Ir al contenido principal

Agustín Rodríguez Bahamonde, un liberal tudense nas Cortes de Cádiz

Este artigo foi publicado recentemente na revista "Pregón" que editou o Concello de Ponteareas co gallo das festas do Corpus Christi 2009

AGUSTIN RODRIGUEZ BAHAMONDE, un liberal nas Cortes de Cádiz






A celebración ao longo deste ano do Bicentenario da Guerra da Independencia na nosa terra ten contribuido a recuperar a memoria deste importante acontecemento que, conservado na memoria popular con grande vigor, reclamaba unha atención dos historiadores que afortundamente ten acadado.

A vila de Ponteareas tamén presenciou o paso das tropas napoleónicas e moitos dos veciños desta xurisdicción sofriron intensamente os desmanes dos ocupantes. Ás xentes do Condado e A Paradanta cábelles a honra de ser os primeiros en presentar batalla directa contra as tropas comandadas polo mariscal Soult na ponte de Mourentán. Os labregos e paisanos comandados polo Abade de Vilar, D. Mauricio Troncoso de Lira e Soutomaior dificultaron o paso dos reximentos franceses cara Ourense e abriron a loita contra os invasores. Certamente o nome do abade de Vilar e do Couto reclama a atención da que é merecente como o gran protagonista na provincia de Tui da rebelión contra os franceses. Outro afervoado loitador nesta guerra foi outro presbítero ponteareán Felipe de la Concha, responsable dos “Tiradores do Sobroso” logo chamados do Miño cun grande protagonismo no cerco de Tui.

Outra figura eminente neste período e dotado dunha gran proxección especialmente nos labores parlamentarios das Cortes de Cádiz é outro fillo de Ponteareas, Agustín Rodríguez Vaamonde (ou Bahamonde, como figura noutras oportunidades). Foi batizado na parroquial de Ponteareas o 10 de xuño de 1769, fillo de Don Agustín Rodríguez, cuxas orixes familiares están en Valeixe, e de Dona Luisa Vaamonde, cuxos pais eran oriundos de Santa María de Xermar (Cospeito – Lugo). Aínda que carecemos de noticias sobre a situación social da familia, esta debia ter recursos dabondo para enviar ao seu fillo a estudar tres anos de Filosofía no convento franciscano de San Antonio en Tui (1786-1788) e logo cursar Leis e Cánones na Universidade de Santiago de Compostela. Recibe o grao en Leis o 11 de xuño de 1791 “precedido para ello el riguroso examen, prevenido en Real Cédula del que salió aprobado némine discrepante”. De inmediato o recen licenciado comeza as súas prácticas no despacho de D. Pedro Fernández Vaamonde e Sanjurjo (¿será parente seu?), avogado da Real Audiencia do Reino de Galicia, con exercicio na feligresia de Santa Cristina de Bugarín. Unhas prácticas que van do 15 de xuño de 1791 ao 18 de abril de 1795. Neste momento trasládase a Madrid para realizar, e superar, os exames establecidos para o exercicio da avogacia.

Posteriormente casa en Tui con Xoana Roca Portela e desenvolverá na, daquela, capital provincial a sua actividade no ámbito xudicial e político. Segundo nos informa Manuel Fernández-Valdés (1958), en 1807 era xuiz maior real da cidade e xurisdicción tudense. Tras a ocupación francesa, en 1809, foi de novo xuiz e organizou “os servizos de defensa da provincia ata a constitución da Xunta de Armamento e Defensa da provincia tudense, da que foi secretario” e tivo un destacado protagonismo na organización do sitio da cidade fronteiriza. Consecuentemente foi electo, o 21 de febreiro de 1810, como representante da provincia tudense nas Cortes de Cádiz.

A súa actividade nas Cortes foi tan intensa que podemos asegurar que foi o deputado galego máis traballador, aínda que non gustaba de pronunciar longos discursos, quizais porque como recoñecia un cronista ‘fala a trompicóns como falamos os galegos’.

Tivo unha participación moi activa na vida parlamentaria, formando parte da comisión de once deputados encargada de elaborar un proxecto de arranxo e organización das provincias; integrouse tamén nas comisións de Examen de documentos e Reformas do Exército. Presentou na comisión de Constitución unha serie de proposicións relativas á unha nova demarcación dos correxementos en Galicia. Apostaba por unha Rexencia de cinco membros e amosuse partidario da abolición das matrículas do mar, formando parte da comisión de Guerra.

Ideolóxicamente, Rodríguez Vaamonde era liberal pero moi moderado. As actuacións máis destacadas nas Cortes sempre tiveron que ver cos intereses ou a defensa de Galicia. Unha das súas primeiras propostas parlamentaria, que non pasou da tentativa, propuña a supresión dos vasalaxes e contribucións feudais, e estaba precedida dunha breve introducción onde aludía á doble dirección da loita que o pobo español sostiña naqueles momentos: pola independencia e a libertade. Independencia fronte ao estranxeiro pero libertade tamén fronte as relacións feudais de dependencia verbo dos señores xurisdiccionais, cabidos, mosteiros e os seus administradores e apoderados (Hernández Moltaban, 1999)

Continua a súa actividade con novas propostas así o 1 de marzo de 1812 solicitou a suspensión dunha onerosa contribución porque entendía que Galicia xa non podía pagar máis. El foi quen solicitou constituir en Cádiz un batallón formado por residentes galegos (sesión do 18 de xullo de 1812). Foi quen na sesión de 13 de febreiro de 1813 presentou en representación da cidade de Vigo o cambio do símbolo representativo da cidade. Antes era unha cuncha,que facia referencia aos dereitos que o arcebispo de Compostela posuía sobre a cidade viguesa, e por iso se muda o símbolo e pasa a ser un ramo de oliveira. Na sesión do 14 de febreiro de 1813 denunciou o xefe político de Galicia, marqués de Camposagrado, por entender que se excedía nas súas funcións contra os veciños de Domaio e de Moaña, polo que o marqués foi destituido (Barreiro Fernández 2001).

A Agustin Rodríguez Vaamonde cábelle a honra de ser un dos asinantes da Constitución Española de 1812 e foi logo elexido como secretario das Cortes o 24 de xaneiro de 1813, testemuñándose o prestixido do que gozaba naquel parlamento.

A restauración absolutista supuxo o seu abandono temporal da vida política e padeceu persecución polos seus ideias de caracter liberal. O seu nome figura nun informe presentado por Caballero del Pozo en 1814, impreciso e con probas moi fracas, sobre un intento de golpe de Estado liberal que querería proclamar unha república e tentaba prolongar o período de sesións das Cortes Extraordinarias.

No trieno liberal (1820-1823) retornan ás Cortes os deputados liberais entre eles Agustín Rodríguez Vaamonde, agora como representante do reino de Galicia ao non existir distritos máis cativos. Tivo unha destacada actividade política nas Cortes de 1820, formando parte de numerosas comisións parlamentarias e promovendo múltiples iniciativas.

Formou parte das seguintes comisións: de poderes, do tribunal para xuzgar aos deputados, de persecución de malfeitores, de infracións á Constitución, da división provincial, da que promove unha lápida no Congreso o xeneral Porlier, etc. Resaltar a súa defensa das capitais provinciais: A Coruña, Ourense, Lugo, Pontevedra ou Tui, ainda que prefería unha quinta provincia para Santiago; ou o seu proxecto sobre a normativa legal para a navegación entre España e Portugal e o seu apoio á supresión dos señorios eclesiásticos e civís. Agustín Rodríguez Vaamonde destacou especialmente no medio da mediocridade da representación galega nas Cortes de Cádiz e do Trienio (Barreiro Fernández, 2001)

Tras a década onminiosa (1823-1833) en que sofre de novo repesalias, en 1833 ao recuperarse o réximen liberal será nomeado “oidor” ou maxistrado da Real Audiencia de Galicia, na Coruña, da que chegará a ser decano e rexente interino. Algúns autores sinalan que xa ocupara un posto na Audiencia de Valladolid no último ano do trienio liberal, en 1823, sendo posteriormente cesado na conseguinte etapa absolutista.

Finalmente, nas eleccións de 2 de outubro de 1836 retorna ao parlamento Agustín Rodríguez Vaamonde, agora deputado pola provincia de Pontevedra; renunciando ao escano por enfermidade o 22 de novembro de 1836 culminando así unha intensa actividade política. Ao pouco tempo morre na cidade da Coruña sendo soterrado no cemiterio de San Amaro. Pero axiña os seus fillos, o tudense Florencio, do seu primeiro matrimonio coa tudense Xoana Roca, e logo Teófilo, da súa unión coa ribadavense Juan Portela continuarán, especialmente o primeiro, unha intensa carreira política.

Rafael Sánchez Bargiela

Bibliografía:

Barreiro Fernández, Xosé R. Coord. (2001): Parlamentarios de Galicia. Santiago de Compostela, Parlamento de Galicia e Real Academia Galega.

Fernández-Valdés Costas, Manuel (1958): “Familias antiguas de Tuy”. Pontevedra.

Hernández Moltanbán, Franciso J.(1999): La abolición de los señorios en España, 1811-1837. Universidad de Valencia.


Comentarios

Entradas populares de este blog

Emma Álvarez Besada a primeira tudense doutora en medicina

O legado dunha comunidade está conformado por un conxunto de bens materiais, que adoitamos denominar patrimonio, xunto cun amplo abano de elementos inmateriais que definen o seu carácter e a súa pervivencia no tempo. Entre estes bens intanxibles ou inmateriais ocupan un lugar non menor aquelas personalidades que ao longo do tempo teñen deixado unha pegada perdurable na memoria colectiva ou aquelas outras que, ás veces esquecidas ou non recoñecidas, expresan na súa traxectoria fitos senlleiros para a vida colectiva. Hoxe queremos recuperar dende Tudensia unha desas figuras olvidadas pero que no seu momento histórico tiveron unha pegada significativa na vida social e colectiva da nosa cidade e de alén dos seus termos xeográficos. As novas demandas sociais se expresan tamén na historiografía que investiga aos grupos sociais discriminados ou marxinados nos diferentes momentos do pasado. Retrato de Emma Álvarez Besada, foto da orla da Facultade de Medicina de Madrid, 1931 Unha revis...

A fábrica de galletas "La Peninsular"

Temos sinalado neste blog en diversas oportunidades o descoñecemento que posuimos da historia contemporánea de Tui fronte a outros períodos históricos moito mais investigados que a nosa historia mais recente. Aspectos como a vida política tudense na primeira metade do século XX seguen esperando un achegamento como tamén os procesos e dinámicas socias desenvolvidos no noso territorio. Hoxe ofrecemos en Tudensia un post sobre a fábrica de galletas “La Penínsular” que abrangue case medio século da vida económica tudense. Achegamos a información ofrecida polo profesor de historia económica da Universidade de Santiago de Compostela, Angel Ignacio Fernández González, no seu blog “Galicia Agraria” nun documentado post sobre a industria de galletas en Galicia nos principios do século XX. Aportamos a rica e moi completa información que achega profesor Fernández algunha pequena referencia da nosa autoria colocadas como notas. http://galiciaagraria.blogspot.com.es/2012/03/gall...

Lembranza agradecida a Xabier Añoveros

Onte á tarde, nos comezos de setembro, cando xa as horas diúrnas minguaron, o aire nos anticipa a proximidade do outono e as conversas se centraban nestas intranscendencias, recibín a triste noticia do falecemento, no Hospital Álvaro Cunqueiro de Vigo, de Xabier Añoveros Trías de Bes, navarro de berce, barcelonés de vida e traxectoria e tudense de corazón.   “ Tuy (con i grego como adoitaba a escribir pois con este arcaísmo semellaba reflectir mellor a antigüidade da nosa cidade) es una ciudad de la que estoy enamorado desde hace muchos años ” e, como é propio dun noivo, a esta vella cidade lle ten dedicado horas, estudos, e moi especialmente un agarimo permanente centrado na súa querida “Casa da Canicouba”. O seu noivado e posterior matrimonio con Julia García-Valdecasas Salgado, filla da tudense Julia Salgado Peñarredonda, o ligou dende 1968 a este outeiro pétreo sobre o Miño, que é Tui. Non sei se foi a longa tradición tudense da familia de Julia, o rico arquivo da Casa da Ca...