Ir al contenido principal

Sobre o pretendido "camiño portugués da costa"




Nos últimos meses estamos asistindo, a través dos medios de comunicación, ao pulo que dende diversos concellos e asociacións se pretender dar á proposta de creación do chamado camiño portugués da costa, que partindo de A Guarda, cruzaría O Rosal, Oia, Baiona, Nigrán,Vigo e Redondela onde se uniría de novo ao tradicional camiño portugués, que ten en Tui a súa porta de entrada a Galicia.

Esta tentativa de promoción do fenómeno xacobeo sería de grande estima e valoración senón fose porque esta iniciativa basease en crear un novo camiño de peregrinación que carece dunha tradición histórica que o avale.

Un dos principais responsables desta iniciativa é a benemérita “Asociación de Amigos de los Pazos” que ten dedicado un singular esforzo na recuperación do Camiño de Santiago, sendo un dos principais responsables, en Galicia, da declaración do Camiño como primeiro itinerario cultural europeo polo Consello de Europa, en 1984. Esta Asociación con outras entidades ten traballado arreo pola conservación e divulgación do camiño portugués de peregrinación a Compostela. Un traballo que dende Tui se valora e agradece especialmente.

Dende hai xa máis de 15 anos “Amigos de los Pazos” ven insistindo en tentar documentar unha nova ruta de peregrinación que pase pola cidade de Vigo. Así, en torno ao ano santo 1999 buscouse a promoción dunha ruta que cruzando o Miño por Vilanova de Cerveira, proseguía por Goián, Hospital, Gondomar, Vigo e Redondela. Nos últimos anos centraron o seu traballo na promoción do chamado “camiño portugués da costa”.

Para lograr que esta ruta de peregrinación posua un recoñecemento, non esquezamos que a Lei 3/1996, de 10 de maio, de protección dos camiños de Santiago, establece no seu artigo 1º.2 que “enténdese como Camiño de Santiago tódalas rutas históricas recoñecidas documentalmente”, esta Asociación promove diversos congresos e publicacións para tentar lograr acreditar esta documentación.

Básicamente hai duas publicacións ao respecto: “Actas del II Encuentro sobre los Caminos Portugueses a Santiago” celebradas en Vigo en 1992 (publicadas en 1994) e o libro “El camino portugués de la costa” con traballos de Grato E. Amor Moreno, Manuel Inácio Fernandes da Rocha, Ernesto Iglesias Almeida e Carlos del Río Bouzas, editado no ano 2002.

Na procura desta documentación histórica que acredite esta ruta de peregrinación, atopamos nas devanditas Actas un traballo de Hipólito de Sá Bravo sobre “Vigo en el camino portugués de las peregrinaciones” donde afirma que Santo Tomás Becket fixo este camiño pasado por Oia e Vigo entre os anos 1167 e 1170 sen aportar proba documental algunha e cando en calquera biografía do santo martir inglés non figura nin a sua presenza por estas terras. Igoal que a peregrinación do rei de Portugal D. Manuel. Carezo de noticias, que o autor tampouco aporta, sobre outra peregrinación do Conde Orgaz e o VII Conde de Vilanova de Cerveira en 1610 sen testemuñA documental algunha.

Amáis neste traballo, Hipólito de Sa basea a sua argumentación en que este pretendido camiño pola costa segue o trazado da vía romana chamada “per loca marítima” ou vía XX do Itinerario de Antonino. Esta hipótese de trazado da vía romana está desbotada na investigación dende hai anos, existindo na actualidade un certo acordo en que a vía XX ten o mesmo trazado que a XIX entre Braga (Brácara Augusta) e Caldas (Aquas Celenis), pasando por tanto ambas por Tui (Tude).

Nesas mesmas actas hai outro traballo, este ben rigoroso, do egrexio investigador xacobeo Paolo Caucci, no que realiza un percorrido sobre os diversos itinerarios de peregrinación de viaxeiros publicados na Idade Moderna polo camiño portugués: O baron de Rosmithal, Jeronimo Munzer, Erich Lassota de Stevolovo, o polaco Sobieski, Confalonieri, Bartolomé Bourdelot, Cosme III de Medicis, Domenico Laffi ou Nicolas Albani quen realiza no século XVIII duas viaxes a Compostela. De todo este abano de peregrinos únicamente Albani na súa segunda viaxe de retorno a Lisboa pasa por Vigo, Baiona, Oia, A Guarda e Caminha. Pero resulta curioso comprobar como Cosme de Medicis ou Laffi usan para viaxar o barco dende Caminha a Tui e continuar o seu roteiro.

Na outra publicación, Iglesias Almeida no seu traballo “El camino portugués de la costa; testimonio documental” onde ofrece unha ampla relación de peregrinos atendidos no Hospital da Madalena de Vigo no século XVIII de diversas nacionalidades. O porto de Vigo que nestes anos da Idade Moderna despuntaba con forza, acollia a chegada e retorno de peregrinos doutros paises europeos. Igual sucede en Baiona. Agás estes casos non hai constancia documental algunha da presenza de peregrinos nas outras localidades de este pretendido camiño. O investigador tudense non atopa outras testemuñas documentais sobre a presenza de peregrinos e basea o seu traballo en referencias indirectas (nomes de capelas, imaxes de Santiago, etc.) que non demostran nada que documente ese pretendido "camiño da costa".

Carecemos de información sobre o mosteiro de Oia e a posible acollida a peregrinos nas dependecias monásticas, pero namentras non se aporten testemuñas documentais falamos de suposicións e non poden ser consideradas.

Como ben afirma Paolo Caucci no mesmo traballo xa citado: “el trayecto de Tui a Compostela es un verdadero camino de Santiago”. Esta pretendida ruta pola costa non é só que na actualidade non estea transitada pola falta de promoción senón que carecemos dunha tradición histórica que acredite que foi percorrida habitualmente polos peregrinos. O itinerario xacobeo dende o Oeste de Portugal pasaba, e pasa, por Tui, auténtica porta de acceso a Galicia dos peregrinos lusos.

Pero compre precisar con xustiza. Non é o caso de Baiona e Vigo que conforman unha variante de acceso ao camiño portugués, que si posue unha lexitimidade histórica ben acreditada. Pero unha cousa é esta variante e outra ben distinta pretender “crear” un novo camiño.

Só dous comentarios mais ao respecto. Recentemente nun medio de comunicación se informa sobre o traballo de trazado e sinalización deste pretendido camiño no concello da Guarda. Recollemos textualmente: “temos de imaxinar” por onde discurriría pois se carece de noticia algunha ao respecto. O deseño do itinerario, e citamos as informacións que aparecen éstes días na prensa, está en máns de personas alleas á investigación histórica de caracter riguroso, ficando ao albur dos políticos locais, asociacións de veciños, etc que non garanten a veracidade do trazado. Así asistimos a un debate para variar o trazado por un lugar ou outro segundo factores tan aleatorios como si está urbanizado ou presenta una costa “terrible”.

Un comentario final. Cómpre delimitar o que é o Camiño de Santiago e o que significa o “Xacobeo”. O primeiro é o recoñecemento dun itinerario histórico e cultural forxado ao longo dos séculos por moitos peregrinos que o percorreron e outra cousa é a promoción turística do territorio vencellado a este Camiño, que é a misión da S. A. de Xestión do Xacobeo. Certamente, a esta promoción deben sumarse estes concellos implicados neste invento do “camiño da costa” pero non podemos xogar e manipular a historia, pois a esencia do camiño é este caracter hsitórico e se o falseamos estamos traicionando este legado recibido e amáis incumprindo a lexislación existente ao respecto. A Conselleria de Cultura e Turismo da Xunta de Galicia faríalle un fraco favor ao Camiño de Santiago se avala e aproba como un novo camiño esta pretendida ruta da costa, pois avalaría un itinerario que como vimos comentando non posue unha tradición que garanta a súa lexitimidade. Unha cousa é aprobar proposicións non de lei e as declaracións e desexos dos políticos locais, realizadas en base a un localismo mal entendido, e outra distinta é “xogar” con símbolos de Galicia e mesmo de Europa e cun itinerario cultural de tanta proxección aprobando novas rutas que non teñen garantida de xeito nidio a sua historicidade.

Rafael Sánchez Bargiela


Comentarios

  1. Una aportación muy buena, pena que solo esté en galegués.

    ResponderEliminar
  2. Que non lle amolen señor Bargiela os comentarios de algún "americano" que non comprende ben a nosa lingua e xustifica a súa ignorancia e seitarismo con babecadas sen sentido. Ben sabemos moitos do seu traballo rigoroso que ben se amosa nos posts (perdoen o “palabro”) deste blogue.
    O dos camiños xacobeos é un prato moi gorentoso que provoca este tipo de reivindicacións. O Xacobeo é hoxe unha marca turística moi importante (para min o máis importante a colocar no haber dos dezaseis anos dos gobernos Fraga, mais tal cousa é outro debate) do que ningún concello ou comarca quere ficar sen anaco da torta.
    RAF

    ResponderEliminar
  3. Todo esto de los Amigos de los Pazos,solamente tiene un fin: Buscar subvenciones del Xacobeo,ya que a cuenta de su presupuesto, se pagan mil favores.
    Sigue dándoles caña. Gracias.
    Javier Ferruxo."Ferruxadas"

    ResponderEliminar
  4. Todo esto del doble camino, son ni más ni menos escusas para pedir subvenciones al xacobeo, ya que de estos presupuestos se pagan muchos favores.
    Sigue dándoles caña. Un saludo

    ResponderEliminar

Publicar un comentario

Entradas populares de este blog

O antigo Hospital e Inclusa (actual Edificio "Francisco Sánchez") cumpre hoxe cen anos

Neste ano 2023 a cidade de Tui vive diversos aniversarios de interese, especialmente o referente ao cuarto centenario do falecemento do egrexio médico e filósofo tudense, Francisco Sánchez, sobre o que nos ocuparemos en datas próximas. https://www.facebook.com/fotosantiguastuy/photos Centrará hoxe a nosa atención outra significativa efeméride, o centenario da inauguración do Hospital e Inclusa de Tui celebrado o 1 de maio de 1923, hai hoxe cen anos, que culminaba un longo proceso de construción deste edificio. Na actualidade este antigo hospital é o Edificio “Francisco Sánchez” coñecido popularmente como Área Panorámica de Tui. É pois unha feliz oportunidade para realizar unha aproximación a historia deste edificio emblemático da nosa cidade. Un edificio creado para acoller as instalación do hospital e da casa de expósitos, ou inclusa. A historiografía ten abordado nas últimas décadas aspectos da historia social pouco atendidos tradicionalmente. O tema da marxinación social é un de

Unha nova entelequia: un Camiño Portugués de Nossa Senhora do Norte por Tomiño e Gondomar

Vivimos nun mundo mediático onde cada vez temos acceso a un maior abano de información de todo tipo, o que en principio resulta altamente positivo e enriquecedor pero paralelamente existe o evidente risco de carecer de elementos de discernimento e valorización para recoñecer o rigor e a falsidade, a veracidade e os falseamentos. Ven a conto esta obviedade para abordar unha breve reflexión sobre a noticia que en días pasados publicaron os medios de comunicación con este titular: Tras un año de investigación, la alcaldesa de Tomiño, Sandra González; el presidente de la Cámara Municipal de Vila Nova de Cerveira, Rui Teixeira, junto al alcalde de Gondomar, Francisco Ferreira, y la concejala de turismo de Redondela, María Castro; y el arquitecto e investigador Antonio Soliño, presentaron el «Camiño da Nosa Señora do Norte a Santiago», una variante del Camino de Santiago que pasa por el territorio que recogen ya los archivos históricos. No texto da noticia se afirma o seguinte: La invest

A fábrica de galletas "La Peninsular"

Temos sinalado neste blog en diversas oportunidades o descoñecemento que posuimos da historia contemporánea de Tui fronte a outros períodos históricos moito mais investigados que a nosa historia mais recente. Aspectos como a vida política tudense na primeira metade do século XX seguen esperando un achegamento como tamén os procesos e dinámicas socias desenvolvidos no noso territorio. Hoxe ofrecemos en Tudensia un post sobre a fábrica de galletas “La Penínsular” que abrangue case medio século da vida económica tudense. Achegamos a información ofrecida polo profesor de historia económica da Universidade de Santiago de Compostela, Angel Ignacio Fernández González, no seu blog “Galicia Agraria” nun documentado post sobre a industria de galletas en Galicia nos principios do século XX. Aportamos a rica e moi completa información que achega profesor Fernández algunha pequena referencia da nosa autoria colocadas como notas. http://galiciaagraria.blogspot.com.es/2012/03/gall