Ir al contenido principal

De cando Tui chegou aos Oscar de Hollywood



O pasamento nestes pasados días do actor José Luis López Vázquez lémbranos que foi o protagonista dunha película rodada nos seus exteriores en Tui, “Mi querida señorita” no ano 1971. Con ese filme o director Jaime Armiñán conseguiu chegar como candidato ao Oscar á mellor película extranxeira, sendo a primeira e, ata o momento, única oportunidade en que Tui estivo presente na festa do cine, nos Oscar de Hollywood.

Por mágoa tivo de competir, e finalmente perder, diante, nada menos, que de “El discreto encanto de la burguesia” de Luis Buñuel que logrou a apreciada estatuiña dos Oscar.

Deste xeito Armiñan foi o primeiro creador que levou a imaxe de Galicia e máis concretamente de Tui a Hollywood promovendo o coñecemento da nosa terra dun xeito digno, lonxe dos tópicos cos que case sempre era representada Galicia.

“Mi querida señorita” é unha película de Jaime de Armiñán, que foi un filme transgresor naquela altura dos anos finais da ditadura franquista tratando o tema da transexualidade con enorme respeto e serenidade.

De Armiñan rodou en 1971 en Tui, Baiona e Vigo este filme con José Luis López Vázquez no papel de Adela Castro, unha solteirona provinciana que non ten clarexada a súa sexualidade e ao final remata por operarse para converterse no home que xa era realmente, pero tampouco ficou satisfeita co cambio.

Abofé que moitos tudense ainda lembrarán aquela rodaxe que eu reteño xunto con tantos outros recordos da infancia nun recuncho da memoria: as cámaras instaladas no inicio da Rúa Nova, tomando aquel amplo caserón que conforma o comezo daquela rúa como residencia do protagonista do filme... contemplar aquela insólita montaxe, as claquetas, o atrezzo, a repetición de escenas... que alteraban a rutinaria vida da nosa vella cidade despertaba nos cativos toda sorte de imaxinacións, de expectativas, de intrigas nunca resoltas pois logo cando foi estreada a película non puidemos visionala pois estaba vedada ás nosas curtas idades... o que aínda provocou novas intrigas, moito máis desbordantes e insólitas.

Aproveitamos para lembrar que a nosa cidade e o seu entorno foi escenario da rodaxe doutras películas como, entre outras que lembramos, están: “La casa de la lluvia” (1943),“El bosque del lobo” (1971) de Pedro Olea, “Flor de santidad” (1972), “La hora bruja” (1985) de novo con Jaime de Armiñan, “Los Pazos de Ulloa” (1985),“A los que aman” (1998) de Isabel Coixet, “Gallego” (1988) de Manuel Octavio Gómez, “Ilegal” (2002), “Hotel Danubio” (2003), “Heroina” (2005) “La velocidad funda el olvido” (2007) de Marcelo Schapces, etc.


Comentarios

Entradas populares de este blog

A fábrica de galletas "La Peninsular"

Temos sinalado neste blog en diversas oportunidades o descoñecemento que posuimos da historia contemporánea de Tui fronte a outros períodos históricos moito mais investigados que a nosa historia mais recente. Aspectos como a vida política tudense na primeira metade do século XX seguen esperando un achegamento como tamén os procesos e dinámicas socias desenvolvidos no noso territorio. Hoxe ofrecemos en Tudensia un post sobre a fábrica de galletas “La Penínsular” que abrangue case medio século da vida económica tudense. Achegamos a información ofrecida polo profesor de historia económica da Universidade de Santiago de Compostela, Angel Ignacio Fernández González, no seu blog “Galicia Agraria” nun documentado post sobre a industria de galletas en Galicia nos principios do século XX. Aportamos a rica e moi completa información que achega profesor Fernández algunha pequena referencia da nosa autoria colocadas como notas. http://galiciaagraria.blogspot.com.es/2012/03/gall...

Emma Álvarez Besada a primeira tudense doutora en medicina

O legado dunha comunidade está conformado por un conxunto de bens materiais, que adoitamos denominar patrimonio, xunto cun amplo abano de elementos inmateriais que definen o seu carácter e a súa pervivencia no tempo. Entre estes bens intanxibles ou inmateriais ocupan un lugar non menor aquelas personalidades que ao longo do tempo teñen deixado unha pegada perdurable na memoria colectiva ou aquelas outras que, ás veces esquecidas ou non recoñecidas, expresan na súa traxectoria fitos senlleiros para a vida colectiva. Hoxe queremos recuperar dende Tudensia unha desas figuras olvidadas pero que no seu momento histórico tiveron unha pegada significativa na vida social e colectiva da nosa cidade e de alén dos seus termos xeográficos. As novas demandas sociais se expresan tamén na historiografía que investiga aos grupos sociais discriminados ou marxinados nos diferentes momentos do pasado. Retrato de Emma Álvarez Besada, foto da orla da Facultade de Medicina de Madrid, 1931 Unha revis...

Bo Nadal cun texto de Manuel Lago González: “Noite Boa” (1892)

Felicitamos hoxe aos seguidores de Tudensia estas festas do Nadal recuperando un breve texto, non o chamaría nin relato, sobre como se celebraba a Noiteboa nas aldeas de Tui nas últimas décadas do século XIX, nun momento en que os labregos galegos vivían nunha economía de subsistencia e nunhas moi duras condicións de vida. Anxo no capitel do arco triunfal da igrexa de San Domingos de Tui, sec. XV Trátase dun texto de Manuel Lago González publicado o 24 de decembro de 1892 no xornal tudense “La Integridad”. Daquela Manuel Lago era un presbítero que formaba parte do claustro de profesores do Seminario tudense e que tiña unha activa participación como xornalista e na vida social en Tui. Ao xornalismo entregouse Lago con verdadeira ardentía e a tarefa que se impuxo foi querer incorporar a defensa das tradicións e os intereses de Galicia ao ideario católico de signo integrista (oposto radicalmente ao liberalismo). Este texto, que non foi publicado posteriormente a súa edición en “La Int...