A cidade de Tui posúe unha longa historia chea de datas memorables cuxa lembranza contribúe ao coñecemento do noso pasado e consecuentemente da nosa identidade, construída en base este legado secular que singulariza a esta vella urbe.
Pero a historia sempre a escribimos dende o presente, e resposta ás nosas expectativas actuais, xa que logo lembramos hoxe un acontecemento histórico para a cultura de Galicia, a celebración na nosa cidade dos Xogos Florais de Galicia en 1891, sendo o primeiro acto público celebrado integramente en lingua galega e que tivo como escenario o Teatro Principal tudense
Unha corrente de opinión e de acción política que viña agromando ao longo da Restuaración culmina arredor de 1889-1990 coa publicación de dúas obras: “El regionalismo gallego” de Murguia e “El regionalismo” de Alfredo Brañas. Estas obras suscitarán a adhesión dos tres sectores do galeguismo naquela altura: os federalistas do lucense Aureliano Pereira, os liberais de Manuel Murguia e os conservadores, representados polo propio Brañas. E xorde a necesidade de crear unha organización política que os agrupe, polo que acordan a convocatoria dun congreso rexional. Así en novembro de 1890 se constitúe en Santiago o Comité Central Rexionalista, integrado por Manuel Murguía, presidente, Salvador Cabeza de León, profesor na facultade de Dereito como secretario, e os vocais, Alfredo Brañas (catedrático de Dereito e concelleiro en Santiago), José Tarrío (medico), Juan Barcia Caballero (médico e logo profesor na Facultade de Medicina), Juan Pereiro Romero (avogado) e Enrique Lens (farmacéutico e profesor de música). Participan no acto por atoparse en Compostela, Ernesto García Velasco (avogado e deputado provincial en Ourense) e os tudenses Manuel Fernández Herba (avogado) e Augusto González Besada (rexistrador en Pontevedra e membro do Partido Conservador).
Nos meses seguintes se crearon comités rexionalistas en Lugo, Coruña, Ourense, Pontevedra, Vigo, Tui e posteriormente Pontedeume. A Xunta Rexionalista tudense creada en abril de 1891 esta integrada polo xa citado Fernández Herba, como presidente. O seu vicepresidente era o médico Eduardo Caballero Canals, como secretario estaba o estudante de Dereito e poeta, Martín Díaz Spuch e como vicesecretario o avogado Vicente García Rivera, contando como vocais con: Juan Álvarez Cordero (farmacéutico), Juan Areses (farmacéutico), Antonino Cerviño González (coengo), Leoncio Comesaña González (avogado), Justo Fortes Domínguez (director do xornal “La Integridad”), Manuel Lago González (coengo e director do Seminario) e Indalecio Rodríguez de Córdoba (presidente do Casino). Temos pois que a nosa cidade foi dos primeiro lugares en sumarse a esta iniciativa política dos galeguistas que aínda seguía mantendo os esquemas propios das organizacións políticas do século XIX, creando un comité de notables con mínimo apoio popular. O comité tudense tiña amáis unha singularidade, era o único lugar onde a presenza do clero era notable.
Cabe subliñar que estas Xuntas Rexionalistas se caracterizan pola sua diversidade ideolóxica pois integran a demócratas e federalistas ata sectores tradicionalistas católicos procedentes do integrismo e o carlismo, como era o caso de Santiago e notablemente de Tui. Na vella urbe miñota salienta a presenza de Manuel Lago González que xa neses anos mantiña un notable actividade en defensa dos postulados integristas tradicionais, e que colaboraba amplamente co xornal tudense “La Integridad” convertido naquela altura en voceiro deste grupo.
A pesares de crear un órgano xornalístico “La Patria Gallega”, de curta duración, os dous principais acontecementos impulsados por esta agrupación serán de caracter cultural: os actos co gallo do traslado dos restos de Rosalía dende Iria Flavia a Santiago e os Xogos Florais de Tui.
Xusto Beramendi sinala ao falar destes Xogos “os primeiros integramente en galego da Galicia contemporánea (...) O Consistorio convocante estaba formado exclusivamente por dirixentes da Asociación. En cambio as axudas económicas procedían de persoeiros non rexionalistas na súa maior parte: García Barbón doou 500 pesetas, e ofreceron premios extraordinarios en metálicos e obxectos artísticos Ezequiel Ordoñez (deputado a Cortes por Tui), Luis Rodríguez Seoane, Benigno Álvarez Bugallal e Aureliano Linares Rivas (deputado a Cortes pola Coruña). Non obstante, esta colaboración non debe interpretarse como afinidade de todos eles co rexionalismo, pois o mecenado destas actividades era un xesto propio dos poderosos que sabían coidar a súa imaxe pública.
O Comité de Tui, rebautizado “Junta Regionalista” e formado por persoas de grande influencia no cabido e no concello, preparou a conciencia o evento. Convocou ademáis un Certame de Gaitas e Baile Galego, do que o programa estaba “escrito en el idioma regional”. O alcalde de Tui prometeu públicamente todo o apoio do Concello a estes Xogos, por ser “genuinamente regionales”. Ata o punto foi este apoio que trasladaron as festas patronais de San Telmo para que coincidiran coa celebración dos Xogos (...)
A mensaxe que se emitiu á sociedade dende o altofalante de Tui insistía en: fundamentación da nacionalidade de Galicia, conseguinte dereito á descentralización e a regaleguización do país, rexeitamento tallante ao separatismo, crítica do centralismo e do caciquismo, imprecisión programática case total, etc. O único matiz diferente foi a considerable carga católico-tradicionalista –inevitable polo lugar e o caracter da maioria dos oradores- e a ausencia do sector federalista”.
Non é pretensión deste post entrar na descrición do programa deste Xogos, amplamente coñecido, senón remarcar a presenza deste grupo rexionalista na nosa cidade, vencellado a sectores tradicionalistas, que proviñan do carlismo e mesmo do integrismo, e que atoparon no rexionalismo unha converxencia reivindicadora dunha tradición e dunha patria para eles ligada aos valores que o reximen liberal pulaba por mudar. Certamente en Tui o conflito chegou a altos grados de confrontación mesmo dentro dos sectores católicos, pois existía un claro enfrontamento entre o sector conservador e os “tradicional-rexionalistas” que teñen na figura do coengo Manuel Lago González o seu principal expoñente e valedor.
Os conservadores tudenses, que tiñan en Ezequiel Ordoñez –eterno deputado en Madrid- o seu principal líder rexeitaban con forza as posicións deste sector, que identificaba a postura da Igrexa Católica cos postulados políticos dos integristas. Un enfrontamento que era patente en numerosos lugares da diocese: Tui, Ponteareas, etc. Un incidente no Salón de Plenos do Concello, en marzo de 1891 cando o Alcalde Ruibal, conservador, expulsa pola forza e presenta diante do xuíz ao redactor de “La Integridad”, o mozo de 25 anos Manuel Lago González, pero tamén profesor do seminario tudense; incidentes que se reproduciran en anos posteriores. Lago e Cerviño ocupaban sendas cátedras no Seminario convertido así nun baluarte destas posicións integristas, alentadas polo bispo Hüe Guitiérrez. A chegada do novo bispo Valeriano Menéndez Conde, a finais de 1894, cunha actitude politicamente moito máis posibilista, mudará o panorama tudense ao rexeitar os prantexamentos políticos de Lago, Cerviño, etc. ata o punto que a finais de 1896 Lago González cesa nos seus postos tudense e mesmo abandona a cidade, acadando unha praza de profesor no Seminario de Lugo. Andando os anos Lago mudará de posicións mantendo a súa afinidade co galeguismo, tanto na súa produción literaria como nas expectativas que suscitou o seu nomeamento, en 1924, como arcebispo de Compostela, logo de 129 anos sen bispo galego. Por mágoa aquelas ilusións duraron pouco pola prematura morte de Lago ao ano seguinte. Cómpre lembrar que Manuel Lago foi un dos fundadores da Real Academia Galega, onde ingresou cun discurso titulado “Elogio de la lengua gallega” e membro de honra do Seminario de Estudios Galegos en 1924, dúas das máis importantes institucións da cultura galega.
Sirvan estas liñas para contextualizar o feliz acontecemento da celebración da nosa cidade dos Xogos Florais de Galicia do 24 ao 26 de xuño de 1891 e que marcaron un acontecemento sobranceiro para a cultura de Galicia, pois, como xa apuntamos, foi o primeiro acto público celebrado integramente en lingua galega, logo de séculos de oscuridade e rexeitamento abrindo un camiño polo que aínda hoxe seguimos a pular; foron tamñen un dos escasos acontementos no que todo o movemento galeguista, agrupado arredor da Asamblea Rexionalista, converxeu unido e, finalmente, para Tui, abría un vieiro galeguista que, por mágoa, ficou axiña ermo. Pois aquela Xunta Rexionalista continuou alguns anos, transformándose logo en “Junta de Defensa”, en 1893, cando a Asamblea promove estas agrupacions para rexeitar o traslado da Capitania Xeral da Coruña; a xunta tudense foi das máis activas do pais nestes acontecementos.
Sen embargo, esta colaboración dos tradicionalistas tudenses co galeguismo foise esvaecéndose paseniñamente dada a febleza do galeguismo político e os seus novos rumbos que afastaron aos sectores tradicionalistas e integristas, moi debilitados en Tui no episcopado de Menéndez Conde, desta liña de acción galeguista. Ata o punto que ata a democracia o galeguismo, agora xa nacionalismo, non voltou ter presenza organizativa en Tui, agás un breve período dos anos finais da II República, cando en 1934 Manuel Fernández Valdés crea o grupo “Ultreya” para os mozos e co intento de Darío Álvarez Bláquez de crear a agrupación local do Partido Galeguista nos primeiros meses de 1936.
Felizmente nos vindeiros día celebraremos na nosa cidade o CXIX aniversario da celebración deste Xogos Florais, cun recital poético o 24 de xuño ás 20,30 na Igrexa de San Domingos coa participación de María Xosé Queizán e Darío Xoán Cabana, e coa recuperación do banquete “rexionalista” co que foron clausurados os Xogos no 26 de xuño de 1891.
Paga a pena achegarse ao interesante estudo que do menú, certamente impresionante, deste banquete fan os investigadores Carlos Azcoytia Luque e Mercedes Fernández-Couto Tella, no último número da revista Adra, do Museo do Pobo Galego: “Paseando pola historia de Galicia de banquete en banquete” en Adra, nº 4, 2009, pp. 63-79. O texto referido a Tui podemos consultalo, en castelán, no seguinte enlace: http://www.historiacocina.com/gourmets/articulos/galicia/galicia1.htm
Este banquete do vindeiro 26 de xuño no Parador “San Telmo” será unha feliz oportunidade para que agora, como en 1891, rendámoslle unha homenaxe á nosa cultura e á nosa lingua, reivindicando o papel que a Tui cábelle nesta historia da recuperación da nosa identidade colectiva, repetindo aquela frase que encabezaba todos os actos destes Xogos tudenses: “Surge et ambula”. E tamén, como non, disfrutemos dun espléndido abano de receitas gastronómicas de alta calidade.
O cartel que abre este post foi realizado por Enrique Maté. Gracias!
Rafael Sánchez Bargiela
Comentarios
Publicar un comentario