A pasada fin de semana o documental da cineasta tudense, Diana Gonçalves, acadou o premio “Mestre Mateo” ao mellor documental do ano 2009. Dende “Tudensia” queremos enviarlle a Diana os nosos parabéns por este importante premio que avala o seu espléndido traballo neste documental que para todos os miñotos posue un inmeso atractivo e interese.
Recuperamos un artigo publicado no semanario “A Nosa Terra” no pasado mes de xullo cando o documental de Diana acadou un dos premios do Filminho da autoria doutra tudense, Clara Sánchez.

As contrabandistas de saias longas
Clara Sánchez . O Filminho premiou un documental de Diana Gonçalves que narra, por primeira vez, o contrabando das mulleres na raia
Diana Gonçalves, moza de orixe luso galego, é a directora do documental Mulheres na raia que amosa a historia dun colectivo, as mulleres raianas, que cruzaban a liña fronteiriza que divide dous países, para gañarse a vida nuns tempos onde nada era doado. O documental, segundo explica Diana, “xorde dunha lembranza da infancia, dunha imaxe que tiña gardada na memoria e que quixen facer realidade”.
O filme conta a historia desas avoas, hoxe esquecidas por moitos, pero tan comúns nas familias dos que viven pegados ao Miño, nas zonas onde o río comeza a ser fronteira. Esas avoas que cargaban ás súas costas o peso dunha guerra traducido en café ou xabón e aparentaban uns quiliños de máis, para poder acochar dentro da súa saia a comida para a semana.
As raianas, nun esforzo “para rachar co medo e o silencio” póñense agora diante do obxectivo da cámara de Diana Gonçalves e contan as súas historias na fronteira. Diante dos Gardas Civís, dos Gardinhas e dos seus fusís. Falan da ponte, do río e do medo. O documental retrata, por primeira vez na historia do audiovisual galego, as protagonistas dunha etapa do noso pasado que aínda segue estando presente a través dos seus testemuños.
Mulleres da raia, non só conta a historia daquelas mulleres galegas e portuguesas que cruzaban o bordo fronteirizo para sobrevivir, senón que tamén tenta abordar dende o diálogo interxeracional a problemática transfonteiriza, que naquela liña, se acentuaba até facerse realidade. A división de dous países e dous pobos que converxen na directora do filme Diana Gonçalves, “española en Portugal e portuguesa en España”.
A tradición contrabandística
Mais o contrabando non é algo exclusivamente feminino e moitos menos dunha época determinada. O contrabando na fronteira sur practícase xa dende a Idade Media, converténdose case nunha inclinación atávica dos que viven nas liñas fronteirizas. Esta “no sangue da xente”, dicía Júlio Evangelista, no seu libro Largo da Boa viagem. E é que non hai década na que os homes desta terra non andasen ao galdrucho cando cruzaban a fronteira. De forma legal ou ilegal, o comercio de produtos dun lado a outro da ponte, aínda segue a existir. Pero agora nunha Europa sen fronteiras todo é máis doado. Porque até a década dos setenta a contrabandista tiña que levar o “pasaporte de raiana” que permitía comerciar tan só cunha certa cantidade. A mercadoría que pasaba de dita cifra ía entón entre o saión ou debaixo da blusa. É unha práctica secular que xa desenvolvera unha linguaxe, unha vestimenta e até unha deontoloxía propia.
Diana quere que estas mulleres, invisíbeis ao longo da historia, agora tomen a palabra diante das súas cámaras, as doutra muller nun mundo tamén de homes: o cinema. Pero sendo consciente de que “tentar contar a vida de tantas mulleres en 42 minutos é imposíbel”. A vida destas mulleres da ramboia son mil vidas. A suma das historias de centenares de mulleres que cruzaban o Miño cada día. Mulleres, da raia seca e da raia fluvial, que levaban a cabo un contrabando de subsistencia, moito máis modesto que noutras zonas, pero non por iso menos perigoso. Carrexaban as mercadorías entre as súas saias, pero non sempre contaban co beneplácito da policía. O negocio viría máis tarde, da man do tabaco e do gando. Pero non serían elas as que se fixeron ricas.
Elas limitábanse a mercar no outro lado da fronteira o que aquí non podían, ben porque non o había, ben porque non lle deixaban. E así, debaixo das saias traían xabón, arroz ou café, comida para os ‘tempos de fame’, mentres pasaban por diante dos ameazantes corpos de seguridade.
Foron tempos duros que a sociedade e elas mesmas relegaron ao esquecemento. Moitas veces, os propios fillos descoñecen este pasado. Porque as raianas o negaron e acocharon durante moitos anos. E agora nun exercicio de valentía, incómodo moitas veces, aventúranse a contar a súa actividade diante da cámara.
Na procura desta historia que o tempo ameazaba con levarse, Diana atopouse coa súa propia. De pai portugués e de nai brasileira-galega, a directora do documental áchase diante da raia que tamén a divide a ela. Afondando na problemática transfonteiriza vai afondando pouco a pouco na súa propia identidade. O documental é a voz de todas as mulleres que día a día tiveron de superar o medo. O medo de dous paises.
Noraboa a Diana, polo seu documental, e moita sorte.
ResponderEliminarNoraboa a Clara, polo ben que escribe, e moita sorte.
Marga do Val.
Parabéns para Diana Gonçalves. Clodio González Pérez
ResponderEliminar