


Hai unhas semanas a xornalista tudense Mónica Torres, correspondente de “La Voz de Galicia” no Baixo Miño, publicaba un interesante artigo sobre o lamentable estado do Teatro Principal tudense e unha impactante fotografia do seu interior. Achegamos de seguido ambos documentos que falan deste singular elemento do patrimonio cultural tudense que segue deteriorándose progresivamente diante dunha xeralizada indiferenza que a todos nos cuestiona. Acompañamos o post con duas fotos que ilustran este progresivo deterioro do noso Teatro Principal. Cómpre agradecerlle a Monica que saque á luz do debate público este tema, esmorecido polo paso do tempo, que apagou a ilusión colectiva coa que naceu a Fundación Teatro Principal de Tui e os seus proxectos de rehabilitación do noso vello teatro.
Foi gracias á iniciativa dun fato de veciños, promotores da Fundación Teatro Principal de Tui –merecentes dun recoñecemento público polo seu esforzo e sensibilidade-, que este edificio foi adquirido aos seus anteriores propietarios coa intención de proceder á súa rehabilitación. Pero logo de máis dunha década e logo das numerosas promesas recibidas de institucións e organismos, tanto públicos como privados aos que a Fundación recorreu, o obxectivo segue sen cumprirense. Agora están empeñados, meritoriamente, en lograr que o Teatro sexa declarado como “Ben de Interese Cultural” para con esta declaración urxir, con maior base legal, a súa rehabilitación.
Con todo cómpre realizar unhas aclaracións. O procedemento legal para a declaración dun BIC comeza -ben de oficio, por parte da administración, ou a petición de calquera persona ou entidade-, coa incoación do expediente de declaración, publicado no Diario Oficial de Galicia, que enceta unha tramitación administrativa que abrangue a recepción dos informes regulamentariamente establecidos, audiencia ao Concello, etc. contando cun prazo máximo de 20 meses para a súa resolución, xa fose de xeito positivo ou negativo.
Por outra banda, non fica claro se a solicitude desta declaración coma BIC foi de oficio ou a petición de parte, da Fundación ou doutra persona ou entidade. En consecuencia, semella que o que escoitamos estes días non é máis que a reclamación da toma en consideración da petición de declaración como BIC do Teatro Principal e o inicio desa tramitación; o que non podemos confundir coa súa declaración definitiva como BIC. Ben certo é que dende o momento de incoación do expediente o inmoble tería a protección legal dun BIC.
Sen embargo, tanto ten; sexa BIC ou non sexa BIC, resulta sorprendente –por non empregrar outras palabras- que o edificio segue a desmoronarse sen que ninguén tome cartas no asunto, pois estamos diante dun caso de ruina nun edificio histórico enclavado nun BIC. Tamén é necesario clarexar que non é imprescindible esta declaración para acometer a súa rehabilitación, que axudaría sen dúbida, pero non é un requerimento necesario para investir no edificio.
Resulta tamén moi significativo, por poñer un exemplo, que, na actual lexislatura, ningun grupo político da Corporación Municipal tudense tivese promovido algunha iniciativa plenaria arredor deste edificio e a súa problemática, ata pleno do pasado xoves 25 de marzo de 2010 en que nos congratulamos que, tras unha moción de Unión Tudense, o Pleno do Concello acordou solicitar a declaración do teatro como BIC. Pero como prantexabamos anteriormente segue manténdose a confusión neste tema. En realidade o acordo debería urxir, non tanto a declaración como BIC senón a toma en consideración da solicitude da Fundación para que a Consellería de Cultura incoe o expediente da devandita declaración, onde o Pleno do Concello terá novamente que manifestarse ao respecto.
Con todo seguimos escoitando “sottovoce”, en demasiadas oportunidades, os recurrentes argumentos que xustifican o actual desamparo do Teatro tudense: que o seu emprazamento non posibilita na actualidade o seu funcionamento dun teatro polas dificultades de acceso, que o custe do seu futuro mantemento é inasuminble, que xa posuimos en Tui outro magnífico teatro, etc.
O Teatro Principal de Tui é un lugar vencellado á historia tudense dende a sua fundación en 1844, e ocupa un lugar preminente para a cultura de Galicia, pois os Xogos Florais de Galicia de 1891 foron o primeiro acto público celebrado íntegramente na nosa lingua. So por este feito o Teatro Principal de Tui é un lugar privilexiado da memoria de Galicia que é merecente da súa conservación e recuperación. Por eso sempre resultou incomprensible a actitude do goberno bipartito da Xunta, cunha conselleira de cultura nacionalista, e que non foi quen de avanzar na sua recuperación, nin sequera incoando a tramitación da súa declaración como BIC.
Por outra banda, seguir lamentando ter perdido a oportunidade de financiar a sua rehabilitación naquel “Plan de Teatros” do Ministerio de Cultura dos anos oitenta do pasado século é outro lugar recurrente pero que non leva a ningures, pois hoxe esa via de financiamento está esgotada e mesmo o recurso ao 1% Cultural non resulta pertinente pois non se financian ao abeiro destas axudas importes tan elevados como o que precisa o noso Teatro Principal, que acadaría un custo arredor de dous millóns de euros segundo manifestaba o arquitecto J. A. Quiroga, presidente da Fundación. Habería que explorar outras posibilidades de financiamento a través do Ministerio de Vivenda ou mesmo con fondos europeos.
Únicamente unha decisión política pode acometer este arelado proxecto, pero as decisións políticas non xorden da sensibilidade do gobernante de turno, senón que xeralmente respostan a unha demanda social que fai “rendible” o investimento. Velaí o que, en boa medida, falla actualmente neste tema: a escasa inquietude social, a pouca demanda dos tudenses a prol deste tema. Non podemos esquecer que o Teatro Principal tudense xorde pola iniciativa dun grupo de veciños que emiten unhas accións que adquiren setenta tudenses, que son os promotores da súa construcción e funcionamento inicial. Tamén hoxe ten de ser a iniciativa dos tudenses, xunto coa Fundación, a que promova a súa recuperación e manteña esta permanente reclamación.
A oportuna reportaxe de Mónica Torres actualiza este tema que ten un caracter emblemático para á nosa cidade, que pola súa condición patrimonial –indisociable da nosa identidade- ten na recuperación do Teatro Principal o principal termometro da súa sensibilidade. Estas notas dende “Tudensia” só pretenden manter aceso este debate, pois cada día que pasa a rehabilitación do Teatro é máis dificil, por tanto máis cara e consecuentemente de máis complicada execución, pero a actual indiferenza que padece o Teatro Principal de Tui e aínda máis demoledora que o paso do tempo.
Se ve que es una cosa de todos... un cúmulo de circunstancias abversas lo ha llevado a ese extremo... pues que cada uno pongan su arenita de arena... la mío será la oración.
ResponderEliminarJuan Luis, sacerdote.