese de novo polo rei de Galicia, Don García, e a súa esposa, a infanta Dona Urraca, nomeando a Xurxo como bispo tudense.
O ataque a cidade fortifica de Tui é dos escasos episodios onde estas sagas nórdicas se deteñen a concretizar detalles, evidenciando a importancia que os normandos daban a este ataque, pois estamos diante dun dos núcleos rectores do territorio galaico que chegaba, alomenos, ata o Douro. Pero como comprobamos nas fontes documentais as perdas humanas e materiais tardaran moitos en anos en se recuperar.
Novos ataques viquingos tiveron lugar en Galicia nos reinados de Vermudo III (1028-1037) e Fernando I (1037-1065), salientando especialmente o realizado ás Torres de Catoira –fortificadas polo bispo Cresconio-, a mediados do século XI, dirixido polo viquingo Ulf, alcumado “o galego”, testemuñando  así que Galicia pasa a formar parte do imaxinario popular escandinavo como terra de conquista.
Os pobos nórdicos continuaron chegando a Galicia, no século XII, agora no seu itinerario de peregrinación e cruzada a Terra Santa, a través da ruta Vestvegr, aínda que non faltaron problemas puntuais e mesmo un grupo é contratado como mercenarios polos condes galegos Paio Gudesteiz e Rabinado Muñiz para participar nas loitas nobiliares no ano 1112. Esta circunstancia unida á política de defensa costeira impulsada por Xelmirez rematan coa inseguridade e posibilitan unha reactivación económica e demográfica nas cidades e vilas de Galicia.
De estos azarosos tiempos –sinala Iglesias Alemida-además de las noticias históricas, quedaron algunos recuerdos, tales como los topónimos “Pedra das Runas” en la parroquia de San Miguel de Tabagón, y el de la parroquia de Lanhelas, en Portugal, cuya piedra ha sido destruida. El propio nombre de Lanhelas (Leynells) parece ser de origen sueco, tal como el nombre de Gondarem (Gonderedo). Otro de los recuerdos dejados por los vikingos son las propias barcas del Miño cuya técnica constructiva es de indudable procedencia nórdica”. Sobre este tema temos realizado xa un post en Tudensia en referencia ao bote anguleiro do Miño; pódese consultar en http://tudensia.blogspot.com/2010/02/chegada-das-chuvias-e-temporais.html
Na historia dos pobos nórdicos o mundo viquingo é un principais momentos identitarios e posúe unha excepcional importancia. No caso de Noruega o relacionado co seu monarca Olav acada relevancia, de tal xeito que o nome de Gunvaldsborg está presente nos seus relatos históricos.
Paga a pena lembrar estes episodios que sitúan a nosa cidade como lugar principal nos tempos da Alta Idade Media, e que contrasta con esas afirmacións que alguns aínda se empeñan en manter de desocupación do territorio tras a chegada dos árabes no século VII. Tui era naquela altura unha cidade fortificada e de certa importancia como queda acreditado polo importante rescate que esixen os guerreiros de Olav mantendo un protagonismo herencia dos tempos xermánicos.
Estes episodios nos abren a novas relacións e vieiros con outros pobos atlánticos como son os países nórdicos, aos que nos unes estes lazos históricos que hoxe rememoramos.

Bibliografia:
Almazán, Vicente: Gallaecia Scandinavica. Vigo, Galaxia, 1986.
Ferreiro Alemparte, Jaime: Arribadas de normandos y cruzados a las costas de la Península Ibérica. Madrid, Sociedad Española de Estudios Medievales, 1999
Iglesias Almeida, Ernesto e Méndez Cruces, Plácido: Evocación histórica de la ciudad de Tui y sus antiguas ruas. Tui, 1990.
Izquierdo Díaz, Jorge Simón: Os viquingos en Galicia. Santiago de Compostela, Lóstrego, 2009
Sierra Ponce de León, Vicente: Olav II, rey de Noruega. Pontevedra, Deputación Provincial, 2000.

Comentarios

Entradas populares de este blog

A lenda do túnel baixo o MIño

As lendas ou narracións populares, transmitidas oralmente, relatan xeralmente acontecementos ficticios que se teñen por reais, en moitas ocasións mesturados con feitos históricos. Pola súa capacidade de evocación, pola súa transmisión xeracional as lendas conforman un acervo do que chamamos patrimonio inmaterial que cómpre recoller e preservar. Na nosa cidade conservamos varias lendas vencelladas ao caracter histórico da nosa localidade, ao seu caracter fronteirizo e consecuentemente a súa fortificación fronte aos posibles invasores. A máis asentada no imaxinario colectivo tudense é a relativa ao “túnel” que comunica Tui coa outra beira do Miño, coas terras de Valença. Resulta moi significativa esta lenda pois testemuña como na mentalidade dos tudenses a fronteira e a súa condición de limite, de aillamento fronte ao estranxeiro era superada polas nosas xentes que a través do túnel escapaban destas “imposicións” e mantiñan a comunicación coas terras irmáns que as estructuras políticas t…

A Semana Santa tudense e as súas posibilidades

Xa na noite do Venres Santo xorde de novo unha reflexión sobre a Semana Santa tudense, pois quizais na nosa cidade non chegamos albiscar as súas potencialidades como elemento que forma parte do noso acervo patrimonial que temos a responsabilidade de conservar, sen privala da súa dimensión relixiosa, e dende esta valorización é tamén un posible recurso turístico para Tui, pois poucos lugares de Galicia teñen unha riqueza similar nestas xornadas.


Neste mesmo blogue temos sinalado que inmediata celebración das festas patronais de San Telmo distorsiona a visión destas xornadas de celebración do misterio pascual de Xesús, configuradas como un preludio das festas e, consecuentemente, infravaloradas non xa na súa dimensión espiritual senón na súa significación cultural. Cómpre valorizar as actividades litúrxicas ou para-litúrxicas destas datas, pois, independentemente da súa significación relixiosa ou espiritual, conservan requintadas expresións da nosa historia colectiva da que somos custodi…

O grupo "Ultreya" tudense (I)

A comezos do ano 1932 o daquela profesor do Instituto de Noia, Álvaro de las Casas, funda con varios rapaces alumnos seus os Grupos Ultreya que terán un curto pero activo papel no desenvolmento da nacionalismo entre a mocidade galega.
Alvaro de las Casas (Ourense, 1902 – Barcelona, 1950) é unha persoalidade apaixoante (o estudo de Uxio Breogan Dieguez asi o documenta). Tras os seus estudos de Filosofía e Letras (especialidade de Historia) en Valladolid, trasladouse a Madrid sendo nomeado secretario particular do conde de Vallellano, alcalde de Madrid. Mantivo de sempre grande relación con intelectuais galegos especialmente con Vicente Risco.
Pero en 1930 da un xiro a súa actividade, adoptando unha actividade galeguista e republicana, incorporándose ao ensino público. Chega en 1930 como profesor de Xeografía e Historia ao Instituto de Noia, posto no que continuará ata a súa destitución polos sublevados en agosto de 1936, cando xa tiña fuxido para Portugal. Tivo unha traxectoria ás veces …